Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Economía. Os sectores de actividade
Actividade 3: Panorámica da economía galega: a construción


FICHA DA ACTIVIDADE

Obxectivos:

  • Analizar a importancia económica da construción en Galicia.
  • Coñecer o crecemento económico deste sector.
  • Coñecer o tecido empresarial galego dedicado á construción.
  • Estudar a evolución da ocupación no sector da construción.
  • Distribuír os traballadores da construción por concellos.
  • Coñecer a evolución da actividade da construción e rehabilitación de edificios.
  • Analizar a evolución do prezo da vivenda libre e protexida.

Palabras clave:

  • Produto interior bruto (PIB): macromagnitude de síntese que trata de resumir nun só valor a dimensión económica dun país. Defínese como a corrente de bens e servizos finais producidos no territorio económico dun país nun período de tempo determinado.
  • Valor engadido bruto (VEB): diferenza entre o valor da produción e os consumos intermedios utilizados para obter esa produción.
  • Índices de volume: utilízanse para poder medir o crecemento real do PIB eliminando a distorsión que produce a variación dos prezos.
  • Poboación ocupada: persoas de 16 ou máis anos que teñen un traballo por conta allea; é dicir, que traballan para outra persoa ou empresa (asalariados), ou exercen unha actividade por conta propia.

Coñecementos previos necesarios:

Cuestións a resolver:

Coa información que se facilitan nos enlaces e seguindo a actividade deberás poder responder as seguintes preguntas:

  1. ¿Cal é o valor engadido bruto do sector da construción?..........................................
  2. ¿Que porcentaxe representa sobre o PIB?..........................................(%)
  3. ¿Canto medrou/baixou o valor engadido bruto deste sector no último ano?
    En termos correntes..........................................(%)
    En índices de volume..........................................(%)
  4. ¿Cantas empresas teñen a súa sede social en Galicia con actividade principal a construción?..........................................
  5. ¿Que porcentaxe de ocupados traballaba na construción no ano 1980?..........................................(%)
    ¿E na actualidade?..........................................(%)
  6. Elabora unha gráfica de liñas coa evolución do número de ocupados na construción
  7. No teu concello ¿que porcentaxe afiliados traballa no sector da construción?..........................................(%)
  8. Elabora unha gráfica de liñas coa evolución do número de vivendas a crear de nova planta
  9. ¿Canto se incrementaron/baixaron os prezos da vivenda libre no último trimestre?..........................................(%)
    ¿E no último ano?..........................................(%)

Descarga de datos

Descarga da ficha en pdf

Introdución

A clasificación nacional de actividades económicas (CNAE 2009) inclúe dentro do sector da construción as seguintes divisións:

  • Construción de edificios
  • Enxeñaría civil
  • Actividades de construción especializada

A importancia económica do sector da construción

Na seguinte táboa móstrase a desagregación do produto interior bruto de Galicia (PIB) desde a perspectiva da oferta para os anos 2018 (datos provisionais) e 2019 (datos avance).

Táboa 1: Produto interior bruto (PIB) de Galicia e valor engadido bruto (VEB) por ramas de actividade. Datos avance
Miles de euros

Fonte: IGE. Contas económicas trimestrais. Revisión Estatística 2019

O Valor engadido bruto (VEB) da construción situouse nos 4.393,5 millóns de euros no ano 2019. Tendo en conta que neste ano o PIB de Galicia acadou os 63.985,5 millóns de euros podemos calcular a contribución da construción ao PIB: (4.393.546/63.985.457)*100=6,9%

Crecemento económico

As estimacións do PIB e do VEB por ramas, ofrécense en termos correntes e en índices de volume.

  • As estimacións en termos correntes están valoradas a prezos do mesmo período, polo que a evolución do PIB (e do VEB) está influenciada pola variación dos prezos.
  • Os índices de volume utilízanse para poder medir o crecemento real, é dicir eliminando a distorsión que produce a variación dos prezos.

Tendo en conta esta pequena aclaración, podemos calcular a variación do VEB da construción utilizando os datos correntes en miles de euros e utilizando os índices de volume.

En termos correntes

Pola táboa 1 sabemos que o VEB da construción era de 4.089.691 miles de euros en 2018 e 4.393.546 miles de euros en 2019. A partir destes datos podemos calcular o crecemento en porcentaxe: (4.393.546-4.089.691)/4.089.691*100=7,43%.
É dicir, o VEB do sector da construción aumentou un 7,43% en 2019 con respecto ao ano anterior en termos correntes.

Vexamos agora cal foi o crecemento "real".

En índices de volume

Táboa 2: Produto interior bruto (PIB) de Galicia e valor engadido bruto (VEB) por ramas de actividade. Datos avance
Índices de volume

Fonte: IGE. Contas económicas trimestrais. Revisión Estatística 2019

Neste caso, o procedemento que debemos seguir para calcular o crecemento real do VEB do sector da construción é completamente análogo ao anterior, só que en vez de considerar o VEB en miles de euros collemos os índices de volume: (117,09-113,20)/113,20*100=3,44%.

A partir dos datos dispoñibles no seguinte enlace podemos calcular o crecemento en índices de volume do VEB da construción:

Gráfico 1: Crecemento interanual do VEB (en índices de volume) da construción. Galicia
Porcentaxes

Fonte: IGE. Contas económicas trimestrais. Revisión Estatística 2019

Empresas

O directorio de empresas e unidades locais elaborado no IGE permítenos coñecer o número de empresas con actividade principal na construción. Segundo este directorio de empresas no ano 2019 existían un total de 30.883 empresas con sede social en Galicia e cuxa actividade principal era a construción.

Táboa 3: Empresas con sede social en Galicia e actividade principal a construción. Ano 2019

Dentro das actividades de construción especializada inclúense:

  • Demolición e preparación de terreos
  • Instalacións eléctricas, de fontanaría e outras instalacións en obras de construción
  • Acabamento de edificios
  • Outras actividades de construción especializada (construción de cubertas e outras)

Ocupación

Na seguinte ligazón facilítase a evolución do número de ocupados en Galicia segundo o sector de actividade.

Táboa 4: Ocupados segundo os sectores de actividade
Miles de persoas

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

A partir desta táboa podemos, en primeiro lugar, debuxar unha gráfica coa evolución da poboación ocupada na construción.

Gráfico 2: Ocupados na construción. Galicia
Miles de persoas

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

A partir da gráfica observamos unha tendencia crecente no número de ocupados no sector da construción desde mediados dos anos 90, pero a partir de 2008, co estalido da burbulla inmobiliaria, a tendencia invértese e o número de ocupados neste sector cae ata o mínimo de ocupación no ano 2014 .

No ano 1980 a porcentaxe de ocupados que traballaba na construción era: (114,9/1.115,1)*100=10,3%.
No ano 2007 a porcentaxe de ocupados na construción acadou o 12,3% pero en 2020 esta porcentaxe cae ata o 7,0%.

Cuestións para o alumno:

  • Elabora unha táboa na que se mostre a evolución da porcentaxe de ocupados na construción en Galicia para todo o período 1980-2020.
  • A partir desta táboa constrúe unha gráfica de evolución e comenta os resultados.

A nivel municipal non dispoñemos de información referente ao número de ocupados por sectores de actividade, pero si coñecemos o número de afiliacións á Seguridade Social en alta laboral segundo os sectores de actividade. Isto vainos permitir coñecer a importancia que ten en cada concello o sector da construción, no que se refire á ocupación. No seguinte mapa podes consultar o número de afiliacións na construción no mes de decembro de 2020.

Mapa 1: Número de afiliacións á Seguridade Social en alta laboral na construción. Decembro de 2020

Fonte: Elaboración propia a partir dos ficheiros facilitados pola Seguridade Social

Para poder comparar a importancia do sector da construción no mercado de traballo de cada concello, podemos calcular a porcentaxe de afiliacións na construción sobre o total de afiliados dese concello.

Mapa 2: Porcentaxe de afiliacións á Seguridade Social en alta laboral na construción sobre o total de afiliacións do concello. Decembro de 2020

Fonte: Elaboración propia a partir dos ficheiros facilitados pola Seguridade Social

Cuestións para o alumno:

  • ¿Cales son as diferenzas máis notables que observas entre os dous mapas?
  • ¿En que zonas existe unha maior porcentaxe de traballadores do sector da construción?
  • ¿Cales son os concellos con menor porcentaxe de traballadores neste sector?

Na seguinte enlace podes descargar o mapa dinámico coa porcentaxe de afiliados no sector da construción: ligazón

Construción de vivendas

A partir das licenzas de obra maior que conceden os concellos podemos saber o número de vivendas de nova planta que está proxectado construír. Ademais, tamén nos vai permitir coñecer as vivendas a crear en rehabilitación e o número das que se van a demoler.

Táboa 5: Vivendas a crear de nova planta, en rehabilitación e a demoler. Galicia

Fonte: IGE, Ministerio de Fomento. Estatística de construción de edificios

Gráfico 3: Evolución do número de vivendas a crear de nova planta. Galicia

Fonte: IGE, Ministerio de Fomento. Estatística de construción de edificios

Na gráfica 3 podemos comprobar como desde o ano 2001 ata o 2007 produciuse unha escalada continua no número de vivendas a crear de nova planta. A partir deste ano o número de vivendas a crear cae drasticamente e pasa das 45.614 vivendas en 2007 a tan só 1.218 en 2016. No ano 2018 o número de vivendas a crear en nova planta repuntou ata as 2.238 unidades e no ano 2019 mantívose nun nivel similar (2.217 vivendas).

Prezos

Para completar o estudo da situación do sector da construción vamos analizar a evolución do prezo medio do metro cadrado da vivenda libre e da protexida.

Fonte: Ministerio de Fomento

No terceiro trimestre de 2020 o prezo medio da vivenda libre acadou os 1.201,6 euros o metro cadrado, o que supón un aumento do 0,7% con respecto ao trimestre anterior ((1.201,6-1.185,3)/1.185,3*100=1,38%). Con respecto ao terceiro trimestre do ano anterior os prezos aumentaron un 0,35%.

Na seguinte ligazón tes datos do prezo da vivenda para un período máis amplo.

A partir dos datos desta ligazón elaboramos a seguinte gráfica de evolución:

Gráfico 4: Evolución do prezo medio do metro cadrado da vivenda libre e protexida. Galicia
Euros/m2

Fonte: Ministerio de Fomento

Cuestións para o alumno:

  • ¿Que tendencia observas na evolución do prezo da vivenda libre?
  • ¿A partir de que momento temporal comezan a baixar estos prezos?