Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Xeografía. Movementos migratorios
Actividade 1: Os movementos migratorios actuais


FICHA DA ACTIVIDADE

Obxectivos

  • Estudar os movementos de poboación entre os concellos galegos.
  • Analizar os fluxos migratorios entre Galicia e o resto das comunidades autónomas.
  • Coñecer os intercambios poboacionais co estranxeiro.
  • Interpretar o fenómeno da inmigración de retorno.

Palabras clave

  • Migración: cambio de residencia dunha persoa
  • Inmigración: para un ámbito xeográfico son as migracións con destino ese ámbito e orixe fóra del
  • Emigración: para un ámbito xeográfico son as migracións con orixe ese ámbito e destino fóra del
  • Saldo migratorio: para un ámbito xeográfico é a diferencia entre inmigracións e emigracións

Coñecementos previos necesarios

Cuestións a resolver:

Coa información que se facilita no apartado de descarga de datos e seguindo a actividade deberás poder responder as seguintes preguntas:

  1. Describe o tipo de migracións que se producen en Galicia actualmente.
  2. ¿Que é o saldo migratorio? ¿Que tipos de saldos migratorios hai e como se definen?. Interpreta os mapas do saldo migratorio interno e externo por concellos de Galicia. ¿Onde se concentran principalmente os concellos con maior saldo interno? ¿E os concellos con maior saldo externo?.
  3. Coa axuda dos enlaces da descarga de datos ¿a que comunidade de España nos imos principalmente?¿Que comunidades de España nos prefiren como destino? ¿Foi sempre así? ¿E na túa provincia, ocorre o mesmo?.
  4. ¿De que países proceden principalmente os inmigrantes que chegan a Galicia actualmente? ¿Que porcentaxes supoñen sobre o total de inmigrantes? ¿Fai 10 anos viñan destes mesmos países? Analiza o que ocorre na túa provincia
  5. ¿Como evolucionou a inmigración procedente do estranxeiro na nosa comunidade nos últimos vinte anos? ¿Calcula as porcentaxes de inmigrantes procedentes do estranxeiro segundo nacionalidade dende 1999. ¿Que conclusións sacas do resultado?.¿Cal foi o mellor ano en canto a recepción de inmigracións, e o peor? ¿Que está ocorrendo na actualidade?.Coa axuda dos enlaces do apartado de descarga de datos analiza que pasou na túa provincia. Debuxa un gráfico coma o de Galicia e comenta o resultado.

Descarga de datos

Descarga da ficha en pdf

¿A onde emigramos os galegos?

Para estudar os movementos migratorios en Galicia contamos cunha fonte básica de información que é a "Estadística de Variaciones Residenciales" que elabora o Instituto Nacional de Estadística (INE).

Movementos migratorios ano 2019
Emigracións Inmigracións

Fonte: INE. Estatística de variacións residenciais

Das 91.817 emigracións rexistradas en Galicia durante o 2019, un 68,6% foron internas, é dicir, tiveron como destino outro concello de Galicia, e delas a maioría (un 79,8%) foron emigracións a un concello da mesma provincia.

En canto ás inmigracións, no ano 2019, contabilizáronse en Galicia 109.564 migracións con destino Galicia, das que 62.964 procedían de concellos da mesma comunidade (un 57,5%), fronte ás 46.600 de fóra de Galicia.

A partir dos datos das táboas anteriores pódese calcular o saldo migratorio= inmigracións - emigracións = 109.564-91.817 = 17.747 persoas.

No seguinte mapa móstrase o saldo migratorio interno por concellos para o ano 2019. Para cada concello o saldo migratorio interno está constituído polo número de persoas que entran nese concello (procedentes doutro concello de Galicia), menos o número de persoas que saen del (con destino tamén a outro concello de Galicia).

Saldo migratorio interno por concellos. Galicia. Ano 2019

Fonte: INE. Estatística de variacións residenciais

Como se pode observar no mapa, o fenómeno das cidades dormitorio determina que sexan os concellos limítrofes coas grandes cidades os que teñen os saldos migratorios internos máis altos. Porén hai zonas que rompen esta tendencia xeneralizada como algún concello do sur da provincia de Ourense ou da comarca do Deza.

Nota: se queres ver o mapa do saldo migratorio interno para outros anos pincha na seguinte ligazón para ver os datos e vai ao apartado de representacións gráficas para ver como facer o cartograma.

¿Que parte de España preferimos?

No ano 2019 marcharon de Galicia con destino a outras comunidades autónomas 19.778 persoas. Esta cifra é superior á de persoas que entraron a Galicia procedentes do resto de España (19.668), polo que o saldo migratorio externo co resto de España é negativo para este ano 2019.

Emigracións destino resto de España Inmigracións orixe resto de España

Fonte: INE. Estatística de variacións residenciais

Tal e como se mostra na táboa, Madrid é a comunidade á que máis galegos emigran, seguida por Cataluña e Canarias. Estas tamén son as comunidades das que recibimos máis inmigrantes. Este feito pode estar debido a que moitos destes inmigrantes son galegos que nalgún momento emigraron a estas comunidades autónomas e agora regresan a Galicia.

¿Qué países nos prefiren como destino?

En Galicia, no ano 2019, o 57,8% da inmigración externa procede do estranxeiro (o resto o 42,2% ven doutras comunidades autónomas). Na seguinte táboa podemos observar cales son principais países de procedencia dos nosos inmigrantes para o ano 2019 segundo a nacionalidade:

Inmigración con destino Galicia procedente do estranxeiro por país de procedencia e nacionalidade

Fonte: INE. Estatística de variacións residenciais

No ano 2019 o principal país que nos prefire como destino é Venezuela, co 19,9% do total dos inmigrantes procedentes do estranxeiro, seguido por Colombia (8,9%), Brasil (6,5%) e Cuba (3,8%).

Ao desagregar por nacionalidade, apréciamos na táboa que hai países que aportan unhas porcentaxes moi altas de inmigrantes con nacionalidade española, é o caso de Suiza (92,1%) seguida de México (66,8%), pola contra, os país que aporta inmigrantes maioritariomente con nacionalidade estranxeira é Rumanía (99,2%) seguido de Colombia (94,5%).

Xa non saímos a facer as Américas

No ano 2019, segundo a "Estadística de Variaciones Residenciales" do INE, un total de 9.075 galegos emigraron ao estranxeiro. Esta cifra é moi baixa se a comparamos cos valores das emigracións transoceánicas de principios do século 20 ou cos das emigracións a Europa das décadas dos cincuenta e sesenta.

A entrada de inmigrantes procedentes do estranxeiro, ¿é un fenómeno en auxe?

Na seguinte táboa podes consultar os inmigrantes que recibiu Galicia no período 1992-2018 procedentes do estranxeiro segundo a súa nacionalidade:

Evolución dos inmigrantes procedentes do estranxeiro segundo nacionalidade. Galicia

Fonte: INE. Estatística de variacións residenciais

Como podemos ver ata aproximadamente o ano 2000 a maior parte dos inmigrantes procedentes do estranxeiro que recibía Galicia tiñan nacionalidade española. Probablemente moitos deles eran inmigrantes retornados ou fillos de emigrantes.

A partir do ano 2000, este fenómeno inverteuse e a porcentaxe de inmigrantes procedentes do estranxeiro que non teñen a nacionalidade española é maior que a porcentaxe dos que si a teñen, chegando, por exemplo, a que no ano 2008 os inmigrantes con nacionalidade estranxeira constituían o 81,6% do total de inmigrantes procedentes do estranxeiro. Para o ano 1992 esta porcentaxe era de apenas o 6,5%.

Hai que ter en conta que no ano 1999 modificouse a Lei de estranxeiría, que regula todos os aspectos relacionados coa inmigración en España. Para regularizar a situación dos ilegais que existían en España nesas datas, a nova lei estableceu un procedemento extraordinario de regularización. Este procedemento consistía en que os inmigrantes ilegais debían acreditar unha permanencia continuada en España de polo menos dous anos. Este feito explica en grande medida o salto no número de inmigrantes procedentes do estranxeiro que recibiu Galicia no 2000.

Na gráfica tamén se pode observar unha notable diminución das inmigracións procedentes do estranxeiro a partir do ano 2007 e un novo repunte a partir do ano 2015 que se acentúa na actualidade.