IGE -

Definicións. Enquisa conxuntural aos fogares


Fogar

É o conxunto de persoas que, residindo na mesma vivenda, comparten gastos comúns ocasionados pola utilización da vivenda e/ou gastos de alimentación.
Nos Censos de 2001 exclúese a condición de que compartan gastos comúns.

Fogar principal

Considérase fogar principal aquel no que un dos seus membros ten a titularidade da vivenda que ocupa, xa sexa en propiedade ou alugamento. No caso de que a vivenda estea cedida, o fogar principal será aquel no que estea a persoa a favor da que se fixo a cesión.

Indicador de Confianza do Consumidor (ICC)

É unha media simple dos resultados das preguntas relativas á situación económica futura do fogar e da Comunidade Autónoma, capacidade futura de aforro e evolución do número de parados. Presenta valores que oscilan entre -100 e +100, sendo os resultados máis optimistas tanto para o momento actual como para o futuro os que máis se acerquen ao punto máximo.
Os resultados das preguntas obtéñense mediante unha media, multiplicando a porcentaxe de respostas por un peso (os que responden NS/NC non computan). Os pesos serán os seguintes: mellora total +1, leve mellora +0,5, neutral 0, pequeno empeoramento -0,5, empeoramento -1.
Nas preguntas relativas aos prezos, dado que estes teñen unha tendencia natural á alza, o coeficiente 0 é o da porcentaxe de respostas que supoñen unha pequena subida de prezos e o +0,5 se os prezos se manteñen igual. Nas que atinxen ao desemprego asígnase a ponderación +1 ao descenso significativo deste, o +0,5 ao lixeiro descenso, o 0 se permanece estable e pesos negativos para as situacións de aumento do desemprego.

Indicador de Sentimento do Consumidor (ISC)

Calcúlase como unha media dos resultados das preguntas relativas á oportunidade de facer compras e á situación financeira persoal e de Galicia (tanto a evolución pasada como as perspectivas de evolución). Presenta valores que oscilan entre -100 e +100, sendo os resultados máis optimistas tanto para o momento actual como para o futuro os que máis se acerquen ao punto máximo.
Os resultados das preguntas obtéñense mediante unha media, multiplicando a porcentaxe de respostas por un peso (os que responden NS/NC non computan). Os pesos serán os seguintes: mellora total +1, leve mellora +0,5, neutral 0, pequeno empeoramento -0,5, empeoramento -1.
Nas preguntas relativas aos prezos, dado que estes teñen unha tendencia natural á alza, o coeficiente 0 é o da porcentaxe de respostas que supoñen unha pequena subida de prezos e o +0,5 se os prezos se manteñen igual. Nas que atinxen ao desemprego asígnase a ponderación +1 ao descenso significativo deste, o +0,5 ao lixeiro descenso, o 0 se permanece estable e pesos negativos para as situacións de aumento do desemprego.

Membro do fogar

Na Enquisa estrutural a fogares para establecer se unha persoa é membro ou non dun fogar, tense en conta se pernoita habitualmente catro ou máis noites á semana na vivenda (persoa presente) ou se non o fai (persoa ausente).
As persoas presentes son membros do fogar se levan tres ou máis meses presentes, tanto se ocupan outra vivenda permanentemente coma se non, e se levan menos de tres meses presentes e non ocupan outra vivenda permanentemente.
As persoas ausentes son membros do fogar se levan menos de tres meses ausentes e non ocupan outra vivenda permanentemente.
Existen as seguintes excepcións:

  • Persoal doméstico interno, que é membro do fogar salvo que teña outro fogar que considere como o seu fogar principal.
  • Persoas desprazadas temporalmente a outro lugar, que son membros do fogar no que está o seu núcleo familiar. Entre eles están:
    • Varóns que cumpren o servizo militar (ata o ano 2001)
    • Enfermos en sanatorios.
    • Persoas en viaxes de negocio ou ocio.
    • Pescadores no mar.
    • Persoal navegante de compañías aéreas ou marítimas, nacionais ou estranxeiras.
    • Persoal desprazado por coidado de familiares.
  • Estudantes e traballadores desprazados temporalmente, que se consideran membros do fogar se pensan volver reunirse co núcleo familiar cando finalice a causa pola que se desprazaron. No caso de descoñecer esta circunstancia, son membros do fogar se levan ausentes menos dun ano.

Vivenda

É o recinto estruturalmente separado e independente que, pola forma en que foi construído, reconstruído, transformado ou adaptado, está concibido para ser habitado por persoas e está dotado de acceso desde a vía pública ou desde recintos comúns privados. Hai dous tipos de vivendas: vivendas colectivas e vivendas familiares.
No Censo de poboación e vivendas considéranse tamén vivendas aqueles recintos que aínda que non estivesen concibidos para ser habitados por persoas constitúen a residencia habitual de alguén no momento censual. Non se consideran vivendas os recintos que, a pesar de estar concibidos inicialmente para a habitación humana, no momento censual están dedicados totalmente a outros fins.

Vivenda familiar

É a vivenda destinada a ser habitada por unha ou varias persoas, xeral pero non necesariamente unidas por parentesco, e que non constitúen un colectivo. A pesar de non cumprir estritamente a definición, tamén se consideran vivendas familiares os aloxamentos.

As vivendas familiares inclúense no Censo de Vivendas, con independencia de que estean ocupadas ou non no momento censual.

Vivenda familiar principal

Vivenda familiar que se utiliza toda ou a maior parte do ano como residencia habitual dunha ou máis persoas.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo