Definicións. Outra información


Banda larga

Trátase dunha rede capaz de alcanzar altas velocidades de transmisión de información. Existen distintos tipos de conexión de banda larga:

  • Rede Dixital de Servizos Integrados (RDSI)
  • Acceso asimétrico xDSL (ADSL, HDSL, IDSL, R-ADSL, VDSL, DSL)
  • Acceso inarámico (Wi-Fi, Wi-Max)
  • Acceso asociado a televisión por cable (rede de cable)
  • Acceso asociado á Rede Eléctrica doméstica de Baixa Tensión
  • Acceso vía satélite
A continuación defínense os tipos de conexión de banda larga máis utilizados:

RDSI: siglas de Rede Dixital de Servizos Integrados. Trátase dunha tecnoloxía de transmisión de información que combina servizos de voz e dixitais a través da rede telefónica nun só medio, facendo posible ofrecer aos clientes servizos dixitais de datos, así como conexión de voz, a través dun só “cable”, cunha velocidade máxima de transmisión de 128 Kbps.

xDSL: siglas en inglés de x Digital Suscriber Line (Liña de Abonado Dixital). Trátase dun termo utilizado para referirse de forma global a todas as tecnoloxías que permiten que os fíos telefónicos de cobre convencionais transporten ata 16 Mbps (megabits por segundo) mediante técnicas de compresión. Hai diversas modalidades desta tecnoloxía, tales como ADSL, HDSL e RADSL, sendo a ADSL a máis utilizada habitualmente.

ADSL: siglas en inglés de Asymmetric Digital Subscriber Line (Liña de Cliente Dixital Asimétrica). Trátase dunha tecnoloxía de transmisión de información, pertencente á familia xDSL, que permite aos fíos de cobre convencionais, usados inicialmente para telefonía, transportar datos. A diferenza entre ADSL e outras DSL, así como a RDSI, é que a velocidade de baixada e a de subida non son simétricas, é dicir, que normalmente permiten unha maior velocidade de baixada que de subida.

Acceso inarámico (Wi-Fi, Wi-Max): a comunicación inarámica ou sen cables é aquela na que os extremos da comunicación (emisor/receptor) non se atopan unidos por un medio de propagación físico, senón que se utiliza a modulación de ondas electromagnéticas a través do espazo. Neste senso, os dispositivos físicos só están presentes nos emisores e receptores da sinal, tales como antenas, ordenadores, PDA, teléfonos móbiles, etc. Tanto Wi-Fi como Wi-Max son dous mecanismos que permiten a conexión a Internet dos dispositivos físicos de forma inarámica.

Rede de cable: rede de comunicación de fío óptico que integra os servizos de televisión, transmisión de datos e telefonía. Na actualidade existen en España distintos operadores de cable, que proveen esta tecnoloxía a unha ou varias Comunidades Autónomas: Madritel (Madrid), Euskaltel (País Vasco), Ono (Comunitat Valenciana), Menta (Andalucía), Retecal (Castilla y León), R (Galicia) e Supercable, entre outros.

Comercio electrónico

Baixo esta rúbrica agrúpanse as transaccións realizadas a través de redes baseadas en protocolos de Internet (TCP/IP) ou sobre outras redes telemáticas distintas de Internet. Os bens e servizos contrátanse ou resérvanse a través destas redes, pero o pago ou a entrega do produto poden realizarse off-line (fóra da Internet), a través de calquera outro canal. Os pedidos realizados por teléfono, fax ou mediante correo electrónico escrito de forma manual non se consideran comercio electrónico. Si se inclúen os formularios estruturados que existen nalgunhas páxinas web para realizar un pedido á empresa.

Correo electrónico (e-mail)

É un servizo de mensaxería baseado en Internet, mediante o cal un ordenador pode intercambiar mensaxes con outros ordenadores a través da Internet.

Extranet

É unha rede pechada que utiliza protocolos de Internet, que permiten á empresa compartir información de forma segura cos seus socios, clientes e/ou provedores. Pode tomar a forma dunha prolongación segura da Intranet ou dunha parte privada da páxina web da empresa con acceso restrinxido.

GPS

Siglas en inglés de Global Positioning System (Sistema de Posicionamento Global). É un sistema global de navegación por satélite que permite determinar en todo o mundo a posición dun obxecto, unha persoa ou un vehículo.

Internet

Rede dixital de conmutación de paquetes, baseada en protocolos TCP/IP. Interconecta entre si redes de menor tamaño (de ahí o seu nome: inter=entre, net=rede), permitindo a transmisión de datos entre calquer parella de ordenadores conectados a estas redes subsidiarias.

Intranet

É unha rede de ordenadores privados que utiliza protocolos de Internet para compartir, dentro dunha organización, parte dos seus sistemas de información e sistemas operacionais. O termo Intranet utilízase en oposición a Internet, unha rede entre organizacións, para referirse a unha rede comprendida no ámbito dunha organización.

Rede de área local "sen fíos" (WLAN)

Trátase dunha rede de área local inarámica, alternativa ás redes LAN, que permite, así mesmo, a comunicación entre ordenadores situados no mesmo edificio ou en edificios próximos, minimizando ás conexións cableadas entre eles.

Rede de área local (LAN)

É unha rede de comunicación cableada entre ordenadores situados no mesmo edificio ou en edificios próximos, de forma que permite aos seus usuarios o intercambio de datos e a compartición dos recursos.

Sistemas operativos de código aberto (LINUX)

O software de código aberto é aquel cuxo código fonte e outros dereitos que normalmente son exclusivos das persoas que posúen os dereitos de autor, son publicados baixo unha licenza de software compatible coa Open Source Definition ou que forman parte do dominio público. Isto permite aos usuarios utilizar, cambiar e mellorar o dito software, e redistribuílo, xa sexa na súa forma orixinal ou modificada. É frecuente o seu desenvolvemento de maneira pública e en colaboración. LINUX é un dos exemplos máis coñecidos de sistema operativo de código aberto.

Tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC)

Baixo esta rúbrica intégrase o conxunto de ferramentas, habitualmente de natureza electrónica, utilizadas para a recollida, almacenamento, tratamento, difusión e transmisión de información. Considéranse tecnoloxías da información e das comunicación tanto os dispositivos físicos (equipos informáticos, redes de telecomunicacións, terminais, etc.), coma o software ou aplicacións informáticas que funcionan sobre estes equipos.

Tipos de conexión de telefonía móbil

  • Sistema GSM: siglas en francés de Groupe Spécial Mobile (Sistema Global para as Comunicacións Móbiles). É un servizo dixital global de comunicación entre terminais móbiles de segunda xeración. Permite a transmisión de voz, mensaxes de texto (SMS) e fax.
  • Sistema UMTS: siglas en inglés de Universal Mobile Telecommunications System (Sistema Universal de Telecomunicacións Móbiles). É un sistema de terceira xeración de GSM que establece comunicacións de banda larga, o que permite a transmisión, ademais dos permitidos polo sistema GSM, os de servizo web e contidos audiovisuais.

TPV

Siglas de Terminal Punto de Venda. Trátase dun sistema informático que xestiona o proceso de venda, permite a creación e impresión do tícket de venda mediante as referencias dos produtos, realiza cambios no stock da base de datos e outras labores do negocio.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo