IGE -

Definicións. Outra información


Familia numerosa

Para o recoñecemento da condición de familia numerosa, a unidade familiar deberá estar formada por un ou dous ascendentes e necesítase:

  1. Ter tres ou máis fillos, sexan ou non comúns. Poderán ser só dous nos seguintes casos:
    • que un deles teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% ou a condición de incapacitado para o traballo.
    • que os dous proxenitores teñan a condición de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% ou estean incapacitados para o traballo ou, polo menos, un deles teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 65%.
  2. Tamén terán a condición de familia numerosa as formadas por:
    • Tres ou máis irmáns orfos de pai e nai ou dous, se un deles é discapacitado, maiores de 18 anos que convivan e teñan unha dependencia económica entre eles.
    • Dous ou máis irmáns orfos de pai e nai sometidos a tutela, acollemento ou garda que convivan co titor, acolledor ou gardador pero non ás súas expensas.
  3. Os fillos deberán cumprir as seguintes condicións:
    • Ser solteiros.
    • Convivir co pai/nai.
    • Depender economicamente do pai/nai. Considerarase que existe dependencia económica cando os seus ingresos non superen o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) en cómputo anual.
    • Ser menor de 21 anos, excepto se é discapacitado. A idade poderá ampliarse ata os 25 anos se cursan estudos axeitados á súa idade e titulación ou encamiñados á obtención dun posto de traballo.
  4. Todos os membros da unidade familiar deberán ser españois ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea ou dos restantes estados parte no Acordo sobre Espazo Económico Europeo e ter a súa residencia en territorio español ou exercer unha actividade por conta propia ou allea en España, aínda que resida nalgún dos países aludidos anteriormente.

Familia numerosa. Categoría especial

As familias numerosas de categoría especial son:

  • As de cinco ou máis fillos.
  • As de catro, nos seguintes supostos:
    • Se polo menos tres dos fillos proceden de parto, adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo múltiples.
    • Se os seus ingresos anuais, divididos polo número de membros que as compoñen, non superan en cómputo anual o 75% do IPREM, incluídas as pagas extraordinarias.
No caso de que existan fillos discapacitados computarase cada un como dous para determinar a categoría na que se clasifica a unidade familiar da que se forma parte.

Familia numerosa. Categoría xeral

Familias numerosas non clasificadas dentro da categoría especial.

Indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM)

Utilízase como indicador ou referencia do nivel de renda que sirve para determinar a contía de determinadas prestacións ou para acceder a determinados beneficios, prestacións ou servizos públicos, substituíndo ao salario mínimo interprofesional nesta función, de xeito obrigatorio para o caso das normas do Estado e forma potestativa para o caso das comunidades autónomas, das cidades de Ceuta e Melilla e das entidades que integran a administración local.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo