IGE -

Definicións. Censo de vivendas


Aloxamento

É a vivenda familiar que presenta a particularidade de ser móbil, semipermanente ou improvisada, ou ben que non foi concibida nun principio con fins residenciais pero, non obstante, constitúe a residencia dunha ou máis persoas. Os aloxamentos non están situados en edificios polo que non forman parte dos inmobles.

Censo de vivendas

Conxunto de operacións que consisten en recompilar, resumir, valorar, analizar e publicar os datos relativos a todos os lugares destinados a habitación humana que foron concibidos como tales (vivendas familiares) e a enumerar aqueles que non sendo concibidos para este fin teñen, sen embargo, ese uso (aloxamentos).

Edificio

Construción permanente, fixa sobre o terreo, separada e independente, concibida para ser utilizada con fins residenciais e/ou para o desenvolvemento dunha actividade

Familia

É o grupo de persoas que, residindo na mesma vivenda familiar (polo tanto formando parte dun fogar), comparten algúns gastos comúns e están vinculadas por lazos de parentesco, xa sexan de sangue ou políticos, e independentemente do seu grao. As diferenzas entre fogar e familia son que o fogar pode ser unipersoal e que os membros dun fogar multipersoal non teñen necesariamente que estar emparentados.
Nos Censos de Poboación de 2001 exclúese a condición de compartir algúns gastos en común.

Fogar

É o conxunto de persoas que, residindo na mesma vivenda, comparten gastos comúns ocasionados pola utilización da vivenda e/ou gastos de alimentación.
Nos Censos de 2001 exclúese a condición de que compartan gastos comúns.

Habitación

No Censo de vivendas de 2001 considéranse, ademais dos dormitorios, todas as pezas que teñan catro metros cadrados ou máis, incluíndo a cociña pero sen incluír os cuartos de baño, os vestíbulos, os corredores nin as terrazas abertas.

No módulo Vivendas familiares: características e medio da Enquisa de condicións de vida das familias defínese como o espazo situado nunha vivenda familiar que cumpre:

  • Está pechado por paredes e dispón dunha superficie mínima de catro metros cadrados e dous metros de altura sobre a maior parte da súa superficie.
  • Utilízase ou pode utilizarse para fins residenciais.
A definición anterior inclúe os dormitorios, salas de estar, comedores, salóns, despachos, salóns de xogo, cuartos destinados ao servizo doméstico, salóns-cociña, así como as cociñas cando teñan catro metros cadrados ou máis. Non se inclúen os trasteiros, cuartos de baño e aseo, sotos e faiados, terrazas, corredores, vestíbulos, vestidores, despensas e lavadoiros, nin as cociñas cando teñan menos de catro metros cadrados. Tamén se exclúen as habitacións do fogar destinadas exclusivamente a fins profesionais.
Realizouse un cambio na definición de habitación no módulo de vivendas familiares da edición de 2010 con respecto aos anos 1999 e 2005. Nestas dúas edicións considéranse habitacións os espazos da vivenda dedicados a dormitorios, comedores, salón, cuartos de estar, salas de xogos, estudos e despachos (non destinados exclusivamente a fins profesionais).

Inmoble

Por regra xeral, un inmoble é toda parcela ou porción de solo de natureza urbana, enclavada nun termo municipal e cerrada por unha liña poligonal que delimita o ámbito do dereito de propiedade dun propietario ou de varios pro indiviso, e no seu caso as construcións emprazadas en dito ámbito.

No Censo de poboación e vivendas un inmoble é cada un dos ocos que configuran os edificios, xa sexan vivendas ou locais.

Local

Parte dun edificio estruturalmente separada na que se leva ou se pode levar a cabo unha actividade económica independente da do resto do edificio.

Réxime de tenza

Hai tres tipos principais: en propiedade, en aluguer e outras formas. No primeiro tipo clasifícanse por compra, (á súa vez, totalmente pagada ou con pagamentos pendentes) e por herdanza ou doazón.

Segunda vivenda

No Censo de vivendas considérase como segunda vivenda (ou vivenda secundaria) a vivenda familiar que é utilizada só parte do ano, de forma estacional, periódica ou esporádica (por exemplo, durante as vacacións ou fins de semana), ou ben, sendo utilizada de maneira continuada e non estacional ao longo de todo o ano, non constitúe residencia habitual dun grupo de persoas (por exemplo, para alugamentos sucesivos de corta duración).

No módulo Vivendas familiares: características e medio da Enquisa de condicións de vida das familias enténdese toda vivenda non principal destinada ao traballo, estudos, espallamento ou ben comprada por investimento, calquera que sexa o seu réxime de tenza: en propiedade con e sen hipoteca, alugada ou cedida pola empresa ou organización na que traballa algún membro do fogar ou por outros fogares ou institucións, etc.

Superficie útil da vivenda

É a superficie comprendida dentro dos muros exteriores da vivenda que é habitable. Inclúe, polo tanto, non só a superficie destinada a habitacións, senón tamén a superficie dos corredores, vestíbulos, cuartos de baño e outros espazos. Non inclúe os muros, tabiques, terrazas abertas, xardíns, así como sotos e trasteiros... que non sexan habitables.

Vivenda

É o recinto estruturalmente separado e independente que, pola forma en que foi construído, reconstruído, transformado ou adaptado, está concibido para ser habitado por persoas e está dotado de acceso desde a vía pública ou desde recintos comúns privados. Hai dous tipos de vivendas: vivendas colectivas e vivendas familiares.
No Censo de poboación e vivendas considéranse tamén vivendas aqueles recintos que aínda que non estivesen concibidos para ser habitados por persoas constitúen a residencia habitual de alguén no momento censual. Non se consideran vivendas os recintos que, a pesar de estar concibidos inicialmente para a habitación humana, no momento censual están dedicados totalmente a outros fins.

Vivenda baleira

É toda vivenda que permanece sen ser ocupada, está dispoñible para a venda ou aluguer ou mesmo abandonada.

Vivenda colectiva

É a vivenda destinada a ser habitada por un colectivo, é dicir, por un grupo de persoas sometidas a unha autoridade ou réxime común non baseados en lazos familiares nin de convivencia, como por exemplo: residencias de persoas maiores, cuarteis, conventos, institucións para persoas con discapacidade, cárceres, etc. Pode ocupar só parcialmente un edificio, ou máis frecuentemente, a totalidade do mesmo.

Vivenda familiar

É a vivenda destinada a ser habitada por unha ou varias persoas, xeral pero non necesariamente unidas por parentesco, e que non constitúen un colectivo. A pesar de non cumprir estritamente a definición, tamén se consideran vivendas familiares os aloxamentos.

As vivendas familiares inclúense no Censo de Vivendas, con independencia de que estean ocupadas ou non no momento censual.

Vivenda familiar principal

Vivenda familiar que se utiliza toda ou a maior parte do ano como residencia habitual dunha ou máis persoas.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo