A Renda municipal dos fogares achega información da Renda dispoñible bruta dos fogares por concello de residencia. Este agregado é o importe que os fogares teñen dispoñible para o gasto en consumo final ou o aforro, e constitúe o resultado final da redistribución da renda (principalmente a través de impostos e prestacións sociais) sobre as rendas primarias obtidas polos fogares pola súa participación nos procesos de produción.
Esta operación estatística permite coñecer a achega á renda dispoñible tanto da fase de obtención de rendas primarias (traballo autónomo e asalariado) como dos procesos redistributivos da renda (a través de impostos correntes sobre a renda e o patrimonio, as cotizacións e prestacións sociais e as transferencias correntes).
Publícase a serie 2010-2017 das contas de asignación da renda primaria e distribución secundaria da renda e a serie 2000-2017 do agregado Renda dispoñible bruta por habitante. A poboación utilizada neste cálculo é a poboación a 1 de xullo de cada ano, estimada como promedio da poboación a 1 de xaneiro do ano t e a 1 de xaneiro do ano t+1, a partir das Cifras Poboacionais de referencia que elabora o IGE.
Nesta publicación revisáronse as series consonte á Revisión estadística 2019 e os datos son coherentes coas Contas do sector fogares. Revisión estatística 2019.
Nota: Os datos son provisionais.
Oleiros é o concello galego cunha maior renda dispoñible por habitante
Oleiros, cunha renda por habitante de 22.545 euros en 2017, é o concello galego cunha maior renda. Neste ano é un 54% superior a renda media galega (14.643 euros).
Outros seis concellos teñen unha renda media por habitante que supera en quince puntos ou máis á media galega no ano 2017: A Coruña, Santiago de Compostela, As Pontes de García Rodríguez, Ourense, Bergondo e Nigrán. Os concellos de Lugo, Teo e Pontevedra completan os 10 concellos con máis renda por habitante.
Índice da renda dispoñible bruta por habitante (Galicia=100). Ano 2017
Concellos con maior renda media por habitante. Ano 2017
Unidade: euros por habitante
Espazo | Renda dispoñible bruta por habitante (euros) | Índice (Galicia=100) |
---|---|---|
15058 Oleiros | 22.545 | 154,0 |
15030 Coruña, A | 18.445 | 126,0 |
15078 Santiago de Compostela | 18.332 | 125,2 |
15070 Pontes de García Rodríguez, As | 17.174 | 117,3 |
32054 Ourense | 17.126 | 117,0 |
15008 Bergondo | 17.088 | 116,7 |
36035 Nigrán | 16.935 | 115,7 |
27028 Lugo | 16.570 | 113,2 |
15082 Teo | 16.516 | 112,8 |
36038 Pontevedra | 16.400 | 112,0 |
Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (descarga da táboa)
Os concellos das sete grandes cidades de Galicia concentran o 42% da renda
Un 36% dos habitantes de Galicia residen nos sete concellos máis poboados. Esta concentración ten influencia sobre o reparto da renda municipal, non só pola relación entre o número de habitantes e a renda total dun concello, se non porque tamén nos dá idea da concentración das actividades produtivas, xeradoras de renda e emprego, que actúan como elemento de fixación de poboación. Así, nestes sete concellos concéntrase o 42% da renda galega. De feito, a renda total dos residentes na Coruña e Vigo supón o 23% do total da renda (e o 19,5 % da poboación).
Renda dispoñible bruta nos concellos das sete grandes cidades. Ano 2017
Unidade: persoas, miles de euros, euros por habitante
Espazo | Poboación | Renda dispoñible bruta (miles de euros) | Renda dipoñible bruta por habitante (euros) |
---|---|---|---|
15030 Coruña, A | 241.533 | 4.454.978 | 18.445 |
15036 Ferrol | 66.540 | 988.254 | 14.852 |
15078 Santiago de Compostela | 96.902 | 1.776.378 | 18.332 |
27028 Lugo | 97.036 | 1.607.897 | 16.570 |
32054 Ourense | 103.184 | 1.767.152 | 17.126 |
36038 Pontevedra | 81.009 | 1.328.524 | 16.400 |
36057 Vigo | 286.974 | 4.702.893 | 16.388 |
12 Galicia | 2.706.637 | 39.635.223 | 14.643 |
Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (Renda dispoñible bruta, Renda dispoñible bruta por habitante), IGE. Cifras Poboacionais de referencia.
A maioría dos concellos teñen como principal fonte de renda a remuneración de asalariados
A remuneración de asalariados é a principal fonte de renda no 67% dos concellos galegos no ano 2017. Porén, a distribución por idades da poboación nun concello pode influír tamén en cales son as principais fontes de renda dos concellos. Así, o paulatino envellecemento da poboación galega tradúcese nun incremento do número de concellos cuxa principal fonte de renda son as prestacións sociais distintas das transferencias correntes, se no 2010 había 86 concellos nesta situación, no 2017 son 103.
No período 2010-2017 hai catro concellos nos que a principal fonte de renda son as rendas mixtas, é dicir, a remuneración do traballo non asalariado. Estes concellos son: Friol, A Pastoriza, Portomarín e a Illa de Arousa
Número de concellos por principal fonte de renda
Ano | Remuneración de asalariados | Rendas mixtas | Prestacións sociais |
---|---|---|---|
2010 | 226 | 3 | 86 |
2011 | 215 | 2 | 98 |
2012 | 198 | 3 | 114 |
2013 | 192 | 10 | 113 |
2014 | 193 | 10 | 111 |
2015 | 196 | 2 | 116 |
2016 | 201 | 2 | 111 |
2017 | 208 | 2 | 103 |
2010-2017 | 204 | 4 | 107 |
Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares
Principal fonte de renda nos concellos no período 2010-2017
Na maioría dos concellos galegos as cotizacións sociais satisfeitas polos residentes son inferiores ás prestacións sociais recibidas
A relación entre cotizacións sociais e prestacións sociais indícanos en que contía as prestacións cobradas en cada concello estarían cubertas polas cotizacións sociais pagadas polos fogares de dito concello.
A nivel de toda Galicia, no 2017, as cotizacións sociais pagadas cobren o 65,5% das prestacións sociais que reciben os galegos. Só en sete concellos: Ames, Oroso, Oleiros, Culleredo, Cambre, Arteixo e Salceda de Caselas son maiores as cotizacións sociais pagadas que as prestacións sociais recibidas polos residentes. Estes concellos caracterízanse por ter un peso da Remuneración dos asalariados na Renda dispoñible bruta elevado.
En 2017 o peso das prestacións sociais na renda dispoñible descendeu medio punto porcentual
No 2017 as prestacións sociais supoñían o 31,4% da renda dispoñible bruta total de Galicia. Por concellos este peso é desigual, nos concellos máis envellecidos (principalmente da provincia de Ourense e interior de Lugo) as prestacións sociais chegan a supoñer máis do 50% da renda do concello. Pola contra, en concellos como Ames, Arteixo, Brión, Cambre, Culleredo, Oleiros, Oroso, Teo, Salceda de Caselas e A Illa de Arousa non superan o 25% das rendas.
Ratio de cotizacións sociais sobre prestacións sociais. Ano 2017
Peso das prestacións sociais sobre a renda dispoñible bruta do concello. Ano 2017
Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares. (descarga da táboa)
Renda dispoñible bruta por habitante
No ano 2017 as comarcas da Coruña e de Santiago son as que presentan unha maior renda bruta por habitante e as únicas que superan os 17.000 euros. A renda destas comarcas supera en máis de 15 puntos porcentuais a media galega. Séguenlle en relevancia as comarcas de Ourense, Lugo e Vigo. A comarca de Ourense é a única da súa provincia cunha renda por habitante superior á media galega, na provincia de Lugo temos, ademais da comarca da capital da provincia, a comarca da Mariña Oriental cunha renda por habitante superior á media.Na provincia de Pontevedra, só as comarcas de Vigo e Pontevedra teñen unha renda dispoñible bruta por habitante superior á media galega.
Índice da renda dispoñible bruta por habitante (Galicia=100). Ano 2017
Comarcas con maior renda media por habitante. Ano 2017
Unidade: euros por habitante
Espazo | Renda dispoñible bruta por habitante (euros) | Índice (Galicia=100) |
---|---|---|
1506 A Coruña | 17.809 | 121,6 |
1514 Santiago | 17.086 | 116,7 |
3205 Ourense | 15.829 | 108,1 |
2704 Lugo | 15.799 | 107,9 |
3610 Vigo | 15.726 | 107,4 |
1507 Eume | 15.231 | 104,0 |
3607 Pontevedra | 15.052 | 102,8 |
2707 A Mariña Oriental | 14.888 | 101,7 |
2706 A Mariña Occidental | 14.475 | 98,9 |
1508 Ferrol | 14.302 | 97,7 |
Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (descarga da táboa)
En seis comarcas galegas a principal fonte de renda son as prestacións sociais
Nas comarcas dos Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, Terra de Caldelas e Terra de Celanova as prestacións sociais que reciben os fogares son a principal fonte de renda. Nestas comarcas a masa salarial é inferior ao volume de prestacións recibidas o que implica que as cotizacións sociais pagadas polos fogares non chegan a superar en ningún caso o 39% das prestacións recibidas. Máis dun terzo da poboación destas oito comarcas supera os 65 anos segundo os Indicadores demográficos do IGE.
Aínda que en 2017 non hai ningunha comarca cuxa principal fonte de renda proceda das rendas mixtas, este tipo de recurso supera o 25% da Renda dispoñible bruta total en oito comarcas galegas: Arzúa, Terra de Melide, Terra de Soneira, Xallas, Chantada, Meira, Sarria, e o Salnés.
Principal fonte de renda das comarcas. Ano 2017
Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares
A Coruña é a provincia galega cunha maior Renda dispoñible bruta, con 15.483 euros por habitante no ano 2017. Séguelle Pontevedra, con 14.214 euros; Lugo con 14.035 euros e por último a provincia de Ourense ten a menor renda por habitante, con 13.565 euros. Nas catro provincias a renda sube con respecto ao ano 2016.
A estrutura dos ingresos e dos gastos é diferente nas catro provincias. Nas provincias de Lugo e Ourense a achega das prestacións sociais á Renda dispoñible bruta é maior e, pola contra, a das rendas do traballo asalariado é inferior. A provincia de Lugo é a que rexistra un maior peso das rendas mixtas (procedentes do traballo non asalariado), un 21,4%, da renda dispoñible bruta no ano 2017.
Na provincia da Coruña destacan, en termos comparativos coas outras provincias galegas, as rendas da propiedade que supoñen o 5,3% da renda. Estas rendas obtéñense como propietarios dun activo financeiro (intereses ou dividendos) ou dun activo material non producido (rendas da terra).
Distribución dos recursos e empregos por provincia. Ano 2017
Unidade: porcentaxe sobre a renda dispoñible bruta
Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (descarga da táboa)