Definicións. Índices de comercio polo miúdo


Cifra de negocios

Comprende os importes facturados pola empresa durante o ano/mes de referencia en concepto de venda de bens e prestación de servizos que son obxecto do tráfico da empresa, tanto no exercicio da súa actividade principal, como de calquera actividade secundaria que realice a empresa. As vendas contabilízanse sen incluír o IVE repercutido ao cliente, e en termos netos, deducindo as devolucións de vendas, así como os rappels sobre as vendas. Non se deducen os descontos de caixa nin os descontos sobre as vendas por pronto pago. Comprende todos os importes facturados pola empresa durante o período de referencia, o que comprende todas as vendas comerciais de bens e servizos subministrados a terceiros que son obxecto de tráfico da empresa.

Comercio polo miúdo

Trátase dunha rama do sector servizos na que se enmarcan as empresas cuxa actividade principal corresponde á división 47 (Comercio polo miúdo, excepto de vehículos de motor e motocicletas) da sección G da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE-2009). Esta división comprende a revenda (venda sen transformación) ao público para o seu consumo ou utilización persoal de bens en tendas, grandes almacéns, postos, economatos, venda por correo, a domicilio, venda ambulante, etc. A manipulación que soe realizarse nestes establecementos non afecta ao carácter básico dos produtos e pode incluír, por exemplo, a clasificación, a separación, a mestura e o empaquetado. Os bens vendidos deben limitarse aos denominados, en xeral, bens de consumo ou mercadorías polo miúdo. En consecuencia, exclúense os bens que non soen incluírse no comercio polo miúdo, coma os cereais, os minerais, a maquinaria e equipos industriais, etc. Nesta división intégrase tamén o comercio polo miúdo realizado por intermediarios e as actividades das empresas de poxas polo miúdo. Esta división non comprende:

  • A venda de produtos agrarios polo responsable da explotación.
  • A fabricación e venda de mercadorías, que está clasificada como fabricación nas divisións 10 a 32 da CNAE-2009.
  • A venda de vehículos de motor, motocicletas e os seus repostos.
  • O comercio de cereais, minerais, crudo de petróleo, produtos químicos industriais, ferro e aceiro e a maquinaria e equipo industriais.
  • A venda de alimentos e bebidas para o seu consumo no mesmo local e a venda de comida para levar.
  • O aluguer de artigos de uso persoal e doméstico ao público en xeral.

Índices de comercio polo miúdo

O obxectivo destes índices é proporcionar información sobre as características fundamentais das empresas dedicadas ao exercicio do : comercio polo miúdo, que permitan medir, a curto prazo, a evolución da actividade deste sector. Os resultados preséntanse en forma de índices co obxecto de medir as variacións producidas respecto a un ano tomado como referencia (ano base), no que o índice se iguala a 100.

Prezos constantes

A valoración a prezos constantes significa valorar os fluxos e stocks nun período contable aos prezos vixentes nun período anterior. Permite eliminar o efecto que as eventuais subas ou baixadas de prezos producen na magnitude analizada.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo