O obxectivo da operación Enquisa sectorial ás empresas e ás institucións sen fins de lucro é obter unha estimación das variables económicas das empresas e Institucións Sen Fins de Lucro (en adiante, ISFL) que exercen a súa actividade en Galicia e están comprendidas dentro das divisións 90, 91, 93 e 94 da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE-09). Esta operación tamén ten como finalidade sentar unha base de partida para a realización de sucesivas operacións estatísticas relativas ao sector non lucrativo da economía galega. O estudo inclúe o conxunto das ISFL e empresas con actividade en Galicia encadrada nos grupos CNAE-09 comentados. Non se inclúe no ámbito de investigación os Organismos Públicos. As variables están referidas ao exercicio económico 2014. Baixo a consideración xenérica de ISFL englóbanse as entidades que teñen fins e actividades diferentes e que se organizan baixo modelos e figuras xurídicas que presentan certos trazos en común, entre os que destaca a ausencia dun interese directo de lucro, se ben o carácter non lucrativo deberá ser matizado nalgúns casos nos que determinadas ISFL exercen actividades dirixidas ao mercado. As asociacións e fundacións conforman o núcleo do sector non lucrativo; trátase de entidades que se sitúan nun plano intermedio entre as empresas privadas en sentido clásico e as administracións públicas. A posición de carencia de intereses lucrativos das ISFL é compatible coa súa posible dependencia fundacional, das empresas privadas nuns casos e das administracións públicas noutros. Pola súa parte, a efectos desta operación, dentro do concepto de empresa inclúense as persoas físicas e as sociedades mercantís. Anexo: Clasificación Nacional de Actividades Económicas CNAE-09:
|
As empresas de Galicia cuxa actividade se enmarca dentro dun dos códigos da CNAE-09 considerados nesta operación (90, 91 e 93), ingresaron uns 189.423 miles de € en 2014. O montante dos gastos destas empresas nese ano ascendeu a 171.275 miles de €. O 39,1% deste importe destinouse ao pago de salarios e demais conceptos incluídos en gastos de persoal; o 26,9% dedicouse á compra de aprovisionamentos e o 34% restante foi parar ao financiamento dos servizos exteriores contratados por estas empresas. O emprego medio anual no ano 2014 nas empresas consideradas ascendeu a 6.412 persoas empregadas. |
||
Ingresos e gastos das empresas pertencentes ás CNAE-09 90, 91, 93 e 94. Galicia. Ano 2014 |
Persoal medio anual ocupado nas empresas pertencentes ás CNAE-09 90, 91, 93 e 94. Galicia. Ano 2014 Fonte: IGE (descarga da táboa) |
As ISFL de Galicia cuxa actividade se enmarca dentro dun dos códigos da CNAE-09 considerados nesta operación (90, 91, 93 e 94), ingresaron uns 470.082 miles de € en 2014. O 31,7% destes procede de subvencións, doazóns e legados concedidos ás ISFL consideradas; o 26% dos ingresos procede das cotas que achegan os asociados ou afiliados á ISFL; a terceira partida por volume de ingresos sería a de prestación de servizos, que achega o 23,2% dos ingresos totais das ISFL en 2014. As demais compoñentes da conta de ingresos deste tipo de entidades (achegas de usuarios, ingresos de promocións, patrocinadores e colaboradores, resto de ingresos) achegan o 19,1% restante. O montante dos gastos das ISFL de Galicia con actividade nas CNAE-09 90, 91, 93 e 94 ascendeu a 391.880 miles de €. O 48,9% deste importe destinouse ao pago dos gastos de persoal; o 17,8% dedicouse á compra de aprovisionamentos e o 33,3% restante foi parar ao financiamento dos servizos exteriores contratados polas ISFL incluídas nesta operación. O emprego medio anual no ano 2014 nas ISFL consideradas ascendeu a 8.550 persoas empregadas. Conxuntamente, isto é, sumando o das empresas e das ISFL, o emprego nas actividades consideradas ascendeu no ano 2014 a 14.962 persoas. |
||
Ingresos e gastos das ISFL pertencentes ás CNAE-09 90, 91, 93 e 94. Galicia. Ano 2014 |
Persoal medio anual ocupado nas ISFL pertencentes ás CNAE-09 90, 91, 93 e 94. Galicia. Ano 2014 Fonte: IGE (descarga da táboa) |
Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies