IGE -

Definicións. Contas das sociedades mercantís de Galicia


Acredor

Persoa á que outra persoa debe cartos. A relación de acredor normalmente xorde como consecuencia dun préstamo de diñeiro, pero pode xurdir tamén por outros motivos. Tamén se denomina prestamista. Persoa física ou xurídica que ten dereito a esixir o pago dunha débeda. Subministrador de bens ou servizos que non ten a condición estrita de provedor. Persoa natural ou xurídica que ten dereito a pedir o pago dunha débeda ou o cumprimento dunha obriga.

Activo circulante

Compóñeno as partidas do activo con maior grao de liquidez. Concretamente está formado por existencias, debedores, tesourería e outro activo circulante.

Activo financeiro

Nome xenérico que se lle dá ás inversións en títulos valores (accións), certos dereitos sobre inmobles realizables de inmediato ou ben documentos expresivos de créditos, cupóns de subscrición preferente, etc.

Activos

Bens, dereitos e outros recursos controlados economicamente pola empresa, resultantes de sucesos pasados, dos que se espera que a empresa obteña beneficios ou rendementos económicos no futuro.

Cifra de negocios

Comprende os importes facturados pola empresa durante o ano/mes de referencia en concepto de venda de bens e prestación de servizos que son obxecto do tráfico da empresa, tanto no exercicio da súa actividade principal, como de calquera actividade secundaria que realice a empresa. As vendas contabilízanse sen incluír o IVE repercutido ao cliente, e en termos netos, deducindo as devolucións de vendas, así como os rappels sobre as vendas. Non se deducen os descontos de caixa nin os descontos sobre as vendas por pronto pago. Comprende todos os importes facturados pola empresa durante o período de referencia, o que comprende todas as vendas comerciais de bens e servizos subministrados a terceiros que son obxecto de tráfico da empresa.

Consumos intermedios

Representan o valor dos bens e servizos consumidos como insumos nun proceso de produción (SEC-2010, 3.88 e seguintes). Non se inclúen os activos fixos, cuxo consumo debe rexistrarse como consumo de capital fixo.

Débeda (acredores) a curto prazo

Inclúe as débedas que a empresa ten contraídas con terceiros e cuxo prazo de esixibilidade é inferior ao ano.

Débeda comercial

Toda débeda derivada dunha operación comercial ou mercantil.

Débeda total

É a suma das débedas a longo prazo e as débedas a curto prazo.

Debedores

Recolle o saldo das obrigas de terceiros coa empresa. Dentro desta partida inclúense a conta de clientes e a de outros debedores.

Existencias

Nesta partida recóllese o valor dos produtos que a empresa ten almacenados en calquera fase do proceso produtivo.

Fondos propios

Inclúe todos aqueles recursos da empresa que non teñen prazo de esixibilidade e que foron aportados polos socios ou xerados pola propia empresa. Está formado polas partidas: capital subscrito, reservas, resultado de exercicios anteriores, perdas e ganancias e outros fondos propios.

Gastos de persoal

Nesta partida recóllese a totalidade dos gastos que supón o persoal da empresa, que será a suma de soldos e salarios, cargas sociais e provisións.

Gastos financeiros e asimilados

Inclúense nesta partida todo tipo de gastos nos que incorre a empresa cando solicita fondos a terceiros para o seu financiamento.

Ingresos de explotación (indicadores do sector empresarial)

Na actividade estatística Indicadores do sector empresarial defínese como as vendas efectuadas nun período como consecuencia da actividade típica da empresa.

Inmobilizado financeiro

Activos, de natureza financeira pura, que posúe unha empresa que non son utilizados de maneira directa no proceso produtivo. O seu obxectivo é o de manter o control sobre as filiais ou unha participación estable noutras empresas mediante a posesión de accións, obrigacións, créditos, bonos, etc.

Inmobilizado material

Parte do activo dunha empresa constituído por elementos patrimoniais, tanto mobles como inmobles, utilizados para o desenrolo permanente das súas actividades produtivas. Son contabilizados segundo o seu prezo de adquisición máis os gastos de posta en funcionamento, e están suxeitos a amortización debido á perda de valor que sofren no proceso produtivo. Segundo o plan xeral de contabilidade está formado por terreos e bens naturais (que non se amortizan), construcións, maquinaria, ferramenta, instalacións, elementos de transporte, mobiliario, equipos para procesos de información e outro inmobilizado material.

Pasivos

Obrigacións actuais xurdidas como consecuencia de sucesos pasados, para cuxa extinción a empresa espera desprenderse de recursos que poidan producir beneficios ou rendementos económicos no futuro. Para estes efectos, enténdense incluídas as provisións.

Provisións para riscos e gastos

Provisións cuxo obxectivo é cubrir gastos, orixinados no mesmo exercicio ou noutro anterior, ou perdas ou débedas, que estean claramente especificadas en canto a súa natureza, pero que na data de peche do balance sexan probables ou certas, ou estean indeterminadas no que respecta ao seu importe ou á data na que se producirán.

Recursos alleos a medio e longo prazo

Pasivos ou débedas cuxo vencemento se sitúa entre os 18 e os 36 meses. Tamén débedas ou esixible a medio e longo prazo.

Resultado (económico bruto) de explotación

Calcúlase sumando ao resultado económico neto de explotación as amortizacións.

Resultado (neto) do exercicio

É o resultado final da actividade da empresa, é dicir, despois dos impostos. Calcúlase como diferenza entre todos os ingresos e todos os gastos da empresa.

Resultado antes de impostos

Resultado ordinario do exercicio ao que se lle suman os resultados extraordinarios.

Resultado financeiro

É o resultado que xera a actividade financeira da empresa. Calcúlase como diferenza entre os ingresos financeiros e os gastos financeiros.

Resultado neto de explotación

Diferenza entre ingresos e gastos (unha vez considerados os impostos) orixinados polo desenvolvemento da actividade que constitúe o obxecto principal da empresa, e aquelas outras que se realizan regularmente, de modo secundario ou accesorio a aquela.

Valor engadido bruto (VEB)

Para cada unidade dedicada a unha actividade produtiva, é a diferenza entre a produción e os consumos intermedios. A suma dos valores engadidos brutos, máis os impostos netos de subvencións sobre os produtos, dan como resultado o Produto Interior Bruto polo lado da oferta.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo