IGE -

Definicións. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada


Afiliación principal

Trátase da afiliación que se vai empregar para asignar as características da relación laboral (tipo de contrato, tipo de xornada, actividade económica e grupo de cotización) á persoa cotizante, na estatística Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada. Para determinar cal é a afiliación principal, utilízanse os seguintes criterios:

  • En primeiro lugar, a de maior duración no mes de referencia.
  • No caso de empate en duración en dúas ou máis afiliacións, selecciónase aquela coa base de cotización de maior importe no mes de referencia.
  • No caso de empate nos dous criterios anteriores, isto é, que a persoa conte con dúas ou máis afiliacións de igual duración e igual base de cotización no mes de referencia, selecciónase a afiliación na que o código de conta de cotización teña un valor numérico superior.

Base de cotización para continxencias comúns por conta allea

A base de cotización para as diversas continxencias e situacións amparadas pola acción protectora da Seguridade Social está constituída pola remuneración total, calquera que sexa a súa forma ou denominación, que con carácter mensual teña dereito a percibir a persoa traballadora ou asimilada, ou a que efectivamente perciba de ser esta superior. As percepcións de vencemento superior ao mensual distribuiranse ao longo dos doce meses do ano.
Considérase remuneración á totalidade das percepcións económicas, sexan en diñeiro ou en especie. Así mesmo, hai que ter en conta que as bases de cotización ao Sistema da Seguridade Social non poden ser superiores ao límite máximo fixado para cada exercicio económico na correspondente Lei de Orzamentos Xerais do Estado. Nalgúns réximes de cotización, como é o caso do Réxime Xeral, tamén se fixan uns límites mínimos de cotización, en función do grupo de cotización da persoa. Se a base non se atopa comprendida entre a contía mínima e máxima correspondente ao grupo de cotización do traballador ou da traballadora, esta cotizará pola base mínima (se a cantidade resultante é menor) ou máxima (se é maior).

Persoas afiliadas á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador ou da traballadora e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador ou a traballadora afíliase cando comeza a súa vida laboral e se dá de alta nalgún dos rexímenes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado ou dada de baixa pero seguirá afiliado ou afiliada en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

Réxime Xeral

É o réxime que conta con maior número de persoas afiliadas dentro da estrutura do Sistema da Seguridade Social. Estarán incluídos no Réxime Xeral, entre outras, as seguintes categorías de traballadores e traballadoras:

  • Os traballadores e as traballadoras españolas por conta allea da industria e dos servizos e asimilados a estes, que exerzan normalmente a súa actividade no territorio nacional.
  • Os socios e socias traballadoras de sociedades laborais e de sociedades mercantís capitalistas.
  • Os traballadores e as traballadoras españolas non residentes en territorio nacional ao servizo da Administración española no exterior.
  • Os estranxeiros e as estranxeiras con permiso de residencia e de traballo en España que traballen por conta allea na industria ou nos servizos e exerzan a súa actividade en territorio nacional.
  • Persoal (funcionario ou laboral) da Administración Local.
  • Laicos ou segrares que presten servizos retribuídos en institucións eclesiásticas.
  • As persoas que presten servizos retribuídos en entidades ou institucións de carácter benéfico social.
  • Funcionarios e funcionarias en prácticas que aspiren a incorporarse a corpos ou escalas que non estean suxeitos ao réxime de clases pasivas, así como os altos cargos das administracións públicas que non sexan funcionarios; tamén, os funcionarios e as funcionarias de novo ingreso das Comunidades Autónomas.
  • Funcionarios e funcionarias transferidas ás Comunidades Autónomas, que ingresen voluntariamente en corpos ou escalas propios da Comunidade Autónoma de destino; tamén se inclúe o persoal interino ao servizo da Administración de Xustiza.
  • Os seguintes Rexímenes Especiais integrados:
    • Representantes de comercio.
    • Artistas.
    • Profesionais taurinos.
  • Os seguintes Sistemas Especiais:
    • Traballadores e traballadoras fixas descontinuas de empresas de estudos de mercado e opinión pública.
    • Traballadores e traballadoras fixas descontinuas de cines, salas de baile e de festa e discotecas.
    • Manipulado e empaquetado de tomate fresco, realizado por colleiteiros/as exportadores/as.
    • Servizos extraordinarios de hostalería.
    • Industria da resina.
    • Froitas, hortalizas e industria de conservas vexetais.
    • Agrario: con efecto o día 1 de xaneiro de 2012 os traballadores e as traballadoras do Réxime Especial Agrario (conta allea) inclúense dentro do Réxime Xeral da Seguridade Social, mediante a creación do Sistema Especial Agrario.
    • Empregados e empregadas do fogar: desde o día 1 de xaneiro de 2012 os traballadores e as traballadoras incluídas no Réxime Especial de Empregados/as do Fogar quedan integradas dentro do Réxime Xeral, mediante a creación do Sistema Especial para Empregados/as do Fogar.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo