Definicións. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia


Ámbito/Campo de estudo

Clasificación estatística propia do Sistema Integrado de Información Universitaria (SIIU) que agrupa os estudos oficiais, elaborada a partir da Clasificación Internacional Normalizada de Educación CINE-F 2013

Base de cotización para continxencias comúns por conta allea

A base de cotización para as diversas continxencias e situacións amparadas pola acción protectora da Seguridade Social está constituída pola remuneración total, calquera que sexa a súa forma ou denominación, que con carácter mensual teña dereito a percibir a persoa traballadora ou asimilada, ou a que efectivamente perciba de ser esta superior. As percepcións de vencemento superior ao mensual distribuiranse ao longo dos doce meses do ano.
Considérase remuneración á totalidade das percepcións económicas, sexan en diñeiro ou en especie. Así mesmo, hai que ter en conta que as bases de cotización ao Sistema da Seguridade Social non poden ser superiores ao límite máximo fixado para cada exercicio económico na correspondente Lei de Orzamentos Xerais do Estado. Nalgúns réximes de cotización, como é o caso do Réxime Xeral, tamén se fixan uns límites mínimos de cotización, en función do grupo de cotización da persoa. Se a base non se atopa comprendida entre a contía mínima e máxima correspondente ao grupo de cotización do traballador ou da traballadora, esta cotizará pola base mínima (se a cantidade resultante é menor) ou máxima (se é maior).

CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)

Contrato indefinido ordinario

É o concertado sen establecer límites de tempo na prestación de servizos con xornada a tempo completo, parcial ou fixo descontinuo.

Contrato temporal

Con carácter xeral, un emprego defínese como temporal cando a finalización do contrato ou relación laboral queda determinada por condicións obxectivas, coma a expiración dun prazo, a realización dunha tarefa determinada, a reincorporación dun empregado ao que se substituíra temporalmente, a realización dun período de prácticas, etc. En todo caso, neste tipo de contratos as condicións da súa finalización xeralmente aparecen recollidas no contrato.

Demandas de emprego rexistradas

Son as solicitudes de postos de traballo rexistradas nas oficinas públicas de emprego realizadas polos traballadores en idade laboral que desexan traballar por conta allea. Inclúen as de traballadores que non teñen emprego, tanto daqueles que non traballaron anteriormente e buscan emprego por primeira vez como as dos que tiveron un emprego anterior, e as de traballadores ocupados que buscan emprego para substituír ou complementar o que teñen. 

MUFACE (Mutualidad General de Funcionarios Civiles del Estado)

Organismo público encargado de xestionar o Réxime Especial da Seguridade Social dos Funcionarios Civís do Estado.

Paro rexistrado

Este concepto, establecido na Orden ministerial do 11 de marzo de 1985, está constituído polo total de demandas en alta existentes a fin de mes, excluíndo, entre outras, as que correspondan ás seguintes situacións:

  • Pluriemprego: demandantes que solicitan outro emprego compatible co que exercen.
  • Mellor emprego: demandantes que, estando ocupados, solicitan un emprego para cambialo polo que teñen.
  • Colaboración social: demandantes perceptores de prestacións por desemprego que participan en traballos de colaboración social.
  • Xubilados: demandantes que son pensionistas de xubilación, pensionistas por grande invalidez ou invalidez absoluta e demandantes de idade igual ou superior a 65 anos.
  • Emprego conxuntural: demandantes que solicitan un emprego para un período inferior a 3 meses.
  • Xornada < 20 horas: demandantes que solicitan un traballo con xornada inferior a 20 horas semanais.
  • Estudantes: demandantes que están cursando estudos de ensinanza oficial regrada sempre que sexan menores de 25 anos ou que, superando esta idade, sexan demandantes de primeiro emprego ou ben demandantes asistentes a cursos de formación profesional e ocupacional, cando as súas horas lectivas superen as 20 á semana, teñan unha bolsa polo menos de manutención e sexan demandantes do primeiro emprego.
  • Demandas suspendidas: demandantes con demanda suspendida en canto permanezan nesta situación.
  • Compatibilidade prestacións: demandantes beneficiarios de prestacións por desemprego en situación de compatibilidade de emprego por realizar un traballo a tempo parcial.
  • Traballadores eventuais agrícolas subsidiados.
  • Rexeitamento de accións de inserción laboral: demandantes que rexeitan accións de inserción laboral axeitadas ás súas características segundo se establece no artigo 17, apartado 2 do Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

A posta en marcha do novo Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego (SISPE) en maio de 2005 produce unha ruptura da serie de paro rexistrado que se viña publicando ata o momento. A implantación deste novo sistema afecta a estimación do paro rexistrado, non porque cambie a definición, senón pola actualización e xestión automatizada da información e porque se corrixiron os erros que se viñan cometendo con certos colectivos.

Persoa egresada universitaria

Persoa que completou todos os créditos docentes ou materias que conforman o plan de estudos universitario da titulación na que estaba matriculada.

Persoas afiliadas á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador ou da traballadora e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador ou a traballadora afíliase cando comeza a súa vida laboral e se dá de alta nalgún dos rexímenes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado ou dada de baixa pero seguirá afiliado ou afiliada en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

Persoas egresadas afiliadas

Persoas egresadas universitarias que están afiliadas á Seguridade Social en situación de alta laboral ou son mutualistas titulares activos da Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (MUFACE) na data de referencia do período de seguimento.

Rama de ensinanza

Clasificación académica resultante da agrupación das titulacións oficiais en cinco categorías ou áreas de ensinanza (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias Sociais e Xurídicas; Ciencias da Saúde; Enxeñaría e Arquitectura).

Taxa de inserción laboral

Representa o número de persoas egresadas afiliadas (en alta laboral segundo Seguridade Social ou MUFACE) na data de referencia de cada período de seguimento por cada cen persoas egresadas. Por outra banda, non se pode interpretar a taxa de inserción laboral como unha taxa específica de emprego de egresados universitarios (Persoas egresados ocupadas/Total de persoas egresadas) xa que, como se indicou, non se acada a exhaustividade no reconto da ocupación deste colectivo, ao descoñecerse a súa actividade laboral fóra de Galicia ou a súa situación de afiliación a mutualidades de previsión social á marxe de MUFACE

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo