Mercado laboral |
Homes | Mulleres |
Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa
Para avaliar a incidencia da incorporación da muller ao mercado laboral analizarase a evolución da taxa de actividade feminina. Esta taxa indica o número de mulleres que están en condicións de traballar por cada cen mulleres en idade laboral. Entón, unha evolución crecente da taxa de actividade feminina é síntoma de que cada vez son máis as mulleres que pasan dunha situación de inactividade (por exemplo de amas de casa) a unha situación onde, ou ben están traballando, ou ben están buscando activamente un emprego.
Lembra que para calcular a taxa de actividade feminina (igual para a masculina) hai que dividir o número de mulleres activas entre o total de mulleres de 16 ou máis anos, e multiplicar este cociente por cen. Por exemplo, a taxa de actividade feminina para o ano 2020 calcúlase do seguinte xeito: taxa de actividade feminina = (mulleres activas/mulleres de 16 ou máis anos)*100 = (582,4/1.220,7)*100 = 47,7%.
Evolución anual da taxa de actividade masculina e feminina en Galicia
Poboación de 16 e máis anos e poboación activa segundo o sexo. Galicia Miles de persoas |
Evolución da taxa de actividade masculina e feminina. Galicia Porcentaxes |
|
Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa
A grandes rasgos, a taxa de actividade feminina presenta unha tendencia lixeiramente crecente nos últimos vinte e un anos, excepto no ano 2001 (debido a un cambio metodolóxico que se fixo na enquisa), en 2005, 2010, 2013, 2015, 2019 e 2020. A pesar desta tendencia crecente, a taxa de actividade feminina presenta valores moi inferiores aos acadados pola taxa de actividade masculina. Por exemplo, para o ano 2020 a taxa de actividade feminina situouse no 47,7% mentres que para os homes esta taxa foi 9,4 puntos superior (57,1%). É dicir, por cada 100 mulleres en idade laboral, só 47,7 estaban en condicións de traballar, pero no caso dos homes, de cada 100 en idade laboral 57,1 estaban en condicións de traballar (traballando ou buscando emprego).
Preguntas para o alumno
Para estudar a incorporación da muller ao mercado laboral non é suficiente con analizar a evolución da taxa de actividade feminina. De feito, un incremento da poboación activa feminina (ocupados+parados) que non vaia acompañado polo correspondente aumento na ocupación feminina, indica que as mulleres teñen dificultades á hora de atopar un traballo.
A taxa de ocupación indica a porcentaxe de poboación que está traballando sobre o total de persoas que están en idade laboral. Así, por exemplo, a taxa de ocupación feminina no ano 2020 calcúlase como: taxa de ocupación feminina = (mulleres ocupadas/total de mulleres de 16 ou máis anos) * 100 = (505,3/1.220,7)*100 = 41,4%.
Evolución anual da taxa de ocupación masculina e feminina en Galicia
Poboación de 16 e máis anos e poboación ocupada segundo o sexo. Galicia Miles de persoas |
Evolución da taxa de ocupación masculina e feminina. Galicia Porcentaxes |
|
Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa
Á vista da táboa anterior, obsérvase que tanto a taxa de ocupación masculina como a feminina presentan unha evolución crecente ata o ano 2008, a partir do cal comeza a diminuír por mor da crise económica ata alcanzar o seu mínimo no ano 2013 no caso das mulleres e no 2014 no caso dos homes. No caso das mulleres, no ano 2020, de cada 100 mulleres en idade laboral 41,4 estaban traballando, mentres que no ano 2000 o facían 32,9. Para os homes, a porcentaxe de ocupados sobre o total de poboación de 16 ou máis anos é superior en todo o período á taxa de ocupación feminina. Non obstante, desde o ano 2000 produciuse un achegamento entre a taxa de ocupación masculina e feminina debido a que a ocupación diminuíu máis bruscamente entre os homes que entre as mulleres.
Poboación ocupada segundo sector de actividade.
Galicia. Ano 2020
Miles de persoas e porcentaxes
Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa
En Galicia, no ano 2020, o sector que máis poboación ocupaba era o de servizos, no que traballaba o 69,6% do total de ocupados. Por xénero as diferenzas son moi significativas, xa que o 84,0% das mulleres ocupadas estaban traballando no sector servizos, mentres que no caso dos homes esta porcentaxe é do 56,9%. Porén, a porcentaxe de homes que traballan no sector da industria e no da construción é moito maior que a de mulleres, sobre todo para a construción que segue a ser un sector minoritario na ocupación feminina.
Salario medio anual por sectores económicos. Galicia. Ano 2019
(euros)
Fonte: Agencia Estatal Tributaria. Mercado de trabajo y pensiones en las fuentes tributarias
Para poder interpretar as diferenzas salariais por xénero existentes nos distintos sectores de actividade, hai que ter en conta que, en parte, poden estar debidas a factores como o tipo de xornada laboral (a tempo completo/parcial) que realizan os homes e as mulleres ou o tempo traballado no ano.
A taxa de paro proporciona información sobre a porcentaxe de parados sobre o total de poboación activa. Polo tanto, unha taxa de paro feminina elevada indica que as mulleres non son capaces de incorporarse ao proceso produtivo da economía.
A continuación preséntase a evolución da taxa de paro masculina e feminina no período 2000-2020. Observase que en 2000 a taxa de paro feminina duplicaba á masculina. A partir dese ano producíronse caídas importantes na taxa de paro, máis pronunciadas no caso das mulleres. Porén, no ano 2008 co comezo da crise económica, a taxa de paro aumentou tanto para os homes como para as mulleres e no ano 2014 acadaron valores moi similares: 21,6% para os homes e 21,7% para as mulleres. Dende o ano 2014 ata o 2019 a taxa de paro diminuíu en ambos sexos, aínda que de forma máis pronunciada no caso dos homes. No ano 2020 produciuse un repunte da taxa de paro debido á pandemia do coronavirus, y neste caso esta subida foi más pronunciada no caso das mulleres.
Evolución anual da taxa de paro masculina e feminina en Galicia
Poboación de 16 e máis anos e poboación parada segundo o sexo. Galicia Miles de persoas |
Evolución da taxa de paro masculina e feminina. Galicia Porcentaxes |
|
Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa
Tal e como xa se comentou, no ano 2020, segundo a Enquisa de poboación activa, existían en Galicia 638.200 mulleres inactivas, mentres que o número de homes nesta mesma situación era de 479.800. En termos porcentuais a poboación feminina en situación de inactividade neste ano supoñía o 52,3% do total de mulleres en idade laboral. Porén, para os homes esta porcentaxe era do 42,9%.
Dentro do colectivo de poboación inactiva existen grandes diferenzas de xénero segundo a clase de inactividade.
Poboación inactiva segundo clase de inactividade.
Galicia. Ano 2020 (miles de persoas)
Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa
A partir da táboa anterior, calculando a distribución porcentual da poboación inactiva segundo a clase de inactividade, pódense obter os seguintes gráficos:
Distribución porcentual da poboación inactiva segundo a clase de inactividade.
Galicia. Ano 2020
Homes | Mulleres |
Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa
O 64,3% dos homes que no ano 2020 se encontraban nunha situación de inactividade eran retirados, xubilados e pensionistas. O seguinte colectivo en importancia era o de estudantes, que neste ano supoñía o 16,4% da poboación inactiva masculina. Para as mulleres a situación de inactividade máis habitual era a mesma que para os homes ("retirados, xubilados e pensionistas"), aínda que neste caso englobaba o 50,9% da poboación inactiva feminina. Por outra banda, o 28,2% das mulleres inactivas declaraban que a súa situación de inactividade debíase a que se ocupan do seu fogar, sen recibir ningunha prestación económica a cambio. Porén esta porcentaxe era soamente do 6,7% para os homes.