IGE -

Definicións. Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais


Actividade principal

É aquela que xera maior valor engadido. Se non se dispón desta información, considérase aquela que proporcione o maior valor de produción, ou no seu defecto, a que empregue un maior número de persoas ocupadas.

Aprovisionamentos

Están constituídos polo consumo de mercadorías, consumo de materias primas e outras materias consumibles e traballos realizados por outras empresas.

Empresa (enquisas IGE)

Combinación máis pequena de unidades xurídicas que constitúe unha unidade organizativa de produción de bens e servizos e que goza dunha certa autonomía de decisión.

Entidades prestadoras de servizos sociais

Nesta categoría inclúense as empresas, as institucións sen fins de lucro e as persoas físicas cuxa actividade principal se clasifica nas divisións 87 (asistencia en establecementos residenciais) e 88 (actividades de servizos sociais sen aloxamento) da CNAE-2009.

Gastos de persoal

Nesta partida recóllese a totalidade dos gastos que supón o persoal da empresa, que será a suma de soldos e salarios, cargas sociais e provisións.

Ingresos correntes por prestación de servizos e vendas

Inclúen os ingresos por concertos ou similar coas administracións públicas, os ingresos por xestión delegada de centros ou servizos das administracións públicas, as cotas satisfeitas polos usuarios e polas usuarias derivado da prestación de servizos, os ingresos por prestación de servizos non incluídos nas categorías anteriores e os ingresos por vendas de produtos ou mercadorías.

Ingresos por subvencións, doazóns, legados e outras contribucións

Nesta partida inclúense as cotas de socios/as e persoas afiliadas, os ingresos de doazóns, promocións, patrocinadores e colaboradores, as subvencións correntes das administracións públicas, as subvencións de capital traspasadas ao exercicio e outras subvencións correntes privadas.

Institucións Privadas Sen Fins de Lucro (IPSFL)

Asociacións e fundacións, independentemente dos seus obxectivos fundacionais, sempre e cando teñan carácter privado e que o seu obxectivo fundacional non sexa a actividade económica.

Outros ingresos

Son os traballos realizados pola empresa para o seu activo e outros ingresos de xestión.

Persoa física

É un concepto xurídico atribuíble a todo membro da especie humana susceptible de adquirir dereitos e contraer obrigas. No caso que nos ocupa fai referencia ás empresas cuxa titularidade corresponde a un só individuo, o cal exerce de forma individual e por conta propia unha actividade comercial, industrial ou profesional.

Servizos exteriores

Este concepto comprende o importe total do conxunto de gastos de explotación de natureza diversa realizados pola empresa durante o ano de referencia, tales como gastos en I+D, arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, primas de seguros, servizos bancarios e similares, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións, e outros servizos.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo