Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Economía. Macromagnitudes
Actividade 2: O comercio exterior e intracomunitario


FICHA DA ACTIVIDADE

Obxectivos:

  • Coñecer o volume das exportacións e das importacións con orixe/destino en Galicia.
  • Estudar cales son os países que manteñen un maior intercambio comercial con Galicia.
  • Analizar as mercadorías que se compran e se venden nestas trocas comerciais.

Palabras clave:

  • Comercio exterior: comprende as relacións comerciais da Comunidade Autónoma de Galicia con todos aqueles países que non pertencen á Unión Europea (UE). As relacións comerciais de intercambio denominaranse "importacións" para as adquisicións e "exportacións" para as entregas.
  • Comercio intracomunitario: inclúe as operacións comerciais entre a Comunidade Autónoma de Galicia e os países membros da Unión Europea (excluíndo a España). As adquisicións intracomunitarias denomínanse "introducións" e as entregas intracomunitarias "expedicións".
  • Expedicións (comercio intracomunitario): comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido aos países da UE, excluíndo a España.
  • Exportacións (comercio exterior): comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido a países que non forman parte da UE.
  • Importacións (comercio exterior): comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercadoría elaborada ou orixinal de países que non forman parte da UE é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.
  • Introducións (comercio intracomunitario): comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercadoría elaborada ou orixinal dun país membro da UE (excluíndo a España) é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.

Coñecementos previos necesarios:

Cuestións a resolver:

Coa información que se facilita nos enlaces e seguindo a actividade deberás poder responder as seguintes preguntas:

  1. Elabora un gráfico de evolución coas exportacións/expedicións e importacións/introducións con orixe ou destino en Galicia.
  2. ¿En que porcentaxe variou o valor das exportacións/expedicións no último ano? ..........................................(%)
    ¿E o das importacións/introducións? ..........................................(%)
  3. ¿Cal foi o saldo no último ano? ..........................................
  4. ¿E a taxa de cobertura? ..........................................(%)
  5. ¿Cales son os países que manteñen un maior intercambio comercial con Galicia?
    Exportacións/expedicións ..........................................
    Importacións/introducións ..........................................
  6. ¿Cales son as mercadorías que máis exporta/expide Galicia? ..........................................
    ¿E as que máis importa/introduce? ..........................................

Descarga de datos

Descarga da ficha en pdf

Introdución

O comercio exterior ofrece información sobre o comercio de mercadorías de Galicia con outros países; é dicir, as importacións/introducións e exportacións/expedicións. Non están incluídos polo tanto os intercambios que se producen con outras comunidades autónomas de España.

Coa consolidación do mercado único a partir da entrada en vigor do Tratado da Unión Europea en 1993, os intercambios de mercadorías con outros países da Unión Europea fanse no interior dese mercado único e constitúen as operacións intracomunitarias. O termo comercio exterior propiamente dito queda reservado para as operacións con países non comunitarios aínda que, habitualmente, se siga a utilizar incluíndo tamén os países da Unión Europea.

Volume do comercio exterior en Galicia. Evolución

Táboa 1. Comercio exterior de Galicia
Miles de euros

Fonte: elaboración IGE a partir dos ficheiros proporcionados
pola Axencia Estatal da Administración Tributaria
Nota: os datos do último ano son provisionais

Gráfico 1. Evolución do comercio exterior de Galicia
Miles de euros

Fonte: elaboración IGE a partir dos ficheiros proporcionados
pola Axencia Estatal da Administración Tributaria
Nota: os datos do último ano son provisionais

A táboa 1 e o gráfico 1 amósannos que o comercio exterior, tanto por parte das exportacións como das importacións, mantivo unha tendencia ascendente ata o ano 2007 (inclusive), pasando as exportacións de 2.955,8 millóns de euros en 1994 a 16.669,2 millóns de euros en 2007; e as importación de 3.603,3 millóns de euros en 1994 a 16.151,9 millóns en 2007.

Nos anos 2008 e 2009 os importes das exportacións e das importacións diminuíron pero en 2010 recuperáronse levemente e, de novo no 2011, de forma máis acusada, situándose as exportacións en preto de 17.150 millóns de euros e as importacións en 14.355,2 millóns de euros neste ano. Nos últimos anos obsérvase unha tendencia clara á alza na evolución do valor tanto dos produtos exportados como dos importados coa excepción dos dous últimos anos con datos dispoñibles. Así no ano 2018 o valor as exportacións con orixe en Galicia medraron un 4,9% respecto ao ano anterior, mentres que no ano 2019 non sufre variacións. O valor das mercadorías importadas aumentou un 10,5% no 2018 e un 3,2% no 2019. Porén, no ano 2019 aumentou o valor das importacións e mantívose estable os das exportacións. No ano 2020 poduciuse unha dimunición moi acusada tanto nas exportacións como nas importacións, motivada pola pandemia da COVID-19. As exportacións acadaron un valor de 20.875,1 millóns de euros (un 6% menos que no 2019) e o valor das importacións diminuíu un 16,2%, con un valor de 16.626,8 millóns de euros

No tocante ao saldo do comercio exterior (exportacións-importacións) é negativo no período 1994-2006 (excepto no ano 2002). A partir de 2007 o saldo é positivo e en 2020 a balanza comercial presenta un superávit de 4.248,3 millóns de euros.

A taxa de cobertura defínese coma o valor das exportacións dividido entre o valor das importacións (multiplícase por 100 para expresala en porcentaxe) e pódese interpretar como a porcentaxe de importacións que poden pagarse coas exportacións realizadas durante o mesmo período de tempo. En 2020 a taxa de cobertura acadou o 125,6%.

Países clientes e provedores do comercio exterior de Galicia

Segundo os datos facilitados pola Axencia Tributaria, o valor das expedicións con orixe en Galicia e destino o resto da Unión Europea (UE-27) acadou os 15.059,7 millóns de euros no ano 2020, o que representa o 72,1% do total das exportacións. Pola súa banda, introducíronse en Galicia mercadorías por valor de 9.060,0 millóns de euros procedentes da UE-27, o 54,5% do total das importacións.

Táboa 2. Principais países clientes e provedores do comercio exterior de Galicia. Ano 2020
Miles de euros e porcentaxes

EXPORTACIÓNS / EXPEDICIÓNS IMPORTACIÓNS / INTRODUCIÓNS

Fonte: elaboración IGE a partir dos ficheiros proporcionados pola Axencia Estatal da Administración Tributaria

Tal e como se pode ver na táboa anterior, os países fronteirizos con España son os que manteñen un maior intercambio comercial con Galicia. O 24,4% das exportacións/expedicións teñen como destino Francia e o 13,1% Portugal. No tocante as importacións/introducións, Francia tamén é o principal provedor de mercadorías (27,2%) seguido, como no caso das exportacións/expedicións, de Portugal (10,2%).

Produtos do comercio exterior de Galicia

A nivel nacional para clasificar cada produto no contexto do comercio intracomunitario e con terceiros países utilízase a TARIC (Arancel Aduaneiro Comunitario Integrado). Esta clasificación coincide a 8 díxitos coa Nomenclatura Combinada, que é a clasificación utilizada a nivel europeo.

Clasificación TARIC a nivel de seccións:

  • I. Animais vivos e produtos do reino animal
  • II. Produtos do reino vexetal
  • III. Graxas e aceites animais ou vexetais; produtos do seu desdobramento; graxas alimenticias elaboradas; ceras de orixe animal ou vexetal
  • IV. Produtos das industrias alimenticias; bebidas, líquidos alcohólicos e vinagre; tabaco e sucedáneos do tabaco elaborados
  • V. Produtos minerais
  • VI. Produtos das industrias químicas ou das industrias conexas
  • VII. Materias plásticas e manufacturas destas materias; caucho e manufacturas de caucho
  • VIII. Peles, coiros, peletería e manufacturas destas materias; artigos de guarnicionería ou de talabartería, artigos de viaxe, bolsos de man e continentes semellantes; manufacturas de tripa
  • IX. Madeira, carbón vexetal e manufacturas de madeira; cortiza e manufacturas de cortiza; manufacturas de espartería ou de cestería
  • X. Pastas de madeira ou doutras materias fibrosas celulósicas; refugallo e desperdicios de papel ou cartón; papel e as súas aplicacións
  • XI. Materias téxtiles e as súas manufacturas
  • XII. Calzado; sobreirería, paraguas, antucas, bastóns, látegos, fustas e as súas partes; plumas preparadas e artigos de plumas; flores artificiais; manufacturas de cabelo
  • XIII. Manufacturas de pedra, xeso, cemento, amianto, mica ou materias análogas; produtos cerámicos; vidro e manufacturas de vidro
  • XIV. Perlas finas cultivadas, pedras preciosas e semipreciosas ou semellantes, metais preciosos, chapados e metais preciosos e manufacturas destas materias; xoiería de fantasía; moedas
  • XV. Metais comúns e manufacturas destes metais
  • XVI. Máquinas e aparellos, material eléctrico e as súas partes; aparellos para a gravación ou reprodución de son, aparellos para a gravación ou a reprodución de imaxes e son en televisión, e as partes e accesorios destes aparellos
  • XVII. Material de transporte
  • XVIII. Instrumentos e aparellos de óptica, fotografía ou cinematografía, de medida, de control ou de precisión; instrumentos e aparellos médico-cirúrxicos; reloxería; instrumentos de música; partes e accesorios destes instrumentos ou aparello
  • XIX. Armas e municións, as súas partes e accesorios
  • XX. Mercadorías e produtos diversos
  • XXI. Obxectos de arte, de colección ou de antigüidade

O 33,9% do valor dos produtos que exportou/expediu Galicia en 2020 correspondía a material de transporte. As seguintes mercadorías en importancia eran os materiais téxtiles e as súas manofacturas que representa o 20,97 do valor total das exportacións/expedicións con orixe en Galicia e os animais vivos e produtos do reino animal (8,28%).

Táboa 3. Principais mercadorías exportadas/expedidas por Galicia. Ano 2020
Miles de euros e porcentaxes

Fonte: elaboración IGE a partir dos ficheiros proporcionados
pola Axencia Estatal da Administración Tributaria

O material de transporte foi a mercadoría máis importada por Galicia en 2020, representando o 30,52% do valor total das importacións/introducións con destino na nosa Comunidade Autónoma. As seguintes mercadorías en importancia eran os animais vivos e produtos do reino animal (12,29%) e os materiais téxtiles e as súas manofacturas, que representaban o 10,24% do valor total das importacións/introducións con destino Galicia .

Táboa 4. Principais mercadorías importadas/introducidas por/en Galicia. Ano 2020
Miles de euros e porcentaxes

Fonte: elaboración IGE a partir dos ficheiros proporcionados
pola Axencia Estatal da Administración Tributaria