Definicións. Enquisa estrutural ás empresas


Axuda familiar

Persoas que traballan sen remuneración regulamentaria na empresa dun familiar co que conviven

Cifra de negocios

Comprende os importes facturados pola empresa durante o ano/mes de referencia en concepto de venda de bens e prestación de servizos que son obxecto do tráfico da empresa, tanto no exercicio da súa actividade principal, como de calquera actividade secundaria que realice a empresa. As vendas contabilízanse sen incluír o IVE repercutido ao cliente, e en termos netos, deducindo as devolucións de vendas, así como os rappels sobre as vendas. Non se deducen os descontos de caixa nin os descontos sobre as vendas por pronto pago. Comprende todos os importes facturados pola empresa durante o período de referencia, o que comprende todas as vendas comerciais de bens e servizos subministrados a terceiros que son obxecto de tráfico da empresa.

Circulante

Na Enquisa estrutural ás empresas este concepto fai referencia ao financiamento solicitado para atender o pago das operacións correntes da empresa, tales como a compra de existencias, o pago das nóminas, etc.

Cooperación empresarial

Consiste nunha participación activa con outras empresas ou institucións, unindo ou compartindo parte das súas capacidades e/ou recursos, co obxecto de incrementar as súas vantaxes competitivas. Non é necesario que as dúas partes obteñan un beneficio comercial. Exclúese a mera subcontratación de traballos sen cooperación activa; tamén se exclúe a cooperación con outras empresas do mesmo grupo.

Data center

Denomínase Centro de Procesamento de Datos (CPD), ou simplemente centro de datos (cuxo equivalente en inglés é data center), á localización onde se concentran os recursos necesarios para o procesamento da información nunha empresa. Os ditos recursos consisten esencialmente nunhas dependencias debidamente acondicionadas, computadoras e redes de comunicacións.

Desconto comercial

É un tipo de operación financeira que consiste nun contrato por medio do cal unha entidade financeira anticipa á empresa o importe das facturas que ten pendentes de cobro. A dita entidade encárgase de realizar as xestións pertinentes para o seu cobro e desconta do importe anticipado á empresa o montante correspondente aos gastos e xuros xerados pola operación.

Economías de escala

Este concepto fai referencia ás vantaxes en termos de custos que unha empresa obtén grazas ao aumento do tamaño da planta, debido á existencia de factores que fan que o custo medio por unidade de produto caía a medida que a escala da produción aumenta.

Empresa (enquisas IGE)

Combinación máis pequena de unidades xurídicas que constitúe unha unidade organizativa de produción de bens e servizos e que goza dunha certa autonomía de decisión.

ETT

Siglas de Empresa de Traballo Temporal; trátase dunha empresa cuxa actividade consiste en pór a disposición doutra (empresa usuaria), con carácter temporal, traballadores por ela contratados.

Externalización (subcontratación)

Consiste na contratación dun provedor externo para realizar (total ou parcialmente) unha actividade da empresa. Considérase provedor externo a calquera empresa externa á contratante, independentemente de onde estea localizada. Exclúense as contratacións con outras empresas do mesmo grupo.

Factura dixital

A factura electrónica ou e-factura é a versión electrónica das facturas tradicionais en soporte papel. Defínese como un documento electrónico que cumpre cos requisitos legais e reglamentariamente esixibles ás facturas tradicionais garantindo, entre outras cousas, a autenticidade da súa orixe e a integridade do seu contido.

Firma dixital

Consiste nun método criptográfico que asocia a identidade dunha persoa ou dun equipo informático a unha mensaxe ou documento dixital. A sinatura dixital ofrece ao destinatario a seguridade de que a mensaxe foi creada polo remitente e que non foi alterada durante a transmisión. Ao igual que a sinatura en papel pode utilizarse para identificar o autor da mensaxe, para sinalar a conformidade ou disconformidade co contido da mensaxe, para indicar que se leu, etc.

Hipoteca

É un contrato mediante o cal se consegue un crédito co garante dun ben, cuxo valor responde do risco do impago. As inscripcións de hipotecas expresan o importe da obrigación asegurada e dos intereses, se se houbiesen estipulado.

Informática de pedidos (CRM, SCM)

Fai referencia ao software e equipo informático desenvolvidos como sistema de apoio na xestión das relacións cos clientes (Customer Relationship Management (CRM)) e provedores (Supply Chain Management (SCM)) nunha empresa.

Informática de xestión (ERP)

Trátase do software e equipo informático desenvolvido para axudar ás empresas na xestión dos distintos departamentos que a compoñen; en particular, permite, a grandes trazos, controlar e aglutinar a información que se xera en cada nivel da empresa nunha base de datos centralizada (Enterprise Resource Planning (ERP)).

Intranet

É unha rede de ordenadores privados que utiliza protocolos de Internet para compartir, dentro dunha organización, parte dos seus sistemas de información e sistemas operacionais. O termo Intranet utilízase en oposición a Internet, unha rede entre organizacións, para referirse a unha rede comprendida no ámbito dunha organización.

Investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico (I+D)

Defínese coma o conxunto de traballos creativos que se emprenden de modo sistemático co fin de aumentar o volume de coñecementos, incluído o coñecemento do home, a cultura e a sociedade, así como a utilización desa suma de coñecementos para concibir novas aplicacións.

Rede de área local (LAN)

É unha rede de comunicación cableada entre ordenadores situados no mesmo edificio ou en edificios próximos, de forma que permite aos seus usuarios o intercambio de datos e a compartición dos recursos.

Sistemas operativos de código aberto (LINUX)

O software de código aberto é aquel cuxo código fonte e outros dereitos que normalmente son exclusivos das persoas que posúen os dereitos de autor, son publicados baixo unha licenza de software compatible coa Open Source Definition ou que forman parte do dominio público. Isto permite aos usuarios utilizar, cambiar e mellorar o dito software, e redistribuílo, xa sexa na súa forma orixinal ou modificada. É frecuente o seu desenvolvemento de maneira pública e en colaboración. LINUX é un dos exemplos máis coñecidos de sistema operativo de código aberto.

Tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC)

Baixo esta rúbrica intégrase o conxunto de ferramentas, habitualmente de natureza electrónica, utilizadas para a recollida, almacenamento, tratamento, difusión e transmisión de información. Considéranse tecnoloxías da información e das comunicación tanto os dispositivos físicos (equipos informáticos, redes de telecomunicacións, terminais, etc.), coma o software ou aplicacións informáticas que funcionan sobre estes equipos.

Tele traballo

Esta denominación utilízase para englobar a todos aqueles empregados que regularmente traballan fóra dos locais da empresa (ao menos media xornada semanal), e utilizan redes telemáticas para conectarse cos sistemas TIC da empresa.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo