Definicións. Matriz de Contabilidade Social


Asalariados

Nas operacións do Sistema de contas económicas son todas as persoas que, mediante un acordo, traballan para outras unidades institucionais residentes e reciben unha remuneración.

Na información procedente das fontes tributarias defínese coma o número de persoas que reciben unha contraprestación pecuniaria en concepto de rendemento do traballo, contadas de forma única independentemente de que traballasen para unha ou varias empresas ou entidades. Este colectivo está formado polas persoas que reciben percepcións declaradas na clave A do Modelo 190 da "Declaración anual de retencións sobre as rendas de traballo" (empregados por conta allea en xeral).

Na Enquisa aos demandantes de emprego comprende a todas as persoas que na semana de referencia estiveran traballando para un empresario privado ou público a cambio dun soldo, salario, comisión, pagos segundo resultado, gratificación ou calquera outra forma de remuneración en metálico ou en especie. As persoas que traballan na empresa dun familiar percibindo unha remuneración regulamentada deben incluírse nesta categoría. Inclúense tamén como asalariados os socios ou traballadores das sociedades anónimas laborais que teñan unha situación laboral e legal de asalariados. As persoas que cumpran os requisitos para ser asalariados non perden a dita condición aínda no caso de que paguen directamente os impostos por rendemento do traballo persoal e/ou as cotizacións á Seguridade Social. Os xestores, directores ou outros empregados asalariados que non son donos da empresa na que traballan, clasifícanse como traballadores por conta allea, aínda que exerzan as mesmas funcións que os empresarios coma, por exemplo, a contratación ou o despido, en nome das empresas, doutros traballadores.
Como regra xeral, pódese dicir que un asalariado é unha persoa remunerada directa ou indirectamente, en diñeiro ou en especie, en función da cantidade de traballo que realiza (incluído o pago a comisión), con independencia do valor da produción ou da rendibilidade do proceso produtivo. Pode ocorrer que por razóns legais un asalariado teña contrato de autónomo. Neste caso consideraremos á persoa coma asalariada se cumpre as condicións antes descritas. Polo contrario, un traballador independente recibe unha renda que está en función do valor da produción do proceso produtivo do que é responsable, sexa moito ou pouco o traballo aportado.

Na Enquisa de poboación activa os asalariados son persoas con traballo por conta allea ou asalariados todas as que entren nas seguintes categorías:

  • Traballando: persoas que durante a semana de referencia traballaron, incluso de forma esporádica ou ocasional, polo menos unha hora a cambio dun soldo, salario ou outra forma de retribución conexa, en metálico ou en especie.
  • Con emprego pero sen traballar: persoas que, xa tendo traballado no seu emprego actual, estean ausentes do mesmo durante a semana de referencia (por causa de enfermidade, accidente, conflito laboral, suspensión disciplinaria de emprego e soldo, vacacións, licenza de estudos,...) e manteñan un estreito vínculo co emprego. A forza deste vínculo determinase de acordo coa crenza do entrevistado de reincorporarse ou non á empresa e na percepción ou non dalgún tipo de remuneración.
Os membros activos das forzas armadas figuran tamén entre a poboación asalariada. Non se consideran asalariados:
  • Os empresarios e os traballadores independentes, aínda que estiveran contratados como asalariados na súa propia empresa.
  • Os traballadores familiares non remunerados (axudas familiares) e os membros de cooperativas que traballan nelas.
  • As persoas ausentes do seu traballo, con licenza ou suspendidas que estean debilmente vinculadas ao seu emprego.
  • Os traballadores estacionais, ocasionais ou descontinuos por conta allea na época de menor actividade que non estivesen traballando na semana de referencia.
Considérase que os asalariados teñen un contrato ou relación laboral temporal cando o seu remate queda fixado por condicións obxectivas, tales como a expiración dun prazo, a realización dunha tarefa de terminada, etc. Noutro caso, considérase que o contrato, ou relación laboral, é indefinido.

Os asalariados subdivídense en: asalariados do sector público e asalariados do sector privado. Entre os primeiros están incluídos tanto os funcionarios como os contratados laborais, independentemente de que traballen con carácter fixo ou temporal.

CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)

Emprego

En Confianza empresarial defínese coma o conxunto de persoas que mediante contrato traballan para a empresa a cambio dunha remuneración.

Nas Contas económicas anuais e nas Contas económicas trimestrais comprende todas as persoas, tanto asalariados como traballadores autónomos, que realizan unha actividade produtiva incluída dentro da fronteira da produción do sistema. Este concepto de emprego definido no SEC difire basicamente do utilizado nas estatísticas de forza de traballo en que inclúe o emprego dos non residentes que traballan en Galicia e exclúe o emprego dos residentes en Galicia que traballan fóra.

Excedente de Explotación Bruto (EEB)/Renda mixta

Corresponde á renda que obteñen as unidades da utilización dos seus propios activos de produción. É o saldo da conta de explotación. No caso das empresas non constituídas en sociedades correspondentes ao sector fogares fálase de renda mixta.

Gasto en consumo final

Nas operacións do Sistema de contas económicas consiste no gasto realizado polas unidades institucionais residentes en bens e servizos que se utilizan para satisfacer directamente as necesidades individuais, ou as necesidades colectivas dos membros da comunidade. Este gasto pode realizarse no territorio económico ou no resto do mundo (SEC-2010, 3.94 e seguintes).

Na Conta Satélite de Produción Doméstica a función produtiva dos fogares amplíase, o que dá orixe a que parte do consumo final deste sector se reclasifique en consumo intermedio ou formación bruta de capital. Deste xeito, a partida incluída nesta operación como consumo final do sector fogares non se corresponde necesariamente coa incluídas nas restantes operacións do Sistema de contas de Galicia. Máis información na metodoloxía da operación.

Na Enquisa de orzamentos familiares, o gasto en consumo final dos fogares corresponde ao gasto efectuado polos fogares co fin de consumir bens e servizos. Comprende:

  • As compras efectuadas de xeito monetario.
  • O valor estimado de certos bens e servizos, tales como:
    • O valor dos produtos procedentes do autoconsumo (tanto se son consumidos polo fogar como se son regalados a outros fogares).
    • O valor de produtos procedentes da autosubministración (cando os consume o fogar).
    • As remuneracións en especie dos empregadores aos seus asalariados.
    • Os alugueiros imputados aos propietarios de vivendas ou aos que as utilizan de forma gratuíta ou semigratuíta.
    • Comidas ou ceas gratuítas ou bonificadas no lugar de traballo ou no establecemento de hostalaría propiedade do fogar.

Horas traballadas

Son as horas efectivamente traballadas como asalariado ou traballador autónomo durante o período contable ou o ano de referencia. Comprende as horas realmente traballadas (normais e extraordinarias) durante os períodos de traballo; o tempo dedicado no lugar de traballo á preparación de ferramentas, elaboración de fichas de control, etc.; a duración de tempos mortos no lugar de traballo producidos por falta ocasional de traballo; así como o tempo correspondente a breves períodos de descanso no lugar de traballo (almorzo, etc.). Deben excluírse as horas pactadas pero non traballadas por motivos de enfermidades, folgas, vacacións, etc., as interrupcións para as comidas e as horas empregadas no camiño do domicilio ao lugar de traballo.

Outras subvencións á produción

Comprenden as subvencións, distintas das subvencións aos produtos, que poden recibir as unidades de produción residentes como consecuencia da súa participación na produción.

Outros impostos sobre a produción

Impostos que soportan as empresas como resultado da súa participación na produción, independentemente da cantidade ou do valor dos bens e servizos producidos ou vendidos.

Posto de traballo

Defínese como un contrato explícito ou implícito entre unha persoa e unha unidade institucional residente, para realizar un traballo a cambio dunha remuneración (inclúe a renda mixta dos traballadores autónomos) durante un período definido ou indefinido de tempo.
O concepto de posto de traballo difire do concepto de emprego, nos seguintes aspectos:

  1. Inclúe o segundo, terceiro,... posto de traballo que ocupa a mesma persoa.
  2. Exclúe ás persoas que non traballan temporalmente, pero que teñen "un vínculo formal co seu posto de traballo", por exemplo, "unha garantía de reincorporación ó traballo ou un acordo sobre a data de reincorporación". Este tipo de acordo entre un empregador e unha persoa en suspensión temporal de emprego ou en permiso de formación non se considera un posto de traballo no SEC.

Remuneración dos asalariados (D.1)

Comprende toda a remuneración en efectivo e en especie a pagar polos empregadores aos seus asalariados como contrapartida do traballo realizado por estes durante o período contable. A remuneración dos asalariados desagrégase en:

  • Soldos e salarios, xa sexan en efectivo ou en especie (D.11)
  • Cotizacións sociais a cargo dos empregadores (D.12)
Na conta de explotación figura a Remuneración de asalariados "inventario" como un emprego dos sectores residentes, mentres que na conta de asignación da renda primaria, aparece a Remuneración de asalariados "rexional" coma un recurso dos fogares residentes.

Sector fogares

O sector fogares (SEC 2.75) comprende os individuos ou grupos de individuos, tanto na súa condición de consumidores coma, eventualmente, na de empresarios que producen bens ou servizos financeiros ou non financeiros de mercado (produtores de mercado). Ademais, comprende os individuos ou grupos de individuos que producen bens e servizos non financeiros exclusivamente para uso final propio.

Na súa condición de consumidores, os fogares poden definirse coma pequenos grupos de persoas que comparten un mesmo aloxamento e poñen en común unha parte ou a totalidade das súas rendas e patrimonio, e que consumen colectivamente determinados bens e servizos, principalmente o aloxamento e a alimentación. Esta definición pode completarse co criterio da existencia de vínculos familiares ou afectivos.

Os recursos principais destas unidades proceden da remuneración dos asalariados, rendas da propiedade, transferencias efectuadas por outros sectores, ingresos procedentes da disposición de bens e servizos de mercado, ou ingresos imputados pola produción de bens e servizos para consumo final propio.

Traballador autónomo

Defínense como os propietarios ou copropietarios das empresas non constituídas en sociedades na que traballan.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo