Definicións. Enerxía e industria


Bens de capital

Bens utilizados como medios de produción no proceso produtivo de bens e servizos.

Bens de consumo

Son bens que se consideran propios do consumo das familias. Poden ser alimentarios ou non alimentarios.

Bens intermedios

Son bens destinados a formar parte do consumo intermedio no proceso de produción de bens e servizos. Distínguese entre bens intermedios enerxéticos e non enerxéticos.

Cifra de Negocios na Industria

Correspóndese co valor da facturación do establecemento no mes de referencia, polas vendas de bens e a prestación de servizos industriais, considerando tanto os realizados polo propio establecemento como os procedentes da subcontratación con terceiros.
Inclúe, polo tanto, os ingresos polas vendas de produtos rematados, de produtos semirrematados, de subprodutos, de residuos e materiais recuperados, de envases e embalaxes e de mercadorías (bens adquiridos para revender no mesmo estado en que se adquiriron), así como os ingresos procedentes da prestación de servizos relacionados coa actividade ordinaria do establecemento.
Da definición de cifra de negocios exclúese o IVE e outros impostos que graven a operación, así como as devolucións de vendas. Tamén se deben excluír as reducións de prezo, rebaixas e descontos aplicados, tendo en conta que os concedidos ao cliente con posterioridade á venda, por exemplo, a fin de ano, non deben considerarse.
Non se inclúen tampouco as subvencións recibidas das Administracións Públicas e Institucións da Unión Europea.
O valor da cifra de negocios deberá incluír todas as cargas repercutidas ao cliente (transporte, embalaxe, etc.) aínda que se facturen por separado

Compras e traballos realizados por outras empresas

É o importe total obtido como resultado de agregar:

  • Compras de materias primas, de aprovisionamentos e mercadorías
  • Traballos realizados por outras empresas: gasto correspondente ao traballo que, formando parte do proceso de produción propio, encárgase e realízao outras empresas.

Gastos de persoal

Este concepto recolle o importe total agregado dos pagos efectuados pola empresa durante o ano de referencia en concepto de soldos e salarios, indemnizacións, seguridade social e outros gastos de persoal.

Horas traballadas

Son as horas efectivamente traballadas como asalariado ou traballador autónomo durante o período contable ou o ano de referencia. Comprende as horas realmente traballadas (normais e extraordinarias) durante os períodos de traballo; o tempo dedicado no lugar de traballo á preparación de ferramentas, elaboración de fichas de control, etc.; a duración de tempos mortos no lugar de traballo producidos por falta ocasional de traballo; así como o tempo correspondente a breves períodos de descanso no lugar de traballo (almorzo, etc.). Deben excluírse as horas pactadas pero non traballadas por motivos de enfermidades, folgas, vacacións, etc., as interrupcións para as comidas e as horas empregadas no camiño do domicilio ao lugar de traballo.

Importe neto da cifra de negocios

É o resultado que se obtén de deducir do importe das ventas de produtos, mercadorías e similares, e das prestacións de servizos correspondentes ás actividades ordinarias da empresa, o importe dos descontos e demais bonificacións sobre as vendas, así como o IVE e outros impostos directamente relacionados. O seu contido correspóndese coa suma dos importes relativos ás vendas netas de produtos, vendas netas de mercadorías e prestacións de servizos.

Índice de prezos industriais (IPRI)

Os índices de prezos industriais ten como obxectivo medir a evolución mensual dos prezos dos produtos fabricados pola industria na primeira etapa da súa comercialización. A cobertura do índice esténdese a todos os sectores industriais: industrias extractivas, manufactureiras e a subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado (seccións B, C e D da CNAE-2009).
Os prezos que miden os índices teñen as seguintes características:

  • Todos os criterios técnicos e comerciais determinantes dos prezos (calidade, cantidade, tipo de comprador ou de cliente, ...) deben manterse fixos no tempo.
  • Son os prezos básicos, é dicir, sen incluír o IVE nin outros impostos indirectos facturados nin os gastos de transporte e comercialización.
  • Son prezos efectivos vixentes nun día determinado.
  • Obsérvanse os prezos asignados a un modelo determinado, non prezos medios nin valores unitarios.
  • Son prezos obtidos polos produtos vendidos e non prezos pagados polos materiais consumidos.

Índice de produción industrial (IPI)

O índice de produción industrial (IPI) é un indicador conxuntural cuxa finalidade é medir a evolución mensual da actividade produtiva das ramas industriais; é dicir, das industrias extractivas, manufactureiras e a subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado (seccións B, C e D da CNAE-2009). Mide, polo tanto, a evolución conxunta da cantidade e da calidade producidas, eliminando a influencia do prezos.

Intensidade enerxética

A intensidade enerxética é o valor medio da cantidade de enerxía necesaria para xerar unha unidade de riqueza: consumo de enerxía por unidade de Produto Interior Bruto.

Pedidos e Entradas de Pedidos

Defínese como Pedido o valor do acordo, calquera que sexa a forma que este adopte (verbal, escrito, etc.), polo cal o establecemento se obriga a subministrar uns bens ou a prestar uns servizos industriais a un terceiro, tanto se foron realizados por el coma se proceden da subcontratación. Acéptase o pedido se a xuízo do produtor hai probas abondo de que se trata dun acordo válido.
Ao implicar o pedido unha venda futura de bens e servizos, as rúbricas a considerar na súa definición son as mesmas que as da cifra de negocios.
Considéranse as Entradas de Pedidos como o valor do conxunto dos pedidos recibidos e aceptados en firme pola unidade de observación durante o período de referencia

Persoas ocupadas

Na Enquisa industrial de empresas considéranse persoas ocupadas o conxunto de persoas (fixas e eventuais) que no período de referencia se encontraban exercendo un labor, remunerado ou non, para a empresa, e que pertencen e son pagadas por ela. Inclúense as persoas con licenzas de enfermidade, vacacións remuneradas e licenzas ocasionais sen soldo etc., e os traballadores a tempo parcial (se traballan máis dun terzo da xornada laboral completa). Non se inclúen os traballadores postos á disposición da empresa por outras empresas ou axencias e que son retribuídos por estas últimas; as persoas que estean efectuando traballos de mantemento ou reparación nalgún dos locais ou establecementos da empresa e que son remuneradas por conta doutras empresas; así como as persoas en situación de excedencia, licenza ilimitada ou xubilados. Tampouco se inclúen os membros do consello de administración que estean remunerados exclusivamente pola súa asistencia a estes consellos nin os socios ou outras persoas que traballen menos dun terzo da xornada laboral.

Produción bruta de enerxía eléctrica

Este termo fai referencia á enerxía producida medida en bornes dos xeradores.

Produción dispoñible de enerxía eléctrica

De acordo coa terminoloxía internacional a produción neta inclúe a enerxía xerada con auga previamente bombeada sen desconto da enerxía absorbida polo bombeo, polo tanto defínese como "produción dispoñible" a diferenza entre a produción neta e o consumo de enerxía para o bombeo.

Produción neta de enerxía eléctrica

É o resultado de deducir da produción bruta os consumos en servizos auxiliares das centrais e as perdas en transformación principal. A produción neta, o mesmo que a bruta, inclúe a enerxía producida polas centrais de bombeo sen dedución da enerxía eléctrica consumida no bombeo.

Servizos exteriores

Este concepto comprende o importe total do conxunto de gastos de explotación de natureza diversa realizados pola empresa durante o ano de referencia, tales como gastos en I+D, arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, primas de seguros, servizos bancarios e similares, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións, e outros servizos.

Total de gastos de explotación

É o importe total obtido como resultado de agregar os diferentes gastos ligados á explotación realizados pola empresa durante o ano de referencia:

Total de ingresos de explotación

É o importe total obtido como resultado de agregar os diferentes ingresos ligados á explotación, obtidos pola empresa durante o ano de referencia :

  • Importe neto da cifra de negocios
  • Traballos realizados pola empresa para o seu activo. Este concepto recolle a contrapartida dos gastos realizados pola empresa para o seu inmobilizado (inmobilizado intanxible, inmobilizado material, inversións inmobiliarias e inmobilizado material en curso) utilizando os seus propios equipos e persoal. Inclúe tanto a produción de bens de equipo ou edificacións, como as grandes reparacións e melloras realizadas sobre os xa existentes co fin de aumentar a vida útil do ben, a súa capacidade de produción ou o seu rendemento. Tamén se inclúe dentro desta rúbrica a contrapartida dos gastos que se activan correspondentes aos pagos efectuados a outras empresas en concepto de retribución polos traballos que lles encargan con fins de investigación e desenvolvemento.
  • Subvencións, doazóns e legados
  • Resto de ingresos de explotación: ingresos por arrendamentos, ingresos de propiedade industrial cedida en explotación, ingresos por comisións, ingresos por servizos ao persoal e ingresos por servizos diversos.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo