Definicións. Índices de valor unitario para o comercio exterior


Bens de capital

Bens utilizados como medios de produción no proceso produtivo de bens e servizos.

Bens de consumo

Son bens que se consideran propios do consumo das familias. Poden ser alimentarios ou non alimentarios.

Bens intermedios

Son bens destinados a formar parte do consumo intermedio no proceso de produción de bens e servizos. Distínguese entre bens intermedios enerxéticos e non enerxéticos.

CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)

CNAE-93 Rev.1 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de implantación da NACE Rev. 1.1. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida

Comercio exterior

Comprende as relacións comerciais da Comunidade Autónoma de Galicia con todos aqueles países que non pertencen á UE. As relacións comerciais de intercambio denominaranse "importacións" para as adquisicións e "exportacións" para as entregas. Para a recollida de información estatística, mantense a obriga de presentar a correspondente declaración DUA ante Aduanas.

Comercio intracomunitario

Comprende as operacións comerciais entre a Comunidade Autónoma de Galicia e os países membros da Unión Europea (excluíndo o resto de España). As adquisicións intracomunitarias chamaranse "introducións" e as entregas intracomunitarias "expedicións". A recollida de información estatística réxese polo Sistema Intrastat.

CUCI

Son as siglas da Clasificación Uniforme para o Comercio Internacional. A versión da CUCI utilizada na elaboración dos índices de valor unitario encadeados con anterioridade ao ano 2010 correspóndese coa terceira revisión da mesma (CUCI Rev. 3) e, a partir de xaneiro dese ano, a CUCI Rev. 4. A dita clasificación reagrupa en categorías a clasificación TARIC (coa que se clasifican orixinariamente os datos de comercio exterior e intracomunitario), atendendo aos materiais empregados, a etapa de elaboración e ao seu uso final.

Expedicións (comercio intracomunitario)

Comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido aos países da UE, excluíndo o resto de España.

Exportacións (comercio exterior)

Comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido a países que non forman parte da UE.

Importacións (comercio exterior)

Comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercancía elaborada ou orixinal de países que non forman parte da UE é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.

Índices de valor unitario (IVU)

Son números índices que serven de indicadores dos prezos do comercio exterior. Non son os verdadeiros índices de prezos do comercio exterior de bens da Comunidade Autónoma de Galicia, posto que os prezos aos que fan referencia non son bens singulares perfectamente diferenciados, senón conxuntos ou clases de bens máis ou menos homoxéneos.

Introducións (comercio intracomunitario)

Comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercancía elaborada ou orixinal dun país membro da UE (excluíndo o resto de España) é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.

OCDE

Son as siglas da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico, a cuxa convención inaugural asistiron vinte países o 14 de decembro de 1960. Dende aquela dez países máis convertéronse en membros da organización. Os países participantes da mesma son Australia, Austria, Bélxica, Canadá, República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Hungría, Irlanda, Islandia, Italia, Xapón, Corea do Sur, Luxemburgo, México, Holanda, Nova Zelanda, Noruega, Polonia, Portugal, Eslovaquia, Turquía, España, Suiza, Suecia, Reino Unido e Estados Unidos. No ano 2010 incorpórase Chile e no ano 2011 incorpóranse Eslovenia, Israel e Estonia. No ano 2017 incorpórase Letonia. No ano 2019 incorpórase ao grupo Lituania. No ano 2021 incorpórase ao grupo Colombia e no ano 2022 incorpórase Costa Rica.

UE15

Está composta polo seguinte listado de países: Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, España, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Reino Unido e Suecia.

UE25

Componse dos países da UE-15, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta, Polonia e República Checa.

UE27

Intégrana os países da UE25, Bulgaria e Romanía.

UE28

Intégrana os países da UE25, Bulgaria e Romanía e Croacia

Unión Europea (UE)

A Unión Europea (UE) é unha organización internacional que xorde en 1951 como a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, pola que se creou un mercado común limitado á industria do carbón e do aceiro; a esta institución, precursora da actual UE, pertencían Francia, Alemaña Occidental, Italia, Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo. Este mercado común inténtase ampliar a outras materias económicas e ao sector da enerxía nuclear e así se constitúen a Comunidade Económica Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica en 1957. En 1973 únense a estes países Reino Unido, Dinamarca e Irlanda; en 1981 Grecia e en 1986 España e Portugal. En 1992, segundo o Tratado de Maastricht, conságrase a Unión Europea, conferíndolle novos poderes e responsabilidades ás institucións comunitarias e introducindo novas formas de cooperación entre os gobernos dos Estados Membros. En 1995 creouse a Europa dos 15 coa incorporación de Austria, Finlandia e Suecia e en maio de 2004 incorporáronse Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta, Polonia e a República Checa, conformando a Europa dos 25. A partir de xaneiro de 2007, coas novas incorporacións de Bulgaria e Romanía, a UE consta de 27 membros. En xullo de 2013 Croacia convértese no país número 28 da UE. O 31 de xaneiro de 2020 o Reino Unido saíu da Unión Europea

Zona Euro (UEM)

En 1992 a UE decidiu embarcarse nunha unión económica e monetaria (UEM) que suporía a introdución dunha moeda europea única xestionada por un Banco Central Europeo. A moeda única (o euro) fíxose realidade o 1 de xaneiro de 2002, cando os billetes e moedas substituíron ás moedas nacionais en 12 dos 15 países da Unión (Bélxica, Alemaña, Grecia, España, Francia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Austria, Portugal e Finlandia). En xaneiro de 2007 incorpórase Eslovenia á zona Euro; en xaneiro de 2008 incorpóranse Chipre e Malta; en xaneiro de 2009 incorpórase Eslovaquia; en xaneiro de 2011 Estonia; en xaneiro de 2014 Letonia e en xaneiro 2015 Lituania.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo