IGE -

Definicións. Coñecemento e uso do galego


Áreas (Enquisa estrutural a fogares)

As áreas definidas a partir da edición 2008 da Enquisa estrutural a fogares son:

  • Provincia da Coruña
    • Ferrol-Eume-Ortegal: comprende as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
    • Área da Coruña: comprende as comarcas da Coruña e Betanzos.
    • Área da Costa da morte: comprende as comarcas de Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas.
    • A Coruña suroriental: comprende as comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide.
    • Área de Santiago: comprende as comarcas da Barcala, O Sar e Santiago.
    • A Barbanza-Noia: comprende as comarcas da Barbanza e Noia.
  • Provincia de Lugo
    • Lugo oriental: comprende as comarcas da Fonsagrada, Os Ancares e Sarria.
    • Lugo sur: comprende as comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos.
    • Lugo central: comprende as comarcas da Ulloa, Lugo, Meira e A Terra Chá.
    • A Mariña: comprende as comarcas da Mariña Central, A Mariña Oriental e A Mariña Occidental.
  • Provincia de Ourense
    • O Carballiño-O Ribeiro: comprende as comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
    • Ourense central: comprende as comarcas de Allariz e Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras.
    • Ourense sur: comprende as comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana.
    • Área de Ourense: comprende a comarca de Ourense.
  • Provincia de Pontevedra
    • Pontevedra nororiental: comprende as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
    • Pontevedra sur: comprende as comarcas da Paradanta, O Baixo Miño e O Condado.
    • Área de Pontevedra: comprende a comarca de Pontevedra.
    • Caldas-O Salnés: comprende as comarcas de Caldas e O Salnés.
    • Área de Vigo: comprende a comarca de Vigo.
    • O Morrazo: comprende a comarca do Morrazo.

Fogar principal

Considérase fogar principal aquel no que un dos seus membros ten a titularidade da vivenda que ocupa, xa sexa en propiedade ou alugamento. No caso de que a vivenda estea cedida, o fogar principal será aquel no que estea a persoa a favor da que se fixo a cesión.

Fogar privado

Persoa ou conxunto de persoas que ocupan en común unha vivenda principal ou parte dela, e consomen e/ou comparten alimentos ou outros bens con cargo a un mesmo orzamento.

Nivel de estudos alcanzado (EEF)

Na Enquisa de condicións de vida das familias (ECV) utilízase a seguinte clasificación harmonizada coa Clasificación Nacional de Educación 2000 (CNED-2000):

  • Analfabetos: persoas que non saben ler e/ou escribir.
  • Estudos primarios ou equivalente
    • Estudos primarios incompletos ou equivalente: persoas que saben ler e escribir e foron menos de cinco anos á escola.
    • Estudos primarios completos ou equivalente: persoas que foron máis de cinco anos á escola sen acreditación correspondente, educación primaria LOXSE completa ou cinco cursos de EXB aprobados.
  • Educación secundaria ou equivalente
    • Educación secundaria de primeira etapa ou equivalente: persoas que estiveron escolarizadas todo o período de educación obrigatoria e non están en posesión do graduado escolar ou equivalente; persoas que teñen o certificado de escolaridade, graduado escolar, graduado en educación secundaria (ESO), bacharelato elemental (ou ter cursado cuarto curso sen superalo), ou certificado de estudos primarios (antes da Lei xeral de educación) ou equivalente a algún dos anteriores; persoas con programas para a formación e inserción laboral que non precisan dunha titulación de estudos secundarios de primeira etapa.
    • Educación secundaria de segunda etapa ou equivalente: persoas que teñen unha titulación de bacharelato (LOXSE), bacharelato (BUP), COU ou preuniversitario, FP I, ciclos formativos de formación profesional de grao medio ou equivalente a algún dos anteriores; persoas con programas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudos secundarios de primeira etapa.
  • Educación superior: comprende todos os titulados diplomados universitarios, licenciados universitarios, FP II, ciclos formativos de formación profesional de grao superior ou equivalente a algún dos anteriores.

Vivenda familiar

É a vivenda destinada a ser habitada por unha ou varias persoas, xeral pero non necesariamente unidas por parentesco, e que non constitúen un colectivo. A pesar de non cumprir estritamente a definición, tamén se consideran vivendas familiares os aloxamentos.

As vivendas familiares inclúense no Censo de Vivendas, con independencia de que estean ocupadas ou non no momento censual.

Vivenda familiar principal

Vivenda familiar que se utiliza toda ou a maior parte do ano como residencia habitual dunha ou máis persoas.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo