IGE -

Definicións. Indicadores sociais


Establecemento hoteleiro

Son establecementos hoteleiros aqueles establecementos que prestan servizos de aloxamento colectivo mediante prezo con ou sen outros servizos complementarios (hotel, hotel-apartamento ou apartahotel, motel, hostal, pensión, etc.).

Familia

É o grupo de persoas que, residindo na mesma vivenda familiar (polo tanto formando parte dun fogar), comparten algúns gastos comúns e están vinculadas por lazos de parentesco, xa sexan de sangue ou políticos, e independentemente do seu grao. As diferenzas entre fogar e familia son que o fogar pode ser unipersoal e que os membros dun fogar multipersoal non teñen necesariamente que estar emparentados.
Nos Censos de Poboación de 2001 exclúese a condición de compartir algúns gastos en común.

Grao de ocupación por prazas

Relación, en porcentaxe, entre o total das noites e o produto das prazas, incluíndo as camas supletorias, polos días a que se refiren as noites. Enténdense por camas supletorias todas aquelas que non teñan carácter fixo e que non estean nas prazas declaradas oficialmente polo establecemento e que constan no directorio.

Idade media ao primeiro matrimonio

Media aritmética das idades ás que os solteiros contraen matrimonio, en grupos quinquenais, ponderada polas taxas específicas de nupcialidade dos solteiros.

Índice de criminalidade

Cociente entre o número de delitos por cada mil habitantes

Índice sintético de fecundidade ou número medio de fillos por muller

Representa o número esperado de fillos por muller ao longo da súa vida fértil (de 15 a 49 anos). Obtense como a suma das taxas específicas de fecundidade por idade.

Índice sintético de nupcialidade

Suma das taxas específicas de nupcialidade (de primeiras nupcias) e reflicte o número total de matrimonios nunha cohorte ficticia ao longo da súa vida

Noites ou prazas ocupadas

Enténdese por noite cada noite que un viaxeiro se aloxa no establecemento.

Poboación parada de longa duración

Poboación parada con busca de emprego maior ou igual a 2 anos.

Taxa bruta de mortalidade

Número de defuncións por cada 1.000 habitantes.

Taxa bruta de reprodución

Número medio de fillas que tería unha muller en ausencia de mortalidade ao longo da súa vida.

Taxa de actividade

Porcentaxe do número total de activos sobre a poboación total (poboación de 16 ou máis anos).

Taxa de asalariados

Porcentaxe do número medio de asalariados fronte ao número medio de ocupados totais ao longo do período considerado.

Taxa de crecemento natural da poboación

Relación entre o saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e defuncións) e a poboación do período considerado.

Taxa de enfermidades profesionais

Número de enfermidades profesionais con e sen baixa repecto ao total de afiliados á Seguridade Social.

Taxa de idoneidade (educación)

Relación entre os alumnos que se atopan matriculados no curso teórico adecuado para a súa idade e os alumnos matriculados no dito curso

Taxa de mortalidade perinatal

Defuncións de nenos de menos de 28 días (incluíndo as mortes fetais tardías) por cada mil nacementos (nacidos vivos máis mortes fetais tardías).

Taxa de paro

Porcentaxe de parados sobre o total de activos.

Taxa de precaridade no emprego

Porcentaxe de asalariados con contrato temporal con respecto ao total de asalariados.

Taxa de repetición (educación)

Relación entre os alumnos repetidores e os alumnos matriculados

Taxa de ruptura matrimonial

Relación entre o total de separados e divorciados con respecto do total de casados, separados e divorciados

Taxa xeral de actividade

Relación entre a poboación activa e o total de poboación

Taxa xeral de fecundidade

Número de nacementos por cada mil mulleres en idade fértil (de 15 a 49 anos).

Taxa xeral de nupcialidade

Número de matrimonios por cada mil individuos de 15 ou máis anos.

Viaxeiros entrados

Todas aquelas persoas que realizan unha ou máis noites seguidas no mesmo aloxamento.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo