Definicións. Enquisa de innovación empresarial


Clasificación das actividades de innovación na Enquisa de innovación empresarial (IGE)

Na Enquisa de innovación empresarial do IGE, as empresas clasifícanse segundo as actividades de innovación levadas a cabo en Galicia nas seguintes categorías:

  • Empresas con actividades de I+D: agrupa a aquelas unidades que levan a cabo traballos creativos para aumentar o volume de coñecementos e o seu emprego, para idear produtos e procesos novos ou mellorados, incluído o desenvolvemento de software, así como as innovacións de comercialización ou de organización, levadas a cabo dentro da empresa (I+D interna) ou compradas a outra empresa do grupo ou organismo privado ou público de investigación (I+D externa)
  • Empresas con actividades para innovacións de produto ou de proceso: inclúe ás unidades que realizaron algunha das seguintes actividades:
    • Adquisición de maquinaria, equipo e software para producir produtos ou procesos novos ou mellorados (non incluídos en I+D)
    • Adquisición doutros coñecementos externos (non incluídos en I+D)
    • Formación para desenvolver e/ou introducir produtos novos ou mellorados
    • Introdución no mercado de innovacións de produto
    • Outros preparativos para as innovacións de produto e de proceso (definición das especificacións técnicas, montaxe e enxeñaría, probas de produción, etc.)
  • Empresas con actividades para innovacións de organización ou comercialización: aglutina ás unidades que realizaron algunha das seguintes actividades:
    • Preparativos para as innovacións de organización
    • Preparativos para as innovacións de comercialización

CNAE-93 Rev.1 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de implantación da NACE Rev. 1.1. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida

Empresa (enquisas IGE)

Combinación máis pequena de unidades xurídicas que constitúe unha unidade organizativa de produción de bens e servizos e que goza dunha certa autonomía de decisión.

Empresa activa en innovación

É toda empresa innovadora ou potencialmente innovadora.

Empresa innovadora

É a que introduce unha innovación durante o período de tempo analizado na Enquisa de innovación empresarial do IGE (3 anos).

Empresa potencialmente innovadora

É unha empresa que ten innovacións en fase de desenvolvemento, ou ben que emprendeu actividades de innovación pero que foron abandonadas, durante o período de tempo analizado na Enquisa de innovación empresarial do IGE (3 anos).

Esforzo innovador

É o cociente entre os gastos totais en innovación da empresa e os seus ingresos de explotación.

Establecemento (empresas)

Empresa ou parte dunha empresa sita nun lugar delimitado topograficamente, no que se realizan unha ou varias actividades económicas ás que dedican o seu traballo unha ou varias persoas por conta dunha mesma empresa. Se polas propias características da actividade esta non se realiza nun lugar fixo, o establecemento é o lugar dende o que se organiza ou coordina tal actividade. Non se contabilizan como establecementos os almacéns e as sedes sociais ou os domicilios legais dos titulares das empresas no caso de que existan unicamente como soporte xurídico das actividades.

Innovación (concepto IGE)

Na Enquisa de innovación empresarial do IGE, considérase innovación a toda introdución dun produto (ben ou servizo) ou dun proceso, novo ou significativamente mellorado, ou a introdución dun método de comercialización ou de organización novo aplicado ás prácticas de negocio, á organización do traballo ou ás relacións externas. Nesta definición hai que destacar:

  • Grao de orixinalidade: ademais das novas introducións, tamén serán innovacións os cambios que teñan un grao de novidade importante ou significativa para a empresa. Isto significa que se exclúen os cambios menores ou que non supoñen un grao de novidade suficiente
  • Grao ou ámbito de novidade: o requisito mínimo para que unha innovación sexa considerada como tal é que o produto, proceso, método comercial ou método organizativo sexa novo (ou significativamente mellorado) para a empresa. Isto indica que, ademais dos produtos, procesos e métodos desenvolvidos por primeira vez pola empresa, tamén deberán ser considerados aqueles que adopta a empresa pero que foron desenvolvidos previamente por outras empresas ou organizacións
  • Grao de éxito comercial: considéranse todas as innovacións introducidas, independentemente de que tiveran ou non éxito comercial
Nesta enquisa son considerados catro tipos de innovacións: de produto, de proceso, organizativas e comerciais.

Innovación de procesos

É a adopción pola empresa de métodos novos ou significativamente mellorados de produción, distribución ou de actividades de apoio.

Innovación en produtos (bens ou servizos)

É a introdución por parte da empresa dun ben ou servizo novo ou significativamente mellorado nas súas características básicas, especificacións técnicas, software incorporado ou outros compoñentes intanxibles, finalidades desexadas ou nas prestacións.

Innovacións de comercialización ou marketing

É a introdución pola empresa de métodos de comercialización, novos ou significativamente mellorados, que impliquen melloras importantes no deseño ou presentación, na distribución, na promoción ou nos prezos dos produtos da empresa.

Innovacións de organización

É a introdución pola empresa de métodos de organización, novos ou significativamente mellorados, aplicados ás prácticas da empresa, á organización do traballo ou ás súas relacións externas.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo