Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Empresas
Definicións e conceptos teóricos


Nota: No Directorio de empresas e unidades locais do IGE podes obter os datos detallados dos conceptos tratados neste apartado.

A empresa

Seguramente xa teñas unha idea do que é unha empresa. Trátase dunha unidade que se dedica á produción de bens e servizos para satisfacer as necesidades do mercado a partir da utilización de factores produtivos como as materias primas, o persoal ou a maquinaria. Influídas polas condicións do mercado, as empresas deciden que producir e como facelo.

¿Sabes cantas empresas hai en Galicia e nas súas provincias? Ver número de empresas de Galicia

O establecemento e a unidade local

Tamén saberás pola túa experiencia que unha empresa pode ter varios establecementos ou locais comerciais, como as cadeas de supermercados que están presentes en diferentes vilas pero que pertencen á mesma empresa. Non obstante, existen algunhas empresas que non teñen un establecemento, como por exemplo os taxistas. Para englobalas, emprégase o termo unidade local, de tal xeito que as unidades locais inclúen os establecementos e aquelas empresas que exercen a súa actividade sen establecemento.

¿Sabes cantas unidades locais hai en Galicia e nas súas provincias? Ver unidades locais

Clasificación das empresas: o tamaño

As empresas pódense clasificar segundo diferentes criterios: polo tamaño, pola actividade, pola condición xurídica, pola natureza do propietario ou polo ámbito de actuación.

O tamaño das empresas mídese mediante tres criterios: as vendas ou volume de negocio, o número de traballadores, e o activo total. Así, por exemplo, as empresas de menos de 50 traballadores considéranse pequenas (se teñen menos de 10 son microempresas), as situadas entre 50 e 250 traballadores son medianas e as de 250 ou máis son grandes empresas.

¿Queres coñecer o reparto por tamaño das empresas galegas? Ver tamaño das empresas galegas

Clasificación das empresas: a actividade principal

As empresas poden exercer unha gran diversidade de actividades: actividades agrícolas e gandeiras, tódolos tipos de fábricas e manufacturas, o comercio, servizos educativos, servizos sanitarios... todas elas están organizadas sistematicamente na Clasificación Nacional de Actividades Económicas ou CNAE. Cando as empresas ou unidades locais exercen máis dunha actividade, adóitase clasificar pola actividade que se considera principal.

¿Queres coñecer o reparto por actividade principal das empresas galegas? Ver reparto por actividade principal das empresas galegas

Clasificación das empresas: a forma xurídica

Cando as empresas actúan na economía realizando as súas vendas, contratando ao persoal ou mercando os seus aprovisionamentos, fano no nome da empresa non dos seus traballadores, dise, polo tanto, que as empresas teñen personalidade xurídica ou que son persoas xurídicas. Cando se quere marcar ben a diferenza, ás persoas de carne e óso dise que son persoas físicas.

As empresas poden estar constituídas por unha soa persoa física ou por un grupo delas formando o que se coñece como sociedade. O tipo de sociedade condiciona os dereitos e deberes que van ter os seus socios e as garantías que se lle ofrecen ás persoas vinculadas á empresa: traballadores, clientes, provedores...

O tipo de sociedade coñécese como forma xurídica ou condición xurídica. As principais formas xurídicas son as persoas físicas ou autónomos, a sociedade colectiva, a sociedade cooperativa (na que os socios son os propios traballadores), a sociedade limitada (SL) e a sociedade anónima (SA).

As persoas físicas son persoas individuais que exercen algunha actividade económica

As sociedades colectivas son as sociedades tradicionais nas que os socios responden das débedas da sociedade de xeito solidario (é dicir, se lle pode reclamar a cada un deles o total das débedas contraídas pola sociedade) e ilimitado. Os socios, ademais de ostentar a propiedade da empresa, participan directamente da xestión e do goberno da mesma.

Nas sociedades cooperativas os propietarios son os traballadores. Nos outros tipos de empresas, os socios son os que ostentan a propiedade da empresa como contrapartida da súa achega de fondos á sociedade para constituír o capital social . Nas sociedades cooperativas ou cooperativas de traballadores, a achega dos socios está formada polo seu propio traballo. É dicir, nas sociedades cooperativas os traballadores participan na xestión e no goberno da empresa.

¿Queres coñecer o reparto por condición xurídica das empresas galegas? Ver reparto por condición xurídica

Clasificación das empresas: o ámbito de actuación

Segundo o seu ámbito de actuación, as empresas poden ser locais, nacionais ou internacionais. Dentro das empresas internacionais, destacan as multinacionais. Trátase de empresas de grandes dimensións que, ademais de exportar a outros países, teñen plantas de produción en varios países diferentes, pero mantendo o control de todas as súas actividades nun centro único radicado na casa matriz.

Clasificación das empresas: a natureza do propietario

Segundo o tipo de propietario, as empresas pódense clasificar en públicas e privadas.

As empresas públicas son propiedade dunha entidade pública: o Estado, as Comunidades Autónomas as Deputacións ou os Concellos. O seu obxectivo principal debe ser, en principio, beneficiar ao conxunto da sociedade xa sexa por operar en sectores estratéxicos ou de carácter social.

Nos demais casos, cando os propietarios son persoas individuais ou outras sociedades, as empresas son privadas e o seu obxectivo principal é a obtención de beneficios.

A importancia da aparición da SL e da SA

A SL e a SA xurdiron a finais do século XIX. Ata ese momento, non se distinguía entre o patrimonio da empresa e o patrimonio dos socios, de tal xeito que se había problemas coa empresa, os propietarios respondían con todos os seus bens incluíndo a súa propia casa.

Pola contra, nas SL e nas SA, a responsabilidade dos socios está limitada á achega de diñeiro que fan á sociedade separando asemade a xestión da empresa da propiedade da mesma.

A diferenza entre a SL e a SA é que os socios poden negociar libremente as súas participacións na SA, pero non na SL. Nesta última sociedade, é obrigatorio manter un libro de rexistro de quen son os socios e, no caso de que algún dos socios quixera vender a súa participación, debe ofrecerlla en primeiro lugar aos demais socios.

¿Queres coñecer o reparto por condición xurídica das empresas galegas? Ver número de SA

O capital social

O límite de responsabilidade que estableceron a SL e a SA permitiu captar fondos de moitas persoas por exemplo nas Bolsas de Valores. Este feito foi fundamental na evolución da Economía Mundial a partir da Segunda Guerra Mundial (1939-1945), pois deu lugar ao xurdimento das grandes compañías multinacionais que son a base da globalización da economía na que estamos inmersos.

Os cartos que aportan os socios para constituír unha sociedade coñécese como capital social ou fondos propios. O capital social divídese en accións no caso das Sociedades Anónimas e en participacións no caso das Sociedades Limitadas.

Os beneficios e os dividendos

Cando un inversor aporta capital a unha sociedade convértese en socio ou propietario da empresa e ten dereito, polo tanto, a participar dunha parte dos beneficios da empresa proporcional á súa inversión. No caso das Sociedades Anónimas, a parte de beneficios que lle corresponde a cada acción coñécese como dividendo.

A contabilidade

Como xa dixemos, coa aparición das sociedade de responsabilidade limitada, sepárase a propiedade da empresa da súa xestión. De feito, as empresas de Bolsa teñen miles de socios e sería imposible que se tivera que consultar a todos eles para as actividades do día a día da empresa. Os socios confían, polo tanto, a xestión a uns administradores ou a unha xunta de administración.

A separación entre os propietarios das empresas que aportan os fondos e os xestores das mesmas obrigou ao desenvolvemento dun sistema de información contable a través do cal os propietarios puideran controlar as actuacións dos administradores das súas empresas.

Hoxe en día empréganse de forma habitual moitos conceptos da contabilidade:

Activo Son os bens e dereitos da empresa: construcións, maquinaria, mercadorías, débedas dos clientes...

Pasivo Son as obrigas e as fontes de financiamento da empresa: préstamos concedidos polos bancos, pagos pendentes aos provedores, capital social...

Gastos Son os fluxos que reducen o patrimonio da empresa: gastos de aluguer, compras de materias primas, soldos e salarios, gasto bancarios...

Ingresos Son os fluxos que incrementan o patrimonio da empresa: vendas de mercadorías, beneficios de participación noutras empresas, subvencións...

Cifra de Negocios É o volume total de vendas. Normalmente emprégase en termos netos; é dicir, despois de aplicar os descontos ou as devolucións que se produciran no período.

Resultado É a diferenza entre os ingresos e os gastos do exercicio. O resultado pode ser de beneficios ou de perdas.



A contabilidade ofrécenos outras vías para medir o tamaño da empresa a parte do número de asalariados: o valor dos activos, o volume da cifra de negocios ou o resultado do exercicio.