Introdución

volver ao índice

A Renda municipal dos fogares achega información da Renda dispoñible bruta dos fogares por concello de residencia. Este agregado é o importe que os fogares teñen dispoñible para o gasto en consumo final ou o aforro, e constitúe o resultado final da redistribución da renda (principalmente a través de impostos e prestacións sociais) sobre as rendas primarias obtidas polos fogares pola súa participación nos procesos de produción.

Esta operación estatística permite coñecer a achega á renda dispoñible tanto da fase de obtención de rendas primarias (traballo autónomo e asalariado) como dos procesos redistributivos da renda (a través de impostos correntes sobre a renda e o patrimonio, as cotizacións e prestacións sociais e as transferencias correntes).

Na difusión de resultados inclúense, así mesmo, datos da renda dispoñible por habitante. A poboación utilizada neste cálculo é a poboación a 1 de xullo de cada ano, estimada como promedio da poboación a 1 de xaneiro do ano t e a 1 de xaneiro do ano t+1, a partir das Cifras Poboacionais de referencia que elabora o IGE.

Nota: Os datos de 2016 son provisionais.



Datos municipais

volver ao índice

Renda dispoñible bruta por habitante


Oleiros é o concello galego cunha maior renda dispoñible por habitante

Oleiros, cunha renda por habitante de 21.886 euros en 2016, é o concello galego cunha maior renda. Neste ano é un 56% superior a renda media galega (14.019 euros).

Outros cinco concellos teñen unha renda media por habitante que supera en quince puntos ou máis á media galega no ano 2016: Bergondo, Santiago de Compostela, A Coruña, As Pontes de García Rodríguez e Ourense. Os concellos de Lugo, Nigrán, Teo e Pontevedra atópanse entre os 10 concellos con máis renda por habitante.


Indice da renda dispoñible bruta por habitante (Galicia=100). Ano 2016

Concellos con maior renda media por habitante. Ano 2016
Unidade: euros por habitante

Espazo Renda dispoñible bruta por habitante (euros) Indice
15058 Oleiros 21.886 156,1
15008 Bergondo 17.808 127,0
15078 Santiago de Compostela 17.726 126,4
15030 Coruña, A 17.643 125,9
15070 Pontes de García Rodríguez, As 16.733 119,4
32054 Ourense 16.678 119,0
27028 Lugo 15.878 113,3
36035 Nigrán 15.843 113,0
15082 Teo 15.819 112,8
36038 Pontevedra 15.681 111,9

Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (descarga da táboa)

Distribución da renda dispoñible bruta total


Os concellos das sete grandes cidades de Galicia concentran o 41,8% da renda

Un 35,9% dos habitantes de Galicia residen nos sete concellos máis poboados. Esta concentración ten influencia sobre o reparto da renda municipal, non só pola relación entre o número de habitantes e a renda total dun concello, se non porque tamén nos dá idea da concentración das actividades produtivas, xeradoras de renda e emprego, que actúan como elemento de fixación de poboación. Así, nestes sete concellos concéntrase o 41,8% da renda galega. De feito, a renda total dos residentes na Coruña e Vigo supón o 22,8% do total da renda (e o 19,5 % da poboación).

Renda dispoñible bruta nos concellos das sete grandes cidades.Ano 2016
Unidade: persoas, miles de euros, euros por habitante

Espazo Poboación Renda dispoñible bruta (miles de euros) Renda dipoñible bruta por habitante (euros)
15030 Coruña, A 241.045 4.252.773 17.643
15036 Ferrol 67.272 973.395 14.470
15078 Santiago de Compostela 96.464 1.709.890 17.726
27028 Lugo 97.040 1.540.790 15.878
32054 Ourense 103.294 1.722.785 16.678
36038 Pontevedra 80.816 1.267.242 15.681
36057 Vigo 287.849 4.426.619 15.378
12 Galicia 2.715.126 38.063.760 14.019

Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (Renda dispoñible bruta, Renda dispoñible bruta por habitante), IGE. Cifras Poboacionais de referencia.


A maioría dos concellos teñen como principal fonte de renda a remuneración de asalariados

A remuneración de asalariados é a principal fonte de renda no 63% dos concellos galegos. Porén, a distribución por idades da poboación nun concello pode influír tamén en cales son as principais fontes de renda dos concellos. Así, o paulatino envellecemento da poboación galega tradúcese nun incremento do número de concellos cuxa principal fonte de renda son as prestacións sociais distintas das transferencias correntes, se no 2010 había 81 concellos nesta situación, no 2016 son 113.


Número de concellos por principal fonte de renda

Ano Remuneración de asalariados Rendas mixtas Prestacións sociais
2010 227 7 81
2011 215 5 95
2012 198 6 111
2013 193 18 104
2014 195 13 106
2015 196 3 115
2016 199 2 113
2010-2016 199 6 109

Nota: O valor para 2010-2016 correspóndese coa moda ou valor máis frecuente no periodo

Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares

Principal fonte de renda nos concellos no periodo 2010-2016


A relación entre as cotizacións sociais e as prestacións sociais


Na maioría dos concellos galegos as cotizacións sociais satisfeitas polos residentes son inferiores ás prestacións sociais recibidas

A relación entre cotizacións sociais e prestacións sociais indícanos en que contía as prestacións cobradas en cada concello estarían cubertas polas cotizacións sociais pagadas polos fogares do dito concello.

A nivel de toda Galicia, no 2016, as cotizacións sociais pagadas cobren o 65,4% das prestacións sociais que reciben os galegos. Só en sete concellos: Ames, Oroso, Oleiros, Culleredo, Cambre, Arteixo e Teo son maiores as cotizacións sociais pagadas que as prestacións sociais recibidas polos residentes. Estes concellos caracterízanse por ter un peso da Remuneración dos asalariados na Renda dispoñible bruta elevado.


A importancia das prestacións sociais no conxunto da renda dispoñible bruta estase incrementando na maior parte dos concellos de Galicia

No 2016 as prestacións sociais supoñían o 32,6% da renda dispoñible bruta total de Galicia. Por concellos este peso é desigual, nos concellos máis envellecidos (principalmente da provincia de Ourense e interior de Lugo) as prestacións sociais chegan a supoñer máis do 50% da renda do concello. Pola contra, en concellos como Oroso, A Illa de Arousa, Oleiros ou Ames non superan o 25% das rendas.


Ratio de cotizacións sociais sobre prestacións sociais. Ano 2016

Peso das prestacións sociais sobre a renda dispoñible bruta do concello. Ano 2016

Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares. (descarga da táboa)


Datos comarcais

volver ao índice

Renda dispoñible bruta por habitante

No ano 2016 a comarca da Coruña é a que presenta maior renda bruta por habitante e a única que supera os 17.000 euros. A súa renda é un 22% máis elevada que a da media galega. Séguelle en relevancia a comarca de Santiago cunha renda dispoñible de 16.473 euros por habitante. As comarcas de Lugo e Ourense teñen unha renda dispoñible similar entre si. Mentres a comarca de Ourense é a única da provincia cunha renda por habitante superior á media, na provincia de Lugo temos, ademais da comarca da capital da provincia, as comarca da Mariña Occidental e Mariña Oriental cunha renda por habitante superior á media.Na provincia de Pontevedra, só as comarcas de Vigo e Pontevedra teñen unha renda dispoñible bruta por habitante superior á media galega.


Indice da renda dispoñible bruta por habitante (Galicia=100). Ano 2016

Comarcas con maior renda media por habitante. Ano 2016
Unidade: euros por habitante

Espazo Renda dispoñible bruta por habitante (euros) Indice
1506 A Coruña 17.121 122,1
1514 Santiago 16.473 117,5
3205 Ourense 15.361 109,6
2704 Lugo 15.118 107,8
3610 Vigo 14.780 105,4
1507 Eume 14.769 105,3
2707 A Mariña Oriental 14.575 104,0
3607 Pontevedra 14.448 103,1
2706 A Mariña Occidental 14.361 102,4
1508 Ferrol 13.873 99,0

Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (descarga da táboa)

En oito comarcas galegas a principal fonte de renda son as prestacións sociais



Nas comarcas dos Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova e Terra de Trives as prestacións sociais que reciben os fogares son a principal fonte de renda. Nestas comarcas a masa salarial é inferior ao volume de prestacións recibidas o que implica que as cotizacións sociais pagadas polos fogares non chegan a superar en ningún caso o 38% das prestacións recibidas. Máis dun terzo da poboación destas oito comarcas supera os 65 anos segundo os Indicadores demográficos do IGE.

Aínda que en 2016 non hai ningunha comarca cuxa principal fonte de renda proceda das rendas mixtas, este tipo de recurso supera o 25% da Renda dispoñible bruta total en doce comarcas galegas: Arzúa, Terra de Melide, Terra de Soneira, Xallas, Os Ancares, Chantada, A Fonsagrada, A Mariña Oriental, Meira, Sarria, Terra Chá e o Salnés.

Principal fonte de renda das comarcas. Ano 2016

Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares


Datos provinciais

volver ao índice

A Coruña é a provincia galega cunha maior Renda dispoñible bruta, con 14.866 euros por habitante no ano 2016. Séguelle Lugo, con 13.569 euros; Pontevedra con 13.469 euros e por último a provincia de Ourense ten a menor renda por habitante, con 13.122 euros. Nas catro provincias a renda sube con respecto ao ano 2015.

A estrutura dos ingresos e dos gastos é diferente nas catro provincias. Nas provincias de Lugo e Ourense a achega das prestacións sociais á Renda dispoñible bruta é maior e, pola contra, a das rendas do traballo asalariado é inferior. A provincia de Lugo é a que rexistra un maior peso das rendas mixtas (procedentes do traballo non asalariado), un 22,3%, da renda dispoñible bruta no ano 2016.

Na provincia da Coruña destacan, en termos comparativos coas outras provincias galegas, as rendas da propiedade que supoñen o 5,8% da renda. Estas rendas obtéñense como propietarios dun activo financeiro (intereses ou dividendos) ou dun activo material non producido (rendas da terra).

Distribución dos recursos e empregos por provincia. Ano 2016
Unidade: porcentaxe sobre a renda dispoñible bruta

Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (descarga da táboa)


A relación co produto interior bruto (PIB) municipal

volver ao índice

O Produto interior bruto (PIB) é unha macromagnitude económica que resume o volume de actividade produtiva nun espazo económico nun período de tempo determinado. É o resultado dos procesos de produción de diversos axentes que operan en cada concello (empresas, fogares, administracións públicas, etc) producindo bens e servizos finais.

O PIB non informa do destino das rendas xeradas nese proceso produtivo. Estas rendas poden ter como destino persoas residentes noutro concello, comunidade autónoma ou incluso país. Por este motivo, o produto interior bruto non é un bo indicador cando o que se pretende é medir o benestar dos habitantes dun determinado territorio.

A renda dos fogares é unha magnitude económica que fai referencia só a un grupo de axentes (os fogares) e mide o valor das rendas obtidas polos residentes dun determinado territorio e que estes teñen dispoñibles para o aforro ou para o gasto en consumo final. Fixa o foco no lugar de residencia das persoas que reciben as citadas rendas e non no lugar onde as rendas son xeradas. As rendas poden ter a súa orixe no traballo (remuneración de asalariados ou renda mixta no caso do traballo autónomo), pero non só neste. Así tamén se inclúen as rendas obtidas por poñer activos a disposición doutra unidade (intereses, dividendos, rendas da terra…), e tamén outras procedentes da redistribución como poden ser as pensións de xubilación, prestacións de desemprego, transferencias entre fogares, etc.

Se examinamos os quince concellos cun maior PIB por habitante de Galicia no 2016, só As Pontes, Bergondo e Cervo se atopan tamén entre os concellos cunha maior renda dispoñible por habitante. Pola contra, concellos coma Carballeda de Valdeorras, Muras, Manzaneda, Vilariño de Conso ou Nogueira de Ramuín nos que se xera un valor engadido moi elevado pola explotación dun recurso natural -mineiro ou enerxético fundamentalmente- non destacan en termos de renda media por habitante.

Concellos con maior produto interior bruto (PIB) por habitante. Ano 2016
Unidade: euros por habitante

Espazo PIB por habitante (euros) Indice PIB por habitante (Galicia=100) RDB por habitante (euros) Indice RDB por habitante (Galicia=100)
15005 Arteixo 129.519 596,1 13.455 96,0
32017 Carballeda de Valdeorras 112.040 515,7 10.210 72,8
27013 Cervo 86.707 399,1 15.098 107,7
15081 Somozas, As 85.910 395,4 13.943 99,5
32075 San Cibrao das Viñas 80.586 370,9 12.763 91,0
27033 Muras 75.150 345,9 10.713 76,4
32044 Manzaneda 65.316 300,6 11.141 79,5
15070 Pontes de García Rodríguez, As 63.383 291,7 16.733 119,4
27056 Rábade 62.880 289,4 11.763 83,9
15024 Cerceda 55.743 256,6 12.787 91,2
32092 Vilariño de Conso 53.138 244,6 8.278 59,0
32052 Nogueira de Ramuín 50.973 234,6 11.354 81,0
32058 Pereiro de Aguiar 50.879 234,2 13.048 93,1
36039 Porriño, O 46.831 215,5 12.621 90,0
15008 Bergondo 39.278 180,8 17.808 127,0

Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares; IGE. Produto interior bruto municipal (descarga das táboas de Produto interior bruto e Renda dispoñible bruta)


No seguinte gráfico temos unha representación gráfica do PIB por habitante e da Renda dispoñible bruta dos fogares dos 314 concellos galegos no ano 2016. O concello cun maior PIB por habitante (Arteixo) atópase por debaixo da media galega en termos de renda por habitante e, o concello con maior renda por habitante (Oleiros) ten un PIB por habitante inferior á media. En nove concellos tanto renda como PIB por habitante superan a media galega. De entre os sete grandes, Ourense e Ferrol non están neste grupo. Ourense ten a sexta renda por habitante pero un PIB por habitante inferior á media, mentres Ferrol ten unha renda por habitante un 3% superior á media galega pero un PIB por habitante lixeiramente inferior.

Ademais de Ourense e Ferrol, entre os concellos cunha renda por habitante superior á media e un PIB inferior ao promedio galego están municipios próximos aos sete grandes concellos, como é o caso dos concellos de Oleiros, Culleredo, Cambre, Sada, Teo, Ames, Miño, Neda, Nigrán ou Baiona. Nesta tipoloxía de concellos tamén se atopan O Barco de Valdeorras, A Illa de Arousa, Ribadeo, Xove, Viveiro ou Foz.


Renda dispoñible bruta e PIB por habitante. Ano 2016

Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares; IGE. Produto interior bruto municipal (descarga das táboas de Produto interior bruto e Renda dispoñible bruta)


Definicións e máis información

volver ao índice

Definicións

Aplicación gráfica de consulta

Máis información: Acceso aos datos: