Coñecementos previos
Que é un gráfico?
Un gráfico é unha representación visual dunha serie de datos, xeralmente numéricos, que permite coñecer a relación que estes gardan entre sí.
Porque facer gráficos?
Un bo gráfico é unha ferramenta moi eficaz para completar e describir os datos xa que:
- capta a atención do lector
- presenta a información de forma sinxela, clara e precisa
- non induce a erro
- facilita a comparación de datos e destaca as tendencias e as diferenzas
- ilustra a mensaxe, tema ou texto ao que acompaña
Tipos de datos ou variables
A distinta natureza dos datos permite clasificar a grandes trazos as variables en dous tipos:
- Variables cuantitativas: son aquelas que poden medirse, cuantificarse ou expresarse numericamente. Poden ser de dous tipos:
- Continuas: poden tomar calquera valor dentro dun rango numérico determinado (por exemplo, os ingresos das familias galegas). Neste caso os valores da variable convén agrupalos en intervalos ou clases do tipo [ai, bi). Cada un dos intervalos queda representado polo seu punto medio, que recibe o nome de marca de clase (ci).
- Discretas: non admiten todos os valores intermedios nun rango. Toman normalmente valores enteiros: número de fillos, número de empresas, número de partos, ...
- Variables cualitativas: representan unha cualidade ou atributo que clasifica cada caso nunha de varias categorías. Algúns dos exemplos máis frecuentes son: o sexo, que clasifica cada caso en dous grupos (homes/mulleres); os sectores de actividade económica, que clasifica cada caso en cinco grupos (Agricultura, Pesca, Industria, Construción e Servizos);...Poden distinguirse dous tipo, segundo o tipo de escala empregada:
- Nominais: os datos axústanse a categorías que non manteñen unha relación de orde entre eles. Por exemplo, o sexo, a profesión, o tipo de fogar, a nacionalidade ...
- Ordinais: nas escalas empregadas existe unha certa orde ou xerarquía. Por exemplo, o grao de dependencia (moderada, severa, gran dependencia), o grao de dificultade para chegar a fin de mes (con facilidade ou moita facilidade, con dificultade, con moita dificultade), ...