Definicións. Seguimento e análise da construción


Consumos intermedios

Representan o valor dos bens e servizos consumidos como insumos nun proceso de produción (SEC-2010, 3.88 e seguintes). Non se inclúen os activos fixos, cuxo consumo debe rexistrarse como consumo de capital fixo.

Cota hipotecaria mensual

Calculada en base á hipoteca media e o tipo de xuro medio, asumindo como prazo o período de contratación do crédito hipotecario obtido da duración dos novos créditos hipotecarios contratados sobre a vivenda.

Hipoteca

É un contrato mediante o cal se consegue un crédito co garante dun ben, cuxo valor responde do risco do impago. As inscripcións de hipotecas expresan o importe da obrigación asegurada e dos intereses, se se houbiesen estipulado.

Licitación oficial

Recolle os contratos de obra que licitan as distintas administracións públicas: Estado, Seguridade Social e os entes territoriais (comunidades autónomas, deputacións, cabidos, consellos insulares e concellos). Non se recollen as licitacións sobre estudos ou redacción de proxectos de obra, xa que se trata dun contrato de servizos. Tampouco se recollerán os contratos de mantemento, conservación, limpeza e reparación de bens, equipos e instalacións, xa que son contratos de servizos.

Natureza da finca

Os dereitos de transmisión clasifícanse segundo sexa a natureza do ben transmitido, distinguindo entre rústica e urbana.

  • Natureza rústica: unha finca denomínase rústica cando pertence ao campo ou zona rural. Distínguense cinco tipos de bens rústicos diferenciados e un sexto para todos aqueles que non estean incluídos nos cinco anteriores, ou se descoñeza onde incluílos:
    • Secaño: finca rústica non regada, cuxa especificación de secaño figura na escritura.
    • Regadío: finca rústica que utiliza calquera medio de rego, cuxa especificación figura na escritura.
    • Vivenda rústica: construción utilizada para vivenda fóra di casco urbano e non dentro dunha parcela urbanizable.
    • Edificio agrario rústico: construción utilizada para servizos agrarios. Incluirá as edificacións agrícolas ou gandeiras, fábricas agrícolas gandeiras ou forestais, edificios auxiliares que formen finca independente: celeiros, cortes, depósitos, etc…
    • Explotación agrícola: fincas rexistrais constituídas por un conxunto de terras e edificacións destinadas ao uso agrícola, forestal
  • Natureza urbana: considéranse fincas de natureza urbana cando están emprazadas dentro da cidade ou dentro dun terreo que se acondiciona para crear e desenvolver un núcleo urbano. Desagréganse na seguinte clasificación:
    • Vivenda: é un recinto que está pensado para habitalo e destinado ao uso por unha ou varia persoas. Pódese distinguir entre piso con anexos, piso sen anexos, vivenda adosada ou pareada e vivenda illada.
    • Soar: terreo non edificado
    • Outras urbanas: local comercial, garaxe, oficina, rocho, nave industrial, …

Paro rexistrado

Este concepto, establecido na Orden ministerial do 11 de marzo de 1985, está constituído polo total de demandas en alta existentes a fin de mes, excluíndo, entre outras, as que correspondan ás seguintes situacións:

  • Pluriemprego: demandantes que solicitan outro emprego compatible co que exercen.
  • Mellor emprego: demandantes que, estando ocupados, solicitan un emprego para cambialo polo que teñen.
  • Colaboración social: demandantes perceptores de prestacións por desemprego que participan en traballos de colaboración social.
  • Xubilados: demandantes que son pensionistas de xubilación, pensionistas por grande invalidez ou invalidez absoluta e demandantes de idade igual ou superior a 65 anos.
  • Emprego conxuntural: demandantes que solicitan un emprego para un período inferior a 3 meses.
  • Xornada < 20 horas: demandantes que solicitan un traballo con xornada inferior a 20 horas semanais.
  • Estudantes: demandantes que están cursando estudos de ensinanza oficial regrada sempre que sexan menores de 25 anos ou que, superando esta idade, sexan demandantes de primeiro emprego ou ben demandantes asistentes a cursos de formación profesional e ocupacional, cando as súas horas lectivas superen as 20 á semana, teñan unha bolsa polo menos de manutención e sexan demandantes do primeiro emprego.
  • Demandas suspendidas: demandantes con demanda suspendida en canto permanezan nesta situación.
  • Compatibilidade prestacións: demandantes beneficiarios de prestacións por desemprego en situación de compatibilidade de emprego por realizar un traballo a tempo parcial.
  • Traballadores eventuais agrícolas subsidiados.
  • Rexeitamento de accións de inserción laboral: demandantes que rexeitan accións de inserción laboral axeitadas ás súas características segundo se establece no artigo 17, apartado 2 do Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

A posta en marcha do novo Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego (SISPE) en maio de 2005 produce unha ruptura da serie de paro rexistrado que se viña publicando ata o momento. A implantación deste novo sistema afecta a estimación do paro rexistrado, non porque cambie a definición, senón pola actualización e xestión automatizada da información e porque se corrixiron os erros que se viñan cometendo con certos colectivos.

Persoas afiliadas á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador ou da traballadora e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador ou a traballadora afíliase cando comeza a súa vida laboral e se dá de alta nalgún dos rexímenes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado ou dada de baixa pero seguirá afiliado ou afiliada en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

Poboación ocupada

Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia tiveron un traballo por conta allea ou exerceron unha actividade por conta propia, nalgunha das seguintes situacións:

  • traballando polo menos unha hora por un soldo, salario ou beneficio empresarial ou ganancia familiar en metálico ou en especie
  • con emprego pero sen traballar por razóns de enfermidade ou accidente, vacacións, festas, mal tempo ou razóns análogas. Tamén se consideran dentro desta categoría as persoas que, estando suspendidas ou separadas do seu emprego como consecuencia dunha regulación de emprego, esperan reincorporarse a súa empresa.

Postos de traballo equivalentes a tempo completo

Defínese como o total de horas traballadas dividido pola media anual das horas traballadas en postos de traballo a tempo completo no territorio económico.

Produción

En Confianza empresarial defínese como o conxunto de todos os bens e servizos creados por unha unidade económica durante un período de tempo utilizando para isto man de obra, capital e materias primas.

Nas Contas económicas anuais, Contas económicas trimestrais, no Marco input-output e no Seguimento e análise da construción defínese como unha actividade realizada baixo o control e a responsabilidade dunha unidade institucional que utiliza man de obra, capital e bens e servizos para producir outros bens e servizos (SEC-2010, 3.07 e seguintes). A produción inclúe, independentemente de que sexan actividades ilegais ou ocultas, os seguintes casos:

  • A produción de todos os bens e servizos individuais ou colectivos subministrados a unidades distintas dos seus produtores
  • A produción por conta propia daqueles bens que son consumidos polos propios produtores dos bens ou que incrementan os seus activos (por exemplo, a construción de vivendas por conta propia)
  • A produción por conta propia de servizos de aluguer das vivendas ocupadas polos seus propietarios
  • Os servizos domésticos e persoais producidos polo persoal doméstico remunerado
  • As actividades de voluntariado (non remuneradas) que producen bens.
Na Conta Satélite da Produción Doméstica (CSPD) amplíase a fronteira de produción definida polo SEC para os fogares e utilizada nas Contas Económicas Anuais e Trimestrais, así como no Marco Input-Output de Galicia. Desta maneira, as actividades produtivas dos fogares abarcarán os tipos xa incluídos dentro do concepto SEC, isto é:
  • a produción de mercado realizada por empresas non constituídas en sociedade
  • a produción voluntaria de bens realizada polos fogares e a produción de bens para uso final propio (produción agrícola para autoconsumo, a construción da vivenda propia, os servizos de alugamento de vivendas ocupadas polos seus propietarios, etc.)
máis un terceiro tipo de actividades, non consideradas de tipo produtivo segundo a definición do SEC, que inclúe os servizos domésticos e persoais que se producen e consumen no seo dun fogar (a produción doméstiva). Estes servizos abarcan:
  • a limpeza, decoración e mantemento da vivenda
  • a limpeza, mantemento e reparación dos bens duradeiros do fogar
  • a preparación e o servizo de comidas
  • o coidado, a formación e a educación dos nenos
  • o coidado de enfermos, impedidos ou anciáns
  • o transporte de membros do fogar ou dos seus bens

Produto interior bruto (PIB)

É o resultado da actividade produtiva das unidades de produción residentes.Nas contas económicas estímase por tres vías: oferta, demanda e rendas.

  • Suma do valor engadido bruto (VEB) das ramas de actividade, máis os impostos netos de subvencións sobre os produtos (oferta).
  • Suma da demanda final de bens e servizos das unidades institucionais residentes máis o saldo exterior de bens e servizos (demanda)
  • Suma de remuneración de asalariados, impostos sobre a produción e as importacións netos de subvencións, renda mixta e excedente de explotación bruto (rendas).

Réxime da vivenda

Refírese ao réxime de protección da vivenda, é dicir, se é de prezo libre ou ten algún tipo de protección oficial:

  • Vivenda de prezo libre: cando a vivenda non está sometida a ningún tipo de protección.
  • Vivenda suxeita a algún réxime de protección: aquela que recibiu calquera tipo de subvención á súa construción, independentemente do organismo que a conceda, e onde se ten en conta limitacións de superficie e prezo.

Rexistro da propiedade

O Rexistro da Propiedade é un rexistro público que ten por obxecto a inscrición de bens inmobles, da súa titularidade así como de todos os cambios e limitacións que experimenten.

Tipo de xuro

Cantidade que se paga como remuneración pola dispoñibilidade dunha suma de diñeiro tomada en concepto de crédito. Pode ser fixo ou variable (MIBOR, EURIBOR, RPH, outros).

Título de adquisición

Os títulos de adquisición desagréganse en compravenda, doazón, permuta, herdanza, etc. Non contempla a transmisión de hipotecas, porque están incluídas dentro de subrogación de hipotecas.

  • Compravenda: polo contrato de compravenda un dos contratantes obrígase a entregar a unha cousa determinada e o outro a pagar por ela un prezo certo, en diñeiro ou signo que o represente.
  • Doazón: é un acto de liberalidade polo cal unha persoa dispón gratuitamente de un ben en favor de outra que o acepta. Para que sexa válida a doazón do ben inmoble debe facerse en escritura pública, expresándose nela individualmente os bens doados e o valor das cargas que deba satisfacer o donatario.
  • Permuta: a permuta é un contrato polo cal cada un dos contratantes obrígase a dar unha cousa para recibir outra.
  • Herdanza: cando por disposición testamentaria ou legal se consigue a propiedade dun ben pertencente a unha persoa falecida. Poderán suceder por testamento ou abintestato os que non estean incapacitados pola lei.
  • Outros: todos os non contemplados na relación anterior. En ocasións pode reflectir concentracións parcelarias ou divisións horizontais. En outros casos pode tratarse dunha operación conxunta, mestura de varios títulos de adquisición, ou de transmisións con título de adquisición indefinido.

Transaccións inmobiliarias

Compravenda de vivendas elevadas a escritura pública ante notario.
A compravenda é un contrato polo cal un dos contratantes obrígase a transmitir a propiedade dun ben determinado e a outra parte obrígase a pagar por el un certo prezo.

Transmisións de dereitos da propiedade

Número de dereitos sobre bens inmobles transmitidos durante o período de referencia, cuxa transmisión queda inscrita nos Rexistros da Propiedade. A Estatística rexistral inmobiliaria recolle as escrituras inscritas no rexistro que corresponden exclusivamente a compravendas, coa transmisión do 100% do dominio sobre a propiedade.

Valor de compravenda

Prezo ou valor de transmisión que consta na escritura.

Valor engadido bruto (VEB)

Para cada unidade dedicada a unha actividade produtiva, é a diferenza entre a produción e os consumos intermedios. A suma dos valores engadidos brutos, máis os impostos netos de subvencións sobre os produtos, dan como resultado o Produto Interior Bruto polo lado da oferta.

Visados de dirección de obra

Visados de encargo profesional de dirección de obra e dos certificados fin de obra. Isto significa que non se inclúen proxectos salvo que correspondan a visados de proxecto e dirección de obra conxuntamente.

Visados de Encargo profesional de dirección de obra

Recóllense:

  • Traballos de edificación nas modalidades de obra nova, ampliación e reforma e/ou restauración de edificios.
  • Obras de reforzo ou consolidación de edificios.
  • Obras de urbanización.
  • Derrubamentos ou demolicións.
  • Decoración interior de edificios e locais.
  • Traballos realizados ao servizo da Administración Pública.
  • Traballos realizados para a Administración Pública.

Non inclúen:
  • Deslindes e mediación de terreos, soares e edificios.
  • Recoñecementos, consultas, exame de documentos, dilixencias, informes, ditames, certificacións, actuacións periciais, etc.
  • Traballos especiais excepto derrubamentos.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo