IGE -

Definicións. Enquisa nacional de saúde


Accidente

Acontecemento fortuíto e imprevisto que sobrevén ao individuo e prodúcelle un dano corporal identificable. Inclúense as caídas, queimaduras, golpes, accidentes de tráfico (tanto como condutor, pasaxeiro ou peón), intoxicacións, envelenamento e feridas provocadas por animais ou insectos. Exclúese a auto-lesión.

Alta hospitalaria

Procedemento polo que un paciente ingresado nun centro ou establecemento sanitario deixa de ocupar unha capa de hospitalización por curación, melloría, falecemento, traslado ou alta voluntaria.

Ambulatorio / Centro de especialidades

Centros nos que presta asistencia de atención especializada a beneficiarios da Seguridade Social. Na súa modalidade ambulatoria comprende todas as especialidades médicas e cirúrxicas legalmente recoñecidas. O acceso do paciente realízase, con carácter xeral, por indicación do médico de atención primaria para a asistencia ambulatoria.

Centro de saúde/consultorio

Centros nos que se presta asistencia de atención primaria a beneficiarios da Seguridade Social. A asistencia é prestada por médicos de medicina xeral, pediatras e persoal de enfermaría. Ademais existen unha serie de servizos de apoio: unidades de planificación familiar, saúde mental, fisioterapia, saúde buco-dental, e nas que se integran outros profesionais (tocoxinecólogos, odontólogos, psiquiatras, psicólogos e farmacéuticos) que manexan problemas relacionados co súa formación específica.

Consulta externa dun hospital

Consultas realizadas no propio hospital para aqueles pacientes que necesiten medios diagnósticos, tratamento e/ou rehabilitación, e que non se poden proporcionar no nivel de atención primaria, incluíndo a realización de procedementos cirúrxicos menores. Non requiren ingreso no hospital, senón que se fan de forma ambulatoria.

Consulta médica

Calquer visita a un profesional médico titulado (persoal ou telefonicamente), para diagnóstico, exame, tratamento, seguimento, consello ou calquer outro trámite. Tamén se considera consulta médica as revisións e peticións de receitas. Non se considera consulta médica os exames médicos colectivos (laborais, escolares, etc.), a simple petición de hora ou cita, as consultas ao estomatólogo, dentista ou hixienista dental, a realización de calquer proba diagnóstica (radiografías, análises, etc.) o procedemento terapéutico indicado por un médico, nin os contactos con farmacéuticos ou ópticos para a adquisición de prescricións médicas.

Dependencia funcional

Déficit dunha persoa nalgún dos seguintes aspectos: - Actividades de coidado persoal: tomar as súas medicinas, comer, vestirse e denudarse, peitarse e afeitarse, cortar as uñas dos pes, lavar a cara e o corpo de cintura para arriba, ducharse ou bañarse e quedarse só durante a noite. - Labores domésticas: utilizar o teléfono, comprar comida ou roupa, preparar o almorzo ou comida, cortar pan, fregar a vaixela, facer a cama, cambiar as sábenas, lavar a roupa lixeira a man, lavar roupa a máquina, limpar a casa, limpar unha mancha do so e coser un botón. - Actividades de mobilidade: coller un transporte público, administrar os seus propios cartos, andar (con ou sen bastón), levantarse da cama e deitarse, andar unha hora seguida e subir dez chanzos

Dieta

Fai referencia aos alimentos (ou mestura de alimentos) que nunhas determinadas cantidades son inxeridos de forma habitual, xeralmente a diario, e representa o modelo ou patrón de alimentación que segue un individuo. Enténdese que unha persoa segue unha dieta ou réxime especial se modifica o seu hábito alimentario, por consello médico ou decisión propia, sexa cal sexa o motivo

Enfermidade

Alteración máis ou menos grave da saúde

Enfermidade crónica ou de longa duración

Refírese a enfermidades ou problemas de saúde permanentes (cunha duración aproximada de polo menos 6 meses) e que poden necesitar un longo período de supervisión, observación ou coidado. Inclúense as enfermidades conxénitas, lesións debidas a accidentes e problemas estacionais ou intermitentes, como as alerxias.

Estado de saúde

Esta característica trata de medir a percepción que ten a persoa sobre o seu estado de saúde.

Hospital

Establecemento sanitario con réxime de internado que, con independencia da súa denominación, ten como finalidade principal a prestación de asistencia médica ou médico cirúrxica aos enfermos ingresados no mesmo. Non se inclúen as residencias de anciáns, orfanatos, garderías infantís, casa de beneficencia, etc.

Hospitalización

Todo ingreso nun hospital para recibir asistencia médica ou médico cirúrxica que supoña, ao menos, pasar unha noite no mesmo ou ter unha cama asignada. Non se considera hospitalización permanecer menos de 24 horas nun servizo de urxencias ou noutro servizo para a realización de probas diagnósticas ou terapéuticas. Tampouco se considera hospitalización a permanencia das persoas que acompañan ao enfermo aínda que ocupen unha cama e estean máis dun día, nin os recentemente nados sans que ocupen unha cama máis dun día.

Índice de Masa Corporal (IMC):

Defínese como a relación entre o peso do individuo (expresado en quilogramos) e o cadrado do talle (expresado en metros): IMC=kg/m2. A clasificación dos individuos en función do seu IMC en persoas con peso insuficiente, peso normal, sobrepeso e obeso realizouse atendendo aos estándares marcados pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Intoxicación

É unha alteración do estado de saúde dunha persoa producida por inxestión de drogas e/ou medicamentos (inclúe a intoxicación producida por alcohol), inxestión de produtos corrosivos, cáusticos, pinturas, vernices e outras sustancias tóxicas xa sexan sólidas,líquidas ou gasosas ou inxestión de outros produtos tóxicos.

Limitación para as actividades da vida cotiá

Limitacións que unha persoa pode ter no desempeño das actividades no seu entorno real como consecuencia dun problema de saúde. O desempeño que se espera dunha actividade determinada é o que presentan as persoas da poboación xeral que non teñen unha condición específica de saúde. Unha actividade está limitada cando así o estima o propio entrevistado. Considéranse actividades da vida cotiá tanto aquelas relacionadas coa actividade principal (traballo, estudos, tarefas domésticas, etc.) como aquelas que se levan a cabo no tempo libre (relacións con amigos, práctica de deportes, asistencia a espectáculos, etc.).

Medicamento

Toda sustancia medicinal e as súas asociacións ou combinacións destinadas á súa utilización nas persoas, que se presente dotada de propiedades para previr, diagnosticar, tratar, aliviar ou curar enfermidades ou doenzas, ou para afectar a funcións corporais ou ao estado mental. Só son medicamentos as especialidades farmacéuticas, as fórmulas maxistrais, os preparados ou fórmulas oficinais e os medicamentos prefabricados. Exclúense os produtos de hixiene persoal, vendas e outros apósitos, produtos de alimentación, cosmética, caramelos, etc.

Proba diagnóstica non urxente

Toda proba solicitada por un/ha médico/a para completar o estudo dunha enfermidade, sempre e cando non se requira o seu resultado de maneira inmediata

Restrición da actividade habitual

Actividades habituais son as realizadas tanto no ámbito laboral, como no traballo doméstico ou na asistencia a centros de ensinanza ou formación e actividades desenvolvidas no tempo libre e que normalmente comprenden relacións con amigos e familiares, práctica de deportes, asistencia a espectáculos, etc. Considérase que hai restrición cando a limitación da actividade é ao menos da metade dun día

Servizo de urxencias

  • Servizo de urxencias dun ambulatorio: servizo constituído no ambulatorio que conta con profesionais para prestar asistencia urxente fóra do horario habitual.
  • Servizo de urxencias dun hospital: servizo constituído no hospital, entendendo como tal o servizo que conta cun equipo de profesionais organizado, que presta asistencia urxente durante as 24 horas do día.

Síntoma

Calquera tipo de manifestación dunha enfermidade que afecte a unha persoa

Toma da tensión arterial

É a medición da tensión arterial sistólica e diastólica realizada por un profesional sanitario. Considérase tamén a toma da tensión efectuada por farmacéuticos na propia farmacia.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo