Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Economía. Macromagnitudes
Actividade 1: O produto interior bruto (PIB). O crecemento económico


FICHA DA ACTIVIDADE

Obxectivos:

  • Aprender as diferenzas entre o crecemento nominal e o crecemento real dunha rexión.
  • Calcular taxas de variación relativas.
  • Interpretar gráficos.
  • Realizar análises temporais e interterritoriais.
  • Comparar a estrutura produtiva por ramas de actividade das comarcas galegas.

Palabras clave:

Produto interior bruto (PIB): o PIB infórmanos sobre a actividade económica dun país ou rexión, por medio do valor da produción anual de bens e servizos finais que se realiza no seu interior. Segundo a Contabilidade Nacional, o PIB pode calcularse de tres formas distintas:

  • Pola vía da produción: suma dos valores engadidos brutos dos diversos sectores económicos máis os impostos menos as subvencións sobre os produtos.
  • Pola vía do gasto: suma dos empregos finais de bens e servizos (consumo e formación bruta de capital), máis as exportacións e menos as importacións de bens e servizos.
  • Pola vía da renda: suma das remuneracións dos asalariados, do excedente bruto de explotación e das rendas mixtas e os impostos sobre a produción e importacións, menos as subvencións do total da economía.

Valor engadido bruto (VEB): para cada unidade dedicada a unha actividade produtiva, é a diferenza entre a produción e os consumos intermedios. Valórase a prezos básicos, que son os prezos que os produtores reciben dos compradores restando calquera imposto que se pague e sumando calquera subvención que se perciba.

Coñecementos previos necesarios:

Saber elaborar gráficos (ver apartado de Representacións gráficas)

Cuestións a resolver:

Coa información que se facilita nos enlaces e seguindo a actividade deberás poder responder ás seguintes preguntas:

  1. ¿Cal é o PIB de Galicia?
    .............................................................
  2. No último ano, a economía galega... ¿creceu máis en termos nominais ou reais?
    .............................................................
  3. Localiza o valor do PIB por habitante do teu concello. ¿Está por riba ou por debaixo da media galega?
    .............................................................
  4. Compara a estrutura produtiva de Galicia coa da túa comarca ¿Que sector ten máis peso na túa comarca: o primario, a industria, a construción ou os servizos?
    .............................................................
  5. O peso da construción na túa comarca ¿está por riba ou por debaixo da media galega?
    .............................................................

Descarga de datos

Descarga da ficha en pdf

Crecemento nominal contra crecemento real

No apartado de teoría comentamos que o Produto Interior Bruto (máis coñecido polas súas siglas, PIB) é unha medida resumo da dimensión económica dun país ou dunha rexión. A análise da súa evolución no tempo, polo tanto, permítenos saber se unha economía está medrando.

Na seguinte táboa preséntase a evolución temporal desta magnitude en Galicia, España e a Unión Europea dende o ano 2000, así como as súas variacións relativas interanuais. Para obter estas variacións aplícase a fórmula seguinte:

Se queres saber máis sobre o cálculo de taxas consulta a unidade didáctica de Estatística: Porcentaxes, taxas, ...

Evolución do PIB a prezos de mercado. UE-28, España e Galicia
Millóns de €, porcentaxes

Fonte: Eurostat; INE. Contabilidad Nacional de España. Revisión Estadística 2019; IGE. Contas económicas trimestrais. Revisión Estatística 2019
Nota: os datos do ano 2018, tanto para España como para Galicia, son provisionais; os datos de 2019 son avance. O espazo UE-28 inclúe ao Reino Unido pois a saída deste país da Unión Europea non se produce ata o 2020.
Datos actualizados o 04/03/2021

Como se comproba nesta táboa, o crecemento das tres rexións foi positivo ata o ano 2008; no caso de España e Galicia, ademais, alcanzáronse taxas de crecemento anuais moi elevadas, superiores ao 8%, nos anos 2001 e 2006. A partir de entón, a evolución do PIB nas tres rexións seguiu camiños distintos. Así, o PIB medio da UE-28, logo dun período de contracción, volveu rexistrar taxas de crecemento anuais positivas en 2010. Pola contra, ás economías galega e española levoulles máis tempo recuperar a senda de crecemento. No último ano para o que dispoñemos de información, o 2019, os países da Unión Europea creceron de media un 3,5% con respecto a 2018; pola súa banda, España creceu un 3,4% e Galicia un 2,8%.

Evolución do PIB a prezos de mercado. UE-28, España e Galicia
Taxa de variación interanual (%)

Fonte: Eurostat; INE. Contabilidad Nacional de España. Revisión Estadística 2019; IGE. Contas económicas trimestrais. Revisión Estatística 2019
Nota: os datos do ano 2018, tanto para España como para Galicia, son provisionais; os datos de 2019 son avance. O espazo UE-28 inclúe ao Reino Unido pois a saída deste país da Unión Europea non se produce ata o 2020.
Datos actualizados o 04/03/2021

Agora ben, hai que ter en conta que estas taxas de variación interanuais reflicten a evolución do PIB nominal, isto é, do PIB medido a prezos correntes de cada ano. E os prezos, como toda variable económica, tamén experimentan variacións co paso do tempo. Para medir o crecemento da economía sen a influencia dos prezos, necesitamos coñecer os datos de crecemento do PIB a prezos constantes ou, o que é o mesmo, en termos reais.

Para aclarar estes conceptos, volvamos ao apartado de teoría. O PIB é o resultado da actividade produtiva dun país ou rexión ao longo dun período de tempo (normalmente, un ano). Como non é posible sumar as cantidades producidas de mercadorías distintas (ovos, laranxas, coches, servizos de arquitectura, etc.), utilizamos o seu valor monetario. Supoñamos que na nosa economía se producen unicamente 1.000 unidades dun ben, cuxo prezo no ano t é de 100€. Nese ano, o valor do PIB nominal da nosa economía sería de 1.000 unidades x 100 € = 100.000 €. Agora supoñamos que no ano seguinte, t+1, a nosa economía produce, de novo, 1.000 unidades; pero este ano os prezos subiron a 200€ por unidade. O valor do PIB nominal no ano t+1 sería igual a 1.000 unidades x 200 € = 200.000 €. ¿Quere isto dicir que aumentou a capacidade produtiva da nosa economía? Non, a capacidade produtiva desta rexión non variou; o que sucedeu é que subiron os prezos, e iso provocou que aumentase o valor do PIB nominal.

Para obter o PIB real (a prezos constantes) aplicaríase a seguinte fórmula:

Se queres saber máis sobre o cálculo dos índices de prezos consulta a unidade didáctica de Economía: Prezos e inflación

Na táboa seguinte preséntase de novo a evolución do PIB para a Unión Europea, España e Galicia, pero esta vez medido en termos constantes. Mellor dito, preséntase a evolución dos índices de volume encadeados do PIB a prezos correntes, considerando como ano base o 2010 (neste ano o índice é igual a 100). Estes índices indican como foi variando o PIB real co paso do tempo. A partir do PIB nominal do ano base, e mediante unha sinxela regra de tres, pódese obter o valor do PIB real mediante a seguinte fórmula:

Se queres saber máis sobre o cálculo de números índice consulta a unidade didáctica de Estatística: Porcentaxes, taxas, ...

Evolución dos índices de volume encadeados do PIB a prezos correntes (ano base 2015=100). UE-28, España e Galicia
Taxas de variación interanuais en porcentaxes

Fonte: Eurostat; INE. Contabilidad Nacional de España. Revisión Estadística 2019; IGE. Contas económicas trimestrais. Revisión Estatística 2019
Nota: os datos do ano 2018, tanto para España como para Galicia, son provisionais; os datos de 2019 son avance. O espazo UE-28 inclúe ao Reino Unido pois a saída deste país da Unión Europea non se produce ata o 2020.
Datos actualizados o 04/03/2021

Se se comparan as taxas de variación interanuais en termos correntes e constantes obsérvase que, ao menos no período 2000-2008, o PIB nominal crecía a un ritmo superior ao real. Isto quere dicir que os prezos exerceron unha influencia positiva na economía nos primeiros oito anos do século XXI.

¿E que pasou a partir de entón? Calcula as taxas de variación interanuais dos índices de volume encadeados do PIB a prezos correntes para os anos 2009 a 2019 e completa a táboa. Estas taxas, ¿son maiores ou menores que as do PIB nominal? En 2019 a economía galega... ¿creceu máis en termos reais ou en termos nominais?



As comparacións interterritoriais

Ademais de realizar comparacións temporais, tamén podemos utilizar o PIB para comparar a economía de varios países ou de varias rexións. Pero neste caso debemos ter coidado ao analizar os resultados da comparativa, xa que, por regra xeral, as economías de maior dimensión soen ter valores do PIB a prezos correntes superiores ao das economías de menor tamaño.

Por esta razón, para realizar comparativas interterritoriais é máis adecuado utilizar o PIB por habitante, que se obtén dividindo o PIB polo número de habitantes do país ou da rexión. Na seguinte táboa preséntase o valor desta magnitude no ano 2018 para os concellos de Galicia con máis de 20.000 habitantes.

Produto Interior Bruto por habitante nos concellos galegos de máis de 20.000 habitantes. Ano 2018
Miles de €, € por habitante, porcentaxes

Fonte: IGE. Produto interior bruto municipal. Revisión estatística 2019; IGE. Cifras poboacionais de referencia
Os datos do ano 2018 son provisionais
Nota: para a obtención do PIB por habitante empregouse a poboación a 1 de xullo obtida coma o promedio dos anos 2018 e 2019

O PIB medio de Galicia en 2018 situouse nos 23.031 € por habitante. Dos concellos presentados na táboa, sete teñen un PIB por habitante superior á media galega: Arteixo, Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Lugo. Estes sete concellos achegan o 44% do PIB de Galicia. Pola contra, os 15 restantes concellos de máis de 20.000 habitantes teñen un PIB por habitante inferior á media galega.

E que hai do teu concello? Ten un PIB por habitante superior á media de Galicia, ou inferior? Realiza unha análise similar á anterior sobre o PIB e o PIB por habitante do teu concello.

Acceso aos datos



A estrutura produtiva das comarcas galegas

Na seguinte táboa amósase a estrutura produtiva, isto é, o Valor Engadido Bruto (VEB) desagregado por ramas de actividade, de Galicia e da comarca de Vigo.

PIB e VEB por ramas de actividade. Ano 2018
Miles de €, porcentaxes

Fonte: IGE. Produto interior bruto municipal. Revisión estatística 2019

Como se aprecia na táboa, o peso do sector primario en Galicia é superior ao rexistrado na comarca de Vigo: o 4,65% do PIB xerado en Galicia procede deste sector, mentres que en Vigo as actividades agro-gandeiras, forestais e pesqueiras, só achegan o 1,43% do PIB da comarca.

Pola contra, no caso da industria, o peso do sector na comarca de Vigo supera a media galega: 17,0% para Galicia fronte ao 19,6% na comarca de Vigo. Dentro deste sector, a fabricación de material de transporte e grandes reparacións industriais é unha das actividades máis importante da comarca de Vigo, xa que achega ela soa o 9,4% do PIB xerado.

Con todo, o sector servizos é o máis importante en termos de valor engadido tanto a nivel galego como a nivel comarcal; o 62,3% do valor produtivo xerado en Galicia procede deste sector. Na comarca de Vigo o seu peso é moi similar: sitúase no 64,6% do PIB total.

Por último, a construción achega o 6,6% do PIB xerado en Galicia e o 5,7% do xerado na bisbarra de Vigo.

Distribución do PIB por ramas de actividade. Ano 2018
Porcentaxes

Fonte: IGE. Produto interior bruto municipal. Revisión estatística 2019

¿E que hai da túa comarca?

Realiza unha análise similar á anterior sobre a estrutura produtiva da túa comarca.

Acceso aos datos