Resumo de resultados


Explotación da Mostra continua de vidas laborais

Resumo de resultados 31/10/2018
Ano 2016

Introdución

A Mostra continua de vidas laborais (MCVL) é un conxunto de microdatos anonimizados procedentes de diversos rexistros administrativos: da Seguridade Social, do Padrón municipal de habitantes e da Axencia Tributaria. A MCVL constitúe unha mostra representativa de todas as persoas que durante o ano tiveron relación coa Seguridade Social, ben porque estiveron afiliadas en situación de alta laboral, ben porque percibiron unha prestación contributiva ou subsidio por desemprego, ou ben porque percibiron algún tipo de pensión contributiva da Seguridade Social.

Para poder interpretar correctamente os datos facilitados nesta explotación estatística, hai que ter en conta as seguintes consideracións

  • Os datos non fan referencia a unha data concreta, senón que se inclúe a todos os individuos que tiveron relación coa Seguridade Social nalgún momento do ano 2016.
  • Non se dispón de información referente aos traballadores e ás traballadoras que teñen un sistema de previsión social distinto ao da Seguridade Social, por exemplo os funcionarios e funcionarias de clases pasivas.
  • Non están incluídas as persoas demandantes de emprego cando non reciben prestacións, aínda que estean rexistrados nun servizo público de emprego. Por exemplo, se un traballador ou unha traballadora cesa a súa relación laboral coa empresa e non ten dereito a percibir unha prestación por desemprego, figurará como afiliado en alta laboral no período de tempo que durou a relación laboral e, para o resto do ano, non constará ningunha relación coa Seguridade Social.
  • O colectivo de persoas que non tiveron relación coa Seguridade Social non se corresponde coa poboación inactiva.
  • Unha mesma persoa puido manter ao longo do ano diferentes tipos de relacións coa Seguridade Social.

Persoas afiliadas en alta laboral

Poboación de 16 ou máis anos que en 2016 estivo afiliada en alta laboral segundo o tempo traballado no ano e a idade. Galicia
Persoas

Fonte: elaboración propia a partir da mostra continua de vidas laborais facilitada pola Seguridade Social     (descarga da táboa)
Nota: (*) Poucas observacións mostrais, polo que o dato está afectado por un alto erro de mostraxe

Durante o ano 2016, 1.124.900 galegos e galegas en idade laboral (de 16 ou máis anos) mantiveron algunha relación de afiliación en alta laboral coa Seguridade Social, un 1,1% máis que no ano 2015.

O 3,1% destes afiliados e afiliadas traballou menos de un mes en todo o ano 2016, o 11,9% entre un mes e seis meses, o 18,9% traballou seis ou máis meses pero sen chegar ao ano completo e, finalmente, o 66,1% restante fíxoo durante todo 2016.

Estas porcentaxes varían de xeito significativo en función da idade da persoa afiliada. Entre a poboación máis nova, a menor de 25 anos, a porcentaxe dos que traballaron o ano completo non chega ao 20% (sitúase no 18%). Porén, ao considerar o grupo de idade de 25 a 34 anos (ambos inclusive) a porcentaxe dos que traballaron todo o ano rolda o 51% (máis concretamente, sitúase no 51,3%) e segue aumentando ata acadar o 81,6% entre os afiliados e as afiliadas de 55 a 64 anos.

Ao ter en conta o sexo do traballador, a porcentaxe de homes que estiveron afiliados en alta laboral durante todo o ano 2016 foi do 67%, 1,8 puntos por riba da porcentaxe observada entre o colectivo feminino (que se sitúa en 65,2%).

Porcentaxe de afiliados e afiliadas que traballaron durante todo o ano 2016 segundo a idade. Galicia
%

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

No tocante á vida laboral dos traballadores e das traballadoras, o 53,4% das persoas que nalgún momento de 2016 estiveron afiliadas en alta laboral levaba traballado menos de 15 anos, o 28,2% entre 15 e 25 anos e o 18,3% 25 ou máis anos.

Estre as persoas afiliadas máis próximas á idade de xubilación (os de 55 ou máis anos), a porcentaxe das que levaban afiliadas en alta laboral menos de 15 anos é do 16,1%. O 24,1% levaba traballando entre 15 e menos de 25 anos e, finalmente, o 59,8% restante 25 ou máis anos.

Na gráfica da dereita represéntase o número medio de anos afiliados en alta laboral segundo o sexo e a idade da persoa, para todos os/as residentes en Galicia de 16 ou máis anos que estiveron afiliadas en alta laboral nalgún momento de 2016. Cabe destacar, que a medida que aumenta a idade aumenta a diferenza entre o número medio de anos traballados polos homes e polas mulleres, debido á tardía incorporación da muller ao mercado laboral.

Número medio de anos afiliados en alta laboral segundo o sexo e a idade. Galicia. Ano 2016
Anos

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: o número medio de anos traballados calculouse para as persoas afiliadas en alta laboral nalgún momento do ano de referencia.

Dos 1.124.900 galegos e galegas que en 2016 mantiveron algunha relación de afiliación en alta laboral coa Seguridade Social, 909.875 estiveron afiliadas por conta allea nalgún momento do ano. O 79,7% destas persoas afiliadas por conta allea traballou para unha soa empresa en 2016 (todo o ano ou parte del). Esta porcentaxe tamén cambia en función da idade da persoa. Así, entre os mozos menores de 25 anos situouse no 64,7% mentres que nove de cada dez traballadores de 55 ou máis anos prestou servizos a unha única empresa en 2016.

Poboación de 16 ou máis anos que estivo afiliada en alta laboral por conta allea segundo o número de empresas nas que traballou no ano e a idade. Galicia
Persoas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Bases de cotización

En Galicia, a base de cotización media para as persoas afiliadas á Seguridade Social no réxime xeral acadou os 1.515 euros/mes no ano 2016, 16 euros por riba do valor rexistrado no ano anterior. Por outra banda, a metade dos traballadores ten unha base inferior aos 1.366 euros mensuais.

Para os homes, a base de cotización media acadou os 1.678 euros/mes, mentres que para o colectivo feminino situouse 320 euros por debaixo da masculina.

Por idade, a base de cotización máis alta deuse no colectivo de 55 a 64 anos (ambos inclusive) con 1.781 euros mensuais, mentres que entre a poboación máis nova, a menor de 25 anos, a base de cotización media non chegou aos 900 euros/mes (situouse nos 868 euros ao mes en 2016).

Base de cotización media no réxime xeral por sexo e grupos de idade. Galicia. Ano 2016
Euros/mes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Media e mediana da base de cotización no réxime xeral. Galicia
Euros/mes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Base de cotización media no réxime xeral por sexo. Grandes concellos. Ano 2016
Euros/mes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

A Mostra Continua de Vidas Laborais permite identificar o municipio de residencia para os concellos con máis de 40.000 habitantes.

Dos sete grandes concellos galegos, Santiago de Compostela contaba coa base de cotización máis alta en 2016, con 1.705 euros/mes, seguido da Coruña con 1.649 euros/mes e Vigo con 1.630 euros/mes. No outro extremo atópanse os concellos de Lugo e Ourense, onde as bases de cotización medias para as persoas afiliadas no réxime xeral situáronse nos 1.520 e 1.521 euros mensuais, respectivamente, en 2016.

Salarios

O 20,7% dos galegos e das galegas que en 2016 estiveron afiliadas en alta laboral por conta allea percibiu un salario total menor ou igual aos 6.000 euros anuais. Entre a poboación traballadora que só estivo afiliada en alta laboral parte do ano, esta porcentaxe sobe ata o 49,6%, mentres que para os que estiveron afiliados o ano completo é do 3,6%.

Para este último colectivo, o intervalo modal (o de maior frecuencia) é o de 15.000 a 20.000 euros, no que se atopa o 25,5% dos traballadores e das traballadoras que estiveron afiliadas en alta laboral durante todo o ano 2016, seguido moi de preto do grupo de poboación que percibiu de 20.000 a 30.000 euros, no que se atopa o 24,9%.

Distribución da poboación afiliada en alta laboral por conta allea segundo o intervalo de salario bruto anual (euros). Galicia. Ano 2016
Porcentaxes

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: as porcentaxes están calculadas sobre o total de traballadores por conta propia para os que se dispón de información fiscal.

Media e mediana do salario bruto anual segundo o tempo traballado por conta allea no ano. Galicia
Euros/ano

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

A media do salario bruto para as persoas afiliados por conta allea acadou os 17.156 euros anuais en 2016. Para o colectivo que estivo afiliado en alta laboral por conta allea durante todo o ano a media sitúase nos 23.275 euros anuais; para o resto de persoas, as que traballaron só parte do ano, o salario medio anual sitúase nos 8.049 euros.

No que respecta ao valor mediano, a metade dos asalariados e das asalariadas galegas percibiu uns rendementos polo traballo inferiores aos 14.498 euros anuais.

Respecto ao ano anterior, o salario medio anual aumentou en 423 euros/ano. Obsérvanse diferenzas entre as persoas que traballaron o ano completo ou só parte do ano: o salario medio anual de ambos colectivos incrementouse entre 2015 e 2016, pero a suba foi máis acusada no caso do segundo colectivo de traballadores e traballadoras. Este ingresou de media 427 euros máis en 2016 que no ano 2015. Por outra banda, o salario medio das persoas que traballaron todo o ano medrou 257 euros.

Ao centrarse nos afiliados e nas afiliadas que traballaron por conta allea o ano completo, obsérvase como o salario increméntase notablemente a medida que aumenta a idade da persoa, pasando de 13.808 euros para os mozos e mozas menores de 25 anos aos 26.019 euros para a poboación de 45 a 54 anos.

Por outra banda, obsérvanse diferenzas salariais entre o sexo masculino e o feminino. En 2016 a media do salario bruto anual foi de 19.371 euros para os homes e 14.807 para as mulleres (4.564 euros menos para o sexo feminino). Ao restrinxir a análise ás persoas que estiveron afiliadas en alta laboral por conta allea durante todo o ano, a diferenza (en termos absolutos) é maior: 26.245 euros para os homes e 20.086 para as mulleres (6.159 euros menos).

Media do salario bruto anual segundo o tempo traballado por conta allea no ano e a idade. Galicia. Ano 2016
Euros/ano

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Media e mediana do salario bruto anual segundo o tempo traballado por conta allea no ano e o sexo. Galicia. Ano 2016
Euros/ano

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Media do salario bruto anual segundo o tempo traballado por conta allea no ano e a idade. Grandes concellos. Ano 2016
Euros/ano

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Dos sete concellos galegos con maior poboación, A Coruña presentaba no 2016 o salario bruto máis alto con 20.642 euros anuais de media, seguido de Santiago de Compostela con 20.466 euros ao ano. No extremo oposto atópase o concello de Ferrol, onde os afiliados e as afiliadas por conta allea percibiron de media uns 17.457 euros/ano. Con todo, os sete grandes concellos presentaban en 2016 medias de salarios superiores á galega (17.156 euros/ano).

Porén, se restrinximos a análise ás persoas que traballaron durante todo o ano 2016, no concello de Lugo o salario medio anual foi inferior á media da comunidade autónoma (22.102 euros/ano fronte aos 23.275 de media en Galicia).

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo