Definicións. Estudo do impacto provocado pola pandemia da COVID-19 na situación económica, no traballo e nas relacións familiares e sociais dos fogares galegos


Adulto

Na Enquisa estrutural a fogares (EEF) considéranse adultas as persoas de 25 ou máis anos e aquelas de 18 a 24 que percibiron ingresos de traballo ou prestacións no ano natural anterior á realización da enquisa ou non conviven con ningún dos seus pais.

Aforro en alimentos

Refírese ao aforro que tivo o fogar en alimentos xa que os produciu o propio fogar ou ben llos regalou algún familiar ou amigo e, polo tanto, lle evitou ao fogar a súa compra.

Áreas (Enquisa estrutural a fogares)

As áreas definidas a partir da edición 2008 da Enquisa estrutural a fogares son:

  • Provincia da Coruña
    • Ferrol-Eume-Ortegal: comprende as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
    • Área da Coruña: comprende as comarcas da Coruña e Betanzos.
    • Área da Costa da morte: comprende as comarcas de Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas.
    • A Coruña suroriental: comprende as comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide.
    • Área de Santiago: comprende as comarcas da Barcala, O Sar e Santiago.
    • A Barbanza-Noia: comprende as comarcas da Barbanza e Noia.
  • Provincia de Lugo
    • Lugo oriental: comprende as comarcas da Fonsagrada, Os Ancares e Sarria.
    • Lugo sur: comprende as comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos.
    • Lugo central: comprende as comarcas da Ulloa, Lugo, Meira e A Terra Chá.
    • A Mariña: comprende as comarcas da Mariña Central, A Mariña Oriental e A Mariña Occidental.
  • Provincia de Ourense
    • O Carballiño-O Ribeiro: comprende as comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
    • Ourense central: comprende as comarcas de Allariz e Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras.
    • Ourense sur: comprende as comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana.
    • Área de Ourense: comprende a comarca de Ourense.
  • Provincia de Pontevedra
    • Pontevedra nororiental: comprende as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
    • Pontevedra sur: comprende as comarcas da Paradanta, O Baixo Miño e O Condado.
    • Área de Pontevedra: comprende a comarca de Pontevedra.
    • Caldas-O Salnés: comprende as comarcas de Caldas e O Salnés.
    • Área de Vigo: comprende a comarca de Vigo.
    • O Morrazo: comprende a comarca do Morrazo.

Carencia material severa

Unha persoa vive nun fogar con carencia material severa cando ten carencia polo menos en catro conceptos dos seguintes:

  • Non pode permitirse ir de vacacións polo menos unha semana ao ano
  • Non pode permitirse unha comida de carne, polo ou pescado polo menos cada dous días
  • Non pode permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada
  • Non ten capacidade para facer fronte a gastos imprevistos
  • Tivo retrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal (hipoteca ou aluguer, gas, comunidade, etc.)
  • Non pode permitirse dispoñer de coche
  • Non pode permitirse dispoñer de teléfono (fixo ou móbil)
  • Non pode permitirse dispoñer de televisor en color
  • Non pode permitirse dispoñer de lavadora

COVID-19

Doenza respiratoria, altamente contaxiosa, causada polo coronavirus SARS-CoV-2, que ten como síntomas máis característicos febre, tose seca, dispnea, mialxia e cansazo, e que nalgúns casos graves pode producir pneumonía, síndrome de dificultade respiratoria aguda, sepse e choque séptico. Esta palabra é o acrónimo do inglés Coronavirus Disease 2019 'doenza por coronavirus 2019'

Expediente de Regulación de Emprego (ERE)

É un procedemento administrativo-laboral que deben seguir as persoas empresarias para poder adoptar unha serie de medidas de regulación do emprego, xa sexan de redución de xornada, suspensión ou extinción dos contratos de traballo, cando concorran determinadas causas e garantindo os dereitos das persoas traballadoras

Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE)

É unha medida laboral pola que se suspende o contrato da persoa traballadora de forma temporal ou faise unha redución de xornada durante un período determinado por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción ou derivadas de forza maior

Fogar privado

Persoa ou conxunto de persoas que ocupan en común unha vivenda principal ou parte dela, e consomen e/ou comparten alimentos ou outros bens con cargo a un mesmo orzamento.

Ingreso equivalente do fogar

Este concepto corrixe o efecto do número de persoas no volume de ingresos do fogar, facendo comparables os ingresos de fogares con distinto número de membros. Para iso calcúlanse as unidades de consumo do fogar empregando a escala de equivalencia da OCDE modificada que ten a expresión:
[1+0,5*(a-1)+0,3*(b)]
onde
a é o número de persoas de 14 ou máis anos do fogar,
b é o número de persoas menores de 14 anos do fogar.
Defínese o ingreso equivalente do fogar como o ingreso medio mensual do fogar dividido pola expresión anterior.

Ingreso medio mensual do fogar

É a media mensual dos ingresos netos monetarios de todos os membros do fogar no ano natural anterior á realización da enquisa, sexan estes regulares ou non.

Intensidade de ingresos de traballo do fogar

É a suma do número de días con ingresos de traballo que tiveron os adultos do fogar entre o número máximo de días con ingresos de traballo que poderían ter no ano natural anterior á realización da enquisa. A intensidade varía entre 0 e 1, 0 é cando ningún adulto do fogar tivo ingresos de traballo e 1 cando todos os adultos do fogar tiveron ingresos de traballo todo o ano.

Limiar de risco de pobreza

Correspóndese co 60% da mediana dos ingresos equivalentes de todas as persoas galegas. Como ingreso equivalente de cada persoa tómase o ingreso equivalente do fogar ao cal pertencen.

Mediana de ingresos dos fogares

É o valor que, ordenando todos os fogares de menor a maior ingreso, deixa unha metade deles por debaixo do dito valor e a outra metade por enriba.

Membro do fogar

Na Enquisa estrutural a fogares para establecer se unha persoa é membro ou non dun fogar, tense en conta se pernoita habitualmente catro ou máis noites á semana na vivenda (persoa presente) ou se non o fai (persoa ausente).
As persoas presentes son membros do fogar se levan tres ou máis meses presentes, tanto se ocupan outra vivenda permanentemente coma se non, e se levan menos de tres meses presentes e non ocupan outra vivenda permanentemente.
As persoas ausentes son membros do fogar se levan menos de tres meses ausentes e non ocupan outra vivenda permanentemente.
Existen as seguintes excepcións:

  • Persoal doméstico interno, que é membro do fogar salvo que teña outro fogar que considere como o seu fogar principal.
  • Persoas desprazadas temporalmente a outro lugar, que son membros do fogar no que está o seu núcleo familiar. Entre eles están:
    • Varóns que cumpren o servizo militar (ata o ano 2001)
    • Enfermos en sanatorios.
    • Persoas en viaxes de negocio ou ocio.
    • Pescadores no mar.
    • Persoal navegante de compañías aéreas ou marítimas, nacionais ou estranxeiras.
    • Persoal desprazado por coidado de familiares.
  • Estudantes e traballadores desprazados temporalmente, que se consideran membros do fogar se pensan volver reunirse co núcleo familiar cando finalice a causa pola que se desprazaron. No caso de descoñecer esta circunstancia, son membros do fogar se levan ausentes menos dun ano.

Neno a cargo

Todas as persoas non consideradas adultos.

Taxa de risco de pobreza

Porcentaxe de persoas cun ingreso equivalente inferior ao limiar do risco de pobreza.

Taxa de risco de pobreza ou exclusión social (estratexia Europa 2020)

A poboación en risco de pobreza ou exclusión social é aquela que está nalgunha das seguintes situacións:

  • En risco de pobreza: o ingreso por unidade de consumo está por debaixo do 60% da mediana dos ingresos por unidade de consumo
  • En carencia material severa
  • Persoas de 0 a 59 anos que viven en fogares sen ingresos de traballo ou con baixa intensidade de ingresos de traballo, é dicir, onde o número de días que os adultos de 18 a 59 anos dese fogar tiveron ingresos por traballo supón ata o 20% do número total de días que poderían telos durante o ano natural anterior á realización da enquisa

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo