Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Matemáticas. Un primeiro paso: porcentaxes, taxas, variacións e números índice
Actividade 1: a poboación en Galicia


FICHA DA ACTIVIDADE

Obxectivos

  • Aprender a calcular porcentaxes que permitan coñecer a estrutura da poboación galega.
  • Iniciarse no cálculo de taxas e índices, en especial daqueles que habitualmente se usan en estudos demográficos.
  • Analizar a evolución da poboación galega a través do cálculo de variacións absolutas e taxas de variación relativas.
  • Aplicar os números índice para comparar a variación de determinadas variables nunha serie de anos con respecto a un ano base.

Palabras clave

  • Padrón municipal de habitantes
    O Padrón municipal de habitantes é un rexistro administrativo onde constan os veciños dun concello. Ademais todas as persoas que viven en España teñen a obriga de inscribirse no padrón do concello no que residan habitualmente. O padrón permítenos coñecer a poboación que reside nun concello e nas súas entidades e núcleos de poboación. Entón, por agregación pódense obter cifras de poboación para provincias, comarcas, comunidades autónomas e para o total de España.

Coñecementos previos necesarios

  • Esta é unha actividade básica, polo que non se precisa ter ningún coñecemento previo, excepto unhas pequenas nocións de como utilizar unha folla de cálculo. De todos os xeitos, a maior parte dos cálculos que se fan nesta actividade pódense realizar cunha calculadora.

Cuestións a resolver:

Coa información que se facilita nos enlaces e mediante cálculos sinxelos que se desenvolven na actividade, poderás responder ás seguintes preguntas:

  1. Segundo os datos da poboación de Galicia segundo sexo e idade do último ano dispoñible:
    • ¿Cantos homes somos?..........................................
      ¿Cantas mulleres?..........................................
    • ¿Que porcentaxe representa a poboación de cada sexo sobre o total?
      Homes ..........% Mulleres ..........%
    • ¿En que grupos de idade hai máis homes que mulleres?..........................................
    • ¿Que ocorre a medida que aumenta a idade?..........................................
  2. Cos datos da poboación de Galicia segundo grupos de idade podes averiguar:
    • ¿Canta poboación ten menos de 20 anos?..........................................
    • ¿Canta ten 65 ou máis anos?..........................................
    • ¿Cal é o índice de envellecemento de Galicia?..........................................
  3. ¿Canto aumentou ou diminuíu a poboación de Galicia con respecto ao 2009?
    • Aumentou/Diminuíu..........persoas
    • Aumentou/Diminuíu..........%
  4. ¿E nos últimos dez anos?
    • Aumentou/Diminuíu..........persoas
    • Aumentou/Diminuíu..........%
  5. ¿Aumentan o diminúen nos últimos anos as inmigracións a Galicia e a España procedentes do estranxeiro?..........................................
    Considerando o ano 1997 como ano base, ¿cal é a pauta de evolución das inmigracións do estranxeiro a Galicia e a España dende ese ano?..........................................

Descarga de datos

Nos enlaces que aparecen a continuación podes descargar os últimos datos dispoñibles tanto para Galicia como para o teu concello, que necesitarías no caso de querer facer esta actividade con datos máis actualizados ou para outro ámbito territorial:

  • Poboación segundo sexo e grupos de idade:
    Concello:
  • Evolución da poboación:
    Concello: [Todos os concellos]
  • Nacementos:
    Concello: [Todos os concellos]
  • Inmigrantes procedentes do estranxeiro:
    Concello: [Todos os concellos]
  • Datos de migracións en España

Descarga da ficha en pdf

¿Somos máis homes ou mulleres en Galicia?

Segundo os datos do Padrón municipal de habitantes, o día 1 de xaneiro de 2020 había en Galicia un total de 2.701.819 persoas, das cales 1.300.153 eran homes e 1.401.666 mulleres. Entón está claro que hai máis mulleres que homes pero, ¿cal é a porcentaxe de homes?, e ¿a de mulleres?.

Para calcular a porcentaxe de homes que había en Galicia en 2020 basta con dividir o número de homes entre a poboación total e multiplicar o resultado por cen, o que daría unha cifra de: 1.300.153/2.701.819 * 100 = 48,12%. É dicir, de cada cen persoas que residían en Galicia en 2020, 48 eran homes.

Para calcular a porcentaxe de mulleres que viven en Galicia temos dúas alternativas:

  • Volver a repetir o procedemento anterior cambiando o numerador (substituiriamos o número de homes polo de mulleres): 1.401.666/2.701.819 * 100 = 51,88%
  • Tendo en conta que a porcentaxe de homes máis a de mulleres ten que sumar o 100%, poderiámola calcular mediante diferenza: 100 - 48,12 = 51,88%
Como acabamos de ver, en Galicia hai máis mulleres que homes, pero ¿isto é verdade para todas as idades?

Na seguinte táboa podes ver a poboación residente en Galicia o día 1 de xaneiro de 2020 segundo sexo e grupos de idade.

Segundo se desprende da táboa anterior, en Galicia en 2020 había máis homes que mulleres en todos os grupos de idade de menores de 40 anos. Porén, obsérvase que a medida que aumenta a idade hai máis mulleres ca homes.

¿Como cres que é a poboación galega: moza ou vella?

Para coñecer a estrutura e composición da poboación existen unha serie de indicadores. Nesta actividade trataremos de explicar como calcular e interpretar algún dos máis importantes.

O índice de envellecemento mide a relación existente entre a poboación de 65 ou máis anos e a poboación menor de 20. É dicir: índice de envellecemento = Poboación de 65 ou máis / Poboación menor de 20 * 100. Un valor do índice superior a 100 indica que hai máis persoas de 65 ou máis anos que mozos menores de 20. Polo tanto, canto maior é este índice máis envellecida está a poboación.

A partir da táboa anterior podemos calcular o índice de envellecemento para Galicia no ano 2020.

Poboación total
Poboación total 2.701.819
0-19 427.329
20-64 1.586.666
65 ou máis anos 687.824

Entón o índice de envellecemento para Galicia viría dado por: 687.824 / 427.329 * 100 = 160,96. É dicir, en 2020 por cada cen mozos menores de 20 anos hai 160,96 persoas de 65 ou máis anos, o que indica o alto grado de envellecemento da poboación galega.

¿Cantos nenos nacen en Galicia?

A taxa de natalidade mide o número de nacementos por cada mil habitantes e calcúlase da seguinte maneira: Taxa bruta de natalidade = Número de nacementos / Poboación total * 1000. Como vemos, esta taxa está expresada en tanto por mil. No seguinte enlace aos Indicadores demográficos podes consultar varios indicadores de fecundidade, entre eles a taxa bruta de natalidade. No ano 2018 en Galicia esta taxa situouse no 6,13, o que quere dicir que por cada mil galegos naceron 6,13 nenos.

¿Cada vez somos máis?

Na seguinte táboa móstranse as cifras da poboación galega dende o ano 1981 ata 2020.

En 2020 residían en Galicia 2.701.819 persoas, 2.320 persoas máis que en 2019. Para calcular a taxa de variación relativa procedemos da seguinte maneira: taxa de variación relativa = (poboación 2020 - poboación 2019)/poboación 2019 * 100 = (2.701.819 - 2.699.499)/2.699.499 * 100 = 0,09%, o que indica que no último ano a poboación galega aumentou un 0,09%.

Se comparamos a poboación de 2020 coa de hai 10 anos obteríamos que Galicia perdeu 95.834 persoas. A taxa de variación relativa sería: (2.701.819-2.797.653)/2.797.653 * 100 = -3,43%.

¿Que opinas da chegada de inmigrantes?

Na seguinte táboa podes observar a evolución da chegada de inmigrantes procedentes do estranxeiro a Galicia e ao total de España no período 1997-2019.

Galicia España
1997 5.908 57.877
1998 6.850 81.227
1999 8.506 127.365
2000 12.547 362.468
2001 11.395 414.772
2002 18.186 483.260
2003 17.053 470.010
2004 19.366 684.561
2005 19.833 719.284
2006 22.948 840.844
2007 26.386 958.266
2008 22.165 726.009
2009 15.135 498.977
2010 13.878 464.443
2011 13.847 454.686
2012 10.322 370.515
2013 9.268 342.390
2014 10.377 399.947
2015 12.094 455.679
2016 15.736 534.574
2017 19.078 637.375
2018 24.183 760.804
2019 26.932 873.842
Fonte: Fonte: INE. Estatística de variacións residenciais

A simple vista pódese observar como ata o ano 2007 produciuse tanto en Galicia como no conxunto de España un incremento notable na chegada de inmigrantes procedentes do estranxeiro, diminuíndo a partir dese ano ata o 2013. A partir dese ano volve a aumentar a chegada de inmigrantes procedentes do estranxeiro

A continuación móstranse os números índice para Galicia e para España considerando como ano base 1997.

Números índice (ano base 1997)
Galicia España
1997 100% 100%
1998 115,9% 140,3%
1999 144,0% 220,1%
2000 212,4% 626,3%
2001 192,9% 716,6%
2002 307,8% 835,0%
2003 288,6% 812,1%
2004 327,8% 1.182,8%
2005 335,7% 1.242,8%
2006 388,4% 1.452,8%
2007 446,6% 1.655,7%
2008 375,2% 1.254,4%
2009 256,2% 862,1%
2010 234,9% 802,5%
2011 234,4% 785,6%
2012 174,7% 640,2%
2013 156,9% 591,6%
2014 175,6% 691,0%
2015 204,7% 787,3%
2016 266,4% 923,6%
2017 322,9% 1.101,3%
2018 409,3% 1.314,5%
2019 455,9% 1.509,8%

Estes números índice miden como vai cambiando a entrada de inmigrantes en Galicia e España ao longo destes dezaoito anos tomando como referencia o ano 1997. Á vista dos datos da táboa anterior podemos concluír que a pesar de que en Galicia se produciu un notable incremento na entrada de inmigrantes procedentes do estranxeiro, este incremento foi moito máis substancial no conxunto do Estado.