IGE -

Definicións. Directorio de empresas e unidades locais


CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)

CNAE-93 Rev.1 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de implantación da NACE Rev. 1.1. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida

Cooperativa

É unha sociedade con capital variable e con estrutura e xestión democráticas que asocia, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, a persoas con intereses e necesidades socioeconómicas comúns. Esta sociedade desenvolve actividades profesionais ao servizo da comunidade para satisfacer estes intereses e necesidades comúns, imputándose aos socios,unha vez atendidos os fondos comunitarios, os resultados económicos en función da actividade cooperativizada.

Demografía empresarial (situación de actividade)

As empresas clasifícanse en tres apartados:

  • Altas: unidades activas que se rexistran no ano t e non estaban activas no ano t-1
  • Permanencias: unidades activas rexistradas no directorio do ano t-1
  • Baixas: unidades activas no directorio do ano t-1 que causan baixa no do ano t
Estes conceptos non teñen en conta as altas e baixas debidas á mobilidade xeográfica das empresas por cambios de sede. As modificacións na localización das sedes quedan recollidas no concepto de permanencia que, para un agregado xeográfico determinado, indica as unidades activas rexistradas no directorio en anos anteriores ao ano t e que no presente ano teñen a súa sede social nese ámbito xeográfico, podendo ter unha localización diferente no ano t-1.

Empresa (Directorio de empresas e unidades locais)

É a unidade xurídica que proporciona cobertura legal ás actividades que se realizan nun ou varios locais. As unidades xurídicas poden ser persoas físicas ou persoas xurídicas con existencia legal independente da dos seus propietarios

Establecemento (empresas)

Empresa ou parte dunha empresa sita nun lugar delimitado topograficamente, no que se realizan unha ou varias actividades económicas ás que dedican o seu traballo unha ou varias persoas por conta dunha mesma empresa. Se polas propias características da actividade esta non se realiza nun lugar fixo, o establecemento é o lugar dende o que se organiza ou coordina tal actividade. Non se contabilizan como establecementos os almacéns e as sedes sociais ou os domicilios legais dos titulares das empresas no caso de que existan unicamente como soporte xurídico das actividades.

Persoa física

É un concepto xurídico atribuíble a todo membro da especie humana susceptible de adquirir dereitos e contraer obrigas. No caso que nos ocupa fai referencia ás empresas cuxa titularidade corresponde a un só individuo, o cal exerce de forma individual e por conta propia unha actividade comercial, industrial ou profesional.

Sociedade anónima

Neste tipo de sociedade, o capital, que está dividido en accións, intégrase polas achegas dos socios, os cales non responden persoalmente das débedas sociais. O capital social non pode ser inferior a 60.101 euros.

Sociedade colectiva

É unha sociedade na que os socios, en nome colectivo e baixo unha razón social, comprométense a participar, na proporción que establezan, dos mesmos dereitos e obrigas, respondendo subsidiaria, persoal, solidaria e ilimitadamente con todos os seus bens das resultas das operacións sociais. Para a súa constitución é preciso a escritura pública, inscrición no Rexistro Mercantil, declaración censual e obtención do CIF. Con respecto ao capital non existe nin máximo nin mínimo legal.

Sociedade comanditaria

É unha sociedade formada por dúas clases de socios: colectivos e comanditarios. Os socios comanditarios responden limitadamente nas débedas sociais só co importe que puxeron na sociedade; os socios colectivos responden, persoal e ilimitadamente, co seu propio patrimonio fronte ás débedas sociais.

Sociedade de responsabilidade limitada

Neste tipo de sociedade, o capital, que está dividido en participacións sociais, intégrase polas achegas de todos os socios, os cales non responden persoalmente das débedas sociais. O capital non poderá ser inferior a 3.005 euros e dende a súa orixe está totalmente desembolsado.

Sociedade mercantil

O contrato de compañía, polo cal dúas ou máis persoas se obrigan a poñer en fondo común bens ou industria para obter lucro, será mercantil, calquera que fose a súa clase, sempre que se constituíse segundo as disposicións do Código de Comercio. Unha vez constituída a compañía mercantil, terá personalidade xurídica en todos os seus actos. Por norma xeral as sociedades mercantís constitúense adoptando algunha das formas seguintes:

  • Sociedade regular colectiva
  • Sociedade comanditaria, simple ou por accións
  • Comunidade de bens
  • Sociedade cooperativa
  • Sociedade civil
  • Sociedade anónima
  • Sociedade de responsabilidade limitada

Unidade local

Empresa ou parte dela (taller, fábrica, oficina, mina, depósito, etc.) emprazada nun lugar no que se realizan actividades económicas baixo a responsabilidade do seu titular. A unidade local pode agrupar actividades auxiliares exclusivamente. Polo tanto, as sedes sociais ou os domicilios legais dos titulares das empresas serían unidades locais, aínda no caso de que existan unicamente como soporte xurídico das actividades. A unidade local así definida non coincide coa clásica de "establecemento". O establecemento sería unha unidade local na que estarían vinculados de modo inequívoco actividade e territorio. Poderíase entender un establecemento como unidade local "con local", fronte á unidade local "sen local" propia das actividades de profesionais ou colectivos con forte presenza de minifundismo empresarial, actividades que non se exercen nun lugar fixo e que en moitos casos teñen o domicilio particular como único referente estable para a organización da produción.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo