IGE -

Definicións. Enquisa de poboación activa (EPA)


Accidente laboral

O concepto de accidente laboral axústase ao da definición dada polas estatísticas europeas de accidentes laborais para garantir a comparabilidade, e inclúe:

  • Os accidentes durante a xornada laboral: aqueles que se producen durante a xornada laboral, é dicir, no traballo ou no transcurso do traballo.
  • Os accidentes “in itinere”: aqueles que teñen lugar nalgún dos desprazamentos que se realizan entre o domicilio e o posto de traballo, ou entre o lugar habitual de comida e o posto de traballo

Asalariados

Nas operacións do Sistema de contas económicas son todas as persoas que, mediante un acordo, traballan para outras unidades institucionais residentes e reciben unha remuneración.

Na información procedente das fontes tributarias defínese coma o número de persoas que reciben unha contraprestación pecuniaria en concepto de rendemento do traballo, contadas de forma única independentemente de que traballasen para unha ou varias empresas ou entidades. Este colectivo está formado polas persoas que reciben percepcións declaradas na clave A do Modelo 190 da "Declaración anual de retencións sobre as rendas de traballo" (empregados por conta allea en xeral).

Na Enquisa aos demandantes de emprego comprende a todas as persoas que na semana de referencia estiveran traballando para un empresario privado ou público a cambio dun soldo, salario, comisión, pagos segundo resultado, gratificación ou calquera outra forma de remuneración en metálico ou en especie. As persoas que traballan na empresa dun familiar percibindo unha remuneración regulamentada deben incluírse nesta categoría. Inclúense tamén como asalariados os socios ou traballadores das sociedades anónimas laborais que teñan unha situación laboral e legal de asalariados. As persoas que cumpran os requisitos para ser asalariados non perden a dita condición aínda no caso de que paguen directamente os impostos por rendemento do traballo persoal e/ou as cotizacións á Seguridade Social. Os xestores, directores ou outros empregados asalariados que non son donos da empresa na que traballan, clasifícanse como traballadores por conta allea, aínda que exerzan as mesmas funcións que os empresarios coma, por exemplo, a contratación ou o despido, en nome das empresas, doutros traballadores.
Como regra xeral, pódese dicir que un asalariado é unha persoa remunerada directa ou indirectamente, en diñeiro ou en especie, en función da cantidade de traballo que realiza (incluído o pago a comisión), con independencia do valor da produción ou da rendibilidade do proceso produtivo. Pode ocorrer que por razóns legais un asalariado teña contrato de autónomo. Neste caso consideraremos á persoa coma asalariada se cumpre as condicións antes descritas. Polo contrario, un traballador independente recibe unha renda que está en función do valor da produción do proceso produtivo do que é responsable, sexa moito ou pouco o traballo aportado.

Na Enquisa de poboación activa os asalariados son persoas con traballo por conta allea ou asalariados todas as que entren nas seguintes categorías:

  • Traballando: persoas que durante a semana de referencia traballaron, incluso de forma esporádica ou ocasional, polo menos unha hora a cambio dun soldo, salario ou outra forma de retribución conexa, en metálico ou en especie.
  • Con emprego pero sen traballar: persoas que, xa tendo traballado no seu emprego actual, estean ausentes do mesmo durante a semana de referencia (por causa de enfermidade, accidente, conflito laboral, suspensión disciplinaria de emprego e soldo, vacacións, licenza de estudos,...) e manteñan un estreito vínculo co emprego. A forza deste vínculo determinase de acordo coa crenza do entrevistado de reincorporarse ou non á empresa e na percepción ou non dalgún tipo de remuneración.
Os membros activos das forzas armadas figuran tamén entre a poboación asalariada. Non se consideran asalariados:
  • Os empresarios e os traballadores independentes, aínda que estiveran contratados como asalariados na súa propia empresa.
  • Os traballadores familiares non remunerados (axudas familiares) e os membros de cooperativas que traballan nelas.
  • As persoas ausentes do seu traballo, con licenza ou suspendidas que estean debilmente vinculadas ao seu emprego.
  • Os traballadores estacionais, ocasionais ou descontinuos por conta allea na época de menor actividade que non estivesen traballando na semana de referencia.
Considérase que os asalariados teñen un contrato ou relación laboral temporal cando o seu remate queda fixado por condicións obxectivas, tales como a expiración dun prazo, a realización dunha tarefa de terminada, etc. Noutro caso, considérase que o contrato, ou relación laboral, é indefinido.

Os asalariados subdivídense en: asalariados do sector público e asalariados do sector privado. Entre os primeiros están incluídos tanto os funcionarios como os contratados laborais, independentemente de que traballen con carácter fixo ou temporal.

Axuda familiar

Persoas que traballan sen remuneración regulamentaria na empresa dun familiar co que conviven

Certificado de discapacidade

É o recoñecemento administrativo da discapacidade. O seu obxectivo é compensar as desvantaxes sociais que a discapacidade implica, proporcionando acceso a dereitos e prestacións de distinto tipo, con vistas a equiparar oportunidades.
Para a concesión deste certificado é preciso que a valoración do grao de discapacidade outorgada sexa superior ou igual ao 33%. A clasificación do grao de discapacidade responde a criterios técnicos unificados e serán obxecto de valoración tanto as discapacidades que presente a persoa como, no seu caso, os factores sociais que dificulten a súa integración social.

Coidado a adultos dependentes

No módulo sobre conciliación entre vida laboral e familiar da Enquisa de poboación activa (EPA) considéranse coidados a adultos dependentes a seguintes actividades:

  • Coidado persoal (aseo, axuda para vestirse, axuda para comer, etc.)
  • Axuda física (por exemplo, para moverse ou camiñar).
  • Axuda en asuntos financeiros.
  • Axuda en tarefas domésticas (limpeza da casa, lavado de roupa, etc.)
  • Facer compaña, visitar, conversar.
Non se considera como coidado a adultos dependentes a axuda económica nin o voluntariado de calquera tipo.

Coidado a menores

No módulo sobre conciliación entre vida laboral e familiar da Enquisa de poboación activa (EPA) considéranse coidados a menores a seguintes actividades:

  • Coidado persoal (aseo, axuda para vestirse, axuda para comer, etc.)
  • Axuda na realización de tarefas escolares.
  • Xogos.
  • Lectura.
  • Vixilancia.
  • Paseos.
Non se considera como coidado a nenos a axuda económica nin o voluntariado de calquera tipo.

Dependencia

Estado de carácter permanente no que se atopan as persoas que, por razóns derivadas da idade, enfermidade ou discapacidade, e ligadas á falta ou perda de autonomía física, mental, intelectual ou sensorial, precisan da atención doutras persoas ou axudas importantes para realizar actividades básicas da vida diaria ou, no caso das persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental, doutros apoios para a súa autonomía persoal.

Discapacidade

Segundo a Clasificación Internacional do Funcionamento, da Discapacidade e da Saúde (CIF) da Organización Mundial da Saúde, enténdese por discapacidade a situación resultante da interacción entre a condición da saúde e os factores contextuais que restrinxe a participación da persoa.

Enfermidade laboral

Enfermidade laboral é toda aquela provocada ou empeorada por mor do seu traballo actual ou pasado.

Nivel de formación (CNED-2000)

  • Z Analfabetos
    • 80 Analfabetos
  • B Educación primaria
    • 11 Estudos primarios incompletos
    • 12 Estudos primarios completos
  • C Ensinanzas para a formación e inserción laboral que non precisan dunha titulación académica da primeira etapa de secundaria para a súa realización (máis de 300 horas)
    • 21 Ensinanzas para a formación e inserción laboral que non precisan dunha titulación académica da primeira etapa de secundaria para a súa realización (máis de 300 horas)
  • D Primeira etapa de educación secundaria
    • 22 Primeira etapa de educación secundaria sen título de graduado escolar ou equivalente
    • 23 Primeira etapa de educación secundaria con título de graduado escolar ou equivalente
  • E Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudios secundarios de primeira etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
    • 31 Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudios secundarios de primeira etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
  • F Segunda etapa de educación secundaria
    • 32 Ensinanzas de bacharelato
    • 33 Ensinanzas de grao medio de formación profesional específica, artes plásticas e deseño e deportivas
    • 34 Ensinanzas de grao medio de música e danza
  • G Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudos secundarios de segunda etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
    • 41 Ensinanzas para a formación e inserción laboral que precisan dunha titulación de estudos secundarios de segunda etapa para a súa realización (máis de 300 horas)
  • H Ensinanzas de grao superior de formación profesional específica e equivalentes, artes plásticas e deseño e deportivas
    • 51 Ensinanzas de grao superior de formación profesional específica e equivalentes, artes plásticas e deseño e deportivas
  • I Outras ensinanzas de 2 e máis anos que precisan do título de Bacharelato
    • 52Títulos propios de universidades e outras ensinanzas que precisan do título de bacharelato (2 e máis anos)
    • 53Ensinanzas para la formación e inserción laboral que precisan dunha formación profesional de grao superior para a súa realización (máis de 300 horas)
  • J Ensinanza universitaria de primeiro ciclo e segundo ciclo
    • 54 Ensinanzas universitarias de primeiro ciclo e equivalentes ou persoas que aprobaron 3 cursos completos dunha licenciatura ou créditos equivalentes
    • 55 Ensinanzas universitarias de primeiro e segundo ciclo, de só segundo ciclo e equivalentes
  • K Estudos oficiais de especialización profesional
    • 56 Estudos oficiais de especialización profesional
  • L Ensinanza universitaria de terceiro ciclo
    • 61 Doutorado universitario

Pensión (Módulo sobre a transición da vida laboral á xubilación)

No Módulo sobre a transición da vida laboral á xubilación da EPA téñense en conta todo tipo de pensións, é dicir, tanto as públicas como as privadas; as obrigatorias ou as voluntarias; as baseadas nos ingresos dos beneficiarios ou as pensións mínimas e, por último, tanto as contributivas (definidas en función dos anos de traballo, o salario percibido e as contribucións feitas para as pensións) como as non contributivas. En concreto, as pensións sobre as que se indaga no módulo son as seguintes:

  • Pensións de xubilación
  • Pensións de prexubilación
  • Pensións distintas das de xubilación e prexubilación
Dentro das pensións de xubilación inclúense as seguintes categorías:
  • Pensións do Sistema Público: as incluídas na categoría A:
    • Pensións contributivas de xubilación de calquera dos Réximes do Sistema da Seguridade Social (Réxime Xeral, Réxime Especial, Réxime Comunitario da Seguridade Social ou Convenios bilaterais coa Seguridade Social)
    • Pensión de vellez do Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez (SOVI)
    • Pensión de xubilación de Clases Pasivas
    • Pensión non contributiva de xubilación do Sistema da Seguridade Social
    • Pensión de xubilación derivada da Guerra Civil a Ex-combatentes e Forzas e Institutos Armados da República
    • Pensións de xubilación derivadas de Actos de Terrorismo
    • Pensións de xubilación anticipada de calquera dos Réximes do Sistema da Seguridade Social
    • Pensión de xubilación anticipada de Clases Pasivas
    • Pensión de xubilación parcial do Sistema da Seguridade Social
  • Pensións de Sistemas Ocupacionais: as incluídas na categoría B:
    • Pensión de xubilación de calquera das Mutualidades de Previsión Social
    • Pensión de xubilación procedente de Plans de Pensións de Emprego
  • Pensións de Sistemas Privados: as incluídas na categoría C, é dicir, pensións de xubilación procedentes de plans individuais de emprego
Tamén se considerarán pensións de xubilación as denominadas pensións de xubilación flexibles, que se caracterizan por ser pagos periódicos da parte proporcional da pensión total de xubilación aos traballadores maiores que compatibilizan a pensión de xubilación, unha vez causada, cun contrato a tempo parcial. Aplícase a todos os Réximes da Seguridade Social, excepto aos Réximes especiais de Funcionarios Civís do Estado, das Forzas Armadas e do persoal ao servizo da Administración de Xustiza.

No contexto do módulo considérase prexubilación á situación na que o traballador cumpre as tres condicións seguintes:
  • Cesou a súa actividade laboral por razóns do mercado laboral
  • Está percibindo unha asignación económica non considerada pensión de xubilación
  • Aínda non alcanzou a idade legal para acceder a unha pensión de xubilación
Nesta categoría inclúense as axudas previas á xubilación ordinaria a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas (prexubilacións propiamente ditas ou expedientes de regulación de emprego).

Dentro das pensións distintas ás de xubilación inclúense os seguintes grupos:
  • Pensións por discapacidade ou invalidez: e dentro destas, e ao igual que no caso das pensións de xubilación, inclúense distintos tipos de pensións do Sistema Público, de Sistemas Ocupacionais e de Sistemas Privados
  • Pensións de supervivencia: e dentro destas, e ao igual que no caso das pensións de xubilación, inclúense distintos tipos de pensións do Sistema Público, de Sistemas Ocupacionais e de Sistemas Privados

Pensión contributiva segundo Regulamentos Comunitarios de Seguridade Social

Corresponden a pensións para persoas que están ou estiveron suxeitas á lexislación dun ou varios estados membros, e sexan nacionais ou refuxiadas nun estado do Espazo Económico Europeo, en Suíza ou ben, sexan apátridas ou nacionais de terceiros países con residencial legal nun estado membro da Unión Europea (excepto Dinamarca e Reino Unido).

Pensión de vellez do Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez (SOVI)

SOVI é un réxime residual que se aplica aos trabaladores, traballadoras e aos seus e ás súas derechohabientes que, ao reunir os requisitos esixidos pola lexislación deste réxime extinto, non teñan dereito a unha pensión do actual Sistema da Seguridade Social.

Pensión de xubilación

As pensións de xubilación teñen como obxectivo manter o nivel de vida da poboación que abandona o mercado laboral por razóns de idade, protexéndoa da pobreza. Inclúense os seguintes tipos de pensións:

  • Pensións de xubilación do sistema público
  • Pensións procedentes de plans de pensións de xubilación de empresa
  • Pensións procedentes de plans de xubilación persoais
Hai que ter en conta que, para os efectos do Módulo sobre pensións e participación no mercado laboral da EPA, unha vez que a persoa beneficiaria dunha pensión de invalidez ou dunha pensión de supervivencia acada a idade de xubilación legal/estándar, considérase que percibe unha pensión de xubilación.

Pensións de xubilación do Sistema Público

Son as que cobren a provisión de protección social contra os riscos vinculados á vellez: perda de ingresos, ingresos inadecuados e falta de independencia na realización das tarefas cotiás, menor participación na vida social, etc. A atención médica das persoas anciás non se ten en conta, xa que os gastos de asistencia sanitaria consígnanse na partida dedicada a enfermidade e atención sanitaria.
O Sistema Público de Pensións recoñece dúas modalidades:

  • Contributiva: require dun período mínimo de cotización dos traballadores e das traballadoras á Seguridade Social; distínguense catro tipos:
    • Pensións do Réxime Xeral e dos Réximes Especiais da Seguridade Social
    • Pensión de vellez do Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez (SOVI)
    • Pensión contributiva segundo os Regulamentos Comunitarios de Seguridade Social
    • Pensión segundo convenios bilaterais doutros países coa Seguridade Social
    Non se inclúe dentro das pensións contributivas do Sistema Público de Pensións:
    • As compensacións mensuais dalgunha empresa, prestacións por desemprego e por pre-xubilación debido a razóns do mercado laboral, que son pagos periódicos a traballadores e traballadoras maiores que se xubilan antes de acadar a idade legal de xubilación, por atoparse en desemprego ou por redución dos postos de traballo como consecuencia de medidas económicas. Normalmente, estes pagos rematan cando a persoa adquire o dereito a percibir unha pensión de xubilación.
    • Prestación por redución da capacidade de traballo, é dicir, por discapacidade
  • Non contributiva: son prestacións económicas que se recoñecen ás persoas que, atopándose en situación de necesidade, carezan de recursos suficientes para a súa subsistencia nos termos legalmente establecidos, aínda que non cotizasen nunca ou non cotizasen o tempo suficiente para acadar unha prestación de nivel contributivo.

Pensións do Réxime Xeral e dos Réximes Especiais da Seguridade Social

Son as que cobren as seguintes casuísticas:

  • Xubilación ordinaria: xubilación á que poden acceder os traballadores e as traballadoras ao chegar á idade legal establecida para poder xubilarse sempre e cando cotizasen o número mínimo de anos requiridos pola Seguridade Social. Se a xubilación se produciu a partir da idade ordinaria e cunha porcentaxe aplicable á base reguladora do 100%, poderase pasar á situación de xubilación activa, que permite compatibilizar a pensión de xubilación cun traballo por conta propia ou allea, a xornada completa ou parcial. Nesta situación percíbese o 50% da pensión, excepto que a actividade que se realice sexa por conta propia e se acredite ter contratado polo menos a un traballador ou traballadora por conta allea (neste caso, a pensión acada o 100%).
  • Xubilación anticipada: cando se accede á xubilación antes da idade legal establecida e sempre que se teña o mínimo de anos cotizados establecidos en cada caso. A xubilación anticipada pode ser con ou sen redución da pensión normal.
  • Xubilación de clases pasivas (funcionarios e funcionarias en réxime especial): prodúcese ao cumprir os 65 anos, con algunhas excepcións (os corpos docentes universitarios, maxistratura, xuíces e xuízas, fiscais e letrados/as da Administración de Xustiza, así como os rexistradores e as rexistradoras da propiedade -estas últimas ingresadas antes do 1 de xaneiro de 2015- xubílanse forzosamente aos 70 anos).
  • Xubilación de clases pasivas por retiro voluntario aos 60 anos (funcionarios e funcionarias en réxime especial): prodúcese sempre que teñan recoñecidos 30 anos de servizo.
  • Xubilación parcial: permite ao traballador ou á traballadora, de común acordo coa empresa, reducir a xornada de traballo entre un 25% e un 50%, e pasa a percibir a pensión de xubilación na cantidade proporcional inversa á redución da xornada. No caso de que a persoa non teña cumprida a idade regulamentaria de xubilación, a empresa deberá concertar un contrato relevo con outro traballador ou traballadora.
  • Xubilación parcial da industria manufactureira: aplica a regulación para a modalidade de xubilación parcial con celebración de contrato de relevo, vixente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 27/2011, a pensións causadas antes do 1 de xaneiro de 2023 e baixo certos requisitos.
  • Xubilación flexible: permite ás persoas perceptoras dunha pensión de xubilación iniciar un traballo a tempo parcial cunha redución de xornada comprendida entre o 25% e o 50% sobre a xornada habitual da actividade e compatibilizalo coa pensión que estaba cobrando, reducida proporcionalmente á porcentaxe de xornada traballada a tempo parcial. Pódese aplicar a todos os réximes da Seguridade Social, excepto aos réximes de funcionarios e funcionarias civís do Estado, das Forzas Armadas e ao persoal ao servizo da Administración de Xustiza.
  • Xubilación especial aos 64 anos: desaparece a partir do día 1 de xaneiro de 2013, aínda que se mantén para as persoas ás que lles sexa de aplicación a Lei 27/2011, isto é, a traballadores e traballadoras de empresas que, en virtude dun convenio ou pacto, están obrigadas a substituír simultaneamente á persoa que se xubila por outra que se atope inscrita como desempregada na oficina de emprego.

Pensións por discapacidade ou invalidez

De acordo co manual do Sistema Europeo Integrado de Estatísticas de Protección Social (SEEPROS), as pensións de invalidez comprenden as prestacións que proporcionan un ingreso a persoas por debaixo da idade legal de xubilación establecida no réxime de referencia, cuxa capacidade para traballar estea impedida máis alá dun nivel mínimo establecido pola lexislación por unha discapacidade física ou mental.
Inclúense as pensións por discapacidade ou invalidez do sistema público así como os plans de pensións para persoas con discapacidade, tanto de empresa como individuais.
Unha vez que a persoa beneficiaria dunha pensión de invalidez acada ou supera a idade legal de xubilación, considérase que recibe unha pensión de vellez e rexístrase como percibindo unha pensión de xubilación.

Pensións por incapacidade ou invalidez do Sistema Público

As pensións por discapacidade ou invalidez do Sistema Público poden ser contributivas ou non contributivas e tense dereito a elas en función dos diferentes graos de incapacidade:

  • Incapacidade permanente parcial para a profesión habitual: a pesar de non acadar o grao total, ocasiona ao traballador ou á traballadora unha diminución igual ou superior ao 33% no seu rendemento normal para a profesión habitual, sen impedirlle realizar as tarefas fundamentais de dita profesión.
  • Incapacidade permanente total para a profesión habitual: inhabilita ao traballador ou á traballadora para poder realizar a totalidade ou as tarefas fundamentais da súa profesión, sempre e cando poida dedicarse a outra distinta.
  • Incapacidade permanente absoluta para todo traballo: inhabilita ao traballador ou á traballadora para calquera profesión ou oficio.
  • Gran invalidez: situación do traballador ou da traballadora cunha incapacidade permanente e que, debido ás perdas anatómicas ou funcionais, necesita de asistencia doutra persoa para os actos máis esenciais da vida, tales como vestirse, desprazarse, comer ou análogos.

Pensións procedentes de plans de pensións de xubilación de empresa (PPE)

Estes plans, tamén chamados plans de pensións de emprego, son contribucións que fan as entidades empregadoras, os e as empregados/as, ou ambas, en función dos ingresos, ou que fan as persoas que traballan por conta propia inscritas como autónomas. O obxectivo é complementar a pensión pública de xubilación da Seguridade Social. O máis común é que se establezan mediante contratos de traballo ou convenios sectoriais ou profesionais, negociados polos interlocutores sociais.

Pensións procedentes de plans de pensións persoais

Son plans privados voluntarios que fan persoas con calquera entidade financeira sen que teña que existir ningunha relación laboral entre elas. Teñen por obxectivo proporcionar aforro para o momento da xubilación e realízase con achegas de capital. Para os efectos do Módulo sobre pensións e participación no mercado laboral da EPA, non se teñen en conta neste grupo de pensións as que, unha vez chegada a idade de xubilación, se cobran nun único pago.

Perceptores de ingresos

Na Enquisa de poboación activa (EPA) considéranse perceptores de ingresos a todas aquelas persoas que, na semana de referencia, percibiron algún tipo de ingreso económico. O concepto de ingreso económico inclúe tanto o salario, como os diferentes tipos de pensións (xubilación, prexubilación, discapacidade, ...) ou prestacións por desemprego.
Na Enquisa estrutural a fogares (EEF) os perceptores de ingresos son as persoas de 16 ou máis anos que percibiron ingresos monetarios no ano natural anterior á realización da enquisa (ata a edición de 2007 nos doce meses anteriores ao mes do domingo da semana de referencia), independentemente de que a percepción tivera carácter regular ou non, e a fonte destes ingresos. Non se inclúen como perceptores as persoas que pertencen ao fogar e que reciben ingresos doutros membros do fogar se non hai unha relación formal de traballo entre eles (por exemplo, as asignacións semanais ou mensuais que perciben os fillos para os seus gastos persoais ou os cartos que percibe da súa familia un estudante para pagar a estancia na cidade na que estuda).

Poboación activa

Son as persoas que, nun período de referencia dado, subministran man de obra para a produción de bens e servizos económicos ou que están dispoñibles e fan xestións para incorporarse a dita produción. Comprende a todas as persoas de 16 ou máis anos que cumpren as condicións necesarias para a súa inclusión entre as persoas ocupadas ou paradas.

Poboación contada a parte

Os homes que cumpren o servizo militar ou prestación social sustitutoria son considerados poboación contada a parte. Este concepto desapareceu en decembro de 2001.

Poboación inactiva

Abrangue todas as persoas de 16 e máis anos non clasificadas como ocupadas ou paradas.
Os inactivos clasifícanse segundo a súa situación persoal nas seguintes categorías funcionais:

  • Persoas que se ocupan do seu fogar.
  • Estudantes.
  • Xubilados ou prexubilados.
  • Persoas que perciben unha pensión distinta á de xubilación ou prexubilación.
  • Persoas que realizan sen remuneración traballos sociais, actividades de tipo benéfico...
  • Incapacitados para traballar.
  • Outra situación. Persoas que, sen exercer ningunha actividade económica, reciben axuda pública ou privada e todas aquelas que non están incluidas en ningunha das categorías anteriores.

Poboación ocupada

Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia tiveron un traballo por conta allea ou exerceron unha actividade por conta propia, nalgunha das seguintes situacións:

  • traballando polo menos unha hora por un soldo, salario ou beneficio empresarial ou ganancia familiar en metálico ou en especie
  • con emprego pero sen traballar por razóns de enfermidade ou accidente, vacacións, festas, mal tempo ou razóns análogas. Tamén se consideran dentro desta categoría as persoas que, estando suspendidas ou separadas do seu emprego como consecuencia dunha regulación de emprego, esperan reincorporarse a súa empresa.

Poboación parada

Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia estiveron sen traballo, dispoñibles para traballar e buscando emprego. Son parados tamén os que atoparon un traballo e están esperando incorporarse, sempre que se verifiquen as dúas primeiras condicións.
Segundo o Regulamento 1897/2000 da Comisión Europea, os únicos métodos de busca de emprego considerados activos son:

  • Estar en contacto cunha oficina pública de emprego co fin de atopar traballo, calquera que sexa a parte que tomase a iniciativa (a renovación da inscrición por razóns puramente administrativas non constitúe unha postura activa).
  • Estar en contacto cunha oficina privada (oficina de emprego temporal, empresa especializada en contratación...) coa fin de atopar traballo.
  • Enviar unha candidatura directamente aos empregadores.
  • Indagar a través de relacións persoais, por mediación de sindicatos, ...
  • Anunciarse ou responder a anuncios de periódicos.
  • Estudar as ofertas de emprego.
  • Participar nunha proba, concurso ou entrevista, no marco dun procedemento de contratación.
  • Buscar terreos, locais ou material.
  • Realizar xestións para obter permisos, licenzas ou recursos financeiros.

Salario

Para a determinación dos salarios dos empregados por conta allea, na Mostra continua de vidas laborais utilízanse as percepcións declaradas na clave A do modelo 190 "Resumo anual de retencións e ingresos a conta do IRPF sobre rendementos do traballo, de determinadas actividades económicas, premios e determinadas imputacións de renda" da Axencia Tributaria. Esta clave inclúe todas as percepcións, monetarias ou en especie, satisfeitas pola persoa ou entidade declarante en concepto de rendementos do traballo. Estas retribucións incluirán, así mesmo, as dietas satisfeitas por desprazamentos e os gastos de viaxe por motivos de traballo exceptuados de gravame. É preciso aclarar, ademais, que se refire a percepcións salariais brutas, isto é, antes do pago de impostos e que estas inclúen, así mesmo, os importes correspondentes ás percepcións en especie.

Na "Enquisa de poboación activa. Decil de salarios do emprego principal" o concepto de salario utilizado é (segundo Regulamento CE núm. 377/2008) da Comisión o de "salario mensual asociado ao emprego principal", sendo este último o que desenvolve a persoa na semana de referencia na que é entrevistada. En caso de ter varios traballos, o principal é o que proporciona os ingresos máis significativos. En particular, se é un traballo eventual de duración inferior a un mes, o salario será unha estimación do que se obtería para unha duración de todo o mes por un traballo similar. En cambio, se é un traballo a tempo parcial, non se transforma no equivalente a tempo completo.

As pagas extras e outros complementos anuais considéranse na definición, dividindo a súa cantidade por 12. Tamén se inclúen os pagos por horas extras regulares, propinas e comisións, referidos neste caso ao mes natural anterior á semana de referencia.

Servizos de atención para os nenos

No módulo sobre conciliación entre vida laboral e familiar da Enquisa de poboación activa (EPA) considéranse servizos de atención para os nenos, tanto se son de iniciativa pública como privada, os seguintes:

  • Garderías.
  • Centros de coidado de día.
  • Coidado familiar organizado (neneiras contratadas por centros de coidado de nenos que se desprazan ao domicilio).
  • Centros de actividades en horario extraescolar (exclúense os clubs deportivos onde van a practicar deporte ou centros onde se imparten cursos de idiomas).
  • Neneiras particulares ou persoal especializado.
Non se consideran servizos de atención a nenos:
  • A escolarización obrigatoria.
  • O coidado do neno por parte de familiares ou amigos, os cales non reciben contraprestación económica algunha, con independencia si residen ou non no mesmo fogar que o neno.
  • O coidado por parte de irmáns de máis de 14 anos que coidan do seu irmán ou irmá de 14 anos ou menos.

Taxa de actividade

Porcentaxe do número total de activos sobre a poboación total (poboación de 16 ou máis anos).

Taxa de ocupación

Porcentaxe de ocupados sobre a poboación de 16 ou máis anos

Taxa de paro

Porcentaxe de parados sobre o total de activos.

Xubilación anticipada

A xubilación anticipada prodúcese cando o traballador se retira do seu emprego remunerado antes de cumprir os 65 anos, recibindo a cambio un pago periódico que intenta manter os seus ingresos. Isto pode ou non levar consigo unha redución da pensión normal. A xubilación anticipada pode solicitarse atendendo a varios motivos:

  • Por razón do grupo profesional: a idade ordinaria de xubilación pode ser rebaixada ou anticipada naqueles grupos ou actividades profesionais cuxos traballos sexan de natureza excepcionalmente penosa, perigosa, tóxica ou insalubre e teñan elevados índices de morbilidade ou mortalidade; é o caso dos traballadores incluídos no Estatuto Mineiro, o persoal de voo de traballos aéreos, os traballadores ferroviarios, entre outros.
  • Por discapacidade: a idade ordinaria de xubilación pode verse reducida no caso de traballadores con discapacidade igual ou superior ao 65%, ou tamén cunha discapacidade igual ou superior ao 45% sempre que, neste último caso, se trate de discapacidades regulamentariamente determinadas que poden determinar unha redución apreciable da esperanza de vida desas persoas.
  • Por ter a condición de mutualista: poderán ter dereito á pensión contributiva de xubilación a partir dos 60 anos (ou a unha parte dela) os traballadores afiliados en alta ou en situación asimilada á alta que reúnan os requisitos xerais esixidos (período mínimo de cotización e feito causante) e se atopen nun dos seguintes grupos:
    • Os traballadores que cotizasen nalgunha das Mutualidades Laborais de traballadores por conta allea con anterioridade ao 1/01/1967.
    • Os traballadores ingresados na Rede Nacional de Ferrocarrís Españois (RENFE), con anterioridade ao 14/07/1967.
    • Os traballadores pertencentes a Ferrocarrís Españois de Vía Estreita (FEVE), ás Compañías Concesionarias de Ferrocarrís de uso público e á empresa Ferrocarriles Vascos, Sociedad Anónima (SA), con anterioridade ao 19/12/1969.
    • Quen estivera comprendido no campo de aplicación do Réxime Especial da Minería do Carbón o día 1/04/1969 e fose cotizante dalgunha das Mutualidades Laborais do Carbón o 31/01/1969 ou con anterioridade.
    • Os traballadores comprendidos no campo de aplicación do Réxime Especial dos Traballadores do Mar o día 1/08/1970.
  • Sen ter a condición de mutualista, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:
    • Ter 61 anos de idade.
    • Acreditar un período mínimo de cotización efectiva de 30 anos; ademais, do período total de cotización, ao menos 2 anos deberán estar comprendidos dentro dos 15 inmediatamente anteriores ao momento de causar o dereito.
  • Xubilacións anticipadas dende o 1/01/2004 por expediente de regulación de emprego: todas as xubilacións causadas dende o 1/01/2014, motivadas por cese na relación laboral en virtude de expedientes de regulación de emprego, e sempre que a persoa cumprira os 61 anos ou gozase da condición de mutualista, serán consideradas xubilacións anticipadas.
Tamén se considerará que están cobrando unha xubilación anticipada os traballadores con xubilación a tempo parcial (persoas que continúan traballando pero reducen as súas horas de traballo mediante un contrato parcial e, á vez, reciben un pago periódico por unha parte da pensión total de xubilación).


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo