Definicións. Enquisa europea de saúde


Accidente

Acontecemento fortuíto e imprevisto que sobrevén ao individuo e prodúcelle un dano corporal identificable. Inclúense as caídas, queimaduras, golpes, accidentes de tráfico (tanto como condutor, pasaxeiro ou peón), intoxicacións, envelenamento e feridas provocadas por animais ou insectos. Exclúese a auto-lesión.

Acoso ou intimidación

Refírese a un comportamento intencionado en contra dunha persoa ou grupo de persoas que teña como consecuencia un dano físico, mental, moral ou consecuencias negativas no comportamento social da persoa. A violencia psicolóxica debe ser considerada nesta categoría; este cobre todas as formas de comportamento abusivo, condutas sistemáticas ou repetitivas contra unha persoa, palabras, actos, xestos ou escritos que puidesen afectar negativamente na personalidade, a dignidade ou benestar da persoa.

Acoso sexual

Refírese a unha conduta non desexada de carácter sexual, ou a outra conduta en relación ao sexo, afectando á dignidade do home ou da muller no traballo. Inclúe a ofensa verbal.

Actividade física intensa

Esta categoría agrupa actividades que requiren moito esforzo físico e que fan que as persoas respiren máis forte do normal, realizadas ben o traballo, no fogar, ou no tempo de ocio. Entre elas encóntranse as seguintes: cargar pesos pesados, cavar, cortar madeira, facer aeróbic, correr, nadar rápido, montar en bicicleta a gran velocidade, xogar ao fútbol, etc.

Actividade física lixeira

Esta categoría agrupa actividades que non requiren esforzo físico, como camiñar polo menos durante 10 minutos seguidos a paso tranquilo.

Actividade física moderada

Esta categoría agrupa actividades que requiren un esforzo físico moderado e fan que as persoas respiren de forma máis axitada do normal, pero non demasiado forte; as devanditas actividades poden levarse a cabo no traballo, na casa ou durante o tempo de ocio. Exemplos de actividades físicas moderadas son as seguintes: cargar con pesos lixeiros, ir en bicicleta a velocidade normal, fregar a casa ou limpar o xardín, etc.

Actividades Básicas da Vida Diaria (ABVD)

Son as actividades de autocoidado que unha persoa realiza diariamente. Inclúe as seguintes:

  • Alimentarse: comer e beber
  • Levantase e deitarse da cama
  • Levantarse e sentarse nunha cadeira
  • Vestirse e espirse
  • Ir ao servizo
  • Ducharse ou lavarse todo o corpo

Actividades habituais do fogar

Refírese a tarefas domésticas, tales como:

  • Preparación de comidas
  • Utilización do teléfono
  • Realizar compras
  • Subministro de medicamentos propios
  • Realizar tarefas domésticas lixeiras, como cociñar, fregar a louza, pasar o ferro, coidar os nenos, etc.
  • Realizar tarefas domésticas pesadas, como mover mobles pesados, fregar pisos cun cepillo, limpar ventás, etc.
  • Administrar o seu propio diñeiro
Acupuntor

Especialista que trata as doenzas inserindo agullas en distintas partes do corpo do paciente en función dos órganos afectados pola enfermidade.

Admisión/ingreso nun hospital de día

Refírese ás admisións a unha cama hospitalaria para diagnóstico e/ou tratamento programado, nas que se recibe a alta antes de media noite do mesmo día. Inclúe os ingresos en cama ou cadeira de brazos cama. Non inclúe estanzas en urxencias nin en observación.

Asistencia persoal

Axuda recibida por outra persoa.

Atención domiciliaria

Fai referencia á atención tanto médica coma non médica a persoas con algún tipo de enfermidade física ou mental, con algún tipo de minusvalidez ou a persoas que pola súa avanzada idade non poden realizar actividades de coidado persoal ou tarefas do fogar. Inclúe servizos a domicilio proporcionados por un enfermeiro ou matrona dun hospital, por axencias, asociacións ou por voluntarios.

Axuda domiciliaria para as tarefas domésticas

Este servizo inclúe tarefas tales como limpar a casa, preparar a comida, facer a coada, pasar o ferro, dar ou recordar a medicación, axudar con tarefas económicas ou financeiras do fogar, facer compras, etc. Estes servizos son ofrecidos polos concellos, asociacións privadas, ONG´s, etc., co fin de permitir a aquelas persoas con necesidades seguir vivindo nos seus propios domicilios.

Axudas técnicas e adaptacións no fogar

Inclúe cadeiras de rodas, bastóns, baños ou cociñas adaptadas, corredores anchos, etc.

Centro de saúde/consultorio

Centros nos que se presta asistencia de atención primaria a beneficiarios da Seguridade Social. A asistencia é prestada por médicos de medicina xeral, pediatras e persoal de enfermaría. Ademais existen unha serie de servizos de apoio: unidades de planificación familiar, saúde mental, fisioterapia, saúde buco-dental, e nas que se integran outros profesionais (tocoxinecólogos, odontólogos, psiquiatras, psicólogos e farmacéuticos) que manexan problemas relacionados co súa formación específica.

Citoloxía vaxinal

Consiste na toma dunha mostra de células que son analizadas no laboratorio. É un medio de diagnóstico de cancro de colo de útero e vaxinal e de determinadas infeccións. Permite tamén coñecer a actividade hormonal da muller.

Comidas a domicilio

É un servizo que ten como finalidade proporcionar a comida a persoas que non poden saír de casa para facer a súa compra ou que teñen dificultade en preparar a súa propia comida debido a que padecen algún tipo de enfermidade física ou mental, teñen algún tipo de minusvalidez ou porque a súa avanzada idade llo impide.

Consulta externa dun hospital

Consultas realizadas no propio hospital para aqueles pacientes que necesiten medios diagnósticos, tratamento e/ou rehabilitación, e que non se poden proporcionar no nivel de atención primaria, incluíndo a realización de procedementos cirúrxicos menores. Non requiren ingreso no hospital, senón que se fan de forma ambulatoria.

Consulta médica

Calquer visita a un profesional médico titulado (persoal ou telefonicamente), para diagnóstico, exame, tratamento, seguimento, consello ou calquer outro trámite. Tamén se considera consulta médica as revisións e peticións de receitas. Non se considera consulta médica os exames médicos colectivos (laborais, escolares, etc.), a simple petición de hora ou cita, as consultas ao estomatólogo, dentista ou hixienista dental, a realización de calquer proba diagnóstica (radiografías, análises, etc.) o procedemento terapéutico indicado por un médico, nin os contactos con farmacéuticos ou ópticos para a adquisición de prescricións médicas.

Consultas a especialistas

Fai referencia ás consultas a médicos especialistas en consultas externas ou de urxencias, incluíndo o cirurxián maxilofacial e outros cirurxiáns, pero non dentistas xerais. Tamén se consideran as consultas médicas no lugar de traballo ou centro de estudos, ou a un especialista no estranxeiro. Non se inclúen as visitas realizadas no hospital como paciente ingresado ou atendido no hospital de día.

Consumo intensivo de alcohol

Consumo nunha mesma ocasión de 6 ou máis bebidas. Enténdese nunha mesma ocasión o consumo nunha mesma situación, por exemplo, un tempo continuado de ocio, unha comida, unha festa, etc.

Dietista, nutricionista

Especialista que desenvolve actividades orientadas á alimentación da persoa ou de grupos de persoas, axeitadas ás necesidades fisiolóxicas e, no seu caso, patolóxicas destas, e de acordo cos principios de prevención e saúde pública. Recomendando axudas específicas ou cambio nos hábitos alimenticios preveñen e tratan certos tipos de enfermidade.

Discriminación

Refírese a un tratamento despectivo cara a unha persoa debido ás súas características persoais ou á categoría de persoas á que pertence (raza, condición social, etc.).

Disfunción psicolóxica

Trátase dun indicador que mide o estado de saúde mental dunha persoa. Constrúese a partir de cinco preguntas:

  • Durante as últimas 4 semanas con que frecuencia estivo especialmente tenso?
  • Durante as últimas 4 semanas con que frecuencia se sentiu tan baixo de moral que nada podía animalo?
  • Durante as últimas 4 semanas con que frecuencia se sentiu calmado e tranquilo?
  • Durante as últimas 4 semanas con que frecuencia se sentiu desanimado e deprimido?
  • Durante as últimas 4 semanas con que frecuencia se sentiu feliz?
Os valores deste indicador oscilan entre 0 e 100 puntos. Unha puntuación de 100 representaría a saúde mental óptima.

Enfermidade crónica ou de longa duración

Refírese a enfermidades ou problemas de saúde permanentes (cunha duración aproximada de polo menos 6 meses) e que poden necesitar un longo período de supervisión, observación ou coidado. Inclúense as enfermidades conxénitas, lesións debidas a accidentes e problemas estacionais ou intermitentes, como as alerxias.

Estado de saúde

Esta característica trata de medir a percepción que ten a persoa sobre o seu estado de saúde.

Fisioterapeuta

Tratan problemas de ósos, músculos, problemas circulatorios ou do sistema nervioso. O fisioterapeuta aplica unha ou máis das seguintes terapias para recuperar ou mellorar as funcións motoras: terapia de movemento, masaxe terapéutica e terapia física en sentido estrito, é dicir, a aplicación de estímulos físicos, electroterapia, hidroterapia, balneoterapia, etc.

Gastos "do seu propio peto"

Considérase o custo de calquera asistencia sanitaria que se recibise (médica, dental ou farmacéutica) e non fose reembolsado por algunha mutualidade pública, compañía de seguros ou empresa privada. Non se consideran como gastos "do seu propio peto" os pagamentos realizados ás compañías en concepto de primas de seguros.

Herborista, fitoterapeuta

Especialista que utiliza plantas ou extractos de plantas para tratar unha enfermidade ou mellorar a saúde do paciente.

Homeópata

Especialista que proporciona pequenas doses de substancias, por motivos curativos, as cales dadas en proporcións maiores proporcionarían os mesmos síntomas da enfermidade a persoas completamente sas. Selecciona as doses das substancias segundo a persoa, non tendo soamente en conta a súa enfermidade, senón tamén o seu estilo de vida, estado emocional, mental e outros factores.

Hospital

Establecemento sanitario con réxime de internado que, con independencia da súa denominación, ten como finalidade principal a prestación de asistencia médica ou médico cirúrxica aos enfermos ingresados no mesmo. Non se inclúen as residencias de anciáns, orfanatos, garderías infantís, casa de beneficencia, etc.

Hospitalización

Todo ingreso nun hospital para recibir asistencia médica ou médico cirúrxica que supoña, ao menos, pasar unha noite no mesmo ou ter unha cama asignada. Non se considera hospitalización permanecer menos de 24 horas nun servizo de urxencias ou noutro servizo para a realización de probas diagnósticas ou terapéuticas. Tampouco se considera hospitalización a permanencia das persoas que acompañan ao enfermo aínda que ocupen unha cama e estean máis dun día, nin os recentemente nados sans que ocupen unha cama máis dun día.

Índice de Masa Corporal (IMC):

Defínese como a relación entre o peso do individuo (expresado en quilogramos) e o cadrado do talle (expresado en metros): IMC=kg/m2. A clasificación dos individuos en función do seu IMC en persoas con peso insuficiente, peso normal, sobrepeso e obeso realizouse atendendo aos estándares marcados pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Limitación funcional física

Unha persoa ten unha limitación no funcionamento se manifesta algún problema ou grao de limitación para realizar algunha das seguintes actividades: desprazarse a pé, subir e baixar tramos de escaleira, axeonllarse ou dobrarse, levantar e levar obxectos, facer uso fino da man e dedos, morder e mastigar.

Limitación para as actividades da vida cotiá

Limitacións que unha persoa pode ter no desempeño das actividades no seu entorno real como consecuencia dun problema de saúde. O desempeño que se espera dunha actividade determinada é o que presentan as persoas da poboación xeral que non teñen unha condición específica de saúde. Unha actividade está limitada cando así o estima o propio entrevistado. Considéranse actividades da vida cotiá tanto aquelas relacionadas coa actividade principal (traballo, estudos, tarefas domésticas, etc.) como aquelas que se levan a cabo no tempo libre (relacións con amigos, práctica de deportes, asistencia a espectáculos, etc.).

Logopeda

Especialista que desenvolve actividades de prevención, avaliación e recuperación dos trastornos da audición, a fonación e da linguaxe. Traballa con persoas que non poden producir sons ou non poden producilos claramente, con persoas con problemas de fluidez (por exemplo, tartamudos), ademais de con xente con desordes de voz (por exemplo, graves e agudos inapropiados). Tamén traballa con persoas que desexan mellorar as súas habilidades de comunicación modificando o seu acento e con persoas con problemas de comunicación tales como atención, memoria, etc.

Mamografía

Radiografía ou imaxe de raios X das mamas que é usada para o diagnóstico de diversas lesións nas mamas.

Medicamento

Toda sustancia medicinal e as súas asociacións ou combinacións destinadas á súa utilización nas persoas, que se presente dotada de propiedades para previr, diagnosticar, tratar, aliviar ou curar enfermidades ou doenzas, ou para afectar a funcións corporais ou ao estado mental. Só son medicamentos as especialidades farmacéuticas, as fórmulas maxistrais, os preparados ou fórmulas oficinais e os medicamentos prefabricados. Exclúense os produtos de hixiene persoal, vendas e outros apósitos, produtos de alimentación, cosmética, caramelos, etc.

Medicamento receitado

É aquel que un médico prescribiu ou recomendou. Se os recomendou un farmacéutico non se consideran receitados.

Quiropráctico

Profesional que trata anomalías do corpo que son causadas por interferencias co sistema nervioso. O tratamento xeralmente inclúe a manipulación da columna vertebral. A quiropráctica baséase na premisa de que a boa saúde depende dun sistema nervioso que funcione correctamente.

Saúde mental positiva

Trátase dun indicador que mide o estado de saúde mental dunha persoa. Constrúese a partir de catro preguntas:

  • Durante as últimas 4 semanas con que frecuencia se sentiu cheo de vitalidade?
  • Durante as últimas 4 semanas con que frecuencia tivo moita enerxía?
  • Durante as últimas 4 semanas con que frecuencia se sentiu esgotado?
  • Durante as últimas 4 semanas con que frecuencia se sentiu canso?
Os valores deste indicador oscilan entre 0 e 100 puntos. Unha puntuación de 100 representaría a saúde mental óptima.

Servizo de urxencias

  • Servizo de urxencias dun ambulatorio: servizo constituído no ambulatorio que conta con profesionais para prestar asistencia urxente fóra do horario habitual.
  • Servizo de urxencias dun hospital: servizo constituído no hospital, entendendo como tal o servizo que conta cun equipo de profesionais organizado, que presta asistencia urxente durante as 24 horas do día.

Servizos especiais de transporte a domicilio

Trátase de servizos que permiten desprazarse ás persoas que están confinados nas súas casas debido a algún tipo de minusvalía ou debido á súa avanzada idade. Os desprazamentos poden ser por distintos motivos, por exemplo, visitas ao médico, ir á compra, actividades de ocio, etc.

Terapeuta manual

Fisioterapeuta especialista en intervencións de terapia manual e técnicas para tratar problemas de movementos que xeran dor. Trata problemas de costas, colo, tensión muscular, problemas de cadeira e xeonllo e dores de ombro. A terapia manual defínese como a especialidade médica á que concirne o diagnóstico, avaliación, prevención e tratamento da incapacidade encamiñados a facilitar, manter ou devolver o maior grao de capacidade funcional e independencia posibles.

Terapeuta ocupacional

Especialista que aplica técnicas e realiza actividades de carácter ocupacional que tenden potenciar ou suplir funcións físicas ou psíquicas diminuídas ou perdidas, e orientar e estimular o desenvolvemento de tales funcións. Traballan con individuos que teñen algún tipo de minusvalía mental, física, de desenvolvemento ou emocional. Axudan a desenvolver, recuperar ou manter as actividades diarias e habilidades no traballo.

Tipos de accidentes segundo a Enquisa europea de saúde 2009

  • Accidentes de tráfico: todos os accidentes acontecidos na vía pública, aparcadoiros públicos ou privados sempre que o accidente non aconteza no curso de traballo. O accidente pode ser como condutor, pasaxeiro ou peón
  • Accidentes no traballo: todos os accidentes acontecidos no período de xornada laboral, mesmo se estes non aconteceron realizando o traballo habitual ou no lugar onde normalmente realiza a súa actividade. Inclúe, entre outros, os accidentes acontecidos durante o período de comida ou calquera outro descanso, sempre que sexa no establecemento da empresa; accidentes de tráfico no transcurso do traballo; accidentes en medios de transporte usados no curso do traballo; e accidentes acontecidos na casa se o traballo se realiza directamente dende alí
  • Accidentes no colexio ou centro de estudos: todos os accidentes acontecidos nas instalacións do centro, incluídos aqueles que puidesen suceder durante a clase de educación física
  • Accidentes na casa ou en tempo de ocio: todos os accidentes acontecidos no fogar ou nas dependencias externas propiedade do inmoble (escaleiras, portal, xardín, garaxe, etc.). Pode referirse á propia casa do entrevistado ou á doutra persoa. Tamén inclúe os accidentes acontecidos nun lugar público ou privado mentres se realizan actividades de ocio (ximnasio, pista de fútbol, piscina, rocódromo, etc.)

Toma da tensión arterial

É a medición da tensión arterial sistólica e diastólica realizada por un profesional sanitario. Considérase tamén a toma da tensión efectuada por farmacéuticos na propia farmacia.

Trato violento

Fai referencia ao uso de forza física cara a outra persoa ou grupo de persoas que teña como consecuencia dano físico, sexual ou psicolóxico. Considéranse tanto as situacións reais coma a sensación de medo ante estas accións. No caso de violencia no ámbito do fogar, considérase a que pode ser causada por persoas tanto fóra coma dentro do fogar. A violencia no traballo non soamente pode provir dun compañeiro, superior ou subordinado, senón doutra persoa coa que se relacione o informante no seu lugar de traballo, como por exemplo un cliente ou provedor.

Vacina contra a gripe

Considérase a vacina antigripal estacional. Non se considera a vacina contra a variante H1N1.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo