Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Xeografía. Estrutura da poboación
Actividade 2: o envellecemento demográfico


Obxectivos

  • Cálculo dos principais indicadores demográficos.
  • Facer comparacións e extraer conclusións a partir das representacións gráficas: gráficos de barras, liñas, cartogramas, pirámides de poboación...
  • Detectar as pegas da Historia nos datos demográficos.
  • Identificar as causas do envellecemento demográfico en Galicia.
  • Recoñecer o período de transición demográfica en Galicia.

Recursos

Palabras clave

  • Pirámide de poboación
    É unha representación gráfica que recolle información sobre a poboación dun territorio por xénero e idade nun determinado período. Permite as comparacións interterritoriais e unha fácil e rápida percepción de varios fenómenos demográficos tales como o envellecemento da poboación, o equilibrio ou desequilibrio entre sexos, e incluso o efecto demográfico de catástrofes e guerras.
  • Indicadores demográficos
    Son fórmulas que resumen a información demográfica, e que sirven para estudar a estrutura, composición e evolución dunha poboación, así como permiten realizar tanto comparacións temporais como territoriais. Pódense dividir en catro clases: indicadores da estrutura da poboación, de fecundidade, de mortalidade e de nupcialidade.

Coñecementos previos necesarios

Que é o envellecemento demográfico ?

Enténdese por envellecemento demográfico o aumento da idade media da poboación, de forma que aumenta a proporción de vellos e se reduce a proporción de xente moza.
O fenómeno do envellecemento da poboación é maís grave nos países desenvolvidos. Trátase de países cunha taxa de natalidade moi baixa e unha alta esperanza de vida. Algunhas consecuencias do envellecemento demográfico son as seguintes:
  • Descenso do nivel de vida polo aumento da relación de dependencia
  • A abundancia de anciáns leva a incrementar os gastos en asistencia social
  • Diminución da poboación activa. Encarecemento da man de obra

É Galicia unha rexión envellecida ?

No seguinte enlace podes descargarte os datos de poboación para Galicia do último ano dipoñible, segundo sexo e grupos quinquenais de idade.
Con esta información elabora en excel a pirámide de poboación de Galicia. Repasa a actividade 1 do apartado de Estrutura da poboación se non te lembras de como facela.
Aquí tes a pirámide de poboación do ano 2020:

Como podes ver trátase dunha pirámide regresiva, cunha base estreita debido ao baixo número de nacementos e unha parte de arriba ancha, o que indica unha grande proporción de anciáns.


Para estudar o envellecemento dunha poboación tamén se utiliza un indicador que se chama "índice de envellecemento" que pon en relación o número de anciáns co número de mozos e se calcula da seguinte maneira:


Se o calculamos para Galicia cos datos de poboación por grupos de idade do ano 2020 o resultado é o seguinte:

o que quere dicir, que por cada 100 mozos con idade menor de 20 anos hai 160,96 persoas maiores de 64. En España o índice de envellecemento acada un valor moito menor: 100,0. O envellecemento é máis acusado na comunidade galega que no conxunto do Estado.

Exercicio: Representa a pirámide de poboación para o teu concello e calcula o índice de envellecemento. Está o teu concello máis envellecido que Galicia?

Concello:

Unha forma de medir "cánto de vella" é a poboación vella é mediante o "índice de sobreenvellecemento", que se define da seguinte forma:

O índice de sobreenvellecemento para Galicia no ano 2020 é o seguinte:

o que quere dicir que un 19,24% dos maiores de 64 anos ten máis de 84. En España esté índice é do 16,9%.

Un bó indicador do envellecemento dunha poboación é a "idade media" (media aritmética das idades dos individuos que compoñen a poboación). Podes consultar a idade media e os outros indicadores que xa vimos por concellos no seguinte enlace á web do IGE: indicadores de poboación. A idade media da poboación galega no 2020 foi de 47,5 anos.

Diferenzas de xénero

Párate a mirar a pirámide de poboación de Galicia que fixemos no apartado anterior. Como sabes, á dereita represéntanse as mulleres e á esquerda os homes. Non observas ningunha diferencia entre os dous colectivos? Se te fixas ben, daraste conta que na base e nos primeiros tramos da pirámide, a proporción de mulleres e de homes é similar. Sen embargo, canto máis subimos, e especialmente nos últimos tramos a proporción de mulleres é maior. A relación entre o número de homes e mulleres que compoñen a poboación exprésase a través da taxa de masculinidade ou sex ratio, que se obtén multiplicando o número total de homes por 100 e dividíndoo polo número de mulleres. Canto máis se afaste o índice de 100, maior será o desequilibrio entre xéneros. No seguinte gráfico represéntase a relación de masculinidade por grupos de idade para Galicia no ano 2020:

Nace un número lixeiramente superior de nenos que de nenas, polo que a relación de masculinidade é un poco superior a 100 nas primeiras idades. Pero a partir do grupo de 40-44 anos, o número de mulleres comeza a superar ao dos homes, de forma que hai moitas máis ancianas que anciáns. As mulleres viven máis anos; a súa esperanza de vida é maior.

Diferenzas territoriais

A distribución por idades da pobación galega non é equitativa en toda a comunidade. As migracións da poboación ao largo do tempo provocaron desequilibrios territoriais, non só na cantidade de poboación senón tamén nas súas características. Usando a utilidade que permite facer mapas na web do IGE, podemos elaborar, por exemplo, o mapa da idade media por concellos. Só tes que construír a táboa da idade media por concellos e seleccionar na parte superior o botón VER MAPA DINÁMICO.

Idade media por concellos. Ano 2020

En xeral, obsérvase que o envellecemento é moito máis evidente nas provincias de Lugo e, sobre todo, Ourense. Pola súa menor idade media destacan os concellos do eixo Ferrol-A Coruña-Santiago e todos os da franxa costeira da provincia de Pontevedra.
O concello máis rexuvenecido é Ames cunha idade media de 40,6 anos. O máis envellecido é Lobeira (63,0 anos de idade media). A diferenza entre os dous é de 23 anos.

Unha gran parte dos concellos máis envellecidos presentan as seguintes características:
  • Concellos do interior
  • Normalmente de pequeno tamaño e despoboados
  • Economía rural ou industria arcaica
  • Emigración da xente moza cara a cidades próximas ou ás capitais de provincia

Unha gran parte dos concellos máis rexuvenecidos presentan as seguintes características:
  • Concellos costeiros
  • Con gran densidade de poboación
  • Próximos ás grandes cidades

Crónica dun envellecemento anunciado

Unha poboación non se fai vella de repente. A actual estrutura por idades da poboación é resultado do comportamento dos distintos fenómenos demográficos e dos movementos migratorios ao longo do tempo.
Imos a estudar agora como foi a evolución da poboación galega no último século. Para poder traballar, descarga o seguinte ficheiro en excel que contén os datos de poboación por sexo e idade dende o ano 1900.

O primeiro que imos facer é estudar como evolucionou a proporción de persoas maiores de 65 anos dende o ano 1900. Elabora os cálculos na folla de excel e comproba que che dá os seguintes resultados:

ANOS
PROPORCIÓN >=65 ANOS
1900 6,3%
1910 7,0%
1920 6,6%
1930 7,1%
1940 7,4%
1960 8,9%
1970 11,1%
1981 13,4%
1991 16,5%
2001 20,8%
2011 22,5%
2020 25,5%

Como podes ver a proporción de persoas de máis de 64 anos multiplicouse por 4 no último século. Calculamos agora os índices de envellecemento e sobreenvellecemento para o mesmo período e obtemos:

ANOS
ÍNDICE ENVELLECEMENTO ÍNDICE SOBREENVELLECEMENTO
1900 15,0% 4,4%
1910 15,8% 4,3%
1920 14,9% 4,9%
1930 16,8% 4,9%
1940 18,0% 4,9%
1960 37,1% -
1970 34,3% 6,4%
1981 43,1% 6,6%
1991 63,1% 9,2%
2001 116,3% 11,9%
2011 143,1% 14,9%
2019 161,0% 19,2%

Como vemos a proporción de anciáns sobre a xente moza experimentou un aumento espectacular nun século. O envellecemento foi paulatino ao longo do século XX, pero fíxose especialmente grave a finais de século e principios do século XXI. Ademais, a poboación vella é cada vez máis vella (o índice de sobreenveelcemento tamén foi en aumento), o que se explica polas mellores condicións de vida que provocaron un aumento da esperanza de vida.

Imos ver agora como evolucionou a pirámide da poboación galega ao longo do tempo:


Características máis destacables destas pirámides:
  • A pirámide do ano 1900 é claramente unha pirámide expansiva. A base é moi ancha, o que indica altas taxas de natalidade e o cume é moi estreito debido á súa vez alta mortalidade. Obsérvase que hai unha gran cantidade de nenos pero pucos homes. Isto pode ser debido á emigración. Ademais a pirámide é irregular, no sentido de que presenta estreitamos nalgúns grupos de idade. A poboación daquela época estaba moi afectada polas epidemidas, guerras, malas colleitas ...
  • A pirámide do ano 1940 segue a ser expansiva. Resalta a base máis estreita que se explica pola diminución do número de nacementos que se produciu durante a Guerra Civil.
  • A pirámide de 1981 é estacionaria, cunha proporción de persoas parecida en idades adulta e nova.
  • A pirámide do ano 2011 é regresiva ou constrictiva. Indica un claro envellecemento da poboación.

En resumo o que amosa este conxunto de pirámides é o un paulatino cambio na estrutura da poboación ao longo do século XX, onde se podroduciu a chamada 2ª transición demográfica que separa o chamado réxime demográfico antigo do actual réxime demográfico moderno.
Os avances no nivel de vida e o progreso foron provocando unha estrutura por idades máis envellecida.

Curiosidade: Se queres ver a evolución da pirámide de poboación da túa comarca dende o ano 1998 ata a actualidade preme co rato encima da túa comarca e logo debaixo da pirámide preme na flecha negra. Polo momento pincha no seguinte logo


Nota: Para ver este tipo de mapas necesita que o seu navegador soporte gráficos SVG, ben directamente ou a través dalgún plugin.


Os fenómenos demográficos que influén no envellecemento de forma máis directa son, por un lado, a fecundidade e a mortalidade e, por outro, os movementos migratorios. Se che interesa profundizar sobre o tema, accede dende os seguintes enlaces a sendas actividades incluídas no apartado de Movemento Natural da Poboación e Movementos migratorios, respectivamente: