IGE -

Definicións. Enquisa de poboación activa. Estudo sobre a relación coa actividade da poboación xuvenil


Asalariados

Nas operacións do Sistema de contas económicas son todas as persoas que, mediante un acordo, traballan para outras unidades institucionais residentes e reciben unha remuneración.

Na información procedente das fontes tributarias defínese coma o número de persoas que reciben unha contraprestación pecuniaria en concepto de rendemento do traballo, contadas de forma única independentemente de que traballasen para unha ou varias empresas ou entidades. Este colectivo está formado polas persoas que reciben percepcións declaradas na clave A do Modelo 190 da "Declaración anual de retencións sobre as rendas de traballo" (empregados por conta allea en xeral).

Na Enquisa aos demandantes de emprego comprende a todas as persoas que na semana de referencia estiveran traballando para un empresario privado ou público a cambio dun soldo, salario, comisión, pagos segundo resultado, gratificación ou calquera outra forma de remuneración en metálico ou en especie. As persoas que traballan na empresa dun familiar percibindo unha remuneración regulamentada deben incluírse nesta categoría. Inclúense tamén como asalariados os socios ou traballadores das sociedades anónimas laborais que teñan unha situación laboral e legal de asalariados. As persoas que cumpran os requisitos para ser asalariados non perden a dita condición aínda no caso de que paguen directamente os impostos por rendemento do traballo persoal e/ou as cotizacións á Seguridade Social. Os xestores, directores ou outros empregados asalariados que non son donos da empresa na que traballan, clasifícanse como traballadores por conta allea, aínda que exerzan as mesmas funcións que os empresarios coma, por exemplo, a contratación ou o despido, en nome das empresas, doutros traballadores.
Como regra xeral, pódese dicir que un asalariado é unha persoa remunerada directa ou indirectamente, en diñeiro ou en especie, en función da cantidade de traballo que realiza (incluído o pago a comisión), con independencia do valor da produción ou da rendibilidade do proceso produtivo. Pode ocorrer que por razóns legais un asalariado teña contrato de autónomo. Neste caso consideraremos á persoa coma asalariada se cumpre as condicións antes descritas. Polo contrario, un traballador independente recibe unha renda que está en función do valor da produción do proceso produtivo do que é responsable, sexa moito ou pouco o traballo aportado.

Na Enquisa de poboación activa os asalariados son persoas con traballo por conta allea ou asalariados todas as que entren nas seguintes categorías:

  • Traballando: persoas que durante a semana de referencia traballaron, incluso de forma esporádica ou ocasional, polo menos unha hora a cambio dun soldo, salario ou outra forma de retribución conexa, en metálico ou en especie.
  • Con emprego pero sen traballar: persoas que, xa tendo traballado no seu emprego actual, estean ausentes do mesmo durante a semana de referencia (por causa de enfermidade, accidente, conflito laboral, suspensión disciplinaria de emprego e soldo, vacacións, licenza de estudos,...) e manteñan un estreito vínculo co emprego. A forza deste vínculo determinase de acordo coa crenza do entrevistado de reincorporarse ou non á empresa e na percepción ou non dalgún tipo de remuneración.
Os membros activos das forzas armadas figuran tamén entre a poboación asalariada. Non se consideran asalariados:
  • Os empresarios e os traballadores independentes, aínda que estiveran contratados como asalariados na súa propia empresa.
  • Os traballadores familiares non remunerados (axudas familiares) e os membros de cooperativas que traballan nelas.
  • As persoas ausentes do seu traballo, con licenza ou suspendidas que estean debilmente vinculadas ao seu emprego.
  • Os traballadores estacionais, ocasionais ou descontinuos por conta allea na época de menor actividade que non estivesen traballando na semana de referencia.
Considérase que os asalariados teñen un contrato ou relación laboral temporal cando o seu remate queda fixado por condicións obxectivas, tales como a expiración dun prazo, a realización dunha tarefa de terminada, etc. Noutro caso, considérase que o contrato, ou relación laboral, é indefinido.

Os asalariados subdivídense en: asalariados do sector público e asalariados do sector privado. Entre os primeiros están incluídos tanto os funcionarios como os contratados laborais, independentemente de que traballen con carácter fixo ou temporal.

Axuda familiar

Persoas que traballan sen remuneración regulamentaria na empresa dun familiar co que conviven

Nivel de formación (CNED-2000)

  • Z Analfabetos
    • 80 Analfabetos
  • B Educación primaria
    • 11 Estudos primarios incompletos
    • 12 Estudos primarios completos
  • C Ensinanzas para a formación e inserción laboral que non precisan dunha titulación académica da primeira etapa de secundaria para a súa realización (máis de 300 horas)
    • 21 Ensinanzas para a formación e inserción laboral que non precisan dunha titulación académica da primeira etapa de secundaria para a súa realización (máis de 300 horas)
  • D Primeira etapa de educación secundaria
    • 22 Primeira etapa de educación secundaria sen título de graduado escolar ou equivalente
    • 23 Primeira etapa de educación secundaria con título de graduado escolar ou equivalente
  • E Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudios secundarios de primeira etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
    • 31 Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudios secundarios de primeira etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
  • F Segunda etapa de educación secundaria
    • 32 Ensinanzas de bacharelato
    • 33 Ensinanzas de grao medio de formación profesional específica, artes plásticas e deseño e deportivas
    • 34 Ensinanzas de grao medio de música e danza
  • G Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudos secundarios de segunda etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
    • 41 Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudos secundarios de segunda etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
  • H Ensinanzas de grao superior de formación profesional específica e equivalentes, artes plásticas e deseño e deportivas
    • 51 Ensinanzas de grao superior de formación profesional específica e equivalentes, artes plásticas e deseño e deportivas
  • I Outras ensinanzas de 2 e máis anos que precisan do título de Bacharelato
    • 52Títulos propios de universidades e outras ensinanzas que precisan do título de bacharelato (2 e máis anos)
    • 53Ensinanzas para la formación e inserción laboral que precisan dunha formación profesional de grao superior para a súa realización (máis de 300 horas)
  • J Ensinanza universitaria de primeiro ciclo e segundo ciclo
    • 54 Ensinanzas universitarias de primeiro ciclo e equivalentes ou persoas que aprobaron 3 cursos completos dunha licenciatura ou créditos equivalentes
    • 55 Ensinanzas universitarias de primeiro e segundo ciclo, de só segundo ciclo e equivalentes
  • K Estudos oficiais de especialización profesional
    • 56 Estudos oficiais de especialización profesional
  • L Ensinanza universitaria de terceiro ciclo
    • 61 Doutorado universitario

Perceptores de ingresos

Na Enquisa de poboación activa (EPA) considéranse perceptores de ingresos a todas aquelas persoas que, na semana de referencia, percibiron algún tipo de ingreso económico. O concepto de ingreso económico inclúe tanto o salario, como os diferentes tipos de pensións (xubilación, prexubilación, discapacidade, ...) ou prestacións por desemprego.
Na Enquisa estrutural a fogares (EEF) os perceptores de ingresos son as persoas de 16 ou máis anos que percibiron ingresos monetarios no ano natural anterior á realización da enquisa (ata a edición de 2007 nos doce meses anteriores ao mes do domingo da semana de referencia), independentemente de que a percepción tivera carácter regular ou non, e a fonte destes ingresos. Non se inclúen como perceptores as persoas que pertencen ao fogar e que reciben ingresos doutros membros do fogar se non hai unha relación formal de traballo entre eles (por exemplo, as asignacións semanais ou mensuais que perciben os fillos para os seus gastos persoais ou os cartos que percibe da súa familia un estudante para pagar a estancia na cidade na que estuda).

Poboación activa

Son as persoas que, nun período de referencia dado, subministran man de obra para a produción de bens e servizos económicos ou que están dispoñibles e fan xestións para incorporarse a dita produción. Comprende a todas as persoas de 16 ou máis anos que cumpren as condicións necesarias para a súa inclusión entre as persoas ocupadas ou paradas.

Poboación contada a parte

Os homes que cumpren o servizo militar ou prestación social sustitutoria son considerados poboación contada a parte. Este concepto desapareceu en decembro de 2001.

Poboación inactiva

Abrangue todas as persoas de 16 e máis anos non clasificadas como ocupadas ou paradas.
Os inactivos clasifícanse segundo a súa situación persoal nas seguintes categorías funcionais:

  • Persoas que se ocupan do seu fogar.
  • Estudantes.
  • Xubilados ou prexubilados.
  • Persoas que perciben unha pensión distinta á de xubilación ou prexubilación.
  • Persoas que realizan sen remuneración traballos sociais, actividades de tipo benéfico...
  • Incapacitados para traballar.
  • Outra situación. Persoas que, sen exercer ningunha actividade económica, reciben axuda pública ou privada e todas aquelas que non están incluidas en ningunha das categorías anteriores.

Poboación ocupada

Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia tiveron un traballo por conta allea ou exerceron unha actividade por conta propia, nalgunha das seguintes situacións:

  • traballando polo menos unha hora por un soldo, salario ou beneficio empresarial ou ganancia familiar en metálico ou en especie
  • con emprego pero sen traballar por razóns de enfermidade ou accidente, vacacións, festas, mal tempo ou razóns análogas. Tamén se consideran dentro desta categoría as persoas que, estando suspendidas ou separadas do seu emprego como consecuencia dunha regulación de emprego, esperan reincorporarse a súa empresa.

Poboación parada

Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia estiveron sen traballo, dispoñibles para traballar e buscando emprego. Son parados tamén os que atoparon un traballo e están esperando incorporarse, sempre que se verifiquen as dúas primeiras condicións.
Segundo o Regulamento 1897/2000 da Comisión Europea, os únicos métodos de busca de emprego considerados activos son:

  • Estar en contacto cunha oficina pública de emprego co fin de atopar traballo, calquera que sexa a parte que tomase a iniciativa (a renovación da inscrición por razóns puramente administrativas non constitúe unha postura activa).
  • Estar en contacto cunha oficina privada (oficina de emprego temporal, empresa especializada en contratación...) coa fin de atopar traballo.
  • Enviar unha candidatura directamente aos empregadores.
  • Indagar a través de relacións persoais, por mediación de sindicatos, ...
  • Anunciarse ou responder a anuncios de periódicos.
  • Estudar as ofertas de emprego.
  • Participar nunha proba, concurso ou entrevista, no marco dun procedemento de contratación.
  • Buscar terreos, locais ou material.
  • Realizar xestións para obter permisos, licenzas ou recursos financeiros.

Taxa de actividade

Porcentaxe do número total de activos sobre a poboación total (poboación de 16 ou máis anos).

Taxa de ocupación

Porcentaxe de ocupados sobre a poboación de 16 ou máis anos

Taxa de paro

Porcentaxe de parados sobre o total de activos.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo