Definicións. Caracterización socioeconómica das persoas solicitantes de aproveitamentos forestais


Pensións contributivas da Seguridade Social

Son prestacións económicas e de duración indefinida, aínda que non sempre, nas que a concesión está xeralmente supeditada a unha previa relación xurídica coa Seguridade Social (acreditar un período mínimo de cotización en determinados casos, ...), sempre que se cumpran os demais requisitos esixidos. A súa contía determínase en función das achegas efectuadas polo traballador e o empresario, se se trata de traballadores por conta allea, durante o período considerado para os efectos da base reguladora da pensión de que se trate.
As clases de pensións son:

  • incapacidade permanente
  • xubilación
  • morte e supervivencia

Persoas afiliadas á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador ou da traballadora e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador ou a traballadora afíliase cando comeza a súa vida laboral e se dá de alta nalgún dos rexímenes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado ou dada de baixa pero seguirá afiliado ou afiliada en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

Residente

Considérase residente a toda persoa física que ten a súa residencia habitual nun dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia

Réxime especial autónomos

Para os efectos deste réxime especial, entenderase como traballador por conta propia ou autónomo, aquel que realiza de xeito habitual, persoal e directa unha actividade económica a título lucrativo, sen suxeición por ela a contrato de traballo e aínda que utilice o servizo remunerado doutras persoas, sexa ou non titular de empresa individual ou familiar.

Presumirase, salvo proba do contrario, que no interesado concorre a condición de traballador por conta propia ou autónomo se el mesmo ostenta a titularidade dun establecemento aberto ao público como propietario, arrendatario, usufrutuario ou outro concepto análogo.

Réxime especial traballadores do mar

No réxime especial do mar están incluídos:

  • Traballadores por conta allea, retribuídos a salario ou á parte, empregados en calquera das actividades seguintes:
    • Mariña mercante
    • Pesca marítima en calquera das súas modalidades.
    • Extracción doutros produtos do mar.
    • Tráfico interior de portos e embarcacións deportivas e de recreo.
    • Traballos de carácter administrativo, técnico e subalterno das empresas dedicadas ás actividades anteriores.
    • Traballo de estibadores portuarios.
    • Servizo auxiliar sanitario e de fonda e cociña prestado aos emigrantes españois a bordo das embarcacións que os transportan.
    • Persoal ao servizo das confrarías de pescadores e as súas federacións e das cooperativas do mar.
    • Calquera outra actividade marítimo-pesqueira que a súa inclusión neste réxime sexa determinada polo Ministerio de Trabajo e Inmigración.
  • Os armadores de embarcacións que sexan de máis de 10 toneladas ou leven enrolados máis de cinco tripulantes, se figuran no rol e perciben como retribución polo seu traballo unha participación no "Monte Menor" ou un salario como tripulante, quedan asimilados a traballadores por conta allea, salvo para os efectos de desemprego.
  • Traballadores por conta propia que realizan de xeito habitual, persoal e directa, algunha das actividades que a continuación se enumeran, sempre que a mesma constitúa o seu medio fundamental de vida:
    • Armadores de embarcacións que non excedan as 10 toneladas de rexistro bruto, non leven máis de cinco persoas enroladas incluído o armador, e nas que este vaia enrolado como técnico ou tripulante.
    • Os que se dediquen á extracción de produtos do mar.
    • Os redeiros que non realicen as súas faenas por conta dunha empresa pesqueira determinada.
  • Tamén se poden incluír o cónxuxe e os familiares, hasta o segundo grado de consanguinidade, afinidade ou adopción do traballador autónomo, se traballan, conviven e dependen economicamente de el, salvo proba de que son traballadores por conta allea

Réxime Xeral

É o réxime que conta con maior número de persoas afiliadas dentro da estrutura do Sistema da Seguridade Social. Estarán incluídos no Réxime Xeral, entre outras, as seguintes categorías de traballadores e traballadoras:

  • Os traballadores e as traballadoras españolas por conta allea da industria e dos servizos e asimilados a estes, que exerzan normalmente a súa actividade no territorio nacional.
  • Os socios e socias traballadoras de sociedades laborais e de sociedades mercantís capitalistas.
  • Os traballadores e as traballadoras españolas non residentes en territorio nacional ao servizo da Administración española no exterior.
  • Os estranxeiros e as estranxeiras con permiso de residencia e de traballo en España que traballen por conta allea na industria ou nos servizos e exerzan a súa actividade en territorio nacional.
  • Persoal (funcionario ou laboral) da Administración Local.
  • Laicos ou segrares que presten servizos retribuídos en institucións eclesiásticas.
  • As persoas que presten servizos retribuídos en entidades ou institucións de carácter benéfico social.
  • Funcionarios e funcionarias en prácticas que aspiren a incorporarse a corpos ou escalas que non estean suxeitos ao réxime de clases pasivas, así como os altos cargos das administracións públicas que non sexan funcionarios; tamén, os funcionarios e as funcionarias de novo ingreso das Comunidades Autónomas.
  • Funcionarios e funcionarias transferidas ás Comunidades Autónomas, que ingresen voluntariamente en corpos ou escalas propios da Comunidade Autónoma de destino; tamén se inclúe o persoal interino ao servizo da Administración de Xustiza.
  • Os seguintes Rexímenes Especiais integrados:
    • Representantes de comercio.
    • Artistas.
    • Profesionais taurinos.
  • Os seguintes Sistemas Especiais:
    • Traballadores e traballadoras fixas descontinuas de empresas de estudos de mercado e opinión pública.
    • Traballadores e traballadoras fixas descontinuas de cines, salas de baile e de festa e discotecas.
    • Manipulado e empaquetado de tomate fresco, realizado por colleiteiros/as exportadores/as.
    • Servizos extraordinarios de hostalería.
    • Industria da resina.
    • Froitas, hortalizas e industria de conservas vexetais.
    • Agrario: con efecto o día 1 de xaneiro de 2012 os traballadores e as traballadoras do Réxime Especial Agrario (conta allea) inclúense dentro do Réxime Xeral da Seguridade Social, mediante a creación do Sistema Especial Agrario.
    • Empregados e empregadas do fogar: desde o día 1 de xaneiro de 2012 os traballadores e as traballadoras incluídas no Réxime Especial de Empregados/as do Fogar quedan integradas dentro do Réxime Xeral, mediante a creación do Sistema Especial para Empregados/as do Fogar.

Sistema da Seguridade Social

É un conxunto de réximes a través dos cales o Estado garante ás persoas comprendidas no seu campo de aplicación, por realizar unha actividade profesional ou por cumprir os requisitos esixidos na modalidade non contributiva, así como aos familiares ou asimilados que tivesen ao seu cargo, a protección adecuada nas continxencias e situacións que a lei define.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo