Economía. Empresas
Actividade 1: Panorámica da economía galega: as empresas
FICHA DA ACTIVIDADE
Obxectivos:
Coñecer a demografía empresarial galega
Palabras clave:
Empresas: unidade que se dedica á produción de bens e servizos para satisfacer as necesidades do mercado a partir da utilización de factores produtivos como as materias primas, o persoal ou a maquinaria. Influídas polas condicións do mercado, as empresas deciden que producir e como facelo.
Coñecementos previos necesarios:
Saber elaborar e interpretar mapas (ver apartado de representacións gráficas)
Cuestións a resolver:
Coa información que se facilitan nos enlaces e seguindo a actividade deberás poder responder as seguintes preguntas:
- Cantas empresas realizan algunha actividade económica en Galicia? ..........................................
- Cantas teñen sede social en Galicia?..........................................
E no teu concello?..........................................
- Que porcentaxe de empresas con sede social en Galicia non ten asalariados?..........................................
E no teu concello?..........................................
- Que porcentaxe de empresas con sede social en Galicia ten 10 ou máis asalariados?..........................................
E no teu concello?..........................................
- Cantas empresas existen en Galicia con 250 asalariados ou máis?..........................................
Que porcentaxe representa sobre o total de empresas?..........................................
Descarga de datos
Descarga da ficha en pdf
Número de empresas por concello
Imos comezar a análise da panorámica da economía galega analizando onde teñen a súa sede as empresas galegas.
A fonte empregada foi o Directorio de empresas e unidades locais elaborado polo IGE. Hai que ter en conta que nesta operación, debido ás fontes empregadas, exclúense algunhas actividades como a agricultura, gandería, pesca, administración pública, persoal doméstico dos fogares e organismos territoriais.
Segundo o directorio de empresas e unidades locais, en 2019 existían un total de 252.228 empresas en Galicia. Destas, 248.245 tiñan a súa sede social en Galicia e as 3.983 restantes realizan algunha actividade económica dentro da comunidade autónoma pero tiñan a súa sede social fóra dela.
No seguinte mapa móstrase o número de empresas con sede social en Galicia por municipios.
Mapa 1: Número de empresas por concello. Ano 2019
Fonte: IGE. Directorio de empresas e unidades locais
Comenta:
- Vendo o mapa 1, que conclusións podes extraer sobre a distribución das empresas pola xeografía galega?
- En que rango de número de empresas se sitúa o teu concello?
Mapa 2: Concellos con máis de 1.000 empresas. Ano 2019
Fonte: IGE. Directorio de empresas e unidades locais
A túa propia análise: os mapas dinámicos do IGE
Nos seguintes botóns podes acceder á representación dun mapa dinámico dos últimos datos dispoñibles do directorio de empresas. Podes facer probas cambiando o intervalo.
-
- Con esta nova información, varían as túas conclusións sobre a distribución das empresas pola xeografía galega?
Outros indicadores da actividade empresarial
En 2019, das 248.245 empresas con sede social na Comunidade Autónoma de Galicia, 169.130 non contaba con asalariados; o que representa o 68,1% das empresas.
Mapa 3: Porcentaxe de empresas sen asalariados. Ano 2019
Fonte: IGE. Directorio de empresas e unidades locais
Ademais a porcentaxe de empresas con 10 ou máis traballadores é do 3,6% e o de empresas con 50 ou máis traballadores non chega ao 1%.
Mapa 4: Porcentaxe de empresas con 10 ou máis asalariados. Ano 2019
Fonte: IGE. Directorio de empresas e unidades locais
Nas seguintes ligazóns podes descargarte os mapas dinámicos anteriores:
Comenta:
- Á vista dos datos anteriores, como definirías o tecido empresarial galego?
As grandes empresas en Galicia
Como podes comprobar no Mapa 5, as empresas con 250 traballadores ou máis distribúense por 40 concellos da xeografía galega. Destacan en primeiro lugar os concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, con 27 grandes empresas na Coruña, 23 empresas grandes en Santiago de Compostela e 22 en Vigo, seguidas de Arteixo, Lugo, Betanzos e Ourense con entre 7 e 10 empresas grandes.
Cabería preguntarse se a importancia destes núcleos emerxeu a partir da instalación destas grandes empresas neles ou se, pola contra, as empresas decidiron instalarse nestes concellos porque xa dispoñían de certo dinamismo económico. Aínda que máis ben se podería afirmar que se trata dunha relación en ámbolos dous sentidos. As empresas establécense en núcleos que dispoñen de certos servizos emanados do seu dinamismo económico e, ao mesmo tempo, estas empresas implican un novo pulo para o concello.
Mapa 5: Empresas con 250 ou máis asalariados. Ano 2019
Fonte: IGE. Directorio de empresas e unidades locais
A túa propia análise: os Mapas dinámicos do IGE
- Empresas de 500 ou máis asalariados
|