IGE -

Definicións. Enquisa estrutural a fogares. Módulo xeral


Adulto

Na Enquisa estrutural a fogares (EEF) considéranse adultas as persoas de 25 ou máis anos e aquelas de 18 a 24 que percibiron ingresos de traballo ou prestacións no ano natural anterior á realización da enquisa ou non conviven con ningún dos seus pais.

Aforro en alimentos

Refírese ao aforro que tivo o fogar en alimentos xa que os produciu o propio fogar ou ben llos regalou algún familiar ou amigo e, polo tanto, lle evitou ao fogar a súa compra.

Aforro en reparacións

Refírese a que algún membro do fogar, familiar ou amigo realizou tarefas tales como pintar, reparar avarías, facer ou montar mobles... que supuxeron para o fogar un aforro de máis de 500 euros.

Áreas (Enquisa estrutural a fogares)

As áreas definidas a partir da edición 2008 da Enquisa estrutural a fogares son:

  • Provincia da Coruña
    • Ferrol-Eume-Ortegal: comprende as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
    • Área da Coruña: comprende as comarcas da Coruña e Betanzos.
    • Área da Costa da morte: comprende as comarcas de Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas.
    • A Coruña suroriental: comprende as comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide.
    • Área de Santiago: comprende as comarcas da Barcala, O Sar e Santiago.
    • A Barbanza-Noia: comprende as comarcas da Barbanza e Noia.
  • Provincia de Lugo
    • Lugo oriental: comprende as comarcas da Fonsagrada, Os Ancares e Sarria.
    • Lugo sur: comprende as comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos.
    • Lugo central: comprende as comarcas da Ulloa, Lugo, Meira e A Terra Chá.
    • A Mariña: comprende as comarcas da Mariña Central, A Mariña Oriental e A Mariña Occidental.
  • Provincia de Ourense
    • O Carballiño-O Ribeiro: comprende as comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
    • Ourense central: comprende as comarcas de Allariz e Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras.
    • Ourense sur: comprende as comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana.
    • Área de Ourense: comprende a comarca de Ourense.
  • Provincia de Pontevedra
    • Pontevedra nororiental: comprende as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
    • Pontevedra sur: comprende as comarcas da Paradanta, O Baixo Miño e O Condado.
    • Área de Pontevedra: comprende a comarca de Pontevedra.
    • Caldas-O Salnés: comprende as comarcas de Caldas e O Salnés.
    • Área de Vigo: comprende a comarca de Vigo.
    • O Morrazo: comprende a comarca do Morrazo.

Baixa intensidade laboral (estratexia Europa 2030)

Unha persoa vive nun fogar con baixa intensidade laboral cando o número de días que as persoas de 18 a 64 anos dese fogar (excluíndo as persoas estudantes de 18 a 24 anos, as persoas retiradas ou xubiladas e as persoas de 60 a 64 anos inactivas que viven nun fogar cuxo ingreso principal son as pensións) tiveron ingresos por traballo, prestacións por ERTE ou prestacións por cese de actividade debidas á pandemia supón ata o 20% do número total de días que poderían telos durante o ano natural anterior á realización da enquisa.
Este indicador só se aplica ás persoas de 0 a 64 anos.

Carencia material

Unha persoa vive nun fogar con carencia material cando ten carencia polo menos en tres conceptos dos seguintes:

  • Non pode permitirse ir de vacacións polo menos unha semana ao ano
  • Non pode permitirse unha comida de carne, polo ou pescado polo menos cada dous días
  • Non pode permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada
  • Non ten capacidade para facer fronte a gastos imprevistos
  • Tivo retrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal (hipoteca ou aluguer, gas, comunidade, etc.)
  • Non pode permitirse dispoñer de coche
  • Non pode permitirse dispoñer de ordenador persoal

Carencia material e social severa (estratexia Europa 2030)

Unha persoa está en situación de carencia material e social severa cando ten carencia, polo menos, en sete conceptos dos seguintes:
A nivel de fogar:

  • Non se pode permitir ir de vacacións polo menos unha semana ao ano.
  • Non se pode permitir unha comida de carne, polo ou pescado polo menos cada dous días.
  • Non se pode permitir manter a vivenda cunha temperatura adecuada.
  • Non ten capacidade para facer fronte a gastos imprevistos.
  • Tivo atrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal (hipoteca ou alugueiro, gas, comunidade...).
  • Non se pode permitir dispoñer de coche.
  • Non se pode permitir substituír os mobles deteriorados ou vellos.
A nivel de persoa:
  • Non se pode permitir substituír as roupas deterioradas por outras novas.
  • Non se pode permitir ter dous pares de zapatos.
  • Non se pode permitir reunirse con amizades e/ou familiares para comer ou tomar algo ao menos unha vez ao mes.
  • Non se pode permitir participar regularmente en actividades de ocio.
  • Non se pode permitir gastar unha pequena cantidade de diñeiro en si mesmo cada semana.
  • Non se pode permitir dispoñer de conexión a internet para uso persoal no fogar.

Carencia material severa

Unha persoa vive nun fogar con carencia material severa cando ten carencia polo menos en catro conceptos dos seguintes:

  • Non pode permitirse ir de vacacións polo menos unha semana ao ano
  • Non pode permitirse unha comida de carne, polo ou pescado polo menos cada dous días
  • Non pode permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada
  • Non ten capacidade para facer fronte a gastos imprevistos
  • Tivo retrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal (hipoteca ou aluguer, gas, comunidade, etc.)
  • Non pode permitirse dispoñer de coche
  • Non pode permitirse dispoñer de teléfono (fixo ou móbil)
  • Non pode permitirse dispoñer de televisor en color
  • Non pode permitirse dispoñer de lavadora

COVID-19

Doenza respiratoria, altamente contaxiosa, causada polo coronavirus SARS-CoV-2, que ten como síntomas máis característicos febre, tose seca, dispnea, mialxia e cansazo, e que nalgúns casos graves pode producir pneumonía, síndrome de dificultade respiratoria aguda, sepse e choque séptico. Esta palabra é o acrónimo do inglés Coronavirus Disease 2019 'doenza por coronavirus 2019'

Desfase relativo da renda baixa mediana

Distancia entre o limiar de risco de pobreza e a mediana dos ingresos equivalentes das persoas en risco de pobreza expresada como porcentaxe do limiar de risco de pobreza.

Distribución da renda S80/S20

Indica, para cada ámbito xeográfico, o cociente entre o total do ingreso equivalente do quintil máis rico e o total do ingreso equivalente do quintil máis pobre da poboación dese ámbito.

Estudante

Considérase estudante toda persoa que ten como actividade única (ou principal) a adquisición dunha instrución sistemática de calquera nivel e tipo de estudo.

Expediente de Regulación de Emprego (ERE)

É un procedemento administrativo-laboral que deben seguir as persoas empresarias para poder adoptar unha serie de medidas de regulación do emprego, xa sexan de redución de xornada, suspensión ou extinción dos contratos de traballo, cando concorran determinadas causas e garantindo os dereitos das persoas traballadoras

Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE)

É unha medida laboral pola que se suspende o contrato da persoa traballadora de forma temporal ou faise unha redución de xornada durante un período determinado por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción ou derivadas de forza maior

Fogar principal

Considérase fogar principal aquel no que un dos seus membros ten a titularidade da vivenda que ocupa, xa sexa en propiedade ou alugamento. No caso de que a vivenda estea cedida, o fogar principal será aquel no que estea a persoa a favor da que se fixo a cesión.

Fogar privado

Persoa ou conxunto de persoas que ocupan en común unha vivenda principal ou parte dela, e consomen e/ou comparten alimentos ou outros bens con cargo a un mesmo orzamento.

Hóspede (fogares)

Considérase hóspede toda persoa que, sen ter a consideración de membro do fogar, comparte alimentos con el e/ou habita na vivenda achegando ao fogar unha contraprestación monetaria previamente estipulada, perseguindo en consecuencia o fogar coa súa estancia fins lucrativos.

Índice de Gini

É o índice máis utilizado para medir a concentración dunha distribución de rendas entre os membros dun colectivo. Para o seu cálculo utilízase o ingreso equivalente por persoa que é o ingreso equivalente do fogar ao que pertence.
Sexan X i ; i =1, ..., n os ingresos, ordenados de menor a maior, das n persoas da mostra e wi ; i=1, ..., n os correspondentes factores de elevación;
sexa Q=S i=1,n(Xi wi) o ingreso total estimado, de xeito que Qi= S j=1,i(Xj wj)/Q é a proporción de ingreso total acumulado polas persoas con ingreso equivalente menor ou igual a X i ; i =1, ..., n ; que nos dan as ordenadas da curva de Lorenz; por último N= S i=1,n(wi) representa o total poboacional de persoas. A fórmula empregada para o índice é:
IG=1- 1/N S i=1,n(Qi-1+Qi) wi; con Q0=0
que resulta de simplificar a fórmula: IG=1-2A, onde A é a área dentro do cadrado unidade baixo a curva de Lorenz que se estima por:
A=S i=1,n(Qi-1+Qi) wi/2N

Ingreso equivalente do fogar

Este concepto corrixe o efecto do número de persoas no volume de ingresos do fogar, facendo comparables os ingresos de fogares con distinto número de membros. Para iso calcúlanse as unidades de consumo do fogar empregando a escala de equivalencia da OCDE modificada que ten a expresión:
[1+0,5*(a-1)+0,3*(b)]
onde
a é o número de persoas de 14 ou máis anos do fogar,
b é o número de persoas menores de 14 anos do fogar.
Defínese o ingreso equivalente do fogar como o ingreso medio mensual do fogar dividido pola expresión anterior.

Ingreso medio mensual do fogar

É a media mensual dos ingresos netos monetarios de todos os membros do fogar no ano natural anterior á realización da enquisa, sexan estes regulares ou non.

Intensidade de ingresos de traballo do fogar

É a suma do número de días con ingresos de traballo que tiveron os adultos do fogar entre o número máximo de días con ingresos de traballo que poderían ter no ano natural anterior á realización da enquisa. A intensidade varía entre 0 e 1, 0 é cando ningún adulto do fogar tivo ingresos de traballo e 1 cando todos os adultos do fogar tiveron ingresos de traballo todo o ano.

Intensidade de ingresos regulares

É o número de días con ingresos procedentes de traballo, prestacións e subsidios por desemprego, prestacións contributivas e non contributivas, rendas de aluguer e transferencias por convenios de divorcio no ano natural anterior á realización da enquisa para as persoas de 18 ou máis anos.

Intensidade de ingresos regulares do fogar

É a suma do número de días con ingresos regulares que tiveron os adultos do fogar entre o número máximo de días con ingresos regulares que poderían ter no ano natural anterior á realización da enquisa. A intensidade varía entre 0 e 1, 0 é cando ningún adulto do fogar tivo ingresos regulares e 1 cando todos os adultos do fogar tiveron ingresos regulares todo o ano.

Intensidade de traballo remunerado

É o número de días con ingresos procedentes de traballo no ano natural anterior á realización da enquisa para as persoas de 18 a 64 anos.

Limiar de risco de pobreza

Correspóndese co 60% da mediana dos ingresos equivalentes de todas as persoas galegas. Como ingreso equivalente de cada persoa tómase o ingreso equivalente do fogar ao cal pertencen.

Mediana de ingresos dos fogares

É o valor que, ordenando todos os fogares de menor a maior ingreso, deixa unha metade deles por debaixo do dito valor e a outra metade por enriba.

Membro do fogar

Na Enquisa estrutural a fogares para establecer se unha persoa é membro ou non dun fogar, tense en conta se pernoita habitualmente catro ou máis noites á semana na vivenda (persoa presente) ou se non o fai (persoa ausente).
As persoas presentes son membros do fogar se levan tres ou máis meses presentes, tanto se ocupan outra vivenda permanentemente coma se non, e se levan menos de tres meses presentes e non ocupan outra vivenda permanentemente.
As persoas ausentes son membros do fogar se levan menos de tres meses ausentes e non ocupan outra vivenda permanentemente.
Existen as seguintes excepcións:

  • Persoal doméstico interno, que é membro do fogar salvo que teña outro fogar que considere como o seu fogar principal.
  • Persoas desprazadas temporalmente a outro lugar, que son membros do fogar no que está o seu núcleo familiar. Entre eles están:
    • Varóns que cumpren o servizo militar (ata o ano 2001)
    • Enfermos en sanatorios.
    • Persoas en viaxes de negocio ou ocio.
    • Pescadores no mar.
    • Persoal navegante de compañías aéreas ou marítimas, nacionais ou estranxeiras.
    • Persoal desprazado por coidado de familiares.
  • Estudantes e traballadores desprazados temporalmente, que se consideran membros do fogar se pensan volver reunirse co núcleo familiar cando finalice a causa pola que se desprazaron. No caso de descoñecer esta circunstancia, son membros do fogar se levan ausentes menos dun ano.

Neno a cargo

Todas as persoas non consideradas adultos.

Nivel de estudos alcanzado (EEF)

Na Enquisa de condicións de vida das familias (ECV) utilízase a seguinte clasificación harmonizada coa Clasificación Nacional de Educación 2000 (CNED-2000):

  • Analfabetos: persoas que non saben ler e/ou escribir.
  • Estudos primarios ou equivalente
    • Estudos primarios incompletos ou equivalente: persoas que saben ler e escribir e foron menos de cinco anos á escola.
    • Estudos primarios completos ou equivalente: persoas que foron máis de cinco anos á escola sen acreditación correspondente, educación primaria LOXSE completa ou cinco cursos de EXB aprobados.
  • Educación secundaria ou equivalente
    • Educación secundaria de primeira etapa ou equivalente: persoas que estiveron escolarizadas todo o período de educación obrigatoria e non están en posesión do graduado escolar ou equivalente; persoas que teñen o certificado de escolaridade, graduado escolar, graduado en educación secundaria (ESO), bacharelato elemental (ou ter cursado cuarto curso sen superalo), ou certificado de estudos primarios (antes da Lei xeral de educación) ou equivalente a algún dos anteriores; persoas con programas para a formación e inserción laboral que non precisan dunha titulación de estudos secundarios de primeira etapa.
    • Educación secundaria de segunda etapa ou equivalente: persoas que teñen unha titulación de bacharelato (LOXSE), bacharelato (BUP), COU ou preuniversitario, FP I, ciclos formativos de formación profesional de grao medio ou equivalente a algún dos anteriores; persoas con programas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudos secundarios de primeira etapa.
  • Educación superior: comprende todos os titulados diplomados universitarios, licenciados universitarios, FP II, ciclos formativos de formación profesional de grao superior ou equivalente a algún dos anteriores.

Núcleo familiar

O núcleo familiar expresa unha idea restrinxida da familia, limitada aos vínculos de parentesco máis estreitos. O núcleo familiar está composto por un pai ou unha nai con fillos, ou por unha parella con fillos ou sen fillos.
Para formar parte do núcleo familiar, os fillos non deben estar emparellados ou a parella non ser membro do fogar. Ademais, para a determinación dos núcleos familiares deben terse en conta os seguintes criterios:

  • A relación pai/nai-fillo ten sempre preferencia sobre a de fillo-pai/nai
  • A relación de parella ten sempre preferencia sobre a relación fillo-pai/nai

Perceptores de ingresos

Na Enquisa de poboación activa (EPA) considéranse perceptores de ingresos a todas aquelas persoas que, na semana de referencia, percibiron algún tipo de ingreso económico. O concepto de ingreso económico inclúe tanto o salario, como os diferentes tipos de pensións (xubilación, prexubilación, discapacidade, ...) ou prestacións por desemprego.
Na Enquisa estrutural a fogares (EEF) os perceptores de ingresos son as persoas de 16 ou máis anos que percibiron ingresos monetarios no ano natural anterior á realización da enquisa (ata a edición de 2007 nos doce meses anteriores ao mes do domingo da semana de referencia), independentemente de que a percepción tivera carácter regular ou non, e a fonte destes ingresos. Non se inclúen como perceptores as persoas que pertencen ao fogar e que reciben ingresos doutros membros do fogar se non hai unha relación formal de traballo entre eles (por exemplo, as asignacións semanais ou mensuais que perciben os fillos para os seus gastos persoais ou os cartos que percibe da súa familia un estudante para pagar a estancia na cidade na que estuda).

Persoa de referencia

Na Enquisa estrutural a fogares a persoa de referencia é aquela persoa de 16 ou máis anos que é considerada polos membros do fogar como o cabeza de familia. Se nun fogar non é posible determinar a persoa de referencia, establecerase que esta sexa a que proporciona a información sobre o resto das persoas do fogar.
En Emprego do tempo considérase persoa de referencia a aquel membro do fogar que sexa designado polo fogar como tal.
No censo de 2011 a persoa de referencia do fogar é a que ocupa o número 1 da lista que se inclúe nos cuestionarios de persoas da vivenda.

Persoa dependente

Considérase persoa dependente a persoa necesitada de axuda ou coidado por razóns de discapacidade, vellez ou enfermidade.

Persoa principal

Na Enquisa estrutural a fogares o criterio para determinar a persoa principal do fogar é o seguinte:

  • A persoa principal do fogar é a persoa de referencia se no ano natural anterior á realización da enquisa tivo ingresos de traballo ao menos durante 6 meses.
  • No caso de que non cumpra o anterior, será o seu cónxuxe ou parella sempre que nese ano natural tivera ingresos de traballo ao menos durante 6 meses.
  • No caso de que non teña parella ou esta non cumpra o anterior, será o fillo de maior idade que nese ano natural tivera ingresos de traballo ao menos durante 6 meses.
  • No caso de non existir esa persoa, a persoa principal será o pai ou a nai da persoa de referencia se nese ano natural tivo ingresos de traballo ao menos durante 6 meses. Se ambos cumpren a condición, escollerase o de maior idade.
  • Se non se cumpre ningunha das condicións anteriores, a persoa principal é a primeira persoa con 16 ou máis anos indicada polo fogar.
Ata a edición de 2007 o criterio para determinar a persoa principal do fogar era o seguinte:
  • A persoa principal do fogar é a persoa de referencia se é ocupada.
  • No caso de que non sexa ocupada, será o seu cónxuxe ou parella sempre que sexa ocupado.
  • No caso de que non teña parella ou esta non sexa ocupada, será o fillo de maior idade que estea ocupado.
  • No caso de non existir esa persoa, a persoa principal será o pai ou a nai da persoa de referencia se é ocupada.
  • Se non se cumpre ningunha das condicións anteriores, a persoa principal é a persoa de referencia.

Persoal doméstico interno

É aquel que dorme habitualmente catro ou máis noites no fogar no que traballa. É membro do fogar no que traballa sempre que non teña outro fogar que considere como o seu fogar familiar principal.

Sustentador principal

É a persoa membro do fogar que tivo os maiores ingresos no ano natural anterior á realización da enquisa (ata a edición de 2007 nos doce meses anteriores ao mes do domingo da semana de referencia).
No caso de ser varias as que tiveran o mesmo ingreso máximo aplícase o seguinte criterio:

  • Se algunha das persoas con ingresos similares máximos é a persoa de referencia, esta será o sustentador principal.
  • De non estar a persoa de referencia entre as que teñen o mesmo ingreso máximo, o sustentador principal será aquela que teña a menor idade delas.

Taxa de risco de pobreza

Porcentaxe de persoas cun ingreso equivalente inferior ao limiar do risco de pobreza.

Taxa de risco de pobreza antes de transferencias sociais

Porcentaxe de persoas cun ingreso equivalente (antes de transferencias) inferior ao limiar de risco de pobreza (antes de transferencias). Para o seu cálculo non se contabilizan dentro dos ingresos dos fogares as transferencias sociais (prestacións contributivas e non contributivas, prestacións e subsidios por desemprego) e, posteriormente, recalcúlanse os ingresos equivalentes, a mediana e o limiar de risco de pobreza antes de transferencias (60% da mediana).

Taxa de risco de pobreza despois de aforro en alimentos

Porcentaxe de persoas cun ingreso equivalente (despois de aforro en alimentos) inferior ao limiar de risco de pobreza (despois de aforro en alimentos). Para o seu cálculo contabilízase dentro dos ingresos dos fogares o aforro causado ao fogar por non ter que comprar algúns alimentos producidos polo propio fogar ou ben regalados por algún familiar ou amigo e, posteriormente, recalcúlanse os ingresos equivalentes, a mediana e o limiar de risco de pobreza despois de aforro en alimentos (60% da mediana).

Taxa de risco de pobreza despois de aluguer imputado

Porcentaxe de persoas cun ingreso equivalente (despois de aluguer imputado) inferior ao limiar de risco de pobreza (despois de aluguer imputado). Para o seu cálculo contabilízase dentro dos ingresos dos fogares o aluguer imputado. O aluguer imputado é o equivalente ao aluguer que se pagaría a prezo de mercado por unha vivenda de características similares á vivenda na que reside o fogar menos o aluguer que realmente se paga. Aplícase, polo tanto, aos fogares que non pagan un aluguer por ser propietarios e a aqueles que ocupan unha vivenda alugada a un prezo inferior ao de mercado. Posteriormente recalcúlanse os ingresos equivalentes, a mediana e o limiar de risco de pobreza despois de aluguer imputado (60% da mediana).

Taxa de risco de pobreza ou exclusión social (estratexia Europa 2020)

A poboación en risco de pobreza ou exclusión social é aquela que está nalgunha das seguintes situacións:

  • En risco de pobreza: o ingreso por unidade de consumo está por debaixo do 60% da mediana dos ingresos por unidade de consumo
  • En carencia material severa
  • Persoas de 0 a 59 anos que viven en fogares sen ingresos de traballo ou con baixa intensidade de ingresos de traballo, é dicir, onde o número de días que os adultos de 18 a 59 anos dese fogar tiveron ingresos por traballo supón ata o 20% do número total de días que poderían telos durante o ano natural anterior á realización da enquisa

Taxa de risco de pobreza ou exclusión social (estratexia Europa 2030)

A poboación en risco de pobreza ou exclusión social é aquela que está nalgunha das seguintes situacións:

  • En risco de pobreza: o ingreso por unidade de consumo está por debaixo do 60% da mediana dos ingresos por unidade de consumo.
  • En carencia material e social severa.
  • Persoas de 0 a 64 anos que viven en fogares con baixa intensidade laboral.

Vivenda familiar

É a vivenda destinada a ser habitada por unha ou varias persoas, xeral pero non necesariamente unidas por parentesco, e que non constitúen un colectivo. A pesar de non cumprir estritamente a definición, tamén se consideran vivendas familiares os aloxamentos.

As vivendas familiares inclúense no Censo de Vivendas, con independencia de que estean ocupadas ou non no momento censual.

Vivenda familiar principal

Vivenda familiar que se utiliza toda ou a maior parte do ano como residencia habitual dunha ou máis persoas.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo