![](imgs/img_educativo.png)
Portal educativo
No bloque de Economía atopamos cinco sub-divisións temáticas: Sector exterior, Prezos, Actividade empresarial, Sistema de contas e Previsións macroeconómicas. Cada un destes bloques analiza un aspecto do sistema económico galego.
O primeiro, Sector exterior, ten por finalidade analizar as relacións comerciais da nosa economía con outros espazos xeográficos; para elo, empréganse dúas fontes básicas de información: os ficheiros facilitados polo Departamento de Aduanas da Axencia Tributaria e as estatísticas realizadas polo IGE (os Índices de valor unitario para o comercio exterior e os Índices de competitividade exterior).
O segundo bloque cuantifica a evolución dos prezos en Galicia, tanto dos bens e servizos de consumo coma os dos que se empregan para producir outros (materias primas e bens industriais). As principais fontes de información neste caso son o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) e o Índice de Prezos Industriais (IPRI), ambas estatísticas a cargo do Instituto Nacional de Estadística (INE).
O terceiro bloque analiza as características do tecido empresarial galego: cantas teñen actividade e/ou sede social en Galicia, a que actividades se adican, cal é o tamaño da súa plantilla, etc. As principais fontes de información que nutren esta sub-temática son o Directorio de empresas e unidades locais e a Explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME), ambas elaboradas polo IGE.
O cuarto apartado, Sistema de contas, proporciona unha descrición cuantitativa e coherente do conxunto da actividade económica galega, mediante o cómputo do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, a análise da súa evolución e das súas compoñentes. As principais fontes de información neste caso son as Contas económicas anuais e as Contas económicas trimestrais que elabora o IGE.
Finalmente, o quinto apartado ten por finalidade ofrecer estimacións de como vai evolucionar o PIB, así como outras variables de índole macroeconómica, en anos vindeiros. Estas previsións proceden das estatísticas que elabora o IGE: o Escenario macroeconómico e o Crecemento potencial e output gap de Galicia.
Fontes de información
Actividade empresarial
Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies