Resumo de resultados


Indicador da intensidade da demanda turística

Resumo de resultados 30/05/2017
Datos correspondentes ao ano 2016

Introdución

O conxunto de Indicadores da intensidade da demanda turística ofrece información sobre a demanda turística de Galicia segundo o destino do viaxeiro. Ofrecen, por tanto, información cunha maior desagregación territorial da que provén outras fontes de información.

A orixe dos datos para a elaboración deste conxunto de indicadores procede de catro enquisas mensuais que realiza o Instituto Nacional de Estadística (INE):

  • A Enquisa de ocupación hoteleira
  • A Enquisa de ocupación en cámpings
  • A Enquisa de ocupación en apartamentos turísticos
  • A Enquisa de ocupación en aloxamentos de turismo rural

A poboación obxecto de estudo son os establecementos turísticos de Galicia (hoteis, cámpings, apartamentos turísticos e aloxamentos de turismo rural). Coa información ofrecida por estes establecementos e cedida polo INE ao IGE, elabóranse un conxunto indicadores que teñen por finalidade medir o impacto do turismo no territorio galego. Estes indicadores ofrécense para o conxunto de Galicia e unha agregación dos concellos en 18 grandes destinos turísticos. Ademais, realízase un tratamento específico do litoral galego por tratarse dun foco de especial atracción turística.

A finalidade destes indicadores é axudar a planificar os recursos e as políticas encamiñadas a potenciar a actividade turística con criterios de sostibilidade.

Galicia e os 18 destinos turisticos

En 2016 as noites en aloxamentos turísticos de Galicia situáronse en 10.053.726, cifra que dividida polo tamaño de poboación galega2, sitúase en 3,70 noites ao ano por cada residente en Galicia.

Asumindo que un residente en Galicia pasa unhas 365 noites ao ano na comunidade autónoma, pódese obter unha medida do volume de poboación que supoñen os viaxeiros en relación aos residentes, dividindo as noites entre o número de días do ano e multiplicando o resultado pola poboación galega1. Así, en 2016, este indicador tomou o valor de 1,01% o que significa que, nese ano, os turistas supuxeron o equivalente a 1,01 novos habitantes por cada 100 residentes habituais. Este índice inclúe a poboación de Galicia que visitou ao longo do ano algún destino turístico galego e se aloxou nalgún dos establecementos turísticos considerados. Se cinguimos a análise unicamente aos visitantes de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, o indicador toma un valor de 0,72%.

A demanda turística non se distribúe homoxeneamente por todo o territorio galego, senón que tende a concentrarse en torno a catro grandes focos de atracción: os concellos que bordean a Ría de Arousa, Terras de Santiago, A Coruña e As Mariñas e a Ría de Vigo e Baixo Miño. Estas catro zonas por si soas representan o 65% das noites rexistradas en Galicia en 2016. Os seguintes destinos en importancia son: a Ría e Terras de Pontevedra (co 5,6% das noites), Lugo e Terra Chá (5,6%), a área de Ferrolterra (4,1%) e a Mariña Lucense (3,8%)3.

Indicadores de noites por destinos turísticos. Ano 2016
Número de noites, ratios

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: Indicador poboación (1) = ((Número de noites/Número de días no ano)/Poboación do destino)*100
Indicador área = Número de noites/Área do destino (km2)

Noites en aloxamentos turísticos en relación ao total de Galicia segundo o destino turístico. Ano 2016
Porcentaxe (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Indicador de poboación (1) segundo o destino turístico. Ano 2016
Tanto por cento (%)


Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: Indicador poboación (1) = ((Número de noites/Número de días no ano)/Poboación do destino)*100

No tocante ao indicador que relaciona a poboación residente co volume de noites, de novo os concellos da Ría de Arousa e Terras de Santiago sitúanse á cabeza no listado de destinos turísticos. A presión do turismo sobre os residentes na Ría de Arousa situouse en 2016 en 2,80 potenciais novos habitantes por cada 100 residentes habituais. En Santiago e nos concellos limítrofes foi de 1,90 turistas por cada 100 habitantes. Outros tres destinos superan a media galega: os Ancares-Courel (1,04%), a Mariña Lucense (1,44%) e a Ribeira Sacra (1,43%). No outro extremo sitúanse os destinos do interior de Pontevedra e zonas de Ourense, como Terras de Ourense e Allariz (0,61%), Verín - Viana (0,51%), Deza-Tabeirós (0,39%) e Celanova-Limia, con 0,38 turistas por cada 100 residentes.

Se se relacionan as noites coa superficie da Comunidade Autónoma galega resulta un valor de 340 noites por km2. Desagregando este indicador4 por destinos turísticos, de novo aparecen os concellos da Ría de Arousa na primeira posición, con 3.114 noites por km2. Ségueno en importancia a zona da Coruña e As Mariñas, con 1.305 noites/km2, e a Ría de Vigo e Baixo Miño (898 noites/km2). Na última posición atópanse os concellos da área dos Áncares - Courel e Celanova - Limia, onde o indicador tomou un valor de 33 e 35 noites/km2 respectivamente.

1Indicador de poboación (1) = ((Número de noites/Número de días no ano)/Poboación do destino)*100
2Indicador de poboación (2) = Número de noites/Poboación do destino
3Nesta operación distínguense dezaoito grandes destinos turísticos en Galicia; oito deles catalóganse como destinos costeiros: A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Ferrolterra, a Mariña Lucense, a Ría de Arousa, a Ría de Muros e Noia, a Ría de Vigo e Baixo Miño e a Ría e Terras de Pontevedra No apartado de metodoloxía pode consultarse a relación dos concellos que integra cada unha das áreas turísticas de Galicia
4Indicador de área = Número de noites/Área do destino (km2)

Indicador de área segundo o destino turístico. Ano 2016
Noites/km2

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: Indicador área = Número de noites/Área do destino (km2)

Os concellos costeiros

As zonas litorais son, dende hai anos, un foco de atracción turístico moi importante de Galicia. De feito, entre os cinco primeiros postos do ranking de noites sitúanse catro destinos que agrupan concellos costeiros. Se se concreta a análise para estes municipios, obsérvase que o 60,2% das noites rexistradas en 2016 (unhas 6.051.562) tiveron lugar en aloxamentos turísticos situados en concellos costeiros.

A poboación dos concellos costeiros soporta unha presión turística media de 1,07 viaxeiros por cada 100 residentes. Agora ben, este índice varía considerablemente dunhas zonas a outras. Os concellos da Ría de Arousa (exceptuando os de Meis e Pontecesures, que non teñen costa) experimentan incrementos poboacionais da orde de 2,91 habitantes por cada 100 residentes habituais por mor do turismo e os concellos costeiros da Mariña Lucense do 1,71%.

Indicadores de noites por destinos turísticos nos concellos costeiros. Ano 2016
Número de noites, ratios

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: Indicador poboación (1) = ((Número de noites/Número de días no ano)/Poboación do destino)*100
Indicador área = Número de noites/Área do destino (km2)

Indicador de poboación (1)2 segundo o destino turístico nos concellos costeiros. Ano 2016
Tanto por cento (%)


Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Nota: Indicador poboación (1) = ((Número de noites/Número de días no ano)/Poboación do destino)*100

Indicadores segundo a orixe do viaxeiro

Nesta estatística tamén se analiza a procedencia dos viaxeiros que se aloxaron nos distintos establecementos turísticos de Galicia. O 71% das noites rexistradas en 2016 corresponderon a turistas de fóra de Galicia. Na meirande parte dos destinos considerados o peso do turismo foráneo superou ao galego. Así, en Santiago e nos concellos limítrofes supérase en 18,7 puntos a porcentaxe media galega: aquí o 89,7% das noites corresponderon a non residentes. Nos Ancares-Courel, Lugo e Terra Chá, a Mariña Lucense e na Coruña e as Mariñas tamén se supera a porcentaxe media de Galicia.


Non obstante, noutros destinos, coma nos concellos da Ría de Muros e Noia, a proporción entre residentes en Galicia e non residentes está bastante máis igualada (o 49,5% corresponden a viaxeiros de fóra de Galicia). Na zona de Manzaneda-Trevinca, a porcentaxe de viaxeiros galegos supera amplamente á de non residentes na Comunidade Autónoma. Neste último destino o 74,8% dos turistas residen en Galicia.

Noites en aloxamentos turísticos segundo o destino turístico e a procedencia do viaxeiro. Ano 2016
Porcentaxe (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico y de terceros para optimizar su uso. Las cookies no se utilizan para recoger información de carácter personal. Si continúa navegando se considera que acepta su uso. Conozca nuestra política de cookies

De acuerdo