Xeografía. Movemento natural da poboación
|
|
Evolución do número de nacementos. Galicia |
Fonte: IGE, INE. Movemento Natural da Poboación
Tal e como se pode ver no gráfico anterior no último cuarto do século XX produciuse unha caída moi importante na natalidade en Galicia. Porén, a finais dos anos 90 empezouse a notar unha lenta recuperación que se interrompeu a partir do ano 2008, coincidindo coa crise económica. Dende ese ano a caída da natalidade acelerouse e o número de nacementos ocorridos durante o ano 2019 foron menos da metade que os rexistrados fai case corenta anos.
En parte, a diminución que se ven observando na natalidade en Galicia atenúase debido aos nacementos de nais estranxeiras. O número de nacementos de nais de nacionalidade estranxeira foron medrando nestes últimos anos, e no ano 2019 representaron o 9,92% do total de nacementos en Galicia.
Nacementos segundo a nacionalidade da nai. Galicia
Fonte: IGE, INE. Movemento Natural da Poboación
A priori podemos dar unha resposta moi rápida a esta pregunta: nacerán máis nenos naqueles concellos onde haxa máis poboación, é dicir, en Vigo e na Coruña. Porén se queremos facer unha análise un pouco máis "exhaustiva" podemos utilizar a taxa bruta de natalidade que indica o número de nacementos que se producen por cada mil habitantes. (Taxa bruta de natalidade = Nacidos nun ano/poboación x 1.000)
Número de nacementos por cada mil habitantes. Galicia. Ano 2019 |
Ranking dos concellos segundo a taxa bruta de natalidade. Ano 2019
CON MAIOR TAXA | CON MENOR TAXA | ||
Taxa bruta de natalidade (%) |
Taxa bruta de natalidade (%) |
||
Rábade | 9,52 | Cariño | 2,09 |
O Porriño | 9,47 | Cabanas | 2,10 |
Salceda de Caselas | 9,32 | Outes | 2,25 |
Ribadumia | 9,09 | Begonte | 2,28 |
Salvaterra de Miño | 8,81 | Baralla | 2,38 |
Ames | 8,11 | A Baña | 2,45 |
Vilaboa | 7,95 | Forcarei | 2,46 |
Brión | 7,71 | Carnota | 2,62 |
O Pino | 7,69 | Touro | 2,68 |
Arteixo | 7,62 | Mazaricos | 2,85 |
Oroso | 7,59 | Ponteceso | 2,86 |
No ano 2019 Rábade é o concello galego onde se produce un maior número de nacementos por cada mil habitantes, en concreto 9,52. No outro extremo atópase o concello de Cariño, onde se produciron 2,09 nacementos por cada mil habitantes.
É obvio que a taxa bruta de natalidade está moi influenciada pola estrutura por idades da poboación, así haberá máis nacementos canto máis nova sexa a poboación.
No mapa anterior pode apreciarse como as maiores taxas (que se corresponden coas zonas máis escuras) se rexistran naqueles concellos con poboación menos envellecida: a franxa costeira da provincia de Pontevedra e tamén nos concellos que rodean as grandes cidades, onde se estableceron nos últimos anos moitas parellas de mozos.
Elabora as táboas e os mapas para outros anos cos datos que atoparás nos seguinte ligazón: taxa bruta de natalidade
Evolución do número medio de fillos por muller
Fonte: INE. Indicadores demográficos básicos
O índice sintético de fecundidade é un índice que mide o número medio de fillos por muller en idade fértil. No gráfico anterior podemos ver a evolución deste índice para España e para Galicia dende o ano 1975. Na actualidade as mulleres galegas teñen unha media de 1,0 fillos por muller en idade fértil, pero fai corenta anos tiñan 2,3. Para o conxunto de España o índice pasou de ser 2,8 en 1975 a 1,2 en 2019.
Elabora o gráfico para as provincias galegas cos datos que atoparás nos seguinte ligazón: índice sintético de fecundidade
Idade media á maternidade. Galicia
Idade media á maternidade | |
1975 | 28,1 |
1995 | 29,2 |
2019 | 32,8 |
A incorporación das mulleres ao mercado laboral é un dos principais factores que influíu durante as últimas décadas no comportamento das mulleres cara á maternidade, de xeito que, ademais de diminuír o número de nacementos, estes prodúcense a idades cada vez máis avanzadas das nais.
A idade media na que as mulleres teñen fillos mantén o continuo incremento que se vén producindo dende a segunda metade dos anos 80, superando xa na actualidade a idade de 32 anos.
Nacementos segundo a idade da nai. Galicia
Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación
En 1975 o 30% dos nacementos procedían de nais con idades comprendidas entre os 20 e os 24 anos (ambos inclusive). Non obstante só o 9,3% era de nais de entre 35 e 39 anos. O progresivo incremento da idade á que as mulleres teñen fillos provocou que para o ano 2019 estas porcentaxes sexan totalmente opostas. Así, só o 5,6% dos nacementos son de nais de entre 20 e 24 anos, mentres que o 33,4% corresponden a nais de entre 35 e 39 anos.
Nacementos segundo a idade da nai e nacionalidade. Galicia. Ano 2019
Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación
As estranxeiras residentes en Galicia que foron nais durante o ano 2019 tiveron os fillos a idades máis temperás que as españolas, tal e como se pode comprobar no gráfico anterior.
Elabora este apartado con datos doutros anos que atoparás nos seguintes ligazóns:Idade media á maternidade, Nacementos segundo a idade da nai e Nacementos segundo a idade da nai e nacionalidade