IGE -

Definicións. Renda dos fogares municipal


Conta de asignación da renda primaria

Esta conta trata as unidades residentes como perceptores de renda primaria e non como produtores que xeren a dita renda primaria. No caso do sector fogares os recursos son o excedente de explotación bruto, a renda mixta, a remuneración dos asalariados e as rendas da propiedade que son un recurso para os fogares (por exemplo, os intereses cobrados polos depósitos bancarios). Nos empregos só temos a renda da propiedade (por exemplo, os intereses pagados polos fogares polos créditos hipotecarios). O saldo da conta é o saldo de rendas primarias.

Conta de distribución secundaria da renda

A conta de distribución secundaria da renda mostra cómo se asigna o saldo das rendas primarias dos fogares por medio da redistribución, é dicir, mediante os impostos correntes sobre a renda, o patrimonio, etc., as cotizacións e prestacións sociais en efectivo e as outras transferencias correntes. Nesta conta rexístranse as operacións que para os fogares residentes, constitúen unha redistribución da renda en efectivo, tanto en recursos (prestacións sociais, indemnizacións de seguros non vida, …) coma en empregos (impostos correntes, cotizacións sociais, primas netas de seguro…).

O saldo da conta é a renda dispoñible, que reflicte as operacións correntes e que exclúe, explicitamente, as transferencias de capital, as ganancias e perdas de posesión reais e as consecuencias de sucesos como as catástrofes naturais.

Cotizacións sociais (D.61) (Base 2005)

As cotizacións sociais poden dividirse en cotizacións efectivas a pagar aos sistemas de seguridade social e as cotizacións imputadas rexistradas polos sistemas privados non baseados en fondos especiais.

As cotizacións sociais efectivas comprenden:

  • Cotización sociais efectivas a cargo dos empregadores (D.6111), son os pagos que estes realizan ás administracións de seguridade social, empresas de seguro e fondos de pensións autónomos ou non autónomos que administran sistemas de seguros sociais, co fin de asegurar a provisión de prestacións sociais aos seus asalariados.
  • Cotizacións sociais a cargo dos asalariados (D.6112). Trátase das cotizacións sociais que pagan os asalariados á seguridade social e aos sistemas privados con e sen constitución de reservas.
  • Cotizacións sociais dos traballadores autónomos e dos desempregados (D. 6113). Son as cotizacións sociais que pagan, no seu propio beneficio, as persoas que non son asalariados, é dicir, os traballadores autónomos (empregadores ou traballadores por conta propia) e os desempregados.
As cotizacións sociais efectivas rexístrase coma emprego na conta de distribución secundaria da renda dos fogares.

As cotizacións sociais imputadas representan a contrapartida das prestacións sociais directas dos empregadores (menos, no seu caso, as cotizacións sociais a cargo dos asalariados). Estas prestacións páganas directamente os empregadores (é dicir, non están vinculadas ás cotizacións efectivas, a cargo dos empregadores) aos seus asalariados ou exasalariados sen a intervención dunha empresa de seguro ou fondo de pensións autónomos e sen constituír un fondo especial ou unha reserva separada a tales efectos.

Cotizacións sociais netas (D.61) (Base 2010 e Revisión estatística 2019)

Son as cotizacións efectivas ou imputadas que pagan os fogares aos sistemas de seguros sociais co fin de asegurar o pago de prestacións sociais. Comprenden:

  • D.611 Cotizacións efectivas a cargo dos empregadores: son os pagos que os empregadores efectúan aos sistemas de serguridade social ou outros sistemas de seguros sociais vencellados ao emprego co fin de garantir o dereito dos seus asalariados ás prestacións sociais. Estas cotizacións poden ser obrigatorias ou voluntarias. Corresponden ao fluxo D.121
  • D.612 Cotizacións sociais imputadas a cargo dos empregadores: representan a contrapartida das prestacións sociais pagadas directamente polos empregadores aos seus asalariados ou antigos asalariados. Corresponden ao fluxo D.122
  • D.613 Cotizacións sociais efectivas a cargo dos fogares: son as cotizacións sociais que pagan, no seu nome, os asalariados, os traballadores por conta propia ou os desempregados aos sistemas de seguros sociais
  • D.614 Cotizacións suplementarias a cargo dos fogares: consisten nas rendas da propiedade obtidas durante o exercicio contable no stock dos dereitos por pensións e outras prestacións distintas das pensións

Excedente de Explotación Bruto (EEB)/Renda mixta

Corresponde á renda que obteñen as unidades da utilización dos seus propios activos de produción. É o saldo da conta de explotación. No caso das empresas non constituídas en sociedades correspondentes ao sector fogares fálase de renda mixta.

Impostos sobre a renda, o patrimonio, etc. (D.5)

Comprenden todos os pagos obrigatorios sen contrapartida, en efectivo ou en especie, recadados periodicamente polas administracións públicas e polo resto do mundo sobre a renda e o patrimonio das unidades institucionais, así como algúns impostos periódicos que non se esixen nin sobre a renda nin sobre o patrimonio (SEC 4.77).

Os impostos correntes sobre a renda, o patrimonio, etc., divídense en:

  • impostos sobre a renda (D.51), comprenden os impostos sobre as rendas, os beneficios e as ganancias de capital. No caso do sector fogares estamos a falar do Imposto sobre a renda persoas físicas (IRPF).
  • outros impostos correntes (D.59), que comprenden impostos sobre o capital, sobre o gasto, pagamentos dos fogares por licencias de tenencia e desfrute de vehículos, etc. No caso dos fogares e no marco tributario actual os tributos que forman parte deste agregado son: imposto sobre o patrimonio, imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), imposto sobre bens inmobles (IBI), imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, taxas por permisos de caza e pesca e contribucións especiais.
Os impostos correntes sobre a renda e patrimonio, rexístrase coma emprego na conta de distribución secundaria da renda dos fogares.

Outras transferencias correntes (Base 2005)

Esta partida comprende as transferencias correntes que afectan aos fogares residentes non incluídas nos apartados anteriores (impostos sobre a renda, prestacións sociais, cotizacións sociais, rendas da propiedade). No que atinxe ao sector fogares, estamos a falar de:

  • Primas netas de seguro no vida (D.71). Son as primas a pagar en virtude de pólizas subscritas polo sector fogares. As pólizas dos fogares individuais son as que estes subscriben pola súa propia iniciativa e no seu propio beneficio, independentemente dos empregadores ou das administracións públicas e fóra de todo sistema de seguros sociais. As primas netas de seguro non de vida comprenden tanto as primas efectivas que deben pagar os tomadores das pólizas para estar cubertos durante o período contable (primas imputables ao exercicio corrente) como as primas complementarias a pagar coas rendas da propiedade atribuídas aos asegurados, previa dedución dos custes do servizo de seguro.
  • Indemnizacións de seguro non vida (D.72). Representan as indemnizacións imputables ao exercicio corrente en virtude de contratos de seguros non de vida; é dicir, os importes que as empresas de seguro están obrigadas a pagar por lesións ou danos sufridos polas persoas ou os bens (incluídos os bens de capital fixo).
  • Transferencias correntes diversas (D.75). Comprende:
    • Transferencias correntes ás Institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares (ISFLSF). Son todas as contribucións voluntarias (excepto as herdanzas), as cotas dos seus membros e a asistencia financeira que as ISFLSF reciben dos fogares. Nesta rúbrica rexístranse entre outras, as cotas periódicas pagadas polos fogares a sindicatos e organizacións políticas, deportivas, culturais, relixiosas e similares clasificadas no sector das ISFLSF e as contribucións voluntarias dos fogares ás ISFLSF.
    • Transferencias correntes entre os fogares. Consisten en todas as transferencias correntes, en efectivo ou en especie, que os fogares residentes efectúan a, ou reciben doutros, fogares residentes ou non residentes. En particular, inclúen as remesas de fondos que os emigrantes ou os traballadores instalados permanentemente fóra do territorio económico fan aos membros da súa familia residentes no seu país de orixe, e as dos pais aos seus fillos residentes noutros lugares. Rexístranse nos empregos e os recursos da conta de distribución secundaria da renda dos fogares.
    • Multas e sancións. As multas e sancións impostas as unidades pertencentes ao sector fogares por tribunais de xustiza ou outras instancias xurídicas considéranse transferencias correntes obrigatorias.
    • Loterías e xogos de azar. Os importes pagados polos billetes de lotería ou as sumas colocadas en apostas comprenden dous elementos: o pago do servizo á unidade que organiza a lotería ou os xogos de azar e unha transferencia corrente residual que se paga aos gañadores. O custe do servizo pode ser moi importante e ten que cubrir os impostos sobre a produción de servizos de xogos de azar. No sistema, considérase que as transferencias teñen lugar directamente entre os que participan na lotería ou nos xogos de azar, é dicir, entre os fogares. Cando participan fogares non residentes, poden darse transferencias netas significativas entre el sector «fogares» e o resto do mundo.
    • Pagos compensatorios. Son as transferencias correntes pagadas por unhas unidades institucionais a outras en compensación polas lesións ou danos causados ás persoas ou as propiedades, excluídas as indemnizacións de seguro non de vida.
    • Outras transferencias correntes. Comprende entre outras as bolsas, bolsas de viaxe e recompensas pagadas aos fogares polas Administracións Públicas (AAPP) ou as ISFLSF, as devolucións feitas polos fogares de gastos efectuados no seu favor por organizacións de asistencia social, as primas de aforro concedidas regularmente polas AAPP aos fogares coma recompensa polos seus aforros durante o período e as transferencias correntes das AAPP aos fogares na súa condición de consumidores, se non se rexistran coma prestacións sociais.

Outras transferencias correntes (D.7) (Base 2010 e Revisión estatística 2019)

No caso do sector fogares comprende:

  • D.71 Primas netas de seguro non vida
  • D.72 Indemnizacións de seguro non vida
  • D.75 Transferencias correntes diversas

D.71 Primas netas de seguro non vida: as primas netas de seguro non vida son as primas a pagar en virtude de pólizas subscritas por unidades institucionais. Son os montantes dispoñibles para a cobertura de diversas continxencias ou accidentes, de orixe natural ou causado polo home, que provocan danos aos bens, ás propiedades ou ás persoas (incendios, inundacións, accidentes, roubos, etc.) ou ben para a cobertura de perdas financeiras ocasionadas por continxencias como enfermidades, desemprego, accidentes, etc.
No caso das pólizas dos fogares individuais son as que estes subscriben pola súa propia iniciativa e beneficio, independentemente dos empregadores e da administración pública e fora de todo sistema de seguros sociais.
Son un recurso do sector Institucións financeiras e un emprego do resto dos sectores (tomadores do seguro), en particular do sector fogares.
D.72 Indemnizacións de seguro non vida: representan as indemnizacións imputables ao exercicio corrente en virtude de contratos de seguro non vida; é dicir, os importe que as compañías de seguros están obrigadas a pagar por lesións ou danos sufridos polas persoas ou os bens.
As indemnizacións teñen a súa orixe nos danos ou lesións que os tomadores do seguro causan a terceiros ou a propiedades destes. Neses casos, considérase que as compañías de seguros pagan directamente as indemnizacións ás partes prexudicadas e non indirectamente a través do tomador do seguro.
Son un emprego do sector Institucións financeiras e un recurso do resto dos sectores (beneficiarios do seguro).
D.75 Transferencias correntes diversas: no caso do sector fogares, comprende:
  • D.751 Transferencias correntes ás institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares: comprende as contribucións voluntarias (agás legados) e axuda financeira que as ISFLSF reciben dos fogares e, en menor medida, doutras unidades.
  • D.752 Transferencias correntes entre os fogares: consisten en tódalas transferencias correntes, en efectivo u ou especie, que os fogares residentes efectúan a, ou reciben de, outros fogares residentes ou non residentes. En particular, inclúen as remesas de fondos que os emigrantes fan a membros da súa familia residentes noutro país
  • D.759 Outras transferencias correntes: inclúe outro tipo de transferencias que os fogares reciben ou efectúan, como bolsas de estudos, pagos de multas e sancións, etc.

Prestacións sociais (D.62) (Base 2005)

Son transferencias aos fogares destinadas a cubrir unha serie de riscos ou necesidades de carácter social. Estas transferencias poden estar organizados colectivamente por unidades das administracións públicas. En particular, as prestacións sociais inclúen:

  • Prestacións de seguridad social en efectivo (D.621). Son as prestacións a pagar aos fogares polas administracións de seguridade social (excluídos os reembolsos) e que se proporcionan no marco de sistemas de seguridade social.
  • Prestacións sociais de sistemas privados con constitución de reservas (D.622). Son prestacións (en efectivo ou en especie) a pagar aos fogares polas empresas de seguro ou outras unidades institucionais que administran sistemas de seguros sociais privados con constitución de reservas.
  • Prestacións sociais directas dos empregadores (D.623). Son prestacións (en efectivo ou en especie) a pagar aos seus asalariados, ás persoas a cargo destes ou aos seus superviventes, polos empregadores que xestionan sistemas de seguros sociais sen constitución de reservas.
  • Prestacións de asistencia social en efectivo (D.624). Son prestacións pagadas aos fogares por unidades das administracións públicas ou das ISFLSF, co fin de atender as mesmas necesidades que as prestacións dos seguros sociais, pero que non se enmarcan nun sistema de seguros sociais con cotizacións sociais e prestacións de seguros sociais.

Prestacións sociais distintas das transferencias sociais en especie (D.62) (Base 2010 e Rev. 2019)

Comprende as seguintes partidas:

  • D.621 Prestacións da seguridade social en efectivo: prestacións de seguros sociais a pagar en efectivo aos fogares polos fondos da seguridade social. Rexístranse como empregos das Administracións Públicas e recurso dos fogares.
  • D.622 Prestacións doutros sistemas de seguros sociais: prestacións a pagar polos empregadores no contexto doutros sistemas de seguros sociais vencellados ao emprego (distintos da seguridade social). Inclúe, entre outros, as pensións doutros sistemas de seguros sociais (como as da Mutualidad General de Funcionarios Civiles del Estado –MUFACE--), os salarios que se continúan pagando polos empregadores nos períodos de baixa, accidente, enfermidade, etc. Son un recurso dos fogares e un emprego do sector do empregador.
  • D.623 Prestacións de asistencia social en efectivo: transferencias correntes pagadas polas administracións públicas ou as Institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares (ISFLSF) aos fogares, para cubrir as mesmas necesidades que as prestacións de seguros sociais pero que non se enmarcan nun sistema de seguros sociais que requira a participación con cotizacións sociais. Estas prestacións proporciónanse: cando non existe outro sistema de seguros sociais que cubra esa circunstancia ou cando aínda que existan outros sistemas de seguros sociais, o fogar en cuestión non ten dereito á prestación, cando as prestacións de seguros sociais non son suficientes para cubrir as necesidades e, en xeral, no marco da política social. Son un recurso dos fogares e un emprego dos sectores Administración Pública e ISFLSF.

Remuneración dos asalariados (D.1)

Comprende toda a remuneración en efectivo e en especie a pagar polos empregadores aos seus asalariados como contrapartida do traballo realizado por estes durante o período contable. A remuneración dos asalariados desagrégase en:

  • Soldos e salarios, xa sexan en efectivo ou en especie (D.11)
  • Cotizacións sociais a cargo dos empregadores (D.12)
Na conta de explotación figura a Remuneración de asalariados "inventario" como un emprego dos sectores residentes, mentres que na conta de asignación da renda primaria, aparece a Remuneración de asalariados "rexional" coma un recurso dos fogares residentes.

Renda dispoñible bruta (B.6)

É o saldo da conta de distribución secundaria da renda. Obtense a partir do saldo de rendas primarias sumando as prestacións sociais e as transferencias correntes que son un recurso para os fogares; e restando os impostos sobre a renda, as cotizacións socias e as transferencias correntes que son un emprego para os fogares.

Rendas da propiedade (D.4) (Base 2005)

As rendas da propiedade (D.4) son as rendas que recibe o propietario dun activo financeiro ou dun activo material non producido a cambio de proporcionar fondos ou de poñer o activo material non producido a disposición doutra unidade institucional (SEC 4.42). Inclúen intereses, rendas distribuídas das sociedades, rendas da propiedade atribuídas aos asegurados e as rendas da terra.

As rendas da propiedade aparecen como empregos e como recursos na conta de asignación primaria da renda do sector fogares.

Rendas da propiedade (D.4) (Base 2010 e Revisión estatística 2019)

Xéranse cando os propietarios de activos financeiros e de recursos naturais os poñen a disposición doutras unidades institucionais. No caso do sector fogares poden ser:

  • D.41 Intereses
  • D.42 Rendas distribuídas das sociedades, compostas por D.421 Dividendos e D.422 Rendas retiradas das cuasisociedades
  • D.44 Outras rendas de inversión
  • D.45 Rendas da terra

D.41 Intereses: son as rendas da propiedade que reciben os propietarios de activos financeiros por poñer ditos activos financeiros a disposición doutra unidade institucional, tales como intereses de depósitos, préstamos, bonos e obrigas, letras e instrumentos similares, intereses de arrendamentos financeiros, etc. Esta partida pode ser tanto un recurso coma un emprego dos fogares.
D.421 Dividendos: toda distribución de beneficios polas sociedades aos seus accionistas ou propietarios. Rexístranse como empregos na conta de asignación da renda primaria dos sectores nos que están clasificados as sociedades e como recursos dos sectores nos que están clasificados os accionistas. Pola súa banda, as Rendas retiradas das cuasisociedades (D.422) son os importes que os empresarios retiran efectivamente, para o seu propio uso, dos beneficios realizados polas cuasisociedades que lles pertencen. Rexístranse nos empregos da conta de asignación da renda primaria dos sectores nos que están clasificadas as sociedades e como recursos dos fogares.
As outras rendas da inversión (D.44) inclúen as rendas de inversión atribuíbles aos tomadores de seguro (D.441), as rendas de inversión a pagar sobre os dereitos por pensións (D.442) e as rendas de inversión atribuíbles a partícipes en fondos de inversión (D.443). Son un emprego do sector Institucións financeiras e un recurso principalmente do sector Fogares e tamén, residualmente, dos sectores Sociedades non financeiras e Institucións financeiras.
A partida D.45 Rendas da terra comprende os ingresos que recibe o propietario dun recurso natural por poñelo a disposición doutra unidade institucional. Existen dous tipos diferentes de rendas procedentes de recursos: as rendas da terra (terreos) e as rendas de activos do subsolo (xacementos de minerais e combustibles fósiles). Poden ser tanto un recurso coma un emprego dos fogares na conta de asignación primaria da renda.

Saldo de rendas primarias (B.5)

Este saldo é a suma do excedente de explotación bruto, a renda mixta, a remuneración dos asalariados e o saldo das rendas da propiedade (que poden constituír un recurso ou un emprego para o sector fogares), isto é, o saldo da conta de asignación primaria . As rendas primarias son as rendas que perciben as unidades residentes pola súa participación no proceso de produción (excedente de explotación bruto, renda mixta e remuneración de asalariados) e a renda a cobrar (ou pagar) polo propietario dun activo financeiro ou dun activa material non producido por poñelo a disposición de outra unidade institucional (rendas da propiedade). . A renda primaria é un indicador da capacidade dos fogares residentes dunha rexión de xerar renda como empresarios, asalariados ou perceptores de rendas da propiedade. Indica a capacidade para xerar renda antes da intervención do Estado no proceso de distribución de renda.

Sector fogares

O sector fogares (SEC 2.75) comprende os individuos ou grupos de individuos, tanto na súa condición de consumidores coma, eventualmente, na de empresarios que producen bens ou servizos financeiros ou non financeiros de mercado (produtores de mercado). Ademais, comprende os individuos ou grupos de individuos que producen bens e servizos non financeiros exclusivamente para uso final propio.

Na súa condición de consumidores, os fogares poden definirse coma pequenos grupos de persoas que comparten un mesmo aloxamento e poñen en común unha parte ou a totalidade das súas rendas e patrimonio, e que consumen colectivamente determinados bens e servizos, principalmente o aloxamento e a alimentación. Esta definición pode completarse co criterio da existencia de vínculos familiares ou afectivos.

Os recursos principais destas unidades proceden da remuneración dos asalariados, rendas da propiedade, transferencias efectuadas por outros sectores, ingresos procedentes da disposición de bens e servizos de mercado, ou ingresos imputados pola produción de bens e servizos para consumo final propio.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo