Saltar navegación

Gráfico de sectores

Un gráfico de sectores é unha representación circular das frecuencias relativas dunha variable cualitativa ou discreta que permite, dunha maneira sinxela e rápida, a súa comparación.

Paro rexistrado segundo actividade económica.
Galicia. Ano 2013.

     

Acceso á táboa de datos

O círculo representa a totalidade que se observa, neste caso os parados en Galicia no ano 2013, e cada porción, chamada sector, representa a proporción de cada categoría da variable, no exemplo os sectores de actividade, respecto do total. Este tipo de gráficos adoitan levar nas etiquetas das categorías as porcentaxes que representan, aínda que a táboa de datos veña expresada en valores absolutos.

Este tipo de presentación, xeralmente vistosa, presenta a desvantaxe dada pola posible non apreciación visual da existencia de diferenzas entre dúas modalidades de frecuencia similar e a limitación do número máximo de categorías que se representen xa que se o gráfico ten demasiadas categorías non aportaría case información e sería incompresible, como pode apreciarse no seguinte exemplo onde se amosa o alumnado matriculado en centros de réxime xeral en funcionamento segundo o nivel de ensinanza para o ano 2014:

Acceso á táboa de datos

Reflexión

Débese ter especial coidado no emprego deste diagrama cando se trata de enquisas de opinión, xa que é habitual que se acepten varias respostas e a suma dos sectores pode supor máis do 100% dos datos.