Cuestionario
Un bo cuestionario debe cumprir as seguintes condicións:
- As preguntas deben ser relevantes. No noso estudo non tería sentido preguntar sobre as horas diarias que os alumnos ven a televisión.
- As preguntas relacionadas entre si agruparanse en bloques temáticos. Podemos agrupar as preguntas en dous grandes bloques: un sobre coñecemento e outro sobre uso do galego. Ademais, podemos dividir o bloque de uso en varios apartados: no ámbito familiar, na escola, cos amigos, ...
- Non debe ser moi extenso.
- Fácil de usar para os entrevistadores.
- De lectura clara. As preguntas deben estar numeradas.
Regras básicas para a formulación de preguntas:
- Evitar as preguntas abertas (nas que se dá liberdade ao enquisado para responder). Por exemplo, se nos interesa saber como aprenderon a escribir galego, é mellor darlle un listado de posibilidades e que o alumno escolla.
- ¿Como aprendeu a escribir en galego?
- Familia
- Escola
- Amigos ou veciños
- Outros
- Utilizar unha linguaxe sinxela, evitar palabras técnicas así como abreviaturas ou siglas.
- As preguntas deben ser cortas e precisas.
- Preguntas específicas e que fagan referencia a un feito concreto. Non se debe preguntar ¿Sabes galego? porque non queda claro se nos referimos a falar galego ou a escribir en galego.
- Cada pregunta deberá conter unha soa idea.
- As preguntas non deben estar sesgadas.
- Evitar as preguntas que obriguen a cálculos ou esforzos de memoria.
- Pódese incluír algunha variable filtro, de xeito que só contesten as persoas a quen vai dirixida a pregunta. Por exemplo, non lle preguntaremos cantos libros len en galego a aquelas persoas que contestasen anteriormente que non saben ler en galego.
- Nas preguntas que pidan frecuencias hai que ter coidado coas respostas ambiguas. Por exemplo, para a pregunta ¿Con canta frecuencia les libros en galego?, haberá que evitar respostas do tipo bastante, pouco, moi pouco,... O aconsellable é establecer categorías de resposta do tipo: polo menos un libro ao mes, polo menos un libro no trimestre, polo menos un libro no ano ou nunca.
Podes consultar o cuestionario feito no IGE de coñecemento e uso do galego na seguinte ligazón