Definicións. Enquisa de poboación activa. Módulo sobre pensións e participación no mercado laboral


Pensión contributiva segundo Regulamentos Comunitarios de Seguridade Social

Corresponden a pensións para persoas que están ou estiveron suxeitas á lexislación dun ou varios estados membros, e sexan nacionais ou refuxiadas nun estado do Espazo Económico Europeo, en Suíza ou ben, sexan apátridas ou nacionais de terceiros países con residencial legal nun estado membro da Unión Europea (excepto Dinamarca e Reino Unido).

Pensión de vellez do Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez (SOVI)

SOVI é un réxime residual que se aplica aos trabaladores, traballadoras e aos seus e ás súas derechohabientes que, ao reunir os requisitos esixidos pola lexislación deste réxime extinto, non teñan dereito a unha pensión do actual Sistema da Seguridade Social.

Pensión de xubilación

As pensións de xubilación teñen como obxectivo manter o nivel de vida da poboación que abandona o mercado laboral por razóns de idade, protexéndoa da pobreza. Inclúense os seguintes tipos de pensións:

  • Pensións de xubilación do sistema público
  • Pensións procedentes de plans de pensións de xubilación de empresa
  • Pensións procedentes de plans de xubilación persoais
Hai que ter en conta que, para os efectos do Módulo sobre pensións e participación no mercado laboral da EPA, unha vez que a persoa beneficiaria dunha pensión de invalidez ou dunha pensión de supervivencia acada a idade de xubilación legal/estándar, considérase que percibe unha pensión de xubilación.

Pensións de xubilación do Sistema Público

Son as que cobren a provisión de protección social contra os riscos vinculados á vellez: perda de ingresos, ingresos inadecuados e falta de independencia na realización das tarefas cotiás, menor participación na vida social, etc. A atención médica das persoas anciás non se ten en conta, xa que os gastos de asistencia sanitaria consígnanse na partida dedicada a enfermidade e atención sanitaria.
O Sistema Público de Pensións recoñece dúas modalidades:

  • Contributiva: require dun período mínimo de cotización dos traballadores e das traballadoras á Seguridade Social; distínguense catro tipos:
    • Pensións do Réxime Xeral e dos Réximes Especiais da Seguridade Social
    • Pensión de vellez do Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez (SOVI)
    • Pensión contributiva segundo os Regulamentos Comunitarios de Seguridade Social
    • Pensión segundo convenios bilaterais doutros países coa Seguridade Social
    Non se inclúe dentro das pensións contributivas do Sistema Público de Pensións:
    • As compensacións mensuais dalgunha empresa, prestacións por desemprego e por pre-xubilación debido a razóns do mercado laboral, que son pagos periódicos a traballadores e traballadoras maiores que se xubilan antes de acadar a idade legal de xubilación, por atoparse en desemprego ou por redución dos postos de traballo como consecuencia de medidas económicas. Normalmente, estes pagos rematan cando a persoa adquire o dereito a percibir unha pensión de xubilación.
    • Prestación por redución da capacidade de traballo, é dicir, por discapacidade
  • Non contributiva: son prestacións económicas que se recoñecen ás persoas que, atopándose en situación de necesidade, carezan de recursos suficientes para a súa subsistencia nos termos legalmente establecidos, aínda que non cotizasen nunca ou non cotizasen o tempo suficiente para acadar unha prestación de nivel contributivo.

Pensións do Réxime Xeral e dos Réximes Especiais da Seguridade Social

Son as que cobren as seguintes casuísticas:

  • Xubilación ordinaria: xubilación á que poden acceder os traballadores e as traballadoras ao chegar á idade legal establecida para poder xubilarse sempre e cando cotizasen o número mínimo de anos requiridos pola Seguridade Social. Se a xubilación se produciu a partir da idade ordinaria e cunha porcentaxe aplicable á base reguladora do 100%, poderase pasar á situación de xubilación activa, que permite compatibilizar a pensión de xubilación cun traballo por conta propia ou allea, a xornada completa ou parcial. Nesta situación percíbese o 50% da pensión, excepto que a actividade que se realice sexa por conta propia e se acredite ter contratado polo menos a un traballador ou traballadora por conta allea (neste caso, a pensión acada o 100%).
  • Xubilación anticipada: cando se accede á xubilación antes da idade legal establecida e sempre que se teña o mínimo de anos cotizados establecidos en cada caso. A xubilación anticipada pode ser con ou sen redución da pensión normal.
  • Xubilación de clases pasivas (funcionarios e funcionarias en réxime especial): prodúcese ao cumprir os 65 anos, con algunhas excepcións (os corpos docentes universitarios, maxistratura, xuíces e xuízas, fiscais e letrados/as da Administración de Xustiza, así como os rexistradores e as rexistradoras da propiedade -estas últimas ingresadas antes do 1 de xaneiro de 2015- xubílanse forzosamente aos 70 anos).
  • Xubilación de clases pasivas por retiro voluntario aos 60 anos (funcionarios e funcionarias en réxime especial): prodúcese sempre que teñan recoñecidos 30 anos de servizo.
  • Xubilación parcial: permite ao traballador ou á traballadora, de común acordo coa empresa, reducir a xornada de traballo entre un 25% e un 50%, e pasa a percibir a pensión de xubilación na cantidade proporcional inversa á redución da xornada. No caso de que a persoa non teña cumprida a idade regulamentaria de xubilación, a empresa deberá concertar un contrato relevo con outro traballador ou traballadora.
  • Xubilación parcial da industria manufactureira: aplica a regulación para a modalidade de xubilación parcial con celebración de contrato de relevo, vixente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 27/2011, a pensións causadas antes do 1 de xaneiro de 2023 e baixo certos requisitos.
  • Xubilación flexible: permite ás persoas perceptoras dunha pensión de xubilación iniciar un traballo a tempo parcial cunha redución de xornada comprendida entre o 25% e o 50% sobre a xornada habitual da actividade e compatibilizalo coa pensión que estaba cobrando, reducida proporcionalmente á porcentaxe de xornada traballada a tempo parcial. Pódese aplicar a todos os réximes da Seguridade Social, excepto aos réximes de funcionarios e funcionarias civís do Estado, das Forzas Armadas e ao persoal ao servizo da Administración de Xustiza.
  • Xubilación especial aos 64 anos: desaparece a partir do día 1 de xaneiro de 2013, aínda que se mantén para as persoas ás que lles sexa de aplicación a Lei 27/2011, isto é, a traballadores e traballadoras de empresas que, en virtude dun convenio ou pacto, están obrigadas a substituír simultaneamente á persoa que se xubila por outra que se atope inscrita como desempregada na oficina de emprego.

Pensións por discapacidade ou invalidez

De acordo co manual do Sistema Europeo Integrado de Estatísticas de Protección Social (SEEPROS), as pensións de invalidez comprenden as prestacións que proporcionan un ingreso a persoas por debaixo da idade legal de xubilación establecida no réxime de referencia, cuxa capacidade para traballar estea impedida máis alá dun nivel mínimo establecido pola lexislación por unha discapacidade física ou mental.
Inclúense as pensións por discapacidade ou invalidez do sistema público así como os plans de pensións para persoas con discapacidade, tanto de empresa como individuais.
Unha vez que a persoa beneficiaria dunha pensión de invalidez acada ou supera a idade legal de xubilación, considérase que recibe unha pensión de vellez e rexístrase como percibindo unha pensión de xubilación.

Pensións por incapacidade ou invalidez do Sistema Público

As pensións por discapacidade ou invalidez do Sistema Público poden ser contributivas ou non contributivas e tense dereito a elas en función dos diferentes graos de incapacidade:

  • Incapacidade permanente parcial para a profesión habitual: a pesar de non acadar o grao total, ocasiona ao traballador ou á traballadora unha diminución igual ou superior ao 33% no seu rendemento normal para a profesión habitual, sen impedirlle realizar as tarefas fundamentais de dita profesión.
  • Incapacidade permanente total para a profesión habitual: inhabilita ao traballador ou á traballadora para poder realizar a totalidade ou as tarefas fundamentais da súa profesión, sempre e cando poida dedicarse a outra distinta.
  • Incapacidade permanente absoluta para todo traballo: inhabilita ao traballador ou á traballadora para calquera profesión ou oficio.
  • Gran invalidez: situación do traballador ou da traballadora cunha incapacidade permanente e que, debido ás perdas anatómicas ou funcionais, necesita de asistencia doutra persoa para os actos máis esenciais da vida, tales como vestirse, desprazarse, comer ou análogos.

Pensións procedentes de plans de pensións de xubilación de empresa (PPE)

Estes plans, tamén chamados plans de pensións de emprego, son contribucións que fan as entidades empregadoras, os e as empregados/as, ou ambas, en función dos ingresos, ou que fan as persoas que traballan por conta propia inscritas como autónomas. O obxectivo é complementar a pensión pública de xubilación da Seguridade Social. O máis común é que se establezan mediante contratos de traballo ou convenios sectoriais ou profesionais, negociados polos interlocutores sociais.

Pensións procedentes de plans de pensións persoais

Son plans privados voluntarios que fan persoas con calquera entidade financeira sen que teña que existir ningunha relación laboral entre elas. Teñen por obxectivo proporcionar aforro para o momento da xubilación e realízase con achegas de capital. Para os efectos do Módulo sobre pensións e participación no mercado laboral da EPA, non se teñen en conta neste grupo de pensións as que, unha vez chegada a idade de xubilación, se cobran nun único pago.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo