O gráfico lineal emprégase para representar, mediante unha ou varias liñas, a evolución dunha variable ao longo do tempo.
No eixo vertical sitúanse os datos que se queren representar. O espazo entre as distintas cifras representadas ten que ser proporcional. No eixe horizontal sitúase a variable temporal, os anos do período que se analiza.
Os valores que alcanza cada variable nunha unidade de tempo sinálanse mediante un punto no interior do gráfico. Este punto corresponde ao cruzamento do valor dos dous eixes. A liña é o resultado da unión de todos os puntos que sinalamos. Desta liña pódese deducir a tendencia xeral ascendente ou descendente dos datos representados.
Exemplo
A continuación vamos a representar nun diagrama lineal a evolución da poboación de nacionalidade estranxeira residente en Galicia segundo o sexo.
Residentes en Galicia de nacionalidade estranxeira
Homes
Mulleres
1998
9.665
10.028
1999
10.578
11.209
2000
12.269
13.333
2001
15.659
17.399
2002
20.037
22.425
2003
25.649
28.159
2004
27.746
30.641
2005
33.180
36.183
2006
35.531
38.225
2007
39.632
41.810
2008
47.849
47.719
2009
53.721
52.916
2010
55.223
54.447
Evolución da poboación residente en Galicia de nacionalidade estranxeira
Abrimos un libro de Excel onde teñamos os datos que queremos representar na gráfica de liñas, por exemplo o libro ExemploGraficos4.xls que contén a evolución da poboación residente en Galicia de nacionalidade estranxeira segundo o sexo (1998-2010).
Situámonos na folla "Estranxeiros" e seleccionamos o rango de datos que queremos representar no polígono de frecuencias. Neste caso o rango de celas B3:C16. Fíxate que neste exemplo seleccionamos as cabeceiras co sexo ("Homes", "Mulleres") pero non seleccionamos a columna cos anos. Se o facemos o asistente para gráficos do Excel interpretaría que o período temporal tamén é unha serie a representar na gráfica e debuxaríanos unha gráfica con tres series: unha cos homes, outra coas mulleres e outra cos anos (que non tería sentido).
Prememos o botón "Seguinte" e comprobamos que o rango de datos é o que efectivamente queremos que se mostre. Como podemos ver, na imaxe previa que nos facilita o asistente para gráficos, no eixo horizontal non aparecen os anos. Para engadilos o primeiro paso é pinchar na parte superior da ventá na pestana de "Serie".
Na pestana "Serie" móstranos que o gráfico ten dúas series ("Homes" e "Mulleres"). Para cada unha das series o campo "Nome" indica a folla Excel e a cela de onde colle o nome da serie e o campo "Valores" de onde colle os datos. Por exemplo, para a serie de "Homes" o nome da serie cólleo da cela B3 da folla "Estranxeiros" e os valores do rango de celas B4:B16 do mesmo libro. Podemos observar que o campo "Rótulo do eixo de categorías (X)" aparece baleiro. Neste campo é onde temos que indicarlle que colla os anos 1998-2010. Para iso prememos no botón coa frecha vermella situado na parte dereita.
(Se queres ver o vídeo a pantalla completa pincha neste enlace)
Abrimos unha folla de cálculo de OpenOffice ou de LibreOffice onde teñamos os datos que queremos representar no gráfico de liñas. Imos utilizar a mesma táboa de datos que na explicación anterior, polo que abrimos o arquivo ExemploGraficos4.ods, que contén a evolución da poboación residente en Galicia de nacionalidade estranxeira segundo o sexo (1998-2012).
Situámonos na folla "Datos" e seleccionamos o rango que queremos representar, con inclusión das cabeceiras da variable sexo ("Homes" e "Mulleres") e da columna coas etiquetas do tempo. Nun principio, o asistente para gráficos vai interpretar que a variable tempo tamén é unha serie a representar no gráfico, pero máis adiante poderemos indicarlle que se trata das etiquetas do eixo x.
A continuación, na barra de menús seleccionamos "Inserir", submenú "Gráfico". Nun principio, o asistente para gráficos amosa unha vista preliminar dos datos nun gráfico de barras.
No asistente para gráficos, en tipo de gráfico, escollemos "Liñas". Na última versión de OpenOffice Calc existe a posibilidade de representar catro tipos distintos de gráficos de liñas: só puntos, de puntos e liñas, só liñas ou liñas 3D. Neste caso imos representar un gráfico de só liñas. Prememos o botón "Seguinte >>".
Comprobamos que o rango de datos é o que efectivamente queremos que se amose. Para que a variable tempo deixe de mostrarse como unha serie e se visualice como as etiquetas do eixo x, seleccionamos o recadro de "Primeira columna como etiqueta". Da mesma forma, se queremos que as cabeceiras da variable sexo, "Homes" e "Mulleres", aparezan como as categorías da lenda do gráfico, deberá estar seleccionado o recadro correspondente á "Primeira fila como etiqueta". Prememos o botón "Seguinte >>".
Na seguinte pestana do asistente ofrécesenos a posibilidade de engadir novas series na representación, ou eliminar algunha das existentes. É útil cando se queren representar series de datos procedentes de dúas táboas distintas. Como non queremos engadir nin eliminar datos, prememos no botón "Seguinte >>".
Nesta pestana podemos engadir un título e un subtítulo ao gráfico, o nome ou unidade dos eixos x e y, e cambiar a posición da lenda (ou mesmo eliminala, se non desexamos que se amose no gráfico). Neste exemplo imos situar a lenda debaixo do gráfico para que se visualicen correctamente as etiquetas do eixo x.
Se en calquera momento da configuración das características do gráfico nos equivocamos, o asistente para gráficos permítenos retroceder premendo o botón "<< Regresar".
Para rematar, pinchamos no botón "Finalizar" e obtemos o gráfico de liñas coa evolución da poboación estranxeira segundo o sexo. Unha vez abandonado o asistente para gráficos, para alterar as características do gráfico haberá que acudir aos menús "Formato" ou "Inserir" da barra de tarefas.
Mediante a aplicación dispoñible na páxina web do IGE
Hai que ter en conta que a táboa ten que estar construída dun xeito determinado para que a gráfica saia como nos interesa:
En columnas debemos colocar os anos
En filas podemos colocar todas as categorías que queiramos representar, neste caso o sexo.
A gráfica resultante podémola gardar como imaxe premendo sobre ela co botón dereito do rato e seleccionando a opción "Gardar imaxe como ..."
Máis exemplos
Na seguinte ligazón podes consultar a evolución dos nacementos en Galicia desde o ano 1975 ata a actualidade. Descarga estes datos nun libro de Excel e elabora a correspondente gráfica de liñas. Para descargar os datos podes premer o botón "Descargar datos" situado xusto riba do título da táboa e escoller a opción "Excel- Formato nativo (.xls)".
Constrúe a mesma gráfica pero agora utilizando a ferramenta dispoñible na páxina web do IGE. Ten en conta que na ligazón anterior os anos están situados en filas, polo que debemos poñelos en columnas. Para iso podes premer o botón de "Intercambiar eixes"
E se agora probas a construír unha táboa na web, descargala, abrila con OpenOffice Calc, e construír un gráfico de liñas? Abaixo atoparás un vídeo demostrativo. Proba a facelo ti mesmo a partir desta táboa da páxina web, onde se amosa a evolución anual das exportacións e importacións galegas dende 1988.
(Se queres ver o vídeo a pantalla completa pincha neste enlace)
Localizamos na páxina web a información que queremos representar e construímos a táboa de valores. Por exemplo, imos representar a evolución da poboación residente en Galicia de nacionalidade estranxeira segundo o sexo.
Primeiro seleccionamos as categorías que imos visualizar de cada variable; neste caso escollemos, da variable tempo, todos os anos dispoñibles (prememos no botón "Selec. todos"); da variable sexo, as categorías "homes" e "mulleres"; das restantes variables quedámonos unicamente coa categoría "Total".
A continuación decidimos en cal dos eixos imos visualizar cada unha das variables, e cales van actuar como filtro. Neste caso, a variable tempo irá en filas (hai que premer no botón "En filas"), a variable sexo en columnas (hai que premer no botón "En columnas"), e as restantes actúan como filtros (hai que desmarcar ambas pestanas, "En filas" e "En columnas"). Prememos o botón "Ver táboa de datos" para visualizar a información.
Para descargar a información da táboa e poder traballar con ela en OpenOffice Calc, prememos o botón "Descargar datos" e escollemos a opción "Excel - Formato nativo (.xls)". Gardamos o arquivo resultante nunha carpeta ou no escritorio.
Localizamos o arquivo descargado no ordenador, prememos derriba co botón dereito do rato e escollemos a pestana de "Abrir con OpenOffice Calc".
Para representar o gráfico de liñas en OpenOffice/LibreOffice Calc, consulta a explicación no apartado anterior.