Cartogramas
O cartograma máis común é o mapa de coropletas que é un mapa onde con distintas cores ou intensidades, texturas, etc., indícase a distribución espacial dun fenómeno (variable). A variable que se estuda sóese categorizar en intervalos, e o valor de cada intervalo aplícase a unha unidade territorial concreta, normalmente determinada por límites administrativos, como unha provincia, unha comarca ou un concello. Cando exista algún dato illado que sexa moi diferente ao resto, debe sinalarse no mapa, por exemplo mediante un asterisco e unha nota no pé do mapa co seu valor.
A cada intervalo asignaráselle unha tonalidade de cor, máis suave para os valores máis baixos e máis intensa canto máis alto sexa o valor.
Este tipo de mapas non é axeitado para representar datos moi dispares, e ten o inconveniente de enmascarar a diversidade dentro da unidade de superficie considerada. Agora ben, é especialmente útil para mostrar a evolución dun feito ou fenómeno. Neste caso, para que se poidan comparar mapas correspondentes a distintos períodos de tempo, deben presentar os mesmos intervalos.
Para a elaboración dun mapa de coropletas hai que ter en conta os seguintes pasos:
- Definición dos obxectivos do mapa e recollida da información e os datos necesarios.
- Deseño do mapa, elección da escala, das cores, que faciliten a lectura e interpretación.
- Debuxo do mapa, engadindo a lenda que explique o significado dos símbolos e a toponimia.