Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Economía. Os sectores de actividade
Actividade 4: Panorámica da economía galega: o sector servizos


FICHA DA ACTIVIDADE

Obxectivos:

  • Analizar a importancia económica do sector servizos en Galicia.
  • Coñecer o crecemento económico deste sector.
  • Coñecer o tecido empresarial galego dedicado aos servizos.
  • Estudar a evolución da ocupación no sector servizos.
  • Distribuír os traballadores deste sector por concellos.
  • Analizar a evolución da cifra de negocios do sector servizos.
  • Coñecer a infraestrutura turística existente en Galicia e a afluencia de viaxeiros.

Palabras clave:

  • Produto interior bruto (PIB): macromagnitude de síntese que trata de resumir nun só valor a dimensión económica dun país. Defínese como a corrente de bens e servizos finais producidos no territorio económico dun país nun período de tempo determinado.
  • Valor engadido bruto (VEB): diferenza entre o valor da produción e os consumos intermedios utilizados para obter esa produción.
  • Índices de volume: utilízanse para poder medir o crecemento real do PIB eliminando a distorsión que produce a variación dos prezos.
  • Poboación ocupada: persoas de 16 ou máis anos que teñen un traballo por conta allea; é dicir, que traballan para outra persoa ou empresa (asalariados), ou exercen unha actividade por conta propia.
  • Cifra de negocios: comprende os importes facturados pola empresa pola prestación de servizos e venta de bens que son obxecto do tráfico da empresa, incluídos os realizados por subcontratación. Contabilízanse incluíndo os impostos que gravan os bens e servizos coa excepción do IVE repercutido ao cliente.

Coñecementos previos necesarios:

Cuestións a resolver:

Coa información que se facilitan nos enlaces e seguindo a actividade deberás poder responder as seguintes preguntas:

  1. ¿Cal é o valor engadido bruto do sector servizos?..........................................
  2. ¿Que porcentaxe representa sobre o PIB?..........................................(%)
  3. ¿Canto medrou/baixou o valor engadido bruto deste sector no último ano?
    En termos correntes..........................................(%)
    En índices de volume..........................................(%)
  4. ¿Cantas empresas teñen a súa sede social en Galicia con actividade principal nos servizos?..........................................
  5. ¿Que porcentaxe de ocupados traballaba no sector servizos no ano 1980?..........................................(%)
    ¿E na actualidade?..........................................(%)
  6. Elabora unha gráfica de liñas coa evolución do número de ocupados nos servizos
  7. No teu concello ¿que porcentaxe afiliados traballa no sector servizos?..........................................(%)
  8. ¿Canto se incrementou/baixou a cifra de negocios do sector servizos no último ano?.....................................(%)
  9. Elabora unha gráfica de evolución co grao de ocupación nos establecementos hoteleiros

Descarga de datos

Descarga da ficha en pdf

Introdución

A clasificación nacional de actividades económicas (CNAE 2009) inclúe dentro do sector servizos as seguintes seccións:

  • Comercio por xunto e ao retallo; reparación de vehículos de motor e motocicletas
  • Transporte e almacenamento
  • Hostalaría
  • Información e comunicacións
  • Actividades financeiras e de seguros
  • Actividades inmobiliarias
  • Actividades profesionais, científicas e técnicas
  • Actividades administrativas e servizos auxiliares
  • Administración pública e defensa; seguranza social obrigatoria
  • Educación
  • Actividades sanitarias e de servizos sociais
  • Actividades artísticas, recreativas e de entretemento
  • Outros servizos
  • Actividades dos fogares como empregadores de persoal doméstico; actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio
  • Actividades de organizacións e organismos extraterritoriais

A importancia económica do sector servizos

Na seguinte táboa móstrase a desagregación do produto interior bruto de Galicia (PIB) desde a perspectiva da oferta para os anos 2018 (datos provisionais) e 2019 (datos avance).

Táboa 1: Produto interior bruto (PIB) de Galicia e valor engadido bruto (VEB)
por ramas de actividade. Datos avance

Miles de euros

Fonte: IGE. Contas económicas trimestrais. Revisión Estatística 2019

O Valor engadido bruto (VEB) dos servizos situouse nos 40.301,9 millóns de euros no ano 2019. Tendo en conta que neste ano o PIB de Galicia acadou os 63.985,5 millóns de euros podemos calcular a contribución da construción ao PIB: (40.301.924/63.985.457)*100=63,0%

Crecemento económico

As estimacións do PIB e do VEB por ramas, ofrécense en termos correntes e en índices de volume.

  • As estimacións en termos correntes están valoradas a prezos do mesmo período, polo que a evolución do PIB (e do VEB) está influenciada pola variación dos prezos.
  • Os índices de volume utilízanse para poder medir o crecemento real, é dicir eliminando a distorsión que produce a variación dos prezos.

Tendo en conta esta pequena aclaración, podemos calcular a variación do VEB do sector servizos utilizando os datos correntes en miles de euros e utilizando os índices de volume.

En termos correntes

Pola táboa 1 sabemos que o VEB dos servizos foi de 38.794.809 miles de euros en 2018 e de 40.301.924 miles de euros en 2019. A partir destes datos podemos calcular o crecemento en porcentaxe: (40.301.924-38.794.809)/38.794.809*100=3,88%.
É dicir, o VEB do sector servizos medrou un 3,88% en 2019 con respecto ao ano anterior en termos correntes.

Vexamos agora cal foi o crecemento "real".

En índices de volume

Táboa 2: Produto interior bruto (PIB) de Galicia e valor engadido bruto (VEB) por ramas de actividade. Datos avance
Índices de volume

Fonte: IGE. Contas económicas trimestrais. Revisión Estatística 2019

Para o sector servizos podemos calcular o crecemento real do VEB como: (110,23-107,37)/107,37*100=2,66%

A partir dos datos dispoñibles no seguinte enlace podemos calcular o crecemento en índices de volume do VEB do sector servizos:

Gráfico 1: Crecemento interanual do VEB (en índices de volume) do sector servizos. Galicia
Porcentaxes

Fonte: IGE. Contas económicas trimestrais. Revisión Estatística 2019

Empresas

O directorio de empresas e unidades locais elaborado no IGE permítenos coñecer o número de empresas con actividade principal no sector servizos. Polas fontes utilizadas á hora de elaborar o directorio de empresas e unidades locais, non se dispón de información referente ás empresas con actividade principal pertencente ás seccións:

  • Administración pública e defensa; seguranza social obrigatoria.
  • Actividades dos fogares como empregadores de persoal doméstico; actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio.
  • Actividades de organizacións e organismos extraterritoriais.

Segundo este directorio de empresas no ano 2019 existían un total de 161.709 empresas con sede social en Galicia e cuxa actividade principal eran os servizos.

Táboa 3: Empresas con sede social en Galicia e actividade principal os servizos. Ano 2019

Destacan as 50.744 empresas de comercio polo xunto e ao retallo; reparación de vehículos de motor e motocicletas, que supoñen o 31,4% do total de empresas do sector servizos. Séguenlle as empresas dedicadas ás actividades profesionais, científicas e técnicas (23.496 empresas) e a hostalaría (20.523 empresas).

Ocupación

Na seguinte ligazón facilítase a evolución do número de ocupados en Galicia segundo o sector de actividade.

Táboa 4: Ocupados segundo os sectores de actividade
Miles de persoas

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

A partir desta táboa podemos, en primeiro lugar, debuxar unha gráfica coa evolución da poboación ocupada nos servizos.

Gráfico 2: Ocupados no sector servizos. Galicia
Miles de persoas

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

Na gráfica podemos comprobar como medrou o número de ocupados no sector servizos desde os anos oitenta a actualidade. De feito en 1980 o sector servizos ocupaba ao 30,8% do total de traballadores ((343,1/1.115,1)*100) pero corenta máis tarde ocupaba ao 69,6% ((747,8/1074,2)*100)

Cuestións para o alumno:

  • Elabora unha táboa na que se mostre a evolución da porcentaxe de ocupados nos servizos en Galicia para todo o período 1980-2020.
  • A partir desta táboa constrúe unha gráfica de evolución e comenta os resultados.

A nivel municipal non dispoñemos de información referente ao número de ocupados por sectores de actividade, pero si coñecemos o número de afiliacións á Seguridade Social en alta laboral segundo os sectores de actividade. Isto vainos permitir coñecer a importancia que ten en cada concello o sector servizos, no que se refire á ocupación. No seguinte mapa podes consultar o número de afiliacións no sector servizos no mes de decembro de 2020.

Mapa 1: Número de afiliacións á Seguridade Social en alta laboral na construción. Decembro de 2020

Fonte: Elaboración propia a partir dos ficheiros facilitados pola Seguridade Social

Para poder comparar a importancia do sector servizos no mercado de traballo de cada concello, podemos calcular a porcentaxe de afiliacións nos servizos sobre o total de afiliados dese concello.

Mapa 2: Porcentaxe de afiliacións á Seguridade Social en alta laboral nos servizos sobre o total de afiliacións do concello. Decembro de 2020

Fonte: Elaboración propia a partir dos ficheiros facilitados pola Seguridade Social

Cuestións para o alumno:

  • ¿Cales son as diferenzas máis notables que observas entre os dous mapas?
  • ¿En que zonas existe unha maior porcentaxe de traballadores do sector servizos?
  • ¿Cales son os concellos con menor porcentaxe de traballadores neste sector?

Na seguinte enlace podes descargar o mapa dinámico coa porcentaxe de afiliados no sector servizos: ligazón

Cifra de negocios

Para poder medir a evolución a curto prazo da actividade das empresas do sector servizos podemos utilizar os indicadores de actividade do sector servizos (IASS) elaborados polo INE. Neste caso utilizaremos o índice xeral da cifra de negocios. Recordemos que a cifra de negocios comprende os importes facturados pola empresa polas vendas e a prestación de servizos.

Na seguinte ligazón podes atopar información detallada sobre o índice de cifra de negocios do sector servizos segundo os sectores de actividade (xeral, comercio, transporte e almacenamento, hostalería, información e comunicación e servizos a empresas).

A partir da táboa anterior podemos calcular as variacións interanuais en porcentaxe. Estas variacións interanuais indícanos o que se incrementou ou baixou a cifra de negocios nun mes con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Calculemos, por exemplo, esta taxa para o mes de novembro de 2020 sabendo que o índice acadou os valores de 107,087 en novembro de 2020 e 125,954 en novembro de 2019:

Taxa de variación interanual: (107,087-125,954)/125,954*100=-14,98%

É dicir, a cifra de negocios do sector servizos diminuíu un 14,98% no mes de novembro de 2020 con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

Repetindo este procedemento para todos os meses obteríamos o seguinte resultado: taxas de variación interanual do índice da cifra de negocios.

A continuación vamos a representar nunha gráfica de liñas estas taxas de variación interanuais:

Gráfico 3: Índice xeral da cifra de negocios do sector servizos. Galicia
Taxas de variación interanuais (%)

Fonte: INE. Indicadores de actividade do sector servizos

Para poder interpretar correctamente esta gráfica hai que ter en conta que o que se está a representar son as taxas de variación interanuais relativas. Aínda que a gráfica presente unha tendencia decrecente, mentres estea situada por riba do eixo de abscisas (eixo horizontal) a taxa é positiva. É dicir, a cifra de negocios nese mes aumentou con respecto ao mesmo mes do ano anterior, aínda que en menor medida que nos meses anteriores. De igual xeito, se a liña de evolución sube pero está situada por debaixo do eixo de abscisas a taxa de variación interanual é negativa, é dicir, a cifra de negocios baixou pero menos que en perídos anteriores.

Turismo

Na seguinte táboa móstrase información sobre a demanda e oferta do turismo en Galicia do ano 2019

Táboa 5: Datos de oferta de demanda do turismo. Galicia. Ano 2019

Segundo as enquisas de turismo elaboradas polo INE en Galicia no ano 2019 existían 1.418 establecementos hoteleiros, 452 casas de turismo rural, 49 campamentos de turismo e 173 empresas de apartamentos turísticos. Estes establecementos puxeron á disposición dos viaxeiros un total de 87.489 prazas.

No que se refire á demanda, durante o ano 2019, os establecementos hoteleiros recibiron 4.453.964 viaxeiros, os acampamentos de turismo 268.424, as casas de turismo rural 227.377 e os apartamentos 145.915.

Gráfico 4: Evolución do grado de ocupación en establecementos hoteleiros e de turismo rural. Galicia
Porcentaxes

Fonte: INE. Enquisas de ocupación hoteleira, turismo rural, acampamentos e apartamentos turísticos

Nesta gráfica móstrase a evolución do grado de ocupación nos establecementos hoteleiros e de turismo rural. Como se pode observar móstranse uns picos no grado de ocupación nos meses de verán tanto nos establecementos hoteleiros como nas casas de turismo rural.

Por último mostramos un mapa co número de viaxeiros das principais zonas de turismo en Galicia.

Cuestións para o alumno:

  • ¿Que tipo de turista consideras que é o que visita Galicia? o que busca sol e praia, o que prefire turismo rural, o que busca destinos máis culturais, o que visita Galicia por motivos relixiosos, ...
  • Polo que ti coñeces, ¿cales son os tres destinos que ningún turista que visite Galicia se pode perder?

Mapa 3: Noites en aloxamentos turísticos en relación ao total de Galicia segundo o destino turístico. Ano 2019

Fonte: IGE. Indicador da intensidade da demanda turística