Estudo de salarios / A remuneración do factor traballo na economía galega
Os datos do Sistema de Contas Económicas de Galicia ofrecen unha perspectiva macroeconómica da remuneración do factor traballo na comunidade autónoma. A metodoloxía seguida na elaboración das Contas Económicas en Galicia permite realizar comparacións con outros espazos económicos. Neste apartado analizarase como evoluciona a remuneración dos asalariados en Galicia, en que sectores está máis concentrada e en cales a remuneración por hora é maior, e veremos como mudou a economía galega nos últimos anos. |
A remuneración de asalariados é unha compoñente do Produto Interior Bruto cando se analiza pola vía das rendas. Indica que parte do valor engadido bruto xerado por unha economía vai destinada a remunerar o factor traballo. Este concepto inclúe a remuneración total, en efectivo ou en especie, a pagar por un empregador a un asalariado a cambio do traballo realizado por este durante o exercicio contable. É un concepto interior, isto é, considera as rendas do traballo pagadas por unidades residentes, independentemente da residencia do asalariado. |
Peso da remuneración dos asalariados no PIB. Galicia, España e Europa Porcentaxes |
||
O peso dos salarios no PIB galego sube por terceiro ano consecutivo, tras seis anos de caída. En 2020 representa o 46,0 % do PIB (dous puntos porcentuais máis que en 2019) pero chegou a representar o 48% no ano 2009. En España o peso no PIB en 2020 tamén é menor ao de 2009, pero non na media dos países da UE27. Tanto na economía española como na europea se produciu un incremento nos tres últimos anos. Porén, a participación das rendas salariais no PIB é inferior en Galicia. |
Peso da remuneración dos asalariados no PIB. Galicia, España e Europa Porcentaxes |
Evolución remuneración de asalariados. Galicia, España e Europa Taxa de variación interanual (%) |
||
En termos correntes a evolución da remuneración de asalariados en Galicia era positiva desde 2015, despois de seis períodos consecutivos de caídas. Pero no ano 2020 trúncase esta tendencia e amosa unha evolución negativa. Isto está relacionado fundamentalmente coa evolución do emprego asalariado. Na UE27 este agregado só cae nos anos 2009 e 2020, e no período 2010-2011 medrou a taxas superiores ao 2%. En 2012 e 2013 o crecemento deste indicador foi máis moderado, pero recupérase a partir de 2014. En 2017 e 2018 crece por riba do 4%, pero esta evolución volve a moderarse en 2019 e toma valores negativos en 2020. |
Evolución remuneración de asalariados. Galicia, España e Europa Taxa de variación interanual (%) |
A remuneración por hora efectiva asalariada é un indicador da remuneración por hora de traballo dos asalariados, que participan nos procesos produtivos dunha economía, e achegan forza de traballo. |
Remuneración de asalariados por hora efectiva asalariada. Galicia, España e Europa Euros/hora |
||
A remuneración por hora asalariada en Galicia alcanzou en 2020 os 19,1 euros. Esta cifra supón o 77% da remuneración por hora na UE27. Este diferencial Galicia-UE27 reduciuse desde o ano 2000 (a remuneración hora galega representaba o 72% da europea) ao ano 2009, no que a remuneración por hora asalariada alcanzou o 81%. Dende ese período o diferencial volve medrar. Esta variable medrou a maior ritmo en Galicia que en España e Europa no que vai de século XXI, especialmente no período 2000-2010. |
Remuneración de asalariados por hora efectiva asalariada. Galicia, España e Europa Euros/hora |
A información do sistema de contas permite coñecer en que sectores (ou ramas de actividade) está concentrada a remuneración de asalariados. Loxicamente dependerá do volume de traballo asalariado, e da remuneración media en cada sector. |
Distribución da remuneración de asalariados por grandes sectores. Galicia Porcentaxes |
Distribución da remuneración de asalariados por grandes sectores. España Porcentaxes |
Distribución da remuneración de asalariados por grandes sectores. UE27 Porcentaxes |
Como na meirande parte das economías occidentais a remuneración dos asalariados concéntrase no sector servizos. Porén, en Galicia, o peso do sector servizos é inferior ao dato español ou da UE27. A achega do sector primario á remuneración dos asalariados é do 2,5% en Galicia no ano 2020, porcentaxe superior en máis dun punto á remuneración deste sector en España ou Europa. |
Distribución da remuneración de asalariados por sectores. Galicia |
Distribución da remuneración de asalariados por sectores. España |
Distribución da remuneración de asalariados por sectores. UE27 |
Analizando a evolución do peso da remuneración de asalariados por sectores ao longo dos últimos 20 anos obsérvase como o peso da industria vaise reducindo en todo o período, a construción sofre unha caída desde o ano 2007 e o sector servizos non deixa de medrar. Estes fenómenos son comúns nos tres espazos considerados se ben a magnitude dos cambios é diferente. |
Remuneración de asalariados por hora efectiva asalariada por sectores de actividade. Ano 2020 Euros/hora |
Galicia ten unha remuneración de asalariados por hora inferior á media europea en todos os sectores. As diferenzas son menores no caso do sector primario, da construción ou da Administración pública, sanidade e educación e relativamente importantes en sectores como o das actividades inmobiliarias, das actividades financeiras e de seguros ou o sector da información e das comunicacións. As actividades de información e comunicacións, financeiras e de seguros e a Administración pública, sanidade e educación son os sectores que presentan unha maior remuneración por hora en Galicia. En España e na UE27 tamén son estos sectores de actividade os mellor remunerados. |
Este indicador compara a evolución da remuneración por asalariado coa evolución da produtividade do traballo e dos prezos. De modo que toma un valor positivo se o crecemento da remuneración por asalariado supera o crecemento da produtividade e dos prezos. |
Evolución do custo laboral unitario real. Galicia, España e Europa Taxa de variación interanual (%) |
En Galicia esta serie só toma valores positivos en 2007, 2008, 2009, 2019 e 2020. O último gráfico recolle a evolución das compoñentes do custo laboral unitario real en Galicia (remuneración por asalariado, produtividade do traballo e prezos). E mostra como en 2020 o incremento da remuneración media en Galicia supera o crecemento da produtividade e dos prezos, o que provoca que o indicador de evolución do custo laboral unitario real tome un valor positivo. |
Evolución do custo laboral unitario real Taxa de variación interanual (%) |
Evolución das compoñentes do custo laboral unitario real en Galicia Taxa de variación interanual (%) |
IGE. Contas económicas de Galicia. Revisión Estatística 2019
Os datos de 2018, 2019 e 2020 son provisionais
Eurostat. National accounts (ESA 2010)
Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies